DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 189 Venres, 29 de setembro de 2006 Páx. 14.723

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

EDICTO do 11 de setembro de 2006, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, polo que se resolve o expediente 395 que afecta o monte Fieitoso de Taragoña, da parroquia de Taragoña, concello de Rianxo.

Para os efectos previstos no artigo 28 do regulamento para a aplicación da Lei 13/1989, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 60.1º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, faise público que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, en sesión que tivo lugar o día 18 de xullo de 2006, adoptou a seguinte resolución:

«Asistentes:

Presidenta: Olga Mª García Agra (delegada provincial da Consellería do Medio Rural).

Vogais:

-Alfonso Vázquez-Castro Garma (letrado da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia).

-Juan Ramón Beneyto Bellas (avogado polo colexio da provincia).

-José J. Martel Muñoz-Cobos (xefe do Servizo de Montes e Industrias Forestais).

-José Manuel Caramés Franco (representante das comunidades propietarias de montes cualificados da provincia).

-Manuel Costa Suárez e Manuel Durán Lorenzo (vogais representantes da Comunidade da parroquia de Taragoña, do concello de Rianxo).

-Secretaria: J. Amalia Lorenzo Penela (xefa do Servizo Xurídico-Administrativo da delegación do Medio Rural).

Na cidade da Coruña, sendo o día 18 de xullo de 2006, coa asistencia das persoas á marxe citadas reúnense no 3º andar do edificio administrativo Monelos o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña co obxecto de estudar e resolver o seguinte expediente:

Expediente nº: 395.

Monte: Fieitoso de Taragoña.

Comunidade: parroquia de Taragoña.

Parroquia: Taragoña.

Concello: Rianxo.

Antecedentes de feito:

Primeiro.-Manuel Costas Suárez, como presidente da Xunta Promotora de cualificación do monte Fieitoso de Taragoña, solicitou en escrito de data de rexistro de entrada do 10 de setembro de 2004, completado mediante escrito de data entrada do 21 de xuño de 2005 a súa declaración como veciñal da parroquia de Taragoña, e que ten as seguintes características:

Superficie: 75,71 ha.

Lindeiros:

O monte é o trisco que queda aínda C.U.P. (nº 248), consorciado entre a Xunta de Galicia e o Concello de Rianxo (elenco C-2047), e as súas estremas, baseadas no deslindamento do devandito C.U.P. o que foi aprobado por Orde Ministerial do 2 de agosto de 1975, e do que consta neste servizo.

As referencias físicas cumpren o requisito mínimo indispensable de atemporalidade. Son:

Norte: do chanto 403 ao punto A1 (cruzamento de dúas pistas forestais) de coordenadas UTM europeum datum 1950: x: 514.574,50 e y: 4.726.481,80, deste segue a pista forestal (que ten as coordenadas da súa liña dixitalizadas no seu percorrido) que vai a un punto situado na liña que une os chantos 494 e 495 de coordenadas UTM europeum datum 1950: x: 515.236,46 e y: 4.727.763,35, deste ao chanto 495,

e deste ao 508, seguindo a orde correlativa dos chantos, e deste ao 118.

O resto do perímetro vai do chanto 118 ao 495, seguindo a orde correlativa dos chantos e fechando a poligonal.

Segundo.-Os promoventes fundamentan a súa petición ante o xurado alegando que os montes veciñais de Taragoña se viñeron aproveitando consuetudinariamente en réxime de comunidade polos veciños da dita zona e achegan diversa documentación que consta no expediente xustificativo da súa petición.

Terceiro.-Á vista de tal solicitude, o xurado, na súa reunión de data do 14 de xuño de 2005, acordou iniciar o oportuno expediente nomeando como instrutor del a Alfonso Vázquez-Castro Garma, quen aceptou expresamente o cargo. Procedeuse á correspondente tramitación, e librouse mandamento para a anotación preventiva no Rexistro da Propiedade de Padrón, téndose oído a todas as persoas, organismos e corporacións interesadas, expedíndose mandamentos para tal fin dirixidos ao alcalde-presidente do Concello de Rianxo, ao xefe do Servizo de Montes e Industrias Forestais e publicándose edictos no Diario Oficial de Galicia (nº 220, do 16 de novembro de 2005), e taboleiro de anuncios do concello.

Cuarto.-Con data do 16 de decembro de 2005, José Míguez Rodríguez, presidente da Comunidade de Montes Veciñais en Mano Común de Ourille, presenta escrito de alegacións en que expón que recoñecendo que a comunidade solicitante da clasificación é a lexítima propietaria do monte veciñal que se pretende clasificar, observan unha discrepancia na descrición dos lindeiros; solicitan que se rectifique el límite da clasificación cun novo levantamento da liña divisoria.

Quinto.-Con data do 16 de decembro de 2005, Dolores Sobradelo Vizcaíno, presidenta da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Paradela, presenta escrito de alegacións en que expón que recoñecendo que a comunidade solicitante da clasificación é a lexítima propietaria do monte veciñal que se pretende clasificar, observan unha discrepancia na descrición dos lindeiros e solicitan que se rectifique o límite da clasificación.

Sexto.-Con data do 15 de febreiro de 2006 Manuel Costas Suárez, presidente da comunidade, presenta escrito opoñéndose ás modificacións anteriores.

Sétimo.-Con data do 22 de xuño de 2006 o xefe da área de montes veciñais en man común presenta informe en que consta, entre outros puntos, que no informe presentado polo distrito ambiental IV-Barbanza, de data do 25 de setembro de 2005, (reflíctese algún presente acto de disposición ou de posesión, que non constan no Servizo de Montes) así como o estado forestal e que tradicionalmente veñen realizando os membros da xunta promotora e os posibles comuneiros, consuetudinariamente en réxime de comunidade, sen asignación de cotas, algún tipo de aproveitamento forestal ou non.

Oitavo.-No trámite de audiencia, celebrado o día 18 de xullo de 2006 os promoventes ratifícanse na súa solicitude de clasificación como MVMC, cos lindeiros que constan nos informes do Servizo de Montes, opoñéndose, mediante escritos presentados neste trámite, a eses lindeiros as comunidades de Paradela e Ourille.

Noveno.-Na tramitación destas actuacións cumpríronse as formalidades legais e regulamentarias, exixidas principalmente pola Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común (DOG nº 202, do 20 de outubro) e o seu Regulamento de aplicación aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro (DOG nº 186, do 23 de setembro) ambos os dous da Comunidade Autónoma de Galicia, Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e demais disposicións aplicables ao caso.

Fundamentos de dereito:

Primeiro.-O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña ten xurisdición e competencia para coñecer deste expediente en virtude do disposto nos artigos 9 e 10 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

Segundo.-De conformidade co contido do artigo 11 da citada Lei e 19 do regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, os veciños da parroquia de Taragoña son parte lexítima para solicitar a iniciación do presente expediente de clasificación.

Terceiro.-Para a súa clasificación como veciñal en man común, o monte debe reunir as seguintes características: 1) pertenza a agrupacións de veciños na súa calidade de grupos sociais, non como entidades administrativas; 2) que se veña aproveitando consuetudinariamente en réxime de comunidade, sen asignación de cotas polos membros da cada agrupación na súa condición de veciños comuneiros; 3) que os veciños comuneiros residan habitualmente con casa aberta dentro da área xeográfica sobre a que se asenta o grupo social que tradicionalmente aproveitou o monte (artigos 1, 2, 3 da Lei 13/1989 e 1, 2, 3 do Rregulamento do 4 de setembro de 1992).

Cuarto.-Das actuacións existentes no expediente e en especial dos informes do xefe da área técnica de montes veciñais en man común de data 25 de maio de 2005, e 22 de xuño de 2006 e do distrito ambiental IV-Barbanza, de data do 25 de setembro de 2005, anteriormente referidos, dedúcese que no presente caso nos atopamos cun monte pertencente á comunidade veciñal de Taragoña, da parroquia de Taragoña, concello de Rianxo no que se cumpren os requisitos anteditos.

Quinto.-As alegacións presentadas polas comunidades veciñais de Taragoña e Ourille deben ser desestimadas consonte os anteriores informes de datas 25 de maio de 2005 e 22 de xuño de 2006

do xefe da área técnica de montes veciñais en man Común que constan no expediente.

En consecuencia, este xurado, vista a Lei 30/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común e o seu regulamento aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e demais preceptos legais e regulamentarios, de xenérica e específica aplicación, e á vista dos antecedentes e fundamentos de dereito expostos, por proposta do instrutor e por unanimidade dos asistentes,

ACORDA:

Cualificar como monte veciñal en man común da comunidade veciñal da parroquia de Taragoña, do concello de Rianxo, o monte denominado Fieitoso de Taragoña, cos lindeiros, superficies e características que figuran no primeiro antecedente de feito.

Así mesmo, acórdase excluír o declarado do inventario de bens do concello e do catálogo dos de utilidade pública, se neles estivese inscrito, incluíndoo no Rexistro de Montes Veciñais en Man Común que figura na delegación desta Consellería do Medio Rural.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de reposición con carácter potestativo ante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña no prazo dun mes, ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo da Coruña no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto no artigo 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

A Coruña, 11 de setembro de 2006.

Olga María García Agra

Presidenta do Xurado Provincial de Clasificación

de Montes Veciñais en Man Común da Coruña