DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 186 Martes, 26 de setembro de 2006 Páx. 14.513

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

RESOLUCIÓN do 20 de setembro de 2006, da Secretaría Xeral de Comunicación, pola que se convocan os Premios Galicia de Comunicación 2006.

Co fin de promover todo o que contribúa a profundar na realidade galega, así como para recompensar publicamente o labor que profesionais, institucións e empresas da comunicación veñen realizando neste sentido, esta secretaría xeral, ao amparo do disposto no Decreto 44/2006, do 2 de marzo, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, convoca os Premios Galicia de Comunicación 2006. Para tal efecto,

DISPOÑO:

Artigo único.-Convócanse os Premios Galicia de Comunicación 2006 e apróbanse as súas bases, que se publican como anexo á presente resolución.

Os compromisos de gasto derivados da concesión dos premios, por un importe total de corenta e dous mil catrocentos trinta e sete euros con sesenta e catro céntimos (42.437,64 euros), financiaranse con cargo

á aplicación 04.30.361A.640.0 dos orzamentos da comunidade autónoma para o ano 2006.

Santiago de Compostela, 20 de setembro de 2006.

Fernando Salgado García

Secretario xeral de Comunicación

ANEXO I

Bases que rexen a convocatoria dos Premios

Galicia de Comunicación 2006

Primeira.-Poderán optar a estes premios os profesionais, empresas e institucións que durante o ano 2006 realizasen un destacado labor no ámbito da comunicación que contribuíse ao afondamento e difusión da realidade galega.

Segunda.-Os Premios Galicia de Comunicación 2006 están dotados cada un deles coa contía de seis mil doce (6.012) euros, excluída, de ser o caso, a retención que legalmente lle corresponda.

Terceira.-Este premios concederanse a unha iniciativa ou a un labor que se refira a esta comunidade autónoma, para o que se establecen seis modalidades:

1. Premio á mellor iniciativa no campo da comunicación en medios informativos.

2. Premio ao mellor labor de comunicación en medios impresos.

3. Premio ao mellor labor de comunicación de xornalismo gráfico en medios impresos.

4. Premio ao mellor labor de comunicación en medios radiofónicos.

5. Premio ao mellor labor de comunicación en televisión.

6. Premio á mellor empresa ou institución que destacase por un singular esforzo no campo da comunicación.

Cuarta.-O prazo de presentación dos traballos rematará o día 31 de outubro de 2006.

Quinta.-A presentación farase en sobre pechado e a proposta virá asinada polo interesado ou persoa ou institución que propoña o outorgamento do premio en favor dun terceiro. No exterior do sobre figurará como enderezo a Secretaría Xeral de Comunicación (edificio administrativo de Presidencia, San Caetano, Santiago de Compostela) e conterá a documentación seguinte:

a) Se o traballo se difundiu nunha publicación periódica, achegaranse seis exemplares do xornal ou revista en que aparece, indicando cal é o traballo e a que premios opta, así como o nome e enderezo do autor.

Se o traballo se publicou con pseudónimo ou sen asinar, cumprirá presentar un certificado da empresa xornalística correspondente que acredite quen é o autor.

b) Se o traballo se radiou ou emitiu pola televisión, presentaranse dúas cintas co programa ou programas, indicando a que premio opta, así como o nome e enderezo do autor. Presentarase tamén un certificado do director da emisora no que conste a data de emisión e mais o autor.

c) No suposto de concorrer á modalidade establecida no punto 6 da base terceira, xuntarase memoria explicativa do destacado labor realizado no campo da comunicación, con documentación acreditativa dos extremos contidos nela.

Sexta.-O xurado ou xurados para a adxudicación destes premios será nomeado por resolución do secretario xeral de Comunicación que se publicará no Diario Oficial de Galicia. Constituirano persoas escollidas polos seus coñecementos nas materias obxecto dos premios.

Sétima.-Á marxe do exposto na base quinta, os membros do xurado ou xurados poderán presentar e propoñer libremente cantos profesionais, empresas ou institucións consideren merecedoras de optar a estes premios. Neste suposto, a proposta deberase presentar acompañada

da documentación exixida nestas bases de xeito que permita unha avaliación adecuada.

Oitava.-O veredicto do xurado ou xurados farase público nun acto que terá lugar nun prazo non inferior aos 10 días seguintes á data límite para a presentación dos traballos.

Novena.-Os traballos recibidos non se lles devolverán aos autores. A Secretaría Xeral de Comunicación reserva para si o dereito a publicar ou emitir os traballos premiados, sen fin de lucro.

Décima.-As decisións do xurado ou xurados serán inapelables e o premio ou premios que este considere oportunos poderán ser declarados desertos.

Undécima.-A participación neste premio supón a aceptación incondicional das presentes bases.