DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 177 Mércores, 13 de setembro de 2006 Páx. 13.984

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

ORDE conxunta do 28 de agosto de 2006, da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, da Consellería de Innovación e Industria, da Consellería de Sanidade e da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, pola que se convocan premios á innovación educativa sobre os temas transversais.

As necesidades da sociedade actual exixen unha visión da educación desde unha perspectiva holística e interdisciplinaria para facer progresar o saber e as capacidades necesarias de cara a un futuro viable, así como un cambio de valores, de comportamentos e de modos de vida; o que obriga a repensar as políticas e prácticas educativas para actuar segundo esquemas apropiados á cultura en prol da resolución de problemas que ameazan o futuro común, traballando para construír un futuro durable.

Ante o panorama actual e futuro perfílanse claramente algúns dos coñecementos, destrezas e actitudes que serán precisos para que as persoas se integren con plenas garantías na sociedade, entre as que ocupa un papel relevante a competencia cidadá, é dicir, o conxunto de prácticas e actividades que lles permitan a todas as persoas participar na vida democrática asumindo os seus dereitos, deberes e responsabilidades.

Na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, destácanse como principios do sistema educativo a transmisión e posta en práctica de valores que favorezan a liberdade persoal, a responsabilidade, a cidadanía democrática, a solidariedade, a tolerancia, a igualdade, o respecto e a xustiza, así como o fomento e a promoción da investigación, a experimentación e a innovación educativa. Recóllese, ademais, que o tratamento destes contidos se consideran dimensións educativas que non deben tratarse en paralelo, á parte das áreas disciplinares, senón de xeito común e, polo tanto, con presenza en todas elas.

A innovación e a investigación sobre a práctica docente é unha das canles de perfeccionamento do profesorado e de mellora da práctica educativa. Por isto, a través desta convocatoria preténdese fomentar o desenvolvemento de experiencias educativas innovadoras no ensino de contidos transversais, encadrada no impulso de carácter xeral das actividades de innovación educativa que leva a cabo a Consellería de

Educación e Ordenación Universitaria xunto con outros organismos da Administración autonómica.

Esta orde ten por finalidade establecer unha convocatoria de premios para lles dar recoñecemento ás mellores prácticas desenvolvidas no ensino dos citados contidos, recollendo un conxunto de temas específicos e un metatema xenérico, como é a transversalidade na educación.

Por todo isto, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, a Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, a Consellería de Innovación e Industria, a Consellería de Sanidade e a Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, facendo uso das competencias que teñen atribuídas nesta materia, establecen as bases para a convocatoria e concesión de premios á innovación educativa sobre temas transversais.

DISPOÑEMOS:

Artigo 1º.-Obxecto da convocatoria.

O obxecto desta orde é a convocatoria de 16 premios á innovación e investigación educativa, dous por cada un dos seguintes temas, así como a aprobación das súas bases de concesión:

-A transversalidade na educación.

-Educación para a igualdade.

-Educación viaria.

-Educación para o consumo responsable.

-Educación para a saúde e a calidade de vida.

-Prevención do consumo indebido de drogas.

-Educación para a sustentabilidade.

-Educación para o lecer.

Artigo 2º.-Dotación económica.

Os premios terán a seguinte dotación, que compromete a cada unha das consellerías asinantes da orde a efectuar os pagamentos correspondentes. En cada tema adxudícanse dous premios de 1.500 A cada un. Os premios poderán ser declarados desertos.

TemaContíaAplicación orzamentaria

A transversalidade na educación.3.000 A09.02.323A.640.1
Educación para a igualdade de ambos os sexos.3.000 A05.10.211A.640.0
Educación viaria.3.000 A08.03.413B.640.1
Educación para o consumo.3.000 A10.80.513B.640.0
Educación para a saúde e a calidade de vida.3.000 A13.02.313A.640.9
Prevención do consumo indebido de drogas.3.000 A13.01.313A.640.1
Educación para a sustentabilidade.3.000 A15.04.342A.640.1
Educación para o lecer.3.000 A05.32.355B.640.7

Artigo 3º.-Persoas destinatarias.

Poderá participar nesta convocatoria, a título individual ou en grupo, o profesorado que desenvolvese as experiencias que presenta no curso 2005-2006 en centros educativos sostidos con fondos públicos.

Artigo 4º.-Prazo de presentación.

O prazo de presentación de solicitudes para participar na convocatoria é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación.

Artigo 5º.-Presentación de solicitudes e documentación.

Para a participación nesta convocatoria será necesaria a presentación de:

a) Instancia dirixida á directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, asinada polo autor/a ou, se é o caso, pola persoa coordinadora responsable do grupo de traballo (anexo I).

b) Certificación do director/a do centro educativo en que estea destinado cada docente, que deberá incluír o DNI, acreditativa de que o/a autor/a, ou cada membro do grupo, presta os seus servizos como persoal docente no devandito centro ou de que estivo destinado neste durante a realización da experiencia (anexo II).

c) Declaración xurada ou promesa de estar en posesión dos dereitos de publicación, distribución e uso da totalidade da experiencia, materiais ou produtos presentados, de que son inéditos ou, polo menos, non foron comercializados e de que non foron premiados ou se obtivo bolsa por eles con anterioridade, nin sufragados pola Xunta de Galicia ao abeiro doutros programas (anexo III).

d) Cada participante debe achegar unha copia compulsada do seu DNI e unha certificación bancaria de que é titular da conta declarada na solicitude.

e) Autorización, se é o caso, para o uso de imaxe de menores (anexo IV).

f) No caso de que os/as autores/as non dispoñan da plena titularidade dos dereitos do traballo presentado, terán que achegar un escrito asinado polas persoas posuidoras deses dereitos declarando a aceptación das bases deste concurso.

g) Memoria descritiva da experiencia.

h) Material que presenta, en soporte óptico.

A documentación -anexos-, así como a memoria e material presentaranse en sobre pechado no rexistro da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, ou por calquera dos medios establecidos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. No caso de que se envíe por correo certificado, a documentación que deberá xuntarse ao traballo terá que ser datada e selada polo funcionario de correos antes de ser certificada.

De conformidade co artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, cando non se achegue a documentación exixida, as persoas interesadas serán requiridas para a súa presentación nun prazo máximo de dez días

hábiles contados desde o día seguinte ao da notificación efectuada.

Artigo 6º.-Características da memoria descritiva.

Presentaranse dúas copias: unha en soporte óptico (CD-ROM) e outra en papel, coa memoria descritiva da experiencia educativa, cunha extensión máxima de 33.000 caracteres (espazos incluídos). A súa estrutura axustarase ao seguinte esquema:

a) Portada: título, centro, autoría, sinopse do traballo en 4 liñas, delimitación do campo de traballo (ciclo, cursos, áreas ou materias).

b) Índice hipervinculado.

c) Guía didáctica: xustificación, obxectivos, contidos, metodoloxía, temporalización, organización de espazos e de tempos, actividades, plan de avaliación (indicadores e incidencia na práctica educativa).

d) Mecanismos establecidos para a coordinación, no caso de participantes de varios centros.

Poderanse presentar no soporte que se considere oportuno, preferiblemente en soporte óptico, ou en contorno web, outros materiais complementarios (escritos, gráficos, audiovisuais, etcétera).

No caso de se presentaren materiais multimedia interactivos en contorno web que fomenten o traballo dos contidos transversais, a memoria deberá estar integrada no recurso, axustarase ao esquema anterior e, ademais, deberá recoller as seguintes especificacións:

a) Exposición e descrición das características técnicas do software e hardware necesarios para a utilización dos programas.

b) Descrición do procedemento de elaboración do recurso e dos medios utilizados.

Artigo 7º.-Requisitos xerais das experiencias e dos materiais.

1. As experiencias e materiais que se presenten deberán reunir os seguintes requisitos xerais:

a) Os traballos presentados individualmente ou en grupo deberán ser orixinais, non comercializados e non premiados con anterioridade.

b) Os traballos deberán ser redactados e presentados en lingua galega, agás as actividades e contidos directamente dirixidos ao alumnado que versen sobre as materias de lingua castelá e literatura, que poderán estar en castelán, e lingua estranxeira, que poderán estar no idioma estranxeiro obxecto do traballo. En todo caso, a memoria descritiva deberá estar obrigatoriamente redactada en galego.

c) Deberán ter sido experimentados nas aulas e supoñer innovacións curriculares, metodolóxicas ou organizativas relacionadas cos temas transversais, así como ser coherentes coa normativa establecida pola Xunta de Galicia.

d) O material presentado non poderá incluír publicidade de empresas, produtos ou servizos comerciais.

e) Os materiais presentados en que aparezan menores deberán acompañarse obrigatoriamente da correspondente autorización (anexo IV) para uso da súa imaxe asinada polos pais, nais, titores/as ou representantes legais das e dos menores.

f) En todos os materiais educativos eliminaranse os estereotipos sexistas ou discriminatorios e fomentarase o igual valor de homes e mulleres.

g) No caso de que os/as autores/as non dispoñan da plena titularidade dos dereitos do traballo presentado, terán que achegar un escrito asinado polas persoas posuidoras destes en que aceptan as bases deste concurso. O feito de que un produto necesite para o seu funcionamento e libre distribución software propietario-comercial e/ou dereitos que non poidan ser cedidos pola persoa concursante será motivo suficiente para a súa exclusión do concurso.

Co fin de facilitar a publicación en web, recoméndase consultar a Guía de publicación en web, dispoñible no portal de contidos educativos (http://contidos.edu.xunta.es), en Opcións, na sección de Obradoiro.

Artigo 8º.-Comisión de selección.

Os traballos presentados que se axusten a esta convocatoria serán valorados por unha comisión integrada por:

-A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, que actuará como presidenta.

-A subdirectora xeral de Ordenación Educativa que actuará como vicepresidenta.

-O xefe do Servizo de Conservación e Explotación da Dirección Xeral de Obras Públicas.

-A xerente do Instituto Galego de Consumo, ou persoa en que delegue.

-O xefe da Área de Prevención, Reinserción e Coordinación Xeral de Saúde Mental e Drogodependencias da Secretaría Xeral do Sergas, ou persoa en que delegue.

-O subdirector xeral de Programas de Fomento de Estilos de Vida Saúdables ou persoa en que delegue.

-A secretaria do Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, ou persoa en que delegue.

-O subdirector xeral de Centros e Servizos á Xuventude, ou persoa en que delegue.

-O xefe do Servizo de Educación para a Sostibilidade, ou persoa en que delegue.

-A xefa do Servizo de Ordenación e Innovación Educativa.

-O xefe do Servizo de Formación do Profesorado.

-Un funcionario ou unha funcionaria da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa que actuará como secretario con voz pero sen voto.

A comisión, se é o caso, poderá contar co asesoramento de especialistas así como con informes da Inspección Educativa e/ou dos centros de Formación e Recursos, solicitados previamente pola Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa.

Artigo 9º.-Criterios de valoración.

A comisión seleccionará os traballos tendo en conta os seguintes criterios:

1. Criterios xerais.

-O carácter innovador ou integrador de prácticas educativas novidosas, eficaces e sostibles.

-A calidade da investigación ou avaliación previa que dea fundamento ao traballo.

-A incidencia na mellora da práctica docente e na calidade da educación.

-A adaptación do traballo ao alumnado, ás súas necesidades e capacidades, tomando en consideración a variedade de situacións educativas persoais e sociais.

-O nivel de accesibilidade da aplicación para as persoas con algunha discapacidade.

-A calidade do deseño didáctico, materiais e presentación gráfica.

-A transferibilidade a outros contextos educativos para a súa utilización por outro profesorado e alumnado do mesmo nivel, etapa ou curso.

-A capacidade para ser difundido.

-A adecuación ás últimas tecnoloxías e a calidade da documentación.

2. Criterios específicos.

-No tema de educación vial daráselles prioridade a aqueles traballos onde o grao de participación e implicación da comunidade educativa sexa maior.

-No caso do tema de consumo, daráselles prioridade aos traballos que reflictan o consumo responsable nun consumo ético, ecolóxico e solidario, e acorde coa nosa economía, deberá impregnar as actividades da EC nas aulas. Deberá terse en conta tanto a insostibilidade de determinados hábitos de consumo como o impacto psicolóxico e social que determinados valores que se están a implantar desde a publicidade ou os medios de comunicación poden causar no alumnado.

-No caso do tema de educación para a saúde, daráselles prioridade aos traballos que implicaron unha dinámica de centro escolar completo, máis que de aula ou de ciclo, e aqueles que aborden os hábitos alimentarios e de exercicio físico dos e das escolares.

-No caso do tema de prevención de consumo indebido de drogas, daráselles prioridade aos traballos realizados a partir do material didáctico editado ao respecto polas consellerías de Educación e Ordenación Universitaria e a Consellería de Sanidade.

-No caso do tema da educación para a igualdade de ambos os sexos, valorarase nos traballos presentados a inclusión de cando menos algún dos aspectos que se detallan a continuación:

* Tratamento preventivo e intervencionista da violencia de xénero en todas as súas diferentes facetas.

* A adquisición, en alumnas e alumnos, dos coñecementos que lles permitan atender ás súas propias necesidades domésticas e os labores familiares compartidos, inclusive as cargas parentais e a atención familiar das persoas dependentes.

* A modificación de roles e estereotipos que limitan as posibilidades de desenvolvemento das mulleres.

* Enriquecemento do contido curricular coas contribucións ao coñecemento humano realizadas polas mulleres no pasado e no presente.

-No caso do tema da xuventude relacionado coa educación para o lecer, daráselles prioridade a aquelas actividades que fomenten a educación en valores.

-No caso do tema de educación para a sustentabilidade, valoraranse os traballos que promovan actividades do alumnado de contraste argumental entre factores ambientais, económicos e sociais deo desenvolvemento. Deberase considerar a insostibilidade da preponderancia dun só factor e promover o consenso para acadar unha solución de equilibrio.

Artigo 10º.-Certificación.

A Administración educativa recoñeceralle ao profesorado autor dos traballos premiados, mediante expedición de certificado persoal, as actividades de innovación realizadas no marco desta convocatoria. Tales traballos terán a consideración de actividades de formación permanente do profesorado, ao abeiro do punto 2º do artigo 25 da Orde do 3 de setembro de 2001, pola que se regula a convocatoria, recoñecemento, certificación e rexistro das actividades de formación permanente do profesorado e se establecen as equivalencias das actividades de investigación e das titulacións (DOG do 10 de setembro).

Así, aplicarase para cada premio a equivalencia de 20 horas e nas autorías colectivas (catro persoas como máximo) distribuiranse, segundo as porcentaxes declaradas na solicitude, entre o profesorado para o que se declare unha participación igual ou superior ao 25%, cunha certificación individual non inferior a 10 horas.

Artigo 11º.-Pagamento dos premios.

1. O pagamento do importe correspondente aos premios farase por transferencia bancaria a nome do autor ou autora se o traballo é individual. No caso de que sexa colectivo, o pagamento farase a todas as persoas integrantes do grupo segundo as porcentaxes de participación declaradas na solicitude.

2. Os premios estarán suxeitos á retención fiscal correspondente.

3. Os/as destinatarios/as dos premios teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

4. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión dos premios poderá dar lugar a modificacións da resolución das concesións.

5. Así mesmo, en caso de incumprimento de calquera das condicións establecidas para a súa concesión existirá a obriga de reintegro total ou parcial do premio percibido.

Artigo 12º.-Difusión e publicación das experiencias e materiais.

1. A presentación a esta convocatoria implicará, no caso dos traballos premiados, a colaboración nas accións de difusión que se organicen, así como a cesión a favor das consellerías e organismos convocantes dos dereitos de edición.

2. Para concorreren, durante un período de dous anos, os traballos premiados a outros concursos convocados por outras administracións ou entes públicos ou privados, deberase contar coa autorización da consellería ou organismo que outorgue o premio ou coa da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Unha vez acabado ese período non haberá incompatibilidade para concorrer a outras convocatorias, excepto as realizadas por esa consellería.

3. No caso de que os/as autores/as decidisen publicar por outras vías os traballos premiados, deberán solicitar o permiso correspondente á Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa. De ser a resposta positiva, na publicación deberá constar expresamente o premio de que foi obxecto.

4. Os/as autores/as quedarán comprometidos a realizar as modificacións precisas nos documentos finais e/ou subministrar os arquivos de código fonte necesarios para que poidan ser publicados total ou parcialmente no formato máis adecuado.

Artigo 13º.-Retirada da documentación.

As persoas interesadas ou quen as representan poderán retirar a documentación das experiencias e materiais non premiados, agás a requirida, na Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, no prazo de catro meses a partir da publicación da resolución de concesión desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o citado prazo, procederase á súa destrución.

Artigo 14º.-Resolución.

1. O prazo máximo de resolución será de catro meses desde a publicación da orde no DOG, enten

déndose desestimadas as solicitudes no caso de non resolverse neste prazo.

2. A proposta de concesión de premios emitida pola comisión elevaráselle á conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, para a súa resolución e publicación no Diario Oficial de Galicia.

3. Contra esa resolución, que lle pon fin á vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade coa Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Delegación de competencias.

Autorízase a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa para ditar as disposicións necesarias no desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Réxime de recursos.

Esta orde poderá ser recorrida potestativamente, mediante recurso de reposición perante a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade coa Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Terceira.-Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor a partir do día seguinte ao da súa publicación.

Santiago de Compostela, 28 de agosto de 2006.

Laura Sánchez PiñónAnxo Quintana González

Conselleira de EducaciónVicepresidente da Igualdade

e do Benestar

Mª José Caride EstévezFernando Xavier Blanco Álvarez

Conselleira de Política Territorial,Conselleiro de Innovación e Industria

Obras Públicas e Transportes

María José Rubio VidalManuel Vázquez Fernández

Conselleira de SanidadeConselleiro de Medio Ambiente

e Desenvolvemento Sostible