DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 175 Luns, 11 de setembro de 2006 Páx. 13.878

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

ORDE do 22 de agosto de 2006 pola que se regula a distribución e control de receitas oficiais de estupefacientes.

A Orde do 25 de abril de 1994, que regula as receitas e os requisitos especiais de prescrición e dispensación de estupefacientes para uso humano, dispón, no seu artigo 2.3º, que a súa edición, elaboración, e distribución a realizarán o servizos de saúde do Sistema Nacional de Saúde consonte o establecido nos artigos 18.11º, 44.2º e 45 da Lei xeral de sanidade, que exixe para tales actividades unha actuación de control sanitario por parte da Administración sanitaria, polo que se deberán distribuír con garantías suficientes de seguridade.

A disposición vixente que especifica o procedemento de distribución destes talonarios de receitas na Comunidade Autónoma de Galicia está materializada na Resolución do 9 de decembro de 1999 da Secretaría Xeral da entón Consellería de Sanidade e Servizos Sociais, que modificou as instrucións do 26 de setembro de 1994 ditadas pola anterior Dirección Xeral de Organización Sanitaria, que aclaraba as condicións para a distribución e control de receitas oficiais de estupefacientes.

A resolución de decembro de 1999 estaba sustentada nas dificultades manifestadas polos médicos para recoller persoalmente os talonarios de receitas oficiais de estupefacientes por motivos de afastamento ao centro de distribución, cun horario de funcionamento coincidente co da súa actividade asistencial o que lles impide a recollida, cos conseguintes trastornos que este feito produce na asistencia sanitaria aos pacientes. Esta modificación consideraba a posibilidade de que o facultativo autorizase outra persoa a recoller estes talonarios, non obstante segue permanecendo a exixencia de rematar o talonario para solicitar un novo, o que pode ocasionar que se necesiten receitas e non se dispoña delas, feito no que tamén se fundamentan numerosas queixas achegadas.

A experiencia acumulada durante estes anos, e a pesar de que o médico pode autorizar alguén para obter os talonarios de receitas oficiais de estupefacientes, así como as numerosas reclamacións que se están a producir nos centros de distribución, poñen de manifesto que seguen a existir dificultades no mecanismo actual, sendo preciso deseñar un mecanismo que siga mantendo as máximas garantías de seguridade, pero que tamén axilice e facilite o acceso a estes talonarios por parte dos facultativos co obxecto de desenvolver unha correcta atención aos seus pacientes.

Tendo en conta todo o exposto anteriormente, en virtude das facultades que me confiren nos artigos 34 e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora

da Xunta e do seu presidente, reformada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Correspóndelles ás direccións provinciais do Sergas e aos colexios oficiais de médicos, cada un no seu ámbito de actuación, a distribución e custodia, coas máximas garantías de seguridade, dos talonarios de receitas oficiais de estupefacientes, ata a súa posterior entrega aos facultativos prescritores que os soliciten.

Así mesmo, correspóndelles levar a cabo o seguimento e tramitación da documentación derivada da súa xestión.

Artigo 2º

As direccións provinciais do Sergas serán os centros de distribución para os facultativos dependentes do Sergas, e os colexios oficiais de médicos para os facultativos que exerzan a atención e asistencia privada.

Os facultativos do Sergas que exerzan pola súa vez a medicina privada, poderán utilizar o mesmo talonario de receitas oficiais de estupefacientes en ambas as dúas modalidades de asistencia, independentemente do centro que o distribuíse.

Artigo 3º

Os facultativos médicos solicitarán individualmente á dirección provincial do Sergas ou ao colexio oficial de médicos, segundo cada caso, os talonarios de receitas oficiais de estupefacientes segundo os modelos que figuran nesta orde como:

Anexo Ia, para os facultativos dependentes do Sergas.

Anexo Ib, para o caso de facultativos da asistencia sanitaria privada.

Con anterioridade á entrega de cada talonario, o centro distribuidor deberá selar cada unha das receitas do talonario no cadro correspondente, requisito indispensable para que sexan válidas para os efectos da súa dispensación.

Artigo 4º

A entrega realizarase de forma persoal ao facultativo que o solicita, ou persoa por el autorizada; para isto último deberanse cubrir no dorso do modelo de solicitude, que se presenta como anexo desta orde, os datos da persoa que o retira, datos que serán cotexados no centro de distribución no momento da entrega.

Excepcionalmente, e por petición expresa do facultativo, poderase remitir o talonario solicitado por envío certificado con xustificante de recepción ao seu centro de traballo. O devandito xustificante de recepción deberá de vir asinado polo solicitante.

Establécese un prazo de 3 días hábiles para a remisión ao centro de distribución do xustificante

de recepción do novo talonario, así como a folla control de prescricións debidamente cuberta do talonario anterior esgotado.

Aqueles facultativos que non cumpran co estipulado anteriormente non poderán optar polo envío excepcional establecido.

Artigo 5º

O centro distribuidor remitirá mensualmente os xustificantes de recepción dos talonarios, así como

as follas control de prescrición, á delegación da consellería de Sanidade da súa provincia.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor aos 20 días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de agosto de 2006.

María José Rubio Vidal

Conselleira de Sanidade