DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 177 Mércores, 13 de setembro de 2006 Páx. 13.983

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 151/2006, do 31 de agosto, polo que se aproba a modificación dos estatutos do Consorcio Provincial contra Incendios e Salvamento da Coruña.

A necesidade de dar unha resposta eficaz do servizo contra incendios e salvamento fai necesaria unha organización axeitada deste en todo o territorio galego. Con este obxectivo, a Xunta de Galicia, no seu día, elaborou o Plan Galego de Dotación de Parques contra Incendios Urbanos, baseado en criterios de racionalidade técnica e económica, que permitira dotar a Comunidade Autónoma dun servizo integrado de extinción de incendios, garantindo este servizo en toda Galicia, baixo condicións aceptables, en función do risco e da dificultade técnica da extinción de incendios.

En consecuencia, o Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do sete de xullo de dous mil un, acordou participar no Consorcio Provincial da Coruña para a prestación do servizo contra incendios e salvamento, segundo o disposto no artigo 196.3º da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

Con posterioridade, o Consello da Xunta de Galicia aprobou os estatutos do referido consorcio, mediante o Decreto 258/2002, do 30 de xullo.

Agora, para alcanzar unha maior axilidade na xestión e eficacia na prestación do servizo, así como co obxecto de adecualo á nova estrutura orgánica da Xunta de Galicia, cómpre proceder á modificación parcial dos estatutos que rexen o Consorcio Provincial contra Incendios e Salvamento da Coruña, fundamentalmente no que se refire aos seus órganos de goberno e á súa sede.

Esta modificación fíxose segundo as normas de procedemento establecidas nos artigos 151.2º e 143 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

Polo exposto, en aplicación do artigo 196.3º da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trinta e un de agosto de dous mil seis,

DISPOÑO:

Artigo único.-Aprobar a modificación dos artigos 2.1º, 4.1º, 6.1º, 9, 11, 16.1º e 19.2º dos estatutos do Consorcio Provincial contra Incendios e Salvamento da Coruña, sendo o texto deles o que se recolle no anexo deste decreto.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trinta e un de agosto de dous mil seis.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO

Modificación dos estatutos do Consorcio Provincial contra Incendios e Salvamento da Coruña.

Artigo 2º.-Constitución do consorcio.

Para a constitución do consorcio requírese o acordo previo correspondente e a aprobación definitiva dos seus estatutos por parte do Pleno da Deputación Provincial da Coruña, así como o acordo do Consello da Xunta de Galicia.

Artigo 4º.-Sede.

1. O consorcio terá a súa sede no edificio situado no Polígono Industrial de Bértoa, rúa do Bronce, parcela G-2, do municipio de Carballo na provincia da Coruña.

Artigo 6º.-Ámbito.

1. O servizo que prestará o consorcio estenderase, coas especificidades, en canto ao ámbito territorial, que vaia fixando o Pleno do consorcio, á provincia da Coruña.

Así mesmo, actuará fóra do ámbito que lle é propio nos casos de sinistro, calamidade, catástrofe e grave perigo, cando sexa requirido para iso, sempre que o demanden os órganos competentes e o autorice o presidente do consorcio ou persoa en quen delegue.

Artigo 9º.-Pleno.

O Pleno do consorcio, máximo órgano colexiado deste, estará integrado por:

-Presidente da deputación ou deputado en quen delegue.

-Conselleiro con competencias na materia ou persoa en quen delegue.

-Dous deputados da deputación provincial designados polo presidente da deputación.

-Dous representantes da Xunta de Galicia designados pola consellería con competencias na materia.

Con voz, pero sen voto, asistirán:

-O funcionario que desempeñe as funcións de secretario e interventor do consorcio.

-O xerente do consorcio.

-Por pedimento da maioría dos membros con voto do Pleno do consorcio, poderán convocarse, con voz pero sen voto, e coa única finalidade de obter información e asesoramento para casos concretos, os responsables técnicos e membros das administracións ou de entidades públicas ou privadas que se coiden oportunas.

Artigo 11º.-Consello Consultivo.

Para asesoramento e informe das materias que se determinen crearase un consello consultivo integrado do seguinte xeito:

-Presidente: presidente do consorcio ou membro do Pleno en quen delegue.

-Os alcaldes dos concellos onde se instalen os parques ou subparques que o consorcio acorde poñer en marcha.

-Dous representantes da Xunta de Galicia designados polo conselleiro con competencias na materia.

-Dous representantes da deputación provincial designados polo seu presidente.

Artigo 16º.-Xerente.

1. A Xerencia é o órgano ao que lle corresponde realizar a xestión ordinaria dos asuntos de competencia do consorcio, baixo a inmediata dirección e dependencia do presidente. Poderá ter a consideración de persoal eventual de acordo co establecido no artigo 104 da Lei 7/1985, de bases de réxime local e demais normativa de función pública, ou calquera outro tipo de persoal, funcionario ou laboral, de conformidade co disposto naquela.

Artigo 19º.-Convocatoria.

2. O Pleno constitúese validamente coa asistencia dun terzo do número legal dos seus membros que nunca poderá ser inferior a tres. O presidente poderá

considerar validamente constituído o órgano se está presente, polo menos, un representante de cada unha das dúas administracións consorciadas. Este quórum deberase manter durante toda a sesión. En todo caso, requírese a asistencia do presidente e do secretario ou a daqueles que legalmente os substitúan.