DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 189 Venres, 29 de setembro de 2006 Páx. 14.704

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ANUNCIO do 26 de setembro de 2006, da Secretaría Xeral de Educación e Ordenación Universitaria, polo que se comunica a apertura dun prazo para solicitar prazas de interinidades e substitucións para impartir a especialidade de jazz no Conservatorio Superior de Música da Coruña.

Xa que resulta necesario para o próximo curso académico 2006-2007 a contratación de profesores especialistas para impartir as especialidades de jazz no Conservatorio Superior de Música da Coruña, efectúase esta convocatoria conforme as seguintes bases:

Primeiro.-Convócanse prazas de profesores especialistas no Conservatorio Superior de Música da Coruña, para impartir docencia de:

-Jazz-saxofón.-Jazz-trompeta.-Jazz-trombón.-Jazz-batería.-Jazz-piano.-Jazz-contrabaixo.-Jazz-guitarra.

Segundo.-Prazo de solicitude.

O prazo para presentar a instancia de solicitude, na Consellería de Educación e Ordenación Universitaria ou nas súas delegacións provinciais, será de dez días naturais contados a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia.

Terceiro.-Modelo de solicitude.

O modelo de solicitude poderá ser recollido na Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, nas súas delegacións provinciais, e está a disposición tamén na páxina web da consellería, no enderezo:www.edu.xunta.es profesorado/interinos-substitutos/convocatorias apertura de listaxes de substitutos, servizo de secundaria (documentos relacionados).

Cuarto.-Comisión baremadora.

A asignación da puntuación que lles corresponde aos concursantes será levada a cabo por unha comisión nomeada polo secretario xeral e constituída por:

-O subdirector xeral de Ensinanzas Especiais e Formación Permanente, que será o seu presidente.

-A xefa do servizo de profesorado de educación secundaria, formación profesional e de réxime especial.

-Un asesor da Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais.

Poderán asistir ás reunións da comisión, con voz e sen voto, un representante por cada unha das organizacións sindicais con presenza na mesa sectorial docente non universitaria.

Quinto.-Requisitos dos candidatos:

-Estar en posesión do título superior de jazz conforme a LOXSE.

-Acreditar o curso de perccionamento en lingua galega ou equivalente.

Sexto.-No suposto de non cumprir o requisito de titulación establecido no punto anterior, aplicarase o seguinte baremo:

1. Experiencia profesional.

1.1. Por cada ano de experiencia docente en conservatorios superiores ou profesionais de música: 1 punto (máximo 4 puntos).

1.2. Por cada ano de experiencia docente en escolas de música: 0,5 puntos (máximo 2 puntos).

1.3. Por concertos de jazz como solista: ata un máximo de 3 puntos.

-Organizados por institucións públicas: ata 2 puntos.

-Organizados por institucións privadas: ata 1 punto.

1.4. Por concertos en grupos de jazz como acompañante: ata 1 punto.

-Organizados por institucións públicas: ata 0,75 puntos.

-Organizados por institucións privadas: ata 0,25 puntos.

1.5. Por gravacións discográficas: ata 2 puntos.

A acreditación dos méritos correspondentes a esta epígrafe efectuarase por medio de contratos de traballo, programas de concerto, recensións de prensa, ou por calquera outro procedemento fidedigno. Polo que respecta ás gravacións discográficas, só se valorarán as que conten co ISBN, ISMN ou depósito legal.

2. Actividades de formación.

2.1. Pola impartición de actividades de formación e/ou actualización didáctica homologadas, relacionadas co jazz, organizadas polas administracións educativas: 0,05 puntos por cada 10 horas, ata un máximo de 3 puntos.

2.2. Pola impartición doutras actividades de formación e/ou actualización didáctica relacionadas co jazz: ata un máximo de 2 puntos.

2.3. Pola asistencia a cursos de formación e/ou actualización relacionados co jazz, organizados polas administracións educativas: 0,05 puntos por cada 10 horas, ata un máximo de 2 puntos.

2.4. Pola asistencia a outros cursos de formación e/ou actualización relacionados co jazz: ata un máximo de 1 punto.

3. Publicacións.

3.1. Pola publicación de artigos e traballos en revistas especializadas, que conten co ISBN, ISMN ou depósito legal: ata 1 punto

3.2. Pola publicación, coordinación e colaboración en libros, que conten co ISBN, ISMN ou depósito legal: ata 1 punto.

4. Titulacións.

4.1. Por cada título superior de música, conforme a LOXSE, ou titulación equivalente: 2 puntos.

4.2. Por cada título de profesor, conforme o Decreto 2618/1966, do 10 de setembro: 1 punto.

5. Proxecto docente referido á especialidade de jazz: ata 4 puntos.

Santiago de Compostela, 26 de setembro de 2006.

Benito Fernández Rodríguez

Secretario xeral da Consellería de

Educación e Ordenación Universitaria

CENTRO INFORMÁTICO PARA A XESTIÓN TRIBUTARIA,

ECONÓMICO-FINANCEIRA

E CONTABLE