DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 182 Mércores, 20 de setembro de 2006 Páx. 14.269

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

ORDE do 18 de setembro de 2006 sobre delegación de competencias na Secretaría Xeral e do Patrimonio da Consellería de Economía e Facenda.

O artigo 4.1º do Decreto 115/2004, do 3 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Facenda, dispón que á Secretaría Xeral e do Patrimonio lle corresponden as competencias establecidas no Decreto 119/1982, do 5 de outubro, así como aquelas que lle sexan encomendadas por delegación do titular da consellería.

A actividade administrativa da Consellería de Economía e Facenda leva consigo unha concentración de funcións arredor do seu titular que aconsella, dado o seu volume, recorrer á delegación de competencias na Secretaría Xeral e do Patrimonio, sen esquecer o debido respecto aos principios que informan a actividade administrativa e que a nosa Constitución recolle no seu artigo 103.1º.

A delegación de competencias permite a axilización administrativa necesaria e redunda en beneficio tanto da Administración como dos administrados, dentro do máis rigoroso respecto ás garantías xurídicas que a tutela dos intereses públicos exixe.

Na súa virtude, facendo uso das facultades que me confiren os artigos 43.3º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, e 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e demais disposicións de xeral aplicación,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Deléganse na Secretaría Xeral e do Patrimonio as seguintes competencias:

a) O despacho e resolución daqueles expedientes e asuntos de índole administrativa que lle estean atribuídos ao titular da consellería.

b) A autorización e disposición dos gastos xerais dos servizos da consellería, ata o límite dos créditos autorizados e non reservados á aprobación do Consello da Xunta de Galicia, e o recoñecemento das obrigas e a ordenación de pagamentos relativos a eles.

c) As funcións que, como órgano de contratación, están atribuídas ao titular da consellería pola lexislación vixente.

d) As facultades que lle corresponden ao conselleiro en materia de persoal da súa consellería, nos termos establecidos no artigo 15 da Lei 4/1988, do 26 de maio, e demais disposicións en vigor.

e) A designación das comisións de servizos, con dereito a indemnización, prevista no artigo 4 do

Decreto 144/2001, do 7 de xuño, de todo o persoal dependente organicamente da Consellería de Economía e Facenda.

Artigo 2º

As resolucións administrativas que se adopten facendo uso das delegacións contidas nesta orde farán constar expresamente esta circunstancia e consideraranse ditadas pola autoridade que as conferiu.

Artigo 3º

En calquera momento, o conselleiro poderá avocar o exercicio das competencias delegadas por esta orde, das que quedan excluídas, en todo caso, as recollidas no artigo 13.2º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e no artigo 44.2º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro.

Disposición derrogatoria

Queda derrogada a Orde do 18 de agosto de 2005, sobre delegación de competencias no secretario xeral e do Patrimonio da Consellería de Economía e Facenda e cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto nesta orde.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de setembro de 2006.

José Ramón Fernández Antonio

Conselleiro de Economía e Facenda