DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 178 Xoves, 14 de setembro de 2006 Páx. 14.033

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

RESOLUCIÓN do 29 de agosto de 2006, da Secretaría Xeral de Emigración, pola que se amplía o prazo de presentación de solicitudes das axudas convocadas na Resolución do 11 de abril de 2006, pola que se regulan axudas extraordinarias a emigrantes galegos retornados e aos seus familiares para o exercicio 2006.

Mediante Resolución do 11 de abril de 2006 (DOG do 21 de abril) convocáronse axudas económicas a favor de emigrantes galegos retornados e aos seus familiares, co obxecto de atender situacións de necesidade ou precariedade económica derivadas do seu retorno á Comunidade Autónoma de Galicia.

No artigo 7.2º da devantida resolución fíxase o prazo de presentación de solicitudes desde a entrada en vigor desta resolución ata o 30 de setembro de 2006.

Faise conveniente ampliar o prazo de presentación de solicitudes para que, deste xeito, se amplíe tamén o período de cobertura para aqueles que retornen desde o 1 de outubro ao 15 de novembro, dada a existencia de crédito axeitado e suficiente. En consecuencia, de conformidade co disposto no artigo 49 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común,

RESOLVO:

Artigo 1º

Ampliar ata o 15 de novembro de 2006, inclusive, o prazo de presentación das solicitudes previsto no artigo 7.2º da Resolución do 11 de abril de 2006, pola que se regulan axudas extraordinarias a emigrantes galegos retornados e aos seus familiares para o exercicio 2006.

Artigo 2º

A devandita ampliación non supón modificación dos demais condicionantes exixidos na resolución antedita.

Disposición derradeira

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de agosto de 2006.

Manuel Luís Rodríguez González

Secretario xeral de Emigración