DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 177 Mércores, 13 de setembro de 2006 Páx. 13.997

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CENTRO DE ESTUDOS XUDICIAIS E SEGURIDADE PÚBLICA DE GALICIA

RESOLUCIÓN do 1 de setembro de 2006 pola que se convoca un curso sobre xestión do mantemento físico individual.

Dentro das actividades programadas para o ano 2006, en colaboración coa Deputación Provincial de Pontevedra, en virtude do convenio de formación asinado entre a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e a Deputación Provincial de Pontevedra, anúnciase a celebración dun curso sobre xestión do mantemento físico individual, que deberá desenvolverse conforme as seguintes bases:

Obxectivos.

-Implicar os membros dos corpos de seguridade na necesidade de manterse fisicamente no mellor estado que permita unha prestación do servizo e unha imaxe persoal axeitadas.

-Establecer determinadas pautas ou rutinas de entreno físico, que axuden na adquisición de hábitos e comportamentos favorables para a melloría tanto física como mental.

Publicación.

Esta actividade formativa, e tamén todas aquelas que se desenvolvan en colaboración coa Deputación Provincial de Pontevedra, será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e no BOP de Pontevedra.

Destinatarios.

O curso vai dirixido aos membros dos corpos de policía local da provincia de Pontevedra.

Inscrición.

A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.

Prazas.

30 prazas.

Solicitudes.

1. O persoal que desexe participar neste curso deberán presentar, cuberta á máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo.

2. O prazo para a presentación de instancias rematará o día 21 de setembro de 2006, ás 14.00 horas.

3. As instancias deberán enviarse á Deputación Provincial de Pontevedra-Área de Recursos Humanos e Formación (fax: 986 80 41 41: avenida Montero

Ríos, s/n, 36001 Pontevedra; ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Datas.

O curso realizarase durante os días 25 e 26 de setembro, 30 de outubro e 13 e 14 de decembro.

O horario será das 16.00 ás 20.00 horas, cunha duración de 20 horas lectivas.

Contido.

Módulo I: presentación e establecemento das condicións necesarias para a melloría e o mantemento físico individual.

Módulo II: continuación: control de actividades e introdución á segunda parte.

Módulo III: control e resumo final.

Relación de admitidos.

A relación de admitidos farase publica o día 22 de setembro a partir das 14.00 horas, tanto pola Deputación Provincial de Pontevedra como polo Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia, os interesados poden coñecer e confirmar a súa asistencia chamando aos teléfonos 986 59 02 42/43/44 (Cexesga) e na páxina web http://cexesga.xunta.es, ou 986 80 41 00, ext. 306/307 (Área de Recursos Humanos e Formación da Deputación Provincial de Pontevedra).

Lugar.

O curso desenvolverase no concello de Nigrán, quedando por concretar o seu lugar de celebración, que comunicará xunto coa lista de admitidos.

Certificado de asistencia.

Ao remate do curso entregaráselle un certificado de asistencia a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada a el.

Modificacións.

Tanto o Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia como a Deputación Provincial de Pontevedra, se é o caso, poderán modificar o desenvolvemento normal do curso para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 1 de setembro de 2006.

Carlos Suárez-Mira Rodríguez

Director xeral do Centro de Estudos Xudiciais e

Seguridade Pública de Galicia