DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 178 Xoves, 14 de setembro de 2006 Páx. 14.033

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

RESOLUCIÓN do 1 de setembro de 2006, da Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, pola que se convocan probas de acceso ás ensinanzas técnico-deportivas para o curso 2006-2007.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, regula no artigo 63 as ensinanzas deportivas. Así mes-

mo, o artigo 64 establece a organización e o acceso a estas ensinanzas.

O Real decreto 1913/1997, do 19 de decembro, configura como ensinanzas de réxime especial as conducentes á obtención de titulacións de técnicos deportivos, e aproba as directrices xerais dos títulos e as correspondentes ensinanzas mínimas.

O Real decreto 320/2000, do 3 de marzo, establece os títulos de técnico deportivo e técnico deportivo superior nas especialidades de fútbol e fútbol sala, aproba as correspondentes ensinanzas mínimas e regula as probas e os requisitos de acceso a estas ensinanzas. En desenvolvemento desta norma básica, a Orde do 24 de marzo de 2003 regula para a Comunidade Autónoma de Galicia as probas de madureza e de carácter específico para o acceso a estas ensinanzas.

En virtude da autorización que figura na citada orde, esta dirección xeral resolve convocar as probas de acceso ás ensinanzas técnico-deportivas para o curso 2006-2007, que se rexerán polas seguintes instrucións:

I. Modalidades de acceso.

1. Acceso ás ensinanzas deportivas de grao medio.

Terá acceso ao grao medio das ensinanzas técnico deportivas o alumnado que reúna os seguintes requisitos:

a) Estar en posesión do título de graduado en educación secundaria ou equivalente para efectos académicos. Para o acceso ao segundo nivel de grao medio ter superados os estudos do primeiro nivel.

b) O alumnado que non estea en posesión do título de graduado en educación secundaria ou equivalente deberá ter cumpridos os 17 anos de idade, ou cumprilos no ano de realización da proba, e superar a proba de madureza que se establece no anexo III desta resolución.

2. Acceso ás ensinanzas deportivas de grao superior.

Terá acceso ao grao superior das ensinanzas técnico-deportivas o alumnado que reúna os seguintes requisitos:

a) Estar en posesión do título de técnico deportivo da modalidade ou, se é caso, especialidade deportiva correspondente e estar en posesión do título de bacharelato ou equivalente para efectos académicos.

b) O alumnado que estea en posesión do título de técnico deportivo da modalidade ou, se é caso, especialidade deportiva correspondente, pero que non posúa o título de bacharelato ou equivalente para efectos académicos, deberá ter cumpridos os 18 anos de idade, ou cumprilos no ano de realización da proba, e superar a proba de madureza que se establece no anexo III desta resolución.

II. Inscrición nas probas.

1. A inscrición farase na secretaría dos centros en que se impartan ensinanzas técnico-deportivas, no prazo comprendido desde o día seguinte á publicación da convocatoria no DOG ao día 18 de setembro de 2006, segundo o modelo dos anexos que procedan.

Para tal fin os centros docentes deberán expoñer nos seus taboleiros de anuncios:

a) Normativa reguladora da admisión do alumnado.

b) Calendario de publicación da relación de alumnado admitido, así como dos prazos para presentar reclamacións.

c) Calendario e normas para formalizar a matrícula.

2. Para a formalización das solicitudes de inscrición nas probas, os centros facilitaranlles ás persoas interesadas o modelo que se xunta como anexo I a esta resolución. Unha vez cuberta, entregarase unha única instancia na secretaría do centro, xunto coa documentación que sexa necesaria para a acreditación dos datos consignados:

-Fotocopia do DNI ou pasaporte.

-Título de ESO ou bacharel ou certificación académica na que figure ter realizado o depósito do correspondente título, ou libro de cualificacións da ESO ou bacharelato, se for o caso.

-Certificado de estudos do ciclo formativo en que figuren as cualificacións das diferentes materias cursadas e ter realizado o depósito do correspondente título ou o libro de cualificacións do ciclo formativo, se for o caso.

-Certificado da proba de madurez a de acceso ás ensinanzas deportivas, se for o caso.

3. Os solicitantes de exención prevista no punto décimo da Orde do 24 de marzo de 2003 xuntarán o certificado de acceso á universidade para maiores de 25 anos en que conste a opción efectuada e a puntuación acadada. A resolución sobre a exención correspóndelle ao tribunal avaliador.

4. Os solicitantes que aleguen mérito deportivo xuntarán o documento acreditativo da condición de deportista de alto nivel na correspondente modalidade, emitido polo órgano competente en materia deportiva. A resolución sobre a exención correspóndelle ao tribunal avaliador.

5. Os centros en que se realizou a inscrición terán de prazo ata o día 20 de setembro de 2006 para enviar á Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais a relación de persoas inscritas para realizar a proba, xunto coa documentación presentada, debendo facer constar expresamente as que solicitan exención desta ou a proba adaptada. Para o proceso de inscrición nos centros concertados, e en relación coa documentación que hai que presentar, será suficiente, para os efectos de compulsa, a certificación do secretario do centro de que as fotocopias dos documentos concordan cos correspondentes orixinais.

6. A relación provisoria de persoas inscritas será exposta no taboleiro de anuncios dos centros onde se realizou a inscrición a partir do día 19 de setembro de 2006.

7. A relación definitiva de inscritos será exposta o día 25 de setembro de 2006 no centro onde se celebrarán as probas, así como no portal educativo da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

III. Desenvolvemento das probas.

1. As probas de madureza para as ensinanzas técnico-deportivas serán elaboradas pola Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais de acordo co establecido no anexo II desta resolución.

As probas de madureza celebraranse no IES As Fontiñas da cidade de Santiago de Compostela nos días e horas que se indican a continuación:

Grao medio.

-Proba de madureza: 27 de setembro.

a) Lingua galega e literatura: 9.00 a 10.00 horas.

b) Lingua castelá e literatura: 10.00 a 11.00 horas.

c) Socio-cultural: 11.30 a 12.30 horas.

d) Científico-tecnolóxico 12.30 a 13.30 horas.

Grao superior.

-Proba de madureza: 27 de setembro.

a) Lingua galega e literatura: 9.00 a 10.00 horas.

b) Lingua castelá e literatura: 10.00 a 11.00 horas.

c) Lingua estranxeira (opción inglés ou francés): 11.30 a 12.30 horas.

d) Matemáticas: sobre contidos comúns ás matemáticas e ás matemáticas aplicadas ás ciencias sociais, de 12.30 a 14.00 horas.

2. A proba de acceso específica para a titulación de técnico deportivo en fútbol sala celebrarase no IES Rosalía de Castro da cidade de Santiago de Compostela o día 29 de setembro ás 9.00 da mañá.

3. A proba de acceso específica para a titulación de técnico deportivo en fútbol celebrarase no centro autorizado de fútbol Real Club Deportivo da Coruña do Concello de Abegondo (A Coruña) o día 2 de outubro ás 9.00 da mañá.

Calquera posible variación sobre este calendario requirirá autorización expresa da Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais.

IV. Tribunais das probas.

Os tribunais constituiranse de acordo co descrito nos respectivos decretos polos que se establecen os currículos das modalidades correspondentes, tal como figuran nos anexos VI e V da presente resolución.

V. Reclamacións.

Contra as cualificacións provisionais das probas de acceso poderase presentar reclamación durante os dous días seguintes á publicación das cualificacións provisionais ante o presidente do tribunal.

Contra as resolucións das reclamacións, a persoa interesada poderá interpoñer recurso de alzada no prazo dun mes, ante a delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da provincia en que se ditou a resolución impugnada. A resolución deste recurso porá fin á vía administrativa.

Santiago de Compostela, 1 de setembro de 2006.

Antonio Vázquez Vázquez

Director xeral de Formación Profesional

e Ensinanzas Especiais

ANEXO III

I. Proba de madureza dos ciclos de grao medio das ensinanzas técnico-deportivas.

A proba de madureza constará das seguintes probas:

-Desenvolvemento por escrito, durante o tempo máximo dunha hora, das cuestións que se formulen sobre lingua castelá a partir dun texto escrito.

Neste exercicio valorarase a madureza e o nivel de coñecementos sobre esta área propia do currículo da educación secundaria obrigatoria.

-Desenvolvemento por escrito, durante o tempo máximo dunha hora, das cuestións que se formulen sobre lingua galega a partir dun texto escrito.

Neste exercicio valorarase a madureza e o nivel de coñecementos sobre esta área propia do currículo da educación secundaria obrigatoria.

-Desenvolvemento por escrito, durante un tempo máximo dunha hora, das cuestións que se formulen referidas a contidos socioculturais.

Neste exercicio valorarase a madureza e o nivel de coñecementos referidos ás ciencias sociais, das correspondentes áreas do currículo da educación secundaria obrigatoria.

-Desenvolvemento por escrito, durante un tempo máximo dunha hora, das cuestións que se formulen referidas a contidos científico-tecnolóxicos.

Neste exercicio valorarase a madureza e o nivel de coñecementos referidos ás matemáticas, ciencias da natureza e tecnoloxía das correspondentes áreas do currículo da educación secundaria obrigatoria.

II. Proba de madureza dos ciclos de grao superior das ensinanzas técnico-deportivas.

A proba de madureza constará das seguintes probas:

Versará sobre as materias comúns propias do currículo do bacharelato: lingua e literatura galega, lingua e literatura castelá, matemáticas e linguas estranxeiras. O alumno seleccionará tres das devanditas materias e desenvolverá por escrito unha cuestión de entre catro que lle fosen propostas, de cada unha das tres elixidas.

O tempo máximo para realizar este exercicio será de tres horas.

Neste exercicio valorarase o grao de madureza do aspirante en canto á correcta comprensión de conceptos, a utilización da linguaxe e a capacidade de análise e síntese.

ANEXO IV

Composición do tribunal único que deberá xulgar as probas de madureza ás ensinanzas técnico-deportivas para o curso 2006-2007:

Tribunal:

Presidente: Fernando Fernández Fraga.

Secretario: José Francisco Serrallé Marzoa.

Vogais:

Ricardo Pita Fernández.

Pilar Peñas Boleas.

Luz Ares Fandiño.

Nieves Seoane Martínez.

Tribunal suplente:

Presidente: Manolo Guerra Fernández.

Secretario: Antón Porteiro Lago.

Vogais:

María Jesús González Regales.

Lourdes Andrade Oliviér.

Belén Santos Lago.

Xulia Marqués Valea.

ANEXO V

Composición do tribunal único que deberá xulgar as probas de acceso de carácter específico ás ensinanzas técnico-deportivas de fútbol sala para o curso 2006-2007:

Tribunal:

Presidente: Fernando Fernández Fraga.

Secretario: Raúl Varela Lorenzo.

Vogais:

José Manuel Rivas Casal.

Juan Emilio Riveiro Rodríguez.

Alberto Pardo Fernández.

Tribunal suplente:

Presidente: Manolo Guerra Fernández.

Secretaria: María Paz Gago.

Vogais:

Diego Rojo Garrido.

Francisco Javier Suárez Regueiro.

Francisco Javier Marcos Olivares.

Composición do tribunal único que deberá xulgar as probas de acceso de carácter específico ás ensinanzas técnico-deportivas de fútbol para o curso 2006-2007:

Tribunal:

Presidente: Fernando Fernández Fraga.

Secretario: Raúl Varela Lorenzo.

Vogais:

Antonio Fernández Rodríguez.

Juan Emilio Riveiro Rodríguez.

José Antonio Moreira Fernández.

Tribunal suplente:

Presidente: Manolo Guerra Fernández.

Secretaria: María Paz Gago.

Vogais:

Diego Rojo Garrido.

Francisco Javier Suárez Regueiro.

Francisco Javier Marcos Olivares.