DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 189 Venres, 29 de setembro de 2006 Páx. 14.694

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

VICEPRESIDENCIA DA IGUALDADE E DO BENESTAR

ORDE do 26 de setembro de 2006 pola que se regulan as bases e convocan axudas para investimento na mellora das infraestruturas e equipamento das escolas infantís 0-3 e puntos de atención á infancia (PAI) dependentes das corporacións locais para o ano 2006.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23º, asígnalle á comunidade autónoma com

petencia exclusiva en materia de asistencia social.

A Lei 4/1993, do 14 de abril, de servizos sociais, inclúe, no seu artigo 5.3º, como unha das áreas de actuación, os servizos sociais da familia, infancia e mocidade, séndolle atribuídas competencias neste sector á Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar a través do Decreto 517/2005, do 6 de outubro.

Así mesmo, a Lei 3/1997, do 9 de xuño, galega da familia, da infancia e da adolescencia, establece no seu artigo 15 b) que a Xunta de Galicia promoverá os recursos destinados á atención á infancia, procurando que dispoñan dos medios necesarios para o seu desenvolvemento integral.

A Xunta de Galicia ten entre os seus obxectivos a mellora na calidade das escolas infantís 0-3 anos e os puntos de atención á primeira infancia (PAI) como recursos educativos e de prestación de servizos ás familias galegas, que contribúa tanto ao desenvolvemento integral dos nenos e as nenas como á corresponsabilidade e á conciliación da vida persoal, laboral e familiar. A constitución dunha rede pública galega de centros de educación infantil 0-3 anos, como proxecto articulado e de calidade en cooperación cos concellos, é peza fundamental para o logro deste obxectivo. Neste contexto, a creación do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar; logo do acordo entre a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e a Xunta de Galicia ratificada polo Consello da Xunta de Galicia o 15 de xuño e publicado por Resolución do 4 de xullo de 2006, que, entre outros temas, asumirá a xestión conxunta cos concellos dos centros de atención á primeira infancia; establecerá novas

vías para o mantemento e equipamento dos centros, pero ata que non se remate o proceso de transición cara un novo modelo é preciso apoiar os esforzos dos concellos galegos na conservación e mellora das escolas infantís 0-3 e dos PAI da súa titularidade, obxectivo para o que está concibida esta orde.

Esta orde adáptase ao disposto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 14/2004, do 20 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo, tendo en conta en todo caso os principios de publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade, non discriminación, eficacia no cumprimento dos obxectivos e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos e os demais requisitos exixidos na Lei 7/2005, do 29 de novembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006. As axudas que se establecen no articulado desta orde financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 05.20.212D.760.0, recollida na Lei de orzamentos xerais de Galicia para o ano 2006, e o importe destinado a elas ascenderá a 500.000 euros.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios para o fin para o que foron establecidos,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto a regulación das bases e a convocatoria de axudas económicas para subvencionar, en réxime de concorrencia competitiva, o investimento nas obras menores de arranxo, conservación e mellora das instalacións e do equipamento das escolas infantís 0-3 e dos puntos de atención á infancia dependentes das corporacións locais que cumpran os requisitos establecidos no Decreto 243/1995, do 28 de xullo, polo que se regula o réxime de autorización e acreditación de centros de servizos sociais (DOG do 21 de agosto), e no Decreto 329/2005, do 28 de xullo, polo que se regulan os centros de menores e os centros de atención á infancia (DOG do 16 de agosto), así como a normativa de desenvolvemento, se é o caso.

Artigo 2º.-Entidades beneficiarias.

Poderán solicitar estas axudas as corporacións locais da Comunidade Autónoma de Galicia que teñan en funcionamento unha escola infantil 0-3 ou un punto de atención á infancia, da súa titularidade, e cumpran os requisitos anteriores.

Artigo 3º.-Tipos de axudas e contía máxima.

1. Os tipos de axudas que se poden solicitar son as seguintes:

a) Axudas para obras menores de arranxo, conservación e mellora dos centros de atención á primeira infancia vinculadas á deterioración polo uso, así como obras novas de pequena contía para dotación de servizos necesarios no edificio, especialmente os destinados a preservar as condicións de seguridade e hixiene.

b) Axudas para a substitución e mellora do equipamento do centro, no que se inclúe preferentemente a dotación de material didáctico en galego, así como mobiliario do centro e equipamento dos comedores infantís.

2. As contías máximas das axudas que se convocan por cada centro da corporación local serán de 12.000 euros para as axudas para obras e de 10.000 euros para as axudas de equipamento. A contía máxima por concello solicitante, e por todos os centros da súa titularidade, será de 44.000 euros.

Artigo 4º.-Criterios de valoración e concesión.

1. Serán criterios preferentes para a concesión das axudas previstas nesta orde:

a) Que a corporación local estea incluída no Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e do Benestar mediante acordo plenario, valorarase con 5 puntos.

b) Que a entidade recibise no ano 2005 axudas para o mantemento do ou dos centros de atención á primeira infancia por parte da Xunta de Galicia, valorarase con 3 puntos.

c) Resto de entidades valoraranse con 1 punto.

As puntuacións deste punto poden acumularse, e tanto a condición como membro do consorcio como de beneficiario de axudas de mantemento en 2005 verificarase de oficio.

2. Nas solicitudes formuladas polas entidades locais valorarase a súa achega económica sobre o orzamento total do investimento do seguinte xeito: valorarase cun punto por cada achega equivalente a un 10% ou fracción.

3. A antigüidade da construción valorarase do seguinte xeito:

-Centros con entre 1 e ata 3 anos de funcionamento: 1 punto.

-Centros con entre 3 e ata 5 anos de funcionamento: 3 puntos.

-Centros de máis de 5 anos: 5 puntos.

4. As solicitudes de axudas para obras valoraranse segundo a seguinte orde de preferencia:

a) Obras menores de arranxo e de conservación.

b) Obras menores de mellora das instalacións e novas de pequena contía.

Dentro de cada punto terase en conta a necesidade vinculada ás condicións de seguridade e hixiene e valoraranse do seguinte xeito:

-As relacionadas coas infraestruturas básicas (calefacción, electricidade, fontanaría) e coa estanquidade e illamento do centro: 3 puntos.

-Adecuación de espazos de atención: 2 puntos.

-Outras: 1 punto.

5. As solicitudes de axudas para equipamento valoraranse segundo a seguinte orde de preferencia:

-Reposición e mellora do material didáctico do centro. Cando se trate de material editado, en calquera tipo de soporte, será preferentemente en galego.

-Equipamento do comedor infantil.

-Mobiliario xeral do centro, preferentemente o dirixido aos nenos e nenas usuarias.

Dentro deste punto valorarase cun punto cada unidade en funcionamento do centro, valorándose os puntos de atención á infancia con 3 puntos.

Artigo 5º.-Normas xerais de subvención.

O importe das axudas reguladas nesta convocatoria en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas, ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que desenvolverá o beneficiario.

Artigo 6º.-Solicitudes e documentación.

1. As solicitudes presentaranse segundo modelo oficial (anexo I) acompañada da seguinte documentación:

a) No caso de propoñer achega orzamentaria propia do concello, certificación da contía establecida nos orzamentos da corporación local da cantidade específica destinada á finalidade para a que se solicita a axuda.

b) Certificación bancaria da conta corrente na que se ingresará, se é o caso, o importe efectivo da subvención concedida (anexo II).

c) Declaración de todas as solicitudes de subvencións efectuadas ou concedidas para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas ou entidades privadas.

d) No caso de solicitudes para obras:

-Memoria e orzamento detallado das obras que se van realizar asinada polo técnico competente da corporación local en materia de proxectos de obras. Nesta memoria indicarase o ano de construción do centro e as reformas a que foi sometida con indicación da súa data.

e) No caso de solicitudes para equipamento:

-Memoria asinada polo técnico competente da corporación local xustificativa da necesidade do equipamento para a mellora do servizo e orzamento detallado das adquisicións que se pretenden facer. Indicarase especificamente, no caso de reposición e/ou mellora, a data de compra do anterior mobiliario.

2. O permiso de inicio de actividades comprobarase de oficio pola Administración.

3. Os documentos que se acheguen deben presentarse en orixinal ou fotocopia compulsada.

Artigo 7º.-Lugar e prazo de presentación das solicitudes.

1. A solicitude e mais a documentación requirida presentaranse nas delegacións provinciais da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, sendo de aplicación, en todo caso, o disposto no artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 8º.-Tramitación dos expedientes.

1. As delegacións provinciais da Vicepresidencia realizarán os seguintes trámites:

a) Comprobar que os expedientes reúnen todos os requisitos recollidos nesta orde. De non ser así, requirirase a entidade interesada para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se non o fixese así, de acordo co artigo 71.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se terá por desistido da súa petición, logo de resolución que deberá ditarse nos termos previsto no artigo 42 da mesma lei.

b) Solicitarlle informe á Subdirección Xeral de Autorizacións e Inspección de Centros da Secretaría Xeral e de Relacións Institucionais sobre as condicións actuais dos centros solicitantes para efectos de constatar o cumprimento da normativa vixente en materia de servizos sociais.

2. Revisados os expedientes, e completados, se é o caso, remitiránselle á comisión de valoración para que, unha vez avaliados, dite a proposta de resolución,

propoñéndolle ao órgano competente para a súa resolución a concesión ou denegación das axudas.

Inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, cando no procedemento se teñan en conta feitos, alegacións ou probas distintas das aducidas pola entidade interesada, porase de manifesto para que, no prazo de dez días, alegue ou presente os documentos e xustificacións que coide pertinentes, de acordo co disposto no artigo 9.4º do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. A composición da comisión de valoración será a seguinte:

Presidenta/e: a/o delegada/o provincial da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar

Vogais: tres funcionarias/os da respectiva delegación provincial designados pola/o delegada/o, actuando un deles como secretaria/o.

Artigo 9º.-Resolución.

1. A resolución das axudas, por proposta da Comisión de Valoración e despois da súa fiscalización pola Intervención, correspóndelle á secretaria xeral da Igualdade, por delegación do vicepresidente da Igualdade e do Benestar, no prazo máximo de tres meses contados a partir do día seguinte ao da data de publicación desta orde. Transcorrido o dito prazo sen recaer resolución expresa, as solicitudes poderanse entender desestimadas.

2. As resolucións recaídas neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional competente, no prazo de dous meses a partir do día seguinte ao da notificación desta resolución, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo do disposto no artigo 44 da dita lei.

3. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

4. Se a entidade estivese tramitando o permiso de inicio de actividades, a concesión da subvención entenderase condicionada á efectiva obtención deste permiso.

Artigo 10º.-Xustificación e pagamento.

1. No momento da xustificación da execución total do proxecto e, en calquera caso, antes do derradeiro pagamento, a entidade beneficiaria presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para un mesmo proxecto das distintas administracións públicas ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

2. Unha vez ditada a resolución pola que se concede a subvención, procederase á xustificación e pagamento na forma que se indica a continuación:

As subvencións poderanse facer efectivas da seguinte forma:

a) Naquelas que non excedan de 30.050,61 euros poderán efectuarse pagamentos parciais a medida que o beneficiario xustifique os investimentos efectuados. Estes pagamentos non superarán o 80% da subvención concedida e o importe restante librarase no momento da completa xustificación por parte do beneficiario do cumprimento da finalidade e das demais condicións para as que lle foi concedida.

b) Igualmente, naquelas que superen a contía de 30.050,61 euros poderán efectuarse pagamentos parciais á conta da liquidación sempre que concorran os requisitos e circunstancias seguintes:

a) Que o interesado o solicite.

b) Que se xustifique non só o investimento senón os pagamentos efectuados na mesma proporción que represente o pagamento parcial respecto da subvención concedida ata ese momento con cargo ao proceso de investimento aprobado.

c) O importe que se poida satisfacer por pagamentos parciais non poderá exceder en ningún caso o 80% do total da subvención concedida.

d) Os pagamentos parciais quedarán condicionados ao resultado da liquidación definitiva da subvención.

Para a xustificación do gasto, a corporación local presentará certificación expedida polo órgano competente na que se especifique a cantidade exacta do gasto realizado na finalidade obxecto da axuda.

En todo caso, o importe certificado debe indicar o tipo de gasto (obras ou equipamento) e ten que ser igual ou superior á axuda concedida máis, se é o caso, á achega da corporación local.

Así mesmo, a dita corporación deberá emitir no prazo de 20 días, contados a partir da recepción da cantidade correspondente, certificación acreditativa de que se rexistrou na súa contabilidade o ingreso da subvención, figurando co destino final para o que foi concedida.

Artigo 11º.-Outras obrigas.

As corporacións locais beneficiarias das axudas obríganse a observar o disposto no artigo 78.4º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, que aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo, especificamente a:

1. Facilitar a inspección e control dos órganos competentes da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar respecto dos centros subvencionados.

2. Remitir os informes e demais documentación que reclamen os órganos competentes da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar.

3. Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Artigo 12º.-Reintegro.

Procederá o reintegro, total ou parcial, das axudas públicas, xunto cos xuros de mora devengados segundo o disposto no artigo 78.10º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, segundo a redacción dada pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo.

Disposicións adicionais

Primeira.-A concesión das axudas reguladas nesta orde terá como límite global o crédito asignado nos orzamentos para estes fins. En todo caso, as actuacións que se subvencionen deberán realizarse dentro do exercicio económico de 2006.

Segunda.-Apróbase a delegación de atribucións do vicepresidente da Igualdade e do Benestar na secretaria xeral da Igualdade para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das subvencións previstas nesta orde, así como autorizar e dispoñer os gastos, o recoñecemento das obrigas e a proposta de pagamento, en relación co disposto no artigo 73 a) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Terceira.-Sen prexuízo do disposto no título sexto, da Lei 4/1993, do 14 de abril, de servizos sociais, as corporacións locais beneficiarias quedan obrigadas a someterse ás actuacións de comprobación que poida acordar a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar así como ás de control financeiro que lle correspondan á Consellería de Economía e Facenda e as previstas na normativa do Consello de Contas.

Cuarta-As corporacións locais beneficiarias destas axudas quedan suxeitas ao réxime de infraccións e sancións previsto para esta materia no artigo 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a secretaria xeral da Igualdade para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de setembro de 2006.

Anxo Manuel Quintana González

Vicepresidente da Igualdade e do Benestar