DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 186 Martes, 26 de setembro de 2006 Páx. 14.517

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 22 de setembro de 2006 pola que se establecen as medidas necesarias para a aplicación, na Comunidade Autónoma de Galicia, do programa de abandono voluntario e definitivo da produción leiteira para o período 2006/2007.

Os programas de abandono indemnizado da produción leiteira están concibidos para servir de elemento de reordenación do sector leiteiro, destinado a estimular a modernización do sector, ao tempo que favorecen a incorporación dos produtores novos ás explotacións leiteiras.

Nesta perspectiva, no Real decreto 347/2003 establécense, entre outras medidas, no seu capítulo II, sección 1ª, programas estatais de abandono, facultando na súa disposición derradeira terceira o ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación para adoptar cantas disposicións sexan necesarias para a súa aplicación e desenvolvemento.

Con base neste real decreto o MAPA publicou a Orde 2914/2006, do 21 de setembro, pola que se convocan e se completan as bases reguladoras contidas no capítulo II do devandito real decreto.

As cantidades totais de cota liberadas mediante este programa de abandono serán asignadas aos gandeiros a través dos instrumentos de asignación de cotas previstos no Real decreto 347/2003, do 21 de marzo, ou que poidan integrarse nel, como o denominado Banco nacional coordinado de cotas lácteas, que consistirá nun sistema público de adquisicións de cota en coordinación coas comunidades autónomas.

A tramitación, así como a resolución relativa ao cumprimento dos requisitos necesarios para a percepción da indemnización, corresponderalles aos órganos competentes da Administración autonómica respectiva, en función da comunidade autónoma onde estean situadas as explotacións, polo que, a través da presente orde, cómpre determinar os órganos competentes e o procedemento de tramitación con base no establecido na normativa interna de distribución de competencias. O pagamento da indemnización será realizado polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, logo da sinatura do oportuno convenio de colaboración no cal se instrumente a correspondente encomenda de xestión a que fai referencia o artigo 8.4º da antedita convocatoria do MAPA.

A convocatoria do ministerio establece que, ao financiarse na súa maior parte coas cantidades que paguen aos produtores aos cales se lles asignen as cotas abandonadas, esta convocatoria non establece unha cota individual máxima para poder participar no programa estatal de abandono nin limita a cantidade total que se poida indemnizar.

Ao abeiro do disposto no Decreto 562/2005, do 1 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellaría do Medio Rural, correspón

delle á Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias da Consellería do Medio Rural, a xestión das cantidades de referencia de leite das explotacións situadas en Galicia.

Polo tanto, de acordo co disposto no artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de xaneiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, así como o Decreto 562/2005, do 1 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural,

DISPOÑO:

Artigo 1º-Obxecto e ámbito.

1. Por esta orde establécese o procedemento para a solicitude, tramitación e resolución das solicitudes presentadas ao abeiro do programa de abandono definitivo da produción láctea, na Comunidade Autónoma de Galicia, para o período 2006/2007, segundo o disposto no Real decreto 347/2003, do 21 de marzo, e convocada pola Orde APA/ 2914/2006, do 21 de setembro de 2006.

2. O abandono afectará a totalidade da produción leiteira e o produtor deberá comprometerse na solicitude a facelo efectivo antes do día 12 de decembro de 2006. A indemnización a cada produtor concederase pola cota láctea individual, tanto de entrega a compradores como de venda directa, excluída a recibida da reserva nacional, que teña asignada o 1 de abril de 2006.

Artigo 2º.-Requisitos dos solicitantes.

1. De acordo co establecido no artigo 8 do citado real decreto, poderán acollerse a esta indemnización os produtores que desexen abandonar a produción de leite, pola totalidade da cantidade de referencia que tivesen asignada o 1 de abril de 2006.

A indemnización concederase pola cota láctea individual, tanto de entregas a compradores como de venda directa, excluída a recibida gratuitamente da reserva nacional.

2. Os solicitantes non deben ter tramitado durante o mesmo período cesións temporais, transferencias nin transvasamentos de cota.

3. Os gandeiros solicitantes deben estar libres de compromisos derivados de calquera axuda que perciban ou teñan percibido destinada á explotación leiteira, de entre as recollidas no Real decreto 204/1996, do 9 de febreiro, sobre melloras estruturais e modernización das explotacións agrarias, ou no Real decreto 613/2001, do 8 de xuño, para a mellora e modernización das estruturas de produción das explotacións agrarias.

4. Os gandeiros que recibisen cotas procedentes da reserva nacional, poderán solicitar o abandono da súa produción, aínda que as ditas cantidades de referencia non serán indemnizadas e reincorporaranse á devandita reserva.

5. Os beneficiarios da convocatoria do Fondo nacional coordinado de cotas lácteas regulada no capítulo II do Real decreto 620/2005, do 27 de maio, polo que se aproba o Plan de reestruturación do sector produtor lácteo, non serán indemnizados por ningunha das cotas asignadas nesa convocatoria do fondo, incluída a adquirida logo de pagamento, salvo que concorran e queden debidamente xustificados os casos de forza maior e excepcionais a que se refiren as alíneas l) e m) do artigo 2 do Real decreto 347/2003, do 21 de marzo.

6. Os gandeiros que non entregasen leite ou produtos lácteos a compradores ou que non os vendesen directamente, no período comprendido entre o 1 de abril de 2005 e o 31 de marzo de 2006, non poderán acollerse ao presente plan.

Artigo 3º.-Presentación de solicitudes e prazo.

1. Os gandeiros interesados que teñan a explotación leiteira situada na Comunidade Autónoma de Galicia, poderán presentar as solicitudes para se acoller aos beneficios establecidos nesta orde, nas delegacións provinciais desta consellería ou, preferentemente, na Oficina Agraria Comarcal que corresponda á súa explotación. Así mesmo, poderán presentarse as devanditas solicitudes en calquera das oficinas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. As solicitudes, formalizadas no modelo de impreso que se xunta como anexo a esta orde, dirixiranse ao conselleiro do Medio Rural. O prazo de presentación rematará o luns día 23 de outubro de 2006.

Artigo 4º.-Documentación.

Para acreditar o cumprimento dos requisitos exixidos, xunto coa solicitude deberase presentar a seguinte documentación:

a) En todo caso:

-Fotocopia compulsada do DNI ou CIF do titular da cota.

-Certificación da entidade financeira en que desexa domiciliar o aboamento da indemnización, con indicación do código-conta-cliente.

b) No caso de persoas xurídicas, fotocopia do poder acreditativo da representación.

c) Cando se aleguen causas de forza maior ou excepcionais deberá acreditar documentación xustificativa.

Artigo 5º.-Tramitación, concesión e recursos

1. A tramitación dos expedientes corresponderalle á Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias. Os servizos provinciais de explotacións agrarias comprobarán a documentación e emitirán un informe para a súa remisión, a través do delegado

provincial, á Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias.

Conforme o establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude de subvención non reúne os requisitos exixidos nesta orde para cada caso concreto, o concello será requirido para que, nun prazo de dez días, contados a partir do día seguinte ao da recepción do devandito requirimento, rectifique a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, de non o facer, será tido por desistido da súa petición, tras a resolución que deberá ser ditada nos termos do artigo 42 da citada lei.

2. A Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias indicaralles aos interesados se a súa solicitude cumpre ou non os requisitos establecidos nesta orde, no prazo máximo de dous meses desde a entrada en vigor da Orde APA/2914/2006.

3. A Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias proporá ao conselleiro do Medio Rural a resolución das solicitudes.

4. A devandita resolución, relativa ao cumprimento dos requisitos necesarios para a percepción da indemnización, notificaráselles aos solicitantes antes do 1 de marzo de 2007.

No caso de que o solicitante non recibise a oportuna notificación no prazo establecido no punto 5º.4, poderá entender desestimada, por silencio, a súa solicitude.

5. Contra as resolucións que, en aplicación da presente orde, dite o conselleiro do Medio Rural poderanse interpoñer os recursos previstas no artigo 10º da presente orde.

6. De acordo co artigo 10 do Real decreto 347/2003, non se poderá recuperar a cota unha vez resolta favorablemente a solicitude de abandono polo conselleiro do Medio Rural.

Salvo desistencia antes de que finalice o prazo concedido para facer efectivo o abandono, o produtor que presente unha solicitude non poderá recuperar a súa cota.

7. Para poder percibir a axuda, o beneficiario deberá acreditar que se atopa ao día nas súas obrigas coa Axencia Estatal de Administración Tributaria coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma. De conformidade co previsto no artigo 43 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da comunidade autónoma para o ano 2006, a presentación das solicitudes comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as cetificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT), a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia.

Quedan exentos desta acreditación os beneficiarios cuxo importe da axuda sexa inferior a 1.500 euros segundo o artigo 41 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da comunidade autónoma.

8. O incumprimento dos compromisos de abandono suporá o reintegro das cantidades percibidas coa exixencia do xuro de demora desde o pagamento da indemnización, con permanencia na reserva estatal da cota abandonada.

Artigo 6º.-Importe.

1. De acordo co establecido no artigo 4 da Orde APA/2914/2006, establécese unha única contía de indemnización de 0,27 euros por quilogramo de cota indemnizable.

Artigo. 7º.-Incompatibilidade con outras indemnizacións.

A indemnización regulada nesta orde é incompatible con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados.

Artigo 8º.-Acreditación dos compromisos e pagamento da indemnización.

1. O abandono afectará a totalidade da produción leiteira e o produtor deberá facelo efectivo no prazo máximo de dous meses e medio desde a entrada en vigor da Orde APA 2914/2006, do 21 de setembro, deberán acreditar debidamente o cumprimento do seguinte:

a) Que deixaron de comercializar leite e/ou produtos lácteos e a data efectiva da última entrega ou venda directa, de acordo cos modelos que se xuntan como anexos II e III desta orde.

b) O destino das vacas produtoras de leite afectadas polo abandono, de acordo co modelo que se xunta como anexo IV a esta orde.

2. Os documentos xustificativos a que se refiren os dous puntos anteriores, presentaranse nas oficinas indicadas no artigo 3º.1 desta orde.

Os servizos provinciais de explotacións agrarias elevaranlle, a través da respectiva delegación provincial da Consellería do Medio Rural, un informe á Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias, sobre os solicitantes das axudas que presentaron a devandita documentación xustificativa.

3. Unha vez acreditado o cumprimento dos requisitos, a Consellería do Medio Rural ditará resolución e procederá aos trámites necesarios para que o ministerio proceda ao pagamento da indemnización ao produtor. Para estes efectos e segundo se establece na Orde APA/2914/2006, do 21 de setembro, elaborarase o correspondente instrumento xurídico entre a Consellería do Medio Rural e o MAPA.

Artigo 9º.-Deber de información.

Ademais da documentación complementaria que, durante a tramitación do procedemento, lle poidan exixir os órganos competentes da Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias, o gandeiro ten a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das funcións de fiscalización e control.

Artigo 10º.-Recursos administrativos

As resolucións, expresas ou presuntas, dos expedientes tramitados en aplicación desta orde, esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpor os seguintes recursos:

1. Potestativamente, recurso de reposición ante o conselleiro do Medio Rural, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou de tres meses, contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo os casos, de conformidade co establecido nos artigos 107, 116 e 117 da Lei 30/1992, segundo a redacción dada pola Lei 4/1999.

2. Directamente, recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa notificación, se é expresa; ou de seis meses, contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, de acordo co previsto na Lei reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposicións adicionais

Primeira.-En todo o non previsto nesta orde observarase o establecido no R.D. 347/2003, do 21 de marzo, polo que se regula o sistema de xestión da cota láctea, e no R.D. 313/2005, do 18 de marzo, que modifica a anterior Orde APA/2914/2006, do 21 de setembro, pola que se regula e convoca o programa nacional de abandono da produción láctea para o período 2006/2007.

Segunda.-Presentación das solicitudes.

As solicitudes de indemnización polo abandono da produción láctea que se tivese presentado a partir do día 23 de setembro e antes da entrada en vigor desta orde, serán tidas en conta para todos os efectos nesta convocatoria.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias para ditar cantas instrucións considere necesarias para o desenvolvemento e execución do disposto nesta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de setembro de 2006.

Alfredo Suárez Canal

Conselleiro do Medio Rural