DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 181 Martes, 19 de setembro de 2006 Páx. 14.158

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 155/2006, do 7 de setembro, polo que se establece o réxime do organismo pagador dos fondos europeos agrarios en Galicia.

De acordo co disposto no artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía, a Comunidade Autónoma de Galicia posúe competencias exclusivas en materia de agricultura e gandaría e, no exercicio delas, vén xestionando os recursos procedentes do Feoga e, particularmente, respecto da sección garantía, a través do organismo pagador autorizado.

O Regulamento (CE) 1290/2005, do Consello, do 21 de xuño, sobre o financiamento da política agrícola común, substitúe o actual Feoga por dous fondos agrícolas europeos, o Feaga e o Feader, e establece para os dous a xestión a través do sistema de organismos pagadores.

Ademais, o Regulamento 885/2006, da Comisión, do 21 de xuño, establece disposicións de aplicación dese regulamento financeiro, en canto á autorización dos organismos pagadores e outros órganos e á liquidación das contas do Feaga e do Feader, precisando os criterios exixidos para que un organismo pagador poida ser autorizado.

Nesta comunidade autónoma, o Fogga, como organismo autónomo da Consellería do Medio Rural, está constituído como organismo pagador dos gastos Feoga-Garantía, no exercicio das súas funcións de execución das accións necesarias para a aplicación da política agrícola común en Galicia, polo que cómpre facer as necesarias adaptacións no devandito organismo para a súa adecuación ao novo sistema de financiamento daquela política comunitaria.

Conforme o exposto, este decreto establece o réxime do organismo pagador dos fondos europeos agrarios en Galicia, para desenvolver o Regulamento 885/2006, e de acordo do Real decreto 521/2006, do 28 de abril.

Na súa virtude, por iniciativa dos conselleiros de Economía e Facenda e do Medio Rural e por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día sete de setembro de dous mil seis,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Organismo pagador.

1. O Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), coa previa autorización formal da autoridade competente a que se refire o artigo 3º deste decreto, constituirase como organismo pagador en Galicia dos gastos financiados polo Feaga e polo Feader, de conformidade co previsto no Regulamento (CE) 1290/2005 do Consello e as súas disposicións de aplicación.

2. Como organismo pagador, o Fogga, polo que respecta aos pagamentos que realiza e á comunicación e conservación da información relacionada, deberá ofrecer garantías suficientes de que:

a) Antes de emitir a orde de pagamento comproba que as solicitudes cumpren cos requisitos necesarios e, no contexto do desenvolvemento rural, o procedemento de atribución de axudas se axusta á normativa comunitaria.

b) Os pagamentos que efectúa son contabilizados de forma exacta e exhaustiva.

c) Realiza os controis establecidos pola lexislación comunitaria.

d) Presenta os documentos exixidos pola normativa comunitaria en tempo e forma.

e) Os documentos, incluídos os electrónicos, para efectos da normativa comunitaria, son accesibles e consérvanse íntegros e lexibles co paso do tempo.

A execución destas tarefas poderase delegar, agás no que se refire ao pagamento das axudas comunitarias. A delegación de funcións instrumentarase a través de resolucións que especifiquen as atribucións e obrigas, tanto do Fogga como das unidades delegadas, especialmente as relativas ao control e verificación da conformidade dos procedementos coa lexislación comunitaria.

3. Para o desenvolvemento das súas funcións como organismo pagador, o Fogga deberá cumprir os criterios de autorización descritos no anexo I do Regulamento (CE) 885/2006, da Comisión, do 21 de xuño, polo que se establecen as disposicións de aplicación do Regulamento (CE) nº 1290/2005 do Consello, no que se refire á autorización dos organismos pagadores e outros órganos e á liquidación de contas do Feaga e do Feader.

Artigo 2º.-Organismo de certificación.

A Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia exercerá as funcións de organismo de certificación das contas do organismo pagador autorizado, logo de designación formal pola autoridade competente a que se refire o artigo 3º deste decreto, de conformidade co previsto no Regulamento (CE) 1290/2005, do Consello e as súas disposicións de aplicación.

Artigo 3º.-Autoridade competente.

O conselleiro do Medio Rural é a autoridade competente en Galicia para autorizar e revogar a autorización do organismo pagador, así como para o exercicio das funcións atribuídas polo Regulamento (CE) 885/2006, do 21 de xuño, da Comisión, polo que se establecen as disposicións de aplicación do Regulamento (CE) nº 1290/2005 do Consello no que se refire á autorización dos organismos pagadores e outros órganos e á liquidación de contas do Feaga e do Feader.

Artigo 4º.-Autorización do organismo pagador.

1. Con carácter previo á autorización, e de acordo coas instrucións emitidas pola Comisión Europea, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia emitirá un informe de avaliación respecto do cum

primento polo organismo pagador dos criterios de autorización descritos no anexo I do Regulamento (CE) 885/2006, da Comisión. En concreto, o informe terá por obxecto a avaliación das disposicións aplicables á autorización e execución dos pagamentos, a salvagarda do orzamento comunitario, a seguridade dos sistemas de información, o mantemento dos rexistros contables, a separación de funcións e a idoneidade dos controis internos e externos, con respecto ás transaccións financiadas polo Feaga e polo Feader.

2. O conselleiro do Medio Rural, con base nos resultados do exame previo da Intervención Xeral, autorizará o Fogga como organismo pagador. Esta autorización publicarase no Diario Oficial de Galicia.

3. Para efectos da súa transmisión á Comisión Europea, o director do Fogga comunicará ao Fega a autorización do organismo pagador de Galicia. A comunicación irá acompañada das declaracións e documentos referidos aos seguintes ámbitos:

a) Atribucións conferidas ao organismo pagador.

b) Distribución de atribucións entre os seus departamentos.

c) Relación con outros órganos, públicos ou privados, encargados da aplicación de medidas financiadas con cargo aos fondos agrarios comunitarios.

d) Procedementos de recepción, comprobación e validación das solicitudes dos beneficiarios, así como da autorización, pagamento e xustificación dos gastos; e disposicións sobre a seguridade dos sistemas de información.

Na mesma comunicación informarase da designación do organismo de certificación.

4. A comunicación a que se refire o punto anterior realizarase antes da imputación de calquera gasto ao Feaga ou Feader.

5. O conselleiro do Medio Rural supervisará o funcionamento do organismo pagador e comunicará por escrito á Comisión Europea, a través do Fega, cada tres anos, os resultados obtidos, informando da continuidade no cumprimento dos criterios de autorización.

Disposicións adicionais

Primeira.-A autorización do Fogga como organismo pagador dos fondos Feaga e Feader en Galicia e a súa comunicación á Comisión Europea, a través do Fega, realizaranse antes do 16 de outubro de 2006. A devandita autorización producirá efectos a partir desa data.

Segunda.-As funcións do Fogga como organismo pagador dos fondos Feaga e Feader exerceranse sen prexuízo das competencias da Consellería de Economía e Facenda en materia de planificación económica e fondos comunitarios.

Disposición transitoria

O Decreto 359/1996, do 13 de setembro, polo que se constitúe o organismo pagador dos gastos relacionados coa política agrícola común, non será aplicable a partir do 16 de outubro de 2006, agás que se auto

ricen pagos Feoga-Garantía ata o 31 de decembro de 2006, en aplicación do suposto previsto no artigo 39 do Regulamento 1290/2005.

Disposición derrogatoria

O Decreto 359/1996, do 13 de setembro, queda derrogado a partir do 1 de xaneiro de 2007.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltanse os conselleiros de Economía e Facenda e do Medio Rural para ditar as normas de desenvolvemento e adoptar as medidas necesarias para a execución do disposto neste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, sete de setembro de dous mil seis.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas

e Xustiza