DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 177 Mércores, 13 de setembro de 2006 Páx. 13.982

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

VICEPRESIDENCIA DA IGUALDADE E DO BENESTAR

ORDE do 1 de setembro de 2006 pola que se modifica a do 6 de abril pola que se establecen as bases polas que se rexerá a concesión de subvencións a entidades de iniciativa social para investimento, mantemento e promoción de actividades e programas de servizos sociais, e se procede á súa convocatoria.

A Orde do 6 de abril de 2006 pola que se establecen as bases polas que se rexerá a concesión de subvencións a entidades de iniciativa social para investimento, mantemento e promoción de actividades e programas de servizos sociais, e se procede á súa convocatoria (DOG nº 77, do 21 de abril de 2006), establece, no seu artigo 5, un importe total dispoñible para o exercicio 2006 de 3.794.098,00 A destinado ao financiamento das subvencións que ao abeiro dela poderán ser concedidas aos seus solicitantes, «sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria».

Posteriormente, no DOG nº 127, do 3 de xullo de 2006 publícase a Orde do 21 de xuño pola que se modifica a do 6 de abril para ampliar o importe dos créditos debido á existencia de fondos dispoñibles para chegar as subvencións ao maior número de beneficiarios posibles.

En consecuencia, e ante a nova existencia de dispoñibilidades orzamentarias que poden ser utilizadas para os mesmos fins, cómpre ampliar de novo o importe dos créditos correspondentes ao exercicio 2006 destinados ao financiamento das subvencións que poderán ser concedidas ao abeiro da Orde do 6 de abril de 2006, na contía adicional de 2.022.660,27 A, coa finalidade de facer chegar as ditas subvencións ao maior número de beneficiarios posibles en contía suficiente para garantir unha axeitada prestación dos servizos sociais.

Por todo o exposto e no uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo único.

1. Amplíase o importe total correspondente ao exercicio 2006 destinado ao financiamento das subvencións que se van conceder ao abeiro da Orde do 6 de abril de 2006 pola que se establecen as bases polas que se rexerá a concesión de subvencións a entidades de iniciativa social para investimento, mantemento e promoción de actividades e programas de servizos sociais e se procede á súa convocatoria, nas seguintes contías e aplicacións orzamentarias:

a) Gastos correntes:

05.31.212D.480.0 por importe de 317.638,27 A.

05.31.212D.482.1 por importe de 250.000,00 A.

b) Gastos de investimento:

05.31.212D.780.2 por importe de 736.000,00 A.

05.31.212A.780.2 por importe de 719.022,00 A.

2. Esta modificación non afecta o prazo establecido na referida orde para a presentación de solicitudes.

Disposición derradeira

Única.-Esta disposición entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación.

Santiago de Compostela, 1 de setembro 2006.

Anxo Manuel Quintana González

Vicepresidente da Igualdade e do Benestar

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS

E XUSTIZA