DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 174 Venres, 08 de setembro de 2006 Páx. 13.809

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E TRANSPORTES

DECRETO 144/2006, do 27 de xullo, polo que se modifica o Decreto 230/1986, do 10 de xullo, polo que se regula a estrutura, a composición e as funcións do Consello Galego de Transportes.

Exposición de motivos

O Decreto 230/1986, do 10 de xullo, regula a composición, estrutura e funcións do Consello Galego de Transportes como órgano consultivo da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de transportes.

É evidente que desde o ano 1986 ata a data de hoxe o sector dos transportes sufriu importantes modificacións tanto sectoriais como orgánicas e neste senso é preciso actualizar a composición da Comisión Permanente do Consello Galego de Transportes, como órgano máis operativo dentro do propio consello, acadando con esta unha estrutura que represente realmente os organismos verdadeiramente interesados no transporte terrestre en Galicia.

Na súa virtude, visto o informe do Consello Galego de Transportes, por proposta da conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e sete de xullo de dous mil seis,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modifícase o Decreto 230/1986, do 10 de xullo, polo que se regula a estrutura, composición e funcións do Consello Galego de Transportes, pola súa vez modificado polo Decreto 74/1994, do 25 de marzo, e polo Decreto 266/1998, do 24 de setembro, de acordo co disposto nos seguintes puntos:

O artigo 6º queda redactado como segue: «Comporán a Comisión Permanente:

-A presidenta que será a conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes.

-O vicepresidente que será o director xeral de Transportes.

-O secretario que será nomeado pola conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes.

-Serán vogais:

* Dous representantes da Xunta de Galicia en representación da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes e da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

* Dous representantes das organizacións de consumidores e usuarios propostos polo Consello Galego de Consumidores e Usuarios.

* Tres representantes dos traballores, designados polas organizacións sindicais que, consonte a normativa vixente en materia de representación sindical, teña a consideración de máis representativa no transporte no ámbito da Comunidade Autónoma galega.

* Dous representantes do Departamento do Transporte de Viaxeiros do Comité Galego de Transportes por Estrada.

* Un representante do Departamento de Transporte de Mercadorías do Comité Galego de Transportes por Estrada.

* Un representante da Dirección Xeral de Tráfico.

* Un representante da Administración local nomeado pola Fegamp.

* Un representante do Ministerio de Fomento, en representación doutros modos de transporte de Galicia.

* Dous representantes designados pola conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes de entre persoas vinculadas ao transporte.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, vinte e sete de xullo de dous mil seis.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

María José Caride Estévez

Conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes