DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 186 Martes, 26 de setembro de 2006 Páx. 14.540

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CENTRO DE ESTUDOS XUDICIAIS E SEGURIDADE PÚBLICA DE GALICIA

RESOLUCIÓN do 12 de setembro de 2006 pola que se convoca un curso de actualización na operativa policial para xuízos rápidos.

Dentro das actividades programadas para o ano 2006, en colaboración coa Deputación Provincial de Pontevedra, en virtude do convenio de formación asinado entre a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e a Deputación Provincial de Pontevedra, anúnciase a celebración dun curso de actualización na operativa policial para xuízos rápidos que deberá desenvolverse conforme as seguintes bases:

Obxectivos.

-Preparación e actualización en relación coa reforma parcial da LAC provocada pola Lei 38/2002 e tamén pola Lei orgánica 8/2002, ambas as dúas do 24 de outubro e a Lei orgánica 1/2004 sobre medidas de protección integral contra a violencia de xénero, e coñecemento de toda as novidades producidas neste eido ata o día de hoxe.

Publicación.

Esta actividade formativa, e tamén todas aquelas que se desenvolvan en colaboración coa Deputación Provincial de Pontevedra, será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e no BOP de Pontevedra.

Destinatarios.

O curso vai dirixido aos membros dos corpos de policía local da provincia de Pontevedra.

Inscrición.

A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.

Prazas.

30 prazas.

Solicitudes.

1. O persoal que desexe participar neste curso deberá presentar, cuberta á máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo.

2. O prazo para a presentación de instancias rematará o día 16 de outubro de 2006, ás 14.00 horas.

3. As instancias deberán enviarse á Deputación Provincial de Pontevedra-Área de Recursos Humanos e Formación (fax: 986 80 41 41): avenida Montero Ríos, s/n, 36001 Pontevedra; ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de

réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Datas.

O curso realizarase en datas do 23 ao 26 de outubro.

O horario será de 16.00 a 21.00 horas, cunha duración de 20 horas lectivas.

Contido.

-Módulo I: actualización na normativa legal. Teoría, últimas reformas e solución de dúbidas.

-Módulo II: supostos prácticos.

-Desenvolvemento e confección do atestado.

-Corrección e comentarios.

-Estudo de atestados achegados polos alumnos.

-Análise de resultados.

Relación de admitidos.

A relación de admitidos farase publica o día 18 de outubro a partir das 14.00 horas, tanto pola Deputación Provincial de Pontevedra como polo Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia, os interesados poden coñecer e confirmar a súa asistencia chamando aos teléfonos 986 59 02 42/43/44 (Cexesga) e na páxina web http://cexesga.xunta.es, ou 986 80 41 00, ext. 306/307 (Área de Recursos Humanos e Formación da Deputación Provincial de Pontevedra).

Lugar.

O curso desenvolverase no concello de Cangas, quedando por concretar o seu lugar de realización, que comunicará xunto coa lista de admitidos.

Certificado de asistencia.

Ao remate do curso entregaráselle un certificado de asistencia a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada a el.

Modificacións.

Tanto o Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia como a Deputación Provincial da Coruña, se é o caso, poderán modificar o desenvolvemento normal do curso para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 12 de setembro de 2006.

Carlos Suárez-Mira Rodríguez

Director xeral do Centro de Estudos Xudiciais e

Seguridade Pública de Galicia