DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 186 Martes, 26 de setembro de 2006 Páx. 14.515

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

DECRETO 160/2006, do 14 de setembro, polo que se autoriza o cambio de denominación do Instituto Nacional de Educación Física-Galicia, da Universidade da Coruña, que pasará a denominarse Facultade de Ciencias do Deporte e a Educación Física.

A Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, establece no seu artigo 8.2º que a creación, modificación e supresión de facultades, escolas técnicas ou politécnicas superiores e escolas universitarias ou escolas universitarias politécnicas, así como a implantación e supresión de ensinanzas conducentes á obtención de títulos universitarios de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional, serán acordadas pola comunidade autónoma, ben por proposta do Consello Social ou ben por propia iniciativa co acordo do referido Consello, en todo caso, logo de informe do Consello de Goberno da universidade.

Pola súa banda, a Lei 2/2003, do 22 de maio, do Consello Galego de Universidades, establece no seu artigo 5 f) que lle corresponde ao Consello Galego de Universidades emitir informe sobre as propostas de creación, modificación ou supresión de facultades, escolas técnicas ou politécnicas superiores e escolas universitarias ou escolas universitarias politécnicas.

O Consello Social da Universidade da Coruña, en uso da competencia atribuída no artigo 5 d) da Lei 1/2003, do 9 de maio, dos consellos sociais do sistema universitario de Galicia, presentou na Consellería de Educación e Ordenación Universitaria expediente para o cambio da denominación do Instituto Nacional de Educación Física-Galicia, da Universidade da Coruña, que pasará a denominarse Facultade de Ciencias do Deporte e a Educación Física.

Xustifícase o dito cambio de denominación pola necesidade de adecuar a denominación do centro ás súas funcións.

Por todo isto, de conformidade co disposto no citado artigo 8.2º da Lei 6/2001, por instancia do Consello Social da Universidade, co informe do Consello de Goberno da Universidade da Coruña e do Consello Galego de Universidades, por proposta da conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día catorce de setembro de dous mil seis,

DISPOÑO:

Artigo único.

1. Autorízase o cambio de denominación do Instituto Nacional de Educación Física-Galicia, da Uni-

versidade da Coruña, que pasará a denominarse Facultade de Ciencias do Deporte e a Educación Física.

Disposición derradeira

Primeira.-Autorízase a conselleira de Educación e Ordenación Universitaria para que, no ámbito das súas competencias, dite as disposicións necesarias para o desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, catorce de setembro de dous mil seis.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Laura Sánchez Piñón

Conselleira de Educación e Ordenación Universitaria