Por Real decreto 553/2006, do 5 de maio, traspásase á Comunidade Autónoma de Galicia as funcións e servizos en materia educativa, de emprego e formación profesional ocupacional encomendados ao Instituto Social da Mariña; e por Decreto 106/2006, do 30 de xuño, DOG do 1 de xullo, polo que se asumen os medios económicos e as funcións e servizos transferidos pola Administración central do Estado á comunidade autónoma mediante o devandito real decreto, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria exercerá as funcións correspondentes en materia educativa, a cuxo fin se adscriben os medios e servizos traspasados para tal efecto.
Tendo en conta o artigo 31 do Estatuto de autonomía de Galicia e o Decreto 585/2005, do 29 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, que establecen a competencia desta en materia de educación.
De conformidade co Real decreto 1537/2003, do 5 de decembro, polo que se establecen os requisitos mínimos dos centros que impartan ensinanzas escolares de réxime xeral, e o Decreto 7/1999, do 7 de xaneiro, polo que se implantan e regulan os centros públicos integrados de ensinanzas non universitarias, procede a transformación do centro público O Mosteirón do concello de Sada (A Coruña) e o
centro público de Panxón do concello de Nigrán (Pontevedra) en centros públicos integrados.
Na súa virtude, por proposta da conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día catorce de setembro de dous mil seis,
DISPOÑO:
Artigo 1º
Transfórmase o centro público O Mosteirón do concello de Sada (código 15014854) en centro público integrado con capacidade para 10 unidades de primaria e 8 unidades de ESO.
Artigo 2º
Transfórmase o centro público de Panxón do concello de Nigrán (código 36005865) en centro público integrado con capacidade para 6 unidades de primaria e 5 unidades de ESO.
Disposicións derradeiras
Primeira.-A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria queda autorizada para adoptar as medidas necesarias para o cumprimento do disposto neste decreto.
Segunda.-Este decreto entrará en vigor a partir do día seguinte ao da súa publicación.
Santiago de Compostela, catorce de setembro de dous mil seis.
Emilio Pérez Touriño
Presidente
Laura Sánchez Piñón
Conselleira de Educación e Ordenación Universitaria