DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 182 Mércores, 20 de setembro de 2006 Páx. 14.270

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

UNIVERSIDADE DA CORUÑA

RESOLUCIÓN do 12 de setembro de 2006 pola que se ditan as normas para a execución das resolucións do 6 de agosto e do 6 de setembro de 2004.

A Universidade da Coruña convocou, mediante Resolución do 7 de xaneiro de 2002, un concurso de méritos para a provisión de diversos postos de traballo vacantes correspondentes ao persoal funcionario de administración e servizos. O antedito concurso foi resolto mediante Resolución do 15 de decembro de 2003.

Logo desta resolución presentáronse recursos de reposición que foron estimados mediante resolucións reitorais do 6 de agosto de 2004 e do 6 de setembro de 2004, resolucións en que, estimando os citados recursos de reposición, se anulaba a Resolución do 15 de decembro de 2003 que resolvía o concurso de méritos.

Non obstante, estas novas resolucións reitorais anulatorias do concurso de méritos foron obxecto de recurso na xurisdición contencioso-administrativa. A resolución deste recurso prodúcese mediante a sentenza do 2 de xuño de 2005 do Xulgado do Contencioso número un, que estima as pretensións dos recorrentes. Esta sentenza é impugnada en apelación.

O 19 de xullo de 2006 a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia dita sentenza, que ten carácter firme, en relación co recurso de apelación 0000353/2005 interposto contra a sentenza do 2 de xuño de 2005 ditada no procedemento PA 0000324/2004 polo Xulgado do Contencioso número un. Logo dos antecedentes de feito e dos fundamentos xurídicos á sentenza do 19 de xullo de 2006 revoga a anterior sentenza 104/2005, do 2 de xuño de 2005, estimando que son conformes a dereito as resolucións reitorais do 6 de agosto de 2004 e do 6 de setembro de 2004, nas cales se anulaba a resolución do concurso convocado por R/R do 7 de xaneiro de 2002.

Concluído o debate procesual sobre a fiscalización das devanditas resolucións, procede, en consecuencia, ditar as instrucións para a súa adecuada execución.

Con base en todo o anterior,

RESOLVO:

Primeiro.-Retrotraer as actuacións dimanantes do concurso convocado ao momento da valoración dos méritos pola comisión, tal como se dispón nas resolucións reitorais do 6 de agosto de 2004 e do 6 de setembro de 2004, que, estimando os recursos de reposición interpostos contra a resolución coa data do 15 de decembro de 2003, pola que se resolvía o concurso de méritos convocado por Resolución de 7 de xaneiro de 2002, na súa parte dispositiva viñan decretar a retroacción do procedemento ao momento de fixación dos criterios de baremación co fin de axustalos a dereito.

Segundo.-Toda vez que as actuacións anteriores poden supoñer unha modificación das prazas vacantes dispoñibles finais, suspéndese o concurso convocado por Resolución do 23 de xuño de 2006, mentres non se resolve o concurso convocado por Resolución do 7 de xaneiro de 2002.

Con base no anterior desígnanse os membros da comisión encargada de facer efectiva a previsión contida no parágrafo primeiro desta resolución:

-Titulares.

Presidente: José María Barja Pérez, reitor da Universidade da Coruña.

Vogais:

Manuel Galdo Pérez, xerente da Universidade da Coruña.

Xosé Manuel Carril Vázquez, secretario xeral da Universidade da Coruña.

María José Brión Sobrido, vicexerenta da Universidade da Coruña.

Teresa González Martínez, representante da Xunta de Persoal.

José Antonio Rilo López, representante da Xunta de Persoal.

Secretario: Juan Andrés Pombo Prieto, xefe da Sección de Tesouraría.

-Suplentes.

Presidente: Ana Dorotea Tarrío Tobar, vicerreitora de Organización Académica.

Vogais:

Carlos Santos Bartolomé, xefe do Servizo de Intervención.

José Luis Mínguez-Goyanes de la Rica, xefe do Servizo de Rexistro, Documentación e Arquivo.

Antón González Artiaga, xefe do Servizo de Xestión Financeira.

Mª José Gutiérrez Calvete, representante da Xunta de Persoal.

Tomás Lagunas Montero, representante da Xunta de Persoal.

Secretario: Alfonso Vidal Carnota, xefe da Sección de Estudantes.

Esta resolución e os actos que dela derivaren poderán ser impugnados de acordo co previsto na vixente Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

A Coruña, 12 de setembro de 2006.

José María Barja Pérez

Reitor da Universidade da Coruña

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS

E XUSTIZA