DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 177 Mércores, 13 de setembro de 2006 Páx. 13.991

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

ORDE do 8 de setembro de 2006 pola que se declaran e clasifican as zonas de produción de moluscos bivalvos e outros invertebrados mariños nas augas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia.

O Real decreto 571/1999, do 9 de abril, aprobou a Regulamentación técnico-sanitaria que fixa as normas aplicables á produción e comercialización de moluscos bivalvos. Deste xeito adecuábase a normativa nacional ao establecido na Directiva 91/492/CEE, do 15 de xullo de 1991, pola que se fixan as normas sanitarias aplicables á produción e posta no mercado de moluscos bivalvos vivos.

A antedita regulamentación establecía as normas técnico-sanitarias aplicables á produción e comercialización dos moluscos bivalvos vivos destinados ao consumo humano directo ou á transformación previa ao seu consumo.

Así mesmo, a dita regulamentación viña aplicándose tamén, agás nas disposicións relativas a depuración, aos equinodermos, tunicados e gasterópodos mariños.

Co fin de darlles cumprimento ás mencionadas normas estatais, a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos publicou a Orde do 10 de xullo de 2002, na que se declaran e clasifican as zonas de produción de moluscos bivalvos e outros invertebrados mariños

nas augas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, e a Resolución do 4 de novembro de 2002, do Centro de Control do Medio Mariño, pola que se modifica a clasificación da zona de produción de moluscos bivalvos denominada enseada da Barca na ría de Ferrol.

Coa publicación da Directiva 2004/41/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 21 de abril de 2004, pola que se derrogan determinadas directivas que establecen as condicións de hixiene dos produtos alimenticios e as condicións sanitarias para a produción e comercialización de determinados produtos de orixe animal destinados ao consumo humano e se modifican as directivas 89/662/CEE e 92/118/CEE do Consello e a Decisión 95/408/CE do Consello, quedou derrogada, entre outras, a Directiva 91/492/CEE.

Tamén ten lugar a publicación e entrada en vigor das novas normas reguladas nos Regulamento (CE) nº 852/2004, do 29 de abril de 2004 relativo á hixiene dos produtos alimenticios, Regulamento (CE) nº 853/2004, do 29 de abril de 2004, polo que se establecen normas específicas de hixiene dos alimentos de orixe animal, Regulamento (CE) nº 854/2004, do 29 de abril de 2004, que establece normas específicas para a organización dos controis oficiais dos produtos de orixe animal destinados ao consumo humano, modifican e establecen novas normas de aplicación ás zonas de produción e para a comercialización de moluscos bivalvos vivos e Regulamento (CE) nº 2073/2005, do 15 de novembro de

2005, relativo aos criterios microbiolóxicos aplicables aos produtos alimenticios.

En vista da modificación do ámbito lexislativo comunitario, no ámbito español tamén se aprobou o Real decreto 640/2006, do 26 de maio, polo que se regulan determinadas condicións de aplicación das disposicións comunitarias en materia de hixiene, produción e comercialización dos produtos alimenticios, que recolle a derrogación dos reais decretos que traspoñían as normativas derrogadas, para adaptarse á Directiva 2004/41/CE.

Co fin de actualizar e dar cumprimento ás mencionadas normas e baseándose nos resultados das análises periódicas realizadas nos plans de mostraxe establecidos, faise necesario proceder á actualización da relación das zonas de produción.

Polo tanto, por proposta da Dirección Xeral de Recursos Mariños e da Dirección do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia, da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos

DISPOÑO:

Artigo 1º

De acordo co establecido no Regulamento (CE) 854/2004, do 29 de abril, polo que se establecen normas para a organización de controis oficiais para os produtos de orixe animal destinados ao consumo humano, establécese para as augas da Comunidade Autónoma de Galicia, a relación e clasificación de zonas de produción que aparece recollida no anexo I, na cal se relacionan zonas específicas para polígonos de bateas, moluscos bivalvos bentónicos, moluscos gasterópodos e equinodermos.

Artigo 2º

1. Unicamente se poderán realizar labores de recollida ou produción das especies mariñas a que se refire esta orde naquelas zonas que aparecen incluídas no anexo I.

2. O tratamento a que deben ser sometidos os produtos en función da clasificación da zona de produción será o establecido na sección VII do anexo III do Regulamento (CE) 853/2004, do 29 de abril, ou na normativa que a modifique ou substitúa.

Artigo 3º

1. Co fin de garantir a idoneidade dos produtos extraídos nas diferentes zonas, a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, a través do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia, realizará o control de todas as zonas de produción, conforme o establecido no Regulamento (CE) 854/2004, do 29 de abril, no Real decreto 345/1993, do 5 de marzo, polo que se establecen as normas de calidade das augas e da produción de moluscos bivalvos vivos e na Lei 3/2004, do 7 de xuño, de creación do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia, ou normativa que a modifique ou substitúa.

2. O plan de mostraxe para o control da calidade microbiolóxica terá unha periodicidade mínima trimestral para as zonas clasificadas como A, B ou C.

Artigo 4º

Cando os controis establecidos nas zonas de produción demostren unha modificación das condicións que determinaron a súa clasificación, a dirección do Intecmar, mediante resolución, prohibirá a recollida e explotación de moluscos bivalvos, gasterópodos ou equinodermos na zona de que se trate ou procederá ao cambio de clasificación da zona de produción que poderá ser periódico ou temporal, ata que se restablezan as condicións orixinais. Unha vez que se comprobe que se recuperan os niveis de E. coli, a dirección do Intecmar, procederá á apertura ou restitución da clasificación da zona.

Artigo 5º

A dirección do Intecmar informará de maneira inmediata a Dirección Xeral de Recursos Mariños, a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, o delegado do Goberno en Galicia, as organizacións ou asociacións de produtores, os responsables dos centros de depuración e expedición, os centros de transformación, e os organismos con competencia en saúde pública, de todo cambio que se produza en cada zona.

Artigo 6º

Cando as análises e controis efectuados nas zonas de produción clasificadas como B ou C demostren o cumprimento de todos os parámetros exixidos durante os períodos establecidos, a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos procederá a revisar a clasificación da devandita zona. Igualmente poderá establecer novas zonas ou subzonas de produción, se se comproba que as medidas de mellora establecidas provocan redución da contaminación ou ben que novos impactos provoquen un aumento desta, e as análises realizadas en distintas áreas desa zona de produción presentan niveis de E. coli que permitan establecer novas clasificacións dentro da zona de produción.

Disposicións derrogatorias

Primeira.-Queda derrogada a orde da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos do 10 de xullo do 2002 (DOG nº 143, do 26 de xullo) pola que se declaran e clasifican as zonas de produción de moluscos bivalvos e outros invertebrados mariños nas augas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia.

Segunda.-Queda derrogada a Resolución do 4 de novembro de 2002, do Centro de Control do Medio Mariño, pola que se modifica a clasificación da zona de produción de moluscos bivalvos denominada enseada da Barca na ría de Ferrol.

Terceira.-Quedan derrogadas todas as disposicións de igual ou inferior rango en canto contradigan ou se opoñan ao disposto nesta orde.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor ao día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de setembro de 2006.

Carmen Gallego Calvar

Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos