DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 185 Luns, 25 de setembro de 2006 Páx. 14.474

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CENTRO DE ESTUDOS XUDICIAIS E SEGURIDADE PÚBLICA DE GALICIA

RESOLUCIÓN do 14 de setembro de 2006 pola que se convoca unha xornada sobre os servizos contra incendios e salvamento da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.

Dentro do programa de actividades que o Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia ten previsto realizar no ano 2006, e conforme coas funcións atribuídas pola Lei 1/2005, do 4 de xaneiro, de creación do Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia en colaboración co proxecto Cofroem (fomento e optimización dos recursos materiais e de formación dos servizos de emerxencias e de salvamento), anúnciase a convocatoria dunha xornada sobre os servizos contra incendios e salvamento da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, que deberá desenvolverse conforme coas seguintes bases:

Primeira.-Obxectivos.

Coñecer por parte dos bombeiros dos parques participantes no proxecto Cofroem e do resto dos parques interesados, a situación e medios humanos e materiais dos servizos urbanos contra incendios e de salvamento da Comunidade Autónoma de Galicia e do norte de Portugal, facendo especial incidencia na zona transfronteiriza Galicia-norte de Portugal, así como os mecanismos de coordinación e de colaboración en intervencións conxuntas por distintos servizos.

Segunda.-Destinatarios.

-Bombeiros dos parques participantes no proxecto Cofroem, tanto de Galicia como de Portugal.

-Bombeiros doutros parques galegos e portugueses.

-Responsables das agrupacións de voluntarios de protección civil.

Terceira.-Desenvolvemento.

1. Prazas: o número de prazas ofertadas é de 150.

2. Duración e datas: a xornada terá lugar o día 20 do mes de outubro de 2006, en horario de mañá e tarde.

3. Horario: das 9.00 hora ás 13.30 horas e das 16.30 ás 19.30 horas (hora portuguesa).

4. Lugar: a xornada realizarase no auditorio do castelo de Santiago da Barra en Viana do Castelo (Portugal).

Cuarta.-Solicitudes e prazo de inscrición.

1. A inscrición dos participantes é gratuíta.

2. O persoal que desexe participar nesta xornada deberá presentar, cuberta a máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo.

3. O prazo para a presentación de instancias rematará o día 17 de outubro de 2006.

4. As instancias deberán estar asinadas polo responsable de persoal e co selo da entidade a que pertenza o solicitante.

5. As instancias deberán enviarse por correo á sede do Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia: Avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada, ao fax nº 986 59 09 88, ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Quinta.-Contido.

* O Proxecto Cofroem, obxectivos e desenvolvemento.

* Os servizos contra incendios na Comunidade Autónoma de Galicia e no norte de Portugal.

* Colaboración transfronteiriza e materia de emerxencias e incendios urbanos.

* Órganos de coordinación de emerxencias: 112 Galicia/112 Portugal.

* As intervencións en lumes forestais e a súa incidencia en núcleos urbanos, vivendas e instalacións.

* Protocolos de actuación e colaboración entre bombeiros do norte de Portugal e Galicia.

Sexta.-Relación de admitidos.

A relación de participantes admitidos para a realización da xornada exporase no taboleiro de anuncios do Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia, sen prexuízo da oportuna notificación aos seleccionados con antelación suficiente á celebración da xornada. Tamén poden confirmar

a súa admisión chamando ao teléfono 986 59 02 46 ou consultando a páxina web http://cexesga.xunta.es.

Sétima.-Asistencia.

É obrigatoria a asistencia e puntualidade en todas as actividades da xornada. A falta de asistencia, mesmo cando sexa xustificada, en máis dun 10% das horas lectivas programadas determinará a cualificación de non apto na xornada.

Oitava.-Certificado de asistencia.

Ao remate da xornada entregaráselles un certificado de asistencia a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada nela.

Novena.-Financiamento.

Esta xornada de formación forma parte do proxecto Fomento e optimización de recursos materiais e de formación dos servizos de emerxencia e de salvamento Cofroem/SPI.E42/02, contando para estes efectos co cofinanciamento europeo de fondos Feder, no marco do programa Interreg IIIA.

Novena.-Modificacións.

O Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia poderá modificar o desenvolvemento da xornada para adaptala ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 14 de setembro de 2006.

Carlos Suárez-Mira Rodríguez

Director xeral do Centro de Estudos Xudiciais e

Seguridade Pública de Galicia