DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 174 Venres, 08 de setembro de 2006 Páx. 13.812

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE VIVENDA E SOLO

DECRETO 145/2006, do 27 de xullo, polo que se modifica o Decreto 18/2006, do 26 de xaneiro, polo que se establecen as axudas públicas en materia de vivenda a cargo da Comunidade Autónoma de Galicia e se regula a xestión das previstas no Real decreto 801/2005, do 1 de xullo, para o período 2005-2008.

Tras a publicación no Diario Oficial de Galicia o día 13 de febreiro de 2006 do Decreto 18/2006, polo que se establecen as axudas públicas en materia de vivenda a cargo da Comunidade Autónoma de Galicia e se regula a xestión das previstas no Real decreto 801/2005, do 1 de xullo, para o período 2005-2008, advírtese a conveniencia de efectuar determinadas modificacións.

A primeira das modificacións vén dada pola publicación, con data do 29 de abril de 2006, da orde do Ministerio de Vivenda pola que se declaran os ámbitos territoriais de prezo máximo superior. Na súa disposición derradeira segunda disponse que esta orde non será de aplicación a aquelas modalidades de actuacións protexidas acollidas ao Plan de vivenda 2005-2008, cuxos prezos máximos, determinados pola normativa propia das comunidades autónomas, sexan inferiores ás porcentaxes establecidas para os prezos máximos indicados no R.D. 801/2005. Tendo en conta que o Decreto 18/2006, respecto das vivendas de prezo concertado non acada ese máximo, faise necesario modificar o citado prezo co fin de poder aplicarlle a este tipo de vivendas o incremento por situación en ámbito de prezo máximo superior.

Os artigos 2 e 4 matizan determinados conceptos co fin de non deixar lugar a dúbida respecto do criterio interpretativo empregado.

Por último, co fin de facilitar o encaixe da declaración de vivendas protexidas coa situación creada polos instrumentos de planeamento vixentes que pretenden plasmar a obriga legal de que os concellos reserven o solo necesario para situar o 20% da edificabilidade residencial da unidade de actuación, e unha vez oídos os sectores afectados, advírtese a conveniencia de modificar a redacción dada ao artigo que regula a declaración provisional destas vivendas.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Vivenda e Solo e logo de deliberación do Consello de Goberno da Xunta de Galicia na súa xuntanza do día vinte e sete de xullo de dous mil seis,

DISPOÑO:

Artigo único.-No artigo 9.2º parágrafo primeiro onde se indica «ata un 10 por 100» substitúese por «ata un 15 por 100».

Así mesmo, engádese a este artigo 9.2º como parágrafo terceiro o seguinte teor: «Nos municipios que se determinen como ámbito territorial de prezo máximo superior, o prezo máximo de venda ou adxu

dicación por metro cadrado de superficie útil será de 1,80 polo prezo básico nacional vixente, para as vivendas de prezo concertado».

No artigo 19 parágrafo dous debe engadirse ao final: «Para o cómputo destes ingresos non serán de aplicación os coeficientes multiplicativos correctores establecidos nos puntos 1 e 2 do artigo 11 deste decreto nin a redución por rendementos do traballo que se aplica na declaración da renda».

Modifícase o texto do artigo 31.1º que quedará redactado nos seguintes termos: «A solicitude de declaración de vivendas protexidas de nova construción poderá efectuarse para todo o edificio ou só por escaleiras ou plantas enteiras.

De coexistiren no mesmo edificio vivendas acollidas aos distintos tipos de protección a que se refire o artigo 18, as que estean suxeitas a un mesmo tipo deberán agruparse forzosamente por escaleiras ou plantas enteiras».

O artigo 39.2º quedará redactado do seguinte modo: «Poderase protexer, ademais, unha superficie útil de servizos comúns que, sumada á superficie do aloxamento non supere os 45 metros cadrados. Así mesmo, protexerase unha praza de garaxe por vivenda, vinculada rexistralmente e en proxecto, sempre que o requiran as ordenanzas municipais. A superficie útil máxima computable da praza de garaxe, así como o prezo máximo legal de referencia por metro cadrado de superficie útil serán os mesmos que os das vivendas de protección autonómica de nova construción de renda básica».

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, veinte e sete de xullo de dous mil seis.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

María Teresa Táboas Veleiro

Conselleira de Vivenda e Solo

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS

E TRANSPORTES