DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 189 Venres, 29 de setembro de 2006 Páx. 14.691

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 168/2006, do 14 de setembro, polo que se derroga o Decreto 293/2002, do 26 de setembro, de creación do Centro de Estudios Locais de Galicia.

Mediante o Decreto 293/2002, do 26 de setembro, publicado no DOG nº 206, do 24 de outubro, foi creado o Centro de Estudios Locais de Galicia como centro superior de formación con carácter de órgano de proposta e asesoramento en materia de accións formativas e de fomento de estudos e investigacións relacionados coas administracións galegas, integrado na Escola Galega de Administración Pública.

De acordo co estipulado no artigo 4º do referido decreto, o obxectivo que se quere conseguir coa creación deste centro é realizar propostas e procurar a mutua coordinación entre as distintas administracións e entidades intervenientes -as consellerías competentes en materia de función pública e Administración local, as catro deputacións provinciais de Galicia e os catro colexios provinciais de funcionarios de Administración local con carácter de habilitados nacionais - en materia de formación, estudos, informes e publicacións.

Durante os anos transcorridos desde a súa creación non se lograron acadar os obxectivos fundamentais que se recollen, tanto na parte expositiva, como no artigo 4º do referido decreto, e que xustificaban a existencia do centro.

Considérase, xa que logo, máis aconsellable que a colaboración entre as entidades intervenientes na constitución deste centro se leve a cabo a través doutros mecanismos.

Así, con data do 9 de xuño de 2006, a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza procedeu a denunciar o convenio de colaboración asinado con data do 24 de xullo de 2002 entre a dita consellería, a Escola Galega de Administración

Pública, o representante dos colexios galegos de funcionarios de Administración local con habilitación nacional e as catro deputacións provinciais de Galicia, para a creación dun Centro de Estudios Locais de Galicia, constitución que se fixo efectiva mediante o referido Decreto 293/2002, do 26 de setembro.

Por tanto, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día catorce de setembro de dous mil seis,

DISPOÑO:

Artigo único.-Queda derrogado o Decreto 293/2002, do 26 de setembro, de creación do Centro de Estudios Locais de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, catorce de setembro de dous mil seis.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións

Públicas e Xustiza