Dentro das actividades programadas para o ano 2006, en colaboración coa Deputación Provincial de Pontevedra, en virtude do convenio de formación asinado entre a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e a Deputación Provincial de Pontevedra, anúnciase a realización dun curso sobre o permiso de conducir por puntos, que deberá desenvolverse conforme as seguintes bases:
Obxectivos.
-Coñecer a normativa que regula a implantación do permiso de conducir por puntos e a súa aplicación.
-Dotar os policías dunha formación actualizada no terreo do tráfico e da seguridade viaria, de grande importancia dentro dos seus cometidos profesionais.
-Asegurar o correcto tratamento da temática relativa ao tráfico e á seguridade viaria no tocante á regulamentación, documentación, sancións e procedemento sancionador.
Publicación.
Esta actividade formativa, e tamén todas aquelas que se desenvolvan en colaboración coa Deputación Provincial de Pontevedra, será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e no BOP de Pontevedra.
Destinatarios.
O curso vai dirixido aos membros dos corpos de policía local da provincia de Pontevedra.
Inscrición.
A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.
Prazas.
30 prazas.
Solicitudes.
1. O persoal que desexe participar neste curso deberá presentar, cuberta á máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo.
2. O prazo para a presentación de instancias rematará o día 9 de outubro de 2006, ás 14.00 horas.
3. As instancias deberán enviárselle á Deputación Provincial de Pontevedra-Área de Recursos Humanos e Formación (fax: 986 80 41 41): avenida Montero Ríos, s/n, 36001 Pontevedra; ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
Datas.
O curso realizarase en datas do 16 ao 19 de outubro.
O horario será das 16.00 ás 21.00 horas, cunha duración de 20 horas lectivas.
Contido.
Módulo I: o permiso de conducir por puntos. Normativa e aplicación.
Módulo II: outras novidades lexislativas en materia de tráfico.
Módulo III: denuncias. Requisitos. O procedemento sancionador de tráfico.
-As sancións polo seguro: obriga de aseguramento, xustificación do seguro. O seguro de vehículos estranxeiros.
Relación de admitidos.
A relación de admitidos farase pública o día 11 de outubro a partir das 14.00 horas, tanto pola Deputación Provincial de Pontevedra como polo Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia, os interesados poden coñecer e confirmar a súa asistencia chamando aos teléfonos 986 59 02 42/43/44 (Cexesga) e na páxina web http://cexesga.xunta.es, ou 986 80 41 00, ext. 306/307 (Área de Recursos Humanos e Formación da Deputación Provincial de Pontevedra).
Lugar.
O curso desenvolverase no concello de Pontevedra, quedando por concretar o seu lugar de realización, que se comunicará xunto coa lista de admitidos.
Certificado de asistencia.
Ao remate do curso entregaráselle un certificado de asistencia a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada nel.
Modificacións.
Tanto o Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia como a Deputación Provincial
da Coruña, se é o caso, poderán modificar o desenvolvemento normal do curso para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.
A Estrada, 12 de setembro de 2006.
Carlos Suárez-Mira Rodríguez
Director xeral do Centro de Estudos Xudiciais e
Seguridade Pública de Galicia