DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 178 Xoves, 14 de setembro de 2006 Páx. 14.037

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

ORDE do 4 de setembro de 2006 pola que se convocan prazas de residencia nos centros residenciais docentes do Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro de Vigo e na Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol, dependentes desta consellería, durante o curso académico 2006-2007.

O Decreto 428/1993, do 17 de decembro, polo que se regula e refunde a normativa en materia de for

mación náutico-pesqueira, nos artigos 9.2º b) e 24, fai referencia á prestación de servizos complementarios polos centros, ao sistema de acceso dos alumnos a estes e ás axudas, e, na súa disposición derradeira, faculta a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos para o desenvolvemento e execución do disposto nel.

Na súa virtude, a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos

DISPÓN:

Artigo 1º

Convócanse, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, prazas de residencia para os cursos dos seguintes niveis académicos e tipos de formación nos centros residenciais que se detallan:

a) Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro de Vigo (IPMP de Vigo).

Para seguir estudos de:

* Ciclos formativos de formación profesional específica.

* Formación permanente de adultos, nas titulacións de capitán de pesca, patrón portuario e patrón costeiro polivalente.

* Programas de garantía social: navegación e pesca costeira.

b) Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol (EONP de Ferrol).

Para seguir estudos de:

* Ciclos formativos de formación profesional específica.

* Formación permanente de adultos nas titulacións de patrón costeiro polivalente, patrón local de pesca e patrón portuario.

* Programas de garantía social: navegación e pesca costeira.

Artigo 2º.-Clases de prazas.

As prazas poderán outorgarse nas seguintes dúas modalidades:

a) En réxime de aloxamento e manutención.

b) En réxime de manutención nos comedores dos centros residenciais docentes.

Artigo 3º.-Prazas en réxime de aloxamento e manutención.

Esta modalidade supón a utilización gratuíta dos servizos residenciais dos devanditos centros.

Para optar á praza en réxime de aloxamento e manutención, requirirase que o solicitante acredite documentalmente cumprir as seguintes condicións:

a) Estar matriculado no centro docente onde estea situada a residencia.

b) Imposibilidade de trasladarse ao seu domicilio diariamente, en razón da distancia e tempo investido, cando polos medios habituais de transporte público sexa superior a 60 minutos en cada un dos traxectos ou por razón de incapacidade física do/a solicitante, que faga que resulte penoso o transporte diario ao centro docente.

c) Ter presentada a documentación correspondente para as avaliacións ás que tivese dereito.

d) No caso de alumnos de formación permanente de adultos náutico-pesqueira, ter cumpridos 17 anos, como mínimo, no ano 2006.

e) Reunir os requisitos académicos e profesionais exixidos polo ordenamento xurídico vixente (non ser repetidor).

f) Non se poderá obter praza de aloxamento cando os estudos que se soliciten entrañen a perda dun ano no proceso educativo.

Artigo 4º.-Prazas en réxime de manutención.

A praza en réxime de manutención defínese como a utilización gratuíta dos servizos de comedor dos centros docentes mencionados.

Poderán solicitar praza en réxime de manutención os alumnos/as que acrediten documentalmente ter o seu domicilio habitual a unha distancia superior a 10 km do centro docente, ou ben que, aínda sendo menor, acrediten a súa imposibilidade de chegar coa puntualidade requirida ás clases da tarde.

Artigo 5º.-Incompatibilidades.

As prazas en réxime de aloxamento e manutención son incompatibles coa axuda de residencia fóra do domicilio habitual e coa de transporte, así como con calquera outros beneficios da mesma finalidade que poidan recibirse doutras entidades ou persoas públicas ou privadas.

Artigo 6º.-Adxudicación de prazas.

A adxudicación das prazas farase conforme un baremo no que se terán en conta os seguintes conceptos: renda familiar, rendemento académico e outras circunstancias familiares acreditadas que se recollen no punto c) deste artigo.

A puntuación resultante de sumar estes conceptos será a que determine a adxudicación das prazas convocadas.

Sen prexuízo dos criterios de baremación xeral recollidos no parágrafo anterior, terán dereito á praza de residencia todos/as os/as alumnos/as solicitantes que promocionen dentro do mesmo ciclo formativo.

No caso de que os solicitantes obtivesen o mesmo coeficiente, terán preferencia os que acrediten documentalmente unha relación persoal ou familiar directa co sector, e dentro destes, terán preferencia os de menor renda familiar.

a) Rendemento académico.

-Nota media de sobresaliente: 4 puntos.

-Nota media de notable: 3 puntos.

-Nota media de ben: 2 puntos.

-Nota media de suficiente: 1 punto.

-Nota media de insuficiente: 0 puntos.

Nas ensinanzas nas que existan cualificacións globais por curso, aplicarase o baremo directamente. Cando a cualificación se faga por cada unha das materias cursadas, obterase a nota media de todas e despois aplicarase o baremo.

Nos ciclos formativos, onde as cualificacións se fan do 1 ao 10, séguense as equivalencias que a continuación se sinalan:

-9-10 sobresaliente.

-7-8 notable.

-6 ben.

-5 suficiente, apto, validado.

-3-4 insuficiente.

b) Renda familiar.

Por renda familiar entenderase a suma dos ingresos brutos obtidos no ano 2005 por todos os membros computables da familia, calquera que sexa a súa procedencia.

No caso de actividades empresariais, profesionais, artísticas, deportivas e agrarias computaranse os rendementos netos.

A renda familiar dispoñible obterase despois de deducir da renda familiar o importe das retencións e ingresos á conta, os xuros de capitais investidos na adquisición da primeira vivenda, as cotizacións á Seguridade Social, dereitos pasivos e mutualidades obrigatorias.

Considéranse membros da unidade familiar: o pai e a nai, os irmáns/irmás menores de 23 anos, o/a solicitante, os/as irmáns/irmás solteiros/as menores de 26 anos e que convivan no domicilio familiar ou os de maior idade, cando se trate de diminuídos físicos, psíquicos ou sensoriais, así como os ascendentes dos pais que xustifiquen a súa residencia no mesmo domicilio que estes co certificado municipal correspondente.

No caso de que o/a solicitante alegue a súa independencia familiar e económica, calquera que sexa o seu estado civil, deberá acreditar esta circunstancia e o seu domicilio, así como a titularidade ou o aluguer da vivenda e os medios económicos cos que conta.

Ao cociente da renda familiar dispoñible computada entre o número de membros da unidade familiar, adxudicaráselle a seguinte puntuación:

* Ata 3.155,31: 10 puntos.

* De 3.155,32 a 3.606,07: 8 puntos.

* De 3.606,08 a 4.056,83: 7 puntos.

* De 4.056,84 a 4.507,59: 6 puntos.

* De 4.507,60 a 4.958,35: 5 puntos.

* De 4.958,36 a 5.409,11: 4 puntos.

* De 5.409,12 a 5.859,87: 3 puntos.

* De 5.859,88 a 6.310,63: 2 puntos.

* De 6.310,64 a 6.761,39: 1 punto.

* Máis de 6.761,39: 0 puntos.

De non achegar a fotocopia compulsada da declaración da renda ou certificado de non tela presentada outorgaranse 0 puntos por esta epígrafe.

c) Circunstancias familiares.

* Aos/ás aspirantes que teñan irmáns/irmás cursando estudos de bacharelato, formación profesional específica ou universitarios fóra da súa residencia habitual, engadiránselle 2 puntos polo primeiro e 1 punto por cada un dos seguintes.

* Aos/ás aspirantes en condición de orfandade: 2 puntos.

* Aos/ás aspirantes membros de familia numerosa de 1ª clase 1 punto, de 2ª clase e honra: 2 puntos.

* Aos/ás aspirantes que teñan algún membro da unidade familiar en estado de enfermidade permanente ou con discapacidade: 3 puntos.

Todos os puntos referentes ás circunstancias familiares deberán xustificarse documentalmente.

Artigo 7º.-Regras de procedemento.

a) Todos os/as alumnos/as que soliciten praza deberán cubrir o impreso oficial, que figura como anexo I, e presentalo antes do 15 de setembro. Se rematado o mencionado prazo ordinario de solicitudes quedasen prazas vacantes, abriríase un novo prazo que remataría o 30 de outubro.

b) Os/as alumnos/as que promocionen dentro dun mesmo ciclo só terán que realizar a reserva de praza ante a secretaría do centro con anterioridade ao 15 de setembro.

c) Todos/as solicitantes, xunto coa solicitude, deberán presentar a seguinte documentación:

* DNI do/a solicitante e demais membros da unidade familiar maiores de idade.

* Certificado de estudos, se fose o caso.

* Certificado de ter formalizada a matrícula.

* Certificado de empadroamento e residencia habitual expedido polo concello e correspondente ao ano da solicitude.

* Fotocopia compulsada completa das declaracións do imposto sobre a renda das persoas físicas dos compoñentes que integran a unidade familiar e que teñan a obriga de realizala, correspondentes ao ano 2005, ou certificado da Axencia Estatal de Administración Tributaria de non a ter presentada.

Cando un alumno/a teña presentado no centro e para este curso, algún dos documentos requiridos para a formalización da solicitude, quedará exento de repetilo.

Artigo 8º.-Presentación de solicitudes.

a) As solicitudes presentaranse nos centros docentes onde os solicitantes vaian seguir os seus estudos durante o curso académico 2006-2007.

b) Así mesmo, as solicitudes poderán presentarse nas delegacións territoriais da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, ou por calquera das formas establecidas na Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (modificada pola Lei 4/1999), dentro do prazo establecido no anterior artigo 7º a).

Artigo 9º.-Comisión de valoración.

a) Para o estudo das solicitudes presentadas e selección de posibles adxudicatarios, constituirase en cada centro unha comisión coa seguinte composición:

* Presidente: o delegado territorial correspondente ou persoa en quen delegue.

* Vogais:

Director.

Xefe de estudos.

Un representante da Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro.

Dous profesores membros do Consello Escolar.

Un representante dos pais de alumnos, membro do Consello Escolar.

* Secretario: o secretario do centro docente, que actuará con voz e sen voto.

b) Das reunións celebradas polas comisións ás que se refire o punto anterior, comezando pola da súa constitución, levantarase acta, que será remitida á Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro.

c) As solicitudes de prazas deberán ser estudadas e comprobadas para seleccionar as que deban ser atendidas.

d) A comisión de valoración, vistas as solicitudes, elaborará unha listaxe provisional de solicitudes admitidas e/ou denegadas e a causa que motivou a súa denegación, dando un prazo de 10 días naturais para que os interesados corrixan os erros ou formulen as reclamacións que consideren oportunas.

e) Transcorrido o dito prazo de 10 días naturais a comisión elaborará unha listaxe definitiva de admitidos e excluídos, que se remitirá á Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro.

Artigo 10º.-Resolución.

a) A Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro, á vista das listaxes referidas no artigo anterior, determinará o número total de prazas que poden ser concedidas en función das vacantes dispoñibles e ordenará a confección das listaxes de adxudicatarios.

A dita dirección xeral poderá denegar a praza se se comprobase a falsidade nalgún dos documentos achegados, así como que a familia do/a solicitante dispoña dunha renda familiar dispoñible elevada.

A falsidade dos datos ou falsificación de documentos que se acheguen, calquera que sexa o momento no que se demostre a inexactitude, terá como consecuencia a perda de todos os dereitos dos/das solicitantes que incorran en tal situación e, en consecuencia, a perda da praza de residencia, ademais das responsabilidades a que dera lugar, tras a apertura do correspondente expediente.

b) A directora xeral, por proposta da comisión, resolverá, por delegación expresa da conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, a lista definitiva de adxudicatarios que se publicará nas delegacións territoriais correspondentes e no taboleiro de anuncios dos centros docentes respectivos.

c) Contra esta resolución poderase interpoñer, con carácter potestativo, un recurso de reposición perante a conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos no prazo dun mes, ou un recurso contencioso-administrativo

no prazo de dous meses, contados en ambos os casos desde o día seguinte ao da notificación ou publicación da citada resolución.

d) O prazo máximo para a resolución será de dous meses a partir do prazo de remate de presentación das solicitudes. De non mediar resolución expresa no dito prazo, as solicitudes deberán entenderse desestimadas.

Artigo 11º.-Incorporación dos/as alumnos/as residenciais.

a) Os/as residentes poderanse incorporar á praza de residencia unicamente para cursar os estudos que expresaron na súa solicitude.

b) Os/as residentes incorporados/as quedarán suxeitos ás normas de réxime interno do centro.

c) O estado de saúde do/a residente, que se acreditará documentalmente no momento da incorporación ao centro, deberá permitir o normal desenvolvemento da vida residencial e docente.

d) Os/as residentes que non se incorporen aos centros residenciais docentes nas datas que cada centro sinale para o inicio do curso escolar, non poderán desfrutar da praza de residencia, e perderán os seus dereitos agás nos casos de forza maior.

e) A perda da condición de alumno/a do centro onde debía cursar os estudos para os que lle foi concedida a praza, determinará a perda desta, e así mesmo, da condición de residente do centro residencial docente.

f) Os/as alumnos/as de 2º curso dos ciclos formativos cesarán no desfrute das prazas de aloxamento e manutención ao remate da súa actividade formativa da aula, ben para incorporarse ao módulo de formación en centros de traballo (FCT) ou iniciar un programa de recuperación programado dos módulos avaliados negativamente.

g) Igualmente, cesarán no desfrute das prazas en réxime de aloxamento e manutención como consecuencia de sanción disciplinaria ou cando o/a alumno/a non acuda con regularidade ás clases lectivas e perda o carácter de avaliación continua, tras un informe previo por petición do director do centro.

h) Os/as alumnos/as con praza na residencia que se incorporen á FCT, en empresas situadas nun radio de 5 km de distancia ao centro, poderán seguir usando a residencia ata o remate da FCT na dita empresa.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións necesarias para o mellor cumprimento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de setembro de 2006.

Carmen Gallego Calvar

Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos