DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 189 Venres, 29 de setembro de 2006 Páx. 14.701

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE E DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE

ORDE do 28 de setembro de 2006 pola que se determinan os servizos mínimos dirixidos a garantir os servizos esenciais durante a folga convocada polos traballadores de empresas auxiliares do complexo ambiental de Cerceda, que comezará o vindeiro día 2 de outubro de 2006 e se estenderá desde a dita data con carácter indefinido.

O artigo 28.2º da Constitución española recoñece como dereito fundamental da persoa o dereito á folga.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas, que presten servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionada ao mantemento dos servizos esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño, polo que que ditan normas para garantir a prestación dos servizos esenciais no ámbito da comunidade autónoma. O artigo 3 deste decreto faculta os conselleiros competentes por razóns de servizos esenciais afectados para que, mediante orde e ante cada situación de folga determinen o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento de tales servizos así como para a fixación do persoal preciso para a súa prestación, oído o comité de folga.

Na data do 14 de setembro de 2006, a representación dos traballadores e da parte empresarial acordan, entre outros, suspender os paros convocados ata o día 2 de outubro de 2006.

Dados os termos deste acordo e ante a convocatoria do paro anunciado para o día 2 de outubro, a Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible estima a necesidade de fixar novamente os servizos mínimos coincidentes cos xa fixados na Orde do 14 de setembro de 2006 (DOG nº 179, do 15 de setembro).

A Sociedade Galega do Medio Ambiente, en virtude da Lei 10/1997, do 10 de abril, de residuos sólidos urbanos de Galicia, ten encomendada a función de realizar o servizo público de xestión de residuos urbanos daqueles concellos que opten por esta sociedade pública para a súa completa xestión. Esta Lei 10/1997, do 10 de abril, dispón no seu artigo 29 que corresponderá á Sociedade Galega do Medio Ambiente (en diante Sogama) a xestión dos residuos sólidos urbanos a partir do momento en que son depositados nas estacións de transferencia ou plantas de tratamento, previstas no plan de xestión, coas seguintes operacións de transporte, almacenamento, valorización, tratamento, comercialización e depósito controlado dos residuos. Neste sentido engade o seu parágrafo segundo que toda a xestión de Sogama se realizará de maneira que se garanta o cumprimento de todos os obxectivos recollidos no artigo 2 desta lei, para o que deberá concertar as súas accións cos dous xestores que interveñan nas

fases iniciais do proceso.

A xestión dos residuos urbanos, polo que respecta a Sogama e ao presente conflito, iníciase coa recepción dos residuos de máis de 261 concellos, atendendo a unha poboación superior a 2 millóns de persoas, o que supón unha media diaria de arredor de 2.400 toneladas de residuos que proceden de toda Galicia e que chegan ás instalacións de Sogama por medio de camións e/ou trens, neste último caso procedentes de Ourense e Vigo.

Non se debe descoñecer que o anuncio de paros convocados polos trballadores das denominadas empresas auxiliares de Sogama, afecta precisamente os traballadores das empresas subcontratistas de Sogama que realizan os procesos concretos de xestión dos residuos, que supoñen un cadro de persoal duns 350 traballadores afectados.

Polo tanto, os paros van dirixidos precisamente contra as empresas que como subcontratistas de Sogama operan na planta de transformación e xestión dos residuos, imposibilitando, por isto, directamente a pretación do servizo público de que estamos a falar e que expresamente está regulado pola Lei 10/1997, do 10 de abril, de xestión de residuos sólidos urbanos de Galicia e pola Lei 7/1985, do 2 de abril, de bases de réxime local que cualifica a xestión de residuos como servizo ineludible á comunidade (Sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Sala do Contencioso-Administrativo, Sección Primeira nº 1538/2002, rec. 380/2002, sendo relator María Dolores Galindo Gil, do 9 de outubro de 2002).

O proceso que se realiza nas instalaciones de Sogama debe desenvolverse en ciclo continuo e se a súa interrupción é grave en calquera das súas fases, resulta vital na fase final que se desenvolve na planta termoeléctrica que constitúe unha planta de xeración de electricidade por valorización dos residuos urbanos unha vez tratados nas fases previas. Por isto, as paradas intermitentes desta instalación supoñen un serio risco para a seguridade dos traballadores do complexo e a integridade das instalacións.

En cuanto á proposta comunicada dos paros, é importante facer mención ao seu carácter progresivo e á xusxtaposición dos períodos de paro nas quendas que rematan e se inician ao mediodía, o que, unido á decalaxe dunha hora no comezo e o remate de quendas dalgunhas empresas, provocará paros que, na primeira semana, serán de tres horas no cambio de quenda de mediodía e dúas horas no de noite. Na segunda semana os paros serán de cinco horas ao mediodía e catro horas no cambio de quenda da noite e na terceira semana os paros serán de sete horas ao mediodía e seis horas no cambio de quenda da noite.

Esta forma de programar os paros fai imposible que no resto da xornada - se faltasen os servizos mínimos - se poida desenvolver o ciclo de xestión de residuos dado o tempo necesario para rematar e iniciar os diversos ciclos de forma segura.

Por todo isto, tendo tamén en conta o volume de residuos que se transportan e xestionan diariamente, a parada da actividade provocaría o colapso na recollida dos residuos a nivel autonómico que tardaría días en corrixirse, o que, sen lugar a dúbidas, pode provocar serios problemas de salubridade e ambientais a nivel autonómico, cuxas consecuencias serían imprevisibles, non podendo garantir a prestación do servizo público se non se mantén o mínimo de actividade das instalacións mediante o sinalamento de servizos esenciais para a comunidade que se fixan e xustifican nesta orde, tendo en conta a ausencia de acordo co comité de folga tras a preceptiva negociación celebrada na data do 12 de setembro de 2006, e da que a presente folga é continuación. Débese sinalar que os servizos mínimos, son proporcionados ao seren inferiores ao 30% do cadro de persoal afectado pola folga, tendo ademais en conta que o groso dos servizos se prestan a 3 ou 2 quendas e que ten de ser mantida aínda co mínimo

imprescindible de persoal , en atención á proposta de folga realizada.

Con base no anterior e de conformidade co disposto na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente e no Decreto 155/1988, do 9 de xuño, polo que se ditan as normas para garantir a prestación dos servizos esenciais no ámbito da comunidade autónoma,

DISPOÑO:

Artigo 1º

A convocatoria de folga que afecta os traballadores das empresas auxiliares do complexo ambiental de

Cerceda que se iniciará o vindeiro día 2 de outubro e que se estenderá desde a dita data con carácter indefinido, enténdese condicionada ao mantemento dos servizos mínimos que se establecen a continuación:

* Planta de reciclaxe, tratamento e elaboración de combustible.

Pulpista: 1 por quenda.

1 Axente de circulación e 1 axudante en quenda de mañá e 1 axente de circulación e 1 axudante en quenda de tarde.

Triadores: 4 por quenda.

Rondista: 1 por quenda.

Xefe de quenda: 1 por quenda.

Operadores de planta: 1 por quenda.

Palista: 1 por quenda.

Condutor camión: 1 por quenda.

Operario secadeiro: 1 por quenda.

Operario trituradoras: 1 por quenda.

Se os paros se prolongan máis dunha semana incluirá persoal de mantemento mecánico: 1 encargado e 2 oficiais.

* Bolsa amarela.

Encargado: 1 en quenda de mañá e 1 en quenda de tarde.

* Planta de coxeración. Planta termoeléctrica.

Comúns.

Xefe de quenda: 1 por quenda.

Operador: 1 por quenda.

Rondista: 1 por quenda.

Ensacado de cinzas: 1 xefe de quenda.

Ensacado de cinzas: 2 en quenda de mañá e 2 en quenda de tarde.

Condutor de cinzas: 1 en quenda de mañá e 1 en quenda de tarde.

Escouras: 1 por quenda.

Retén: 2 por quenda.

* Depuradoras.

CMC: 1 por quenda.

Depósito temporal: 1 por quenda.

* Control de accesos CMC.

Control de accesos: 1 por quenda.

* Depósito temporal.

Control de entrada: 1 por quenda.

Encargado: 1 por quenda.

Artigo 2º

A determinación dos efectivos necesarios e a designación nominal, con carácter rotatorio, do persoal

que deberá cubrir os distintos servizos será realizada pola dirección das empresas auxiliares do complexo ambiental de Cerceda.

Artigo 3º

O disposto nos artigos anteriores non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga lle recoñece ao persoal nesta situación, nin tampouco sobre a tramitación e efectos das peticións que a motiven.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de setembro de 2006.

Manuel Vázquez Fernández

Conselleiro de Medio Ambiente

e Desenvolvemento Sostible

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS

E XUSTIZA