DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 174 Venres, 08 de setembro de 2006 Páx. 13.806

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

ORDE do 1 de setembro de 2006, reguladora do sistema, formatos e especificacións dos medios establecidos para a comunicación dos datos aos rexistros públicos de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia.

A Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais para o ano 2006 recolle nos seus artigos 44 e 45 os mandatos de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións administrativas nesta materia, caracterizados por ser de acceso público a través de procedementos informáticos.

En cumprimento destas previsións aprobouse o Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións. O artigo 4 estableceu o contido do rexistro, e os artigos 6 e 7 a obriga de comunicación dos datos pertinentes e o seu procedemento de recollida. A disposición derradeira primeira habilita a Consellería de Economía e Facenda para o desenvolvemento desta norma.

A conveniencia de proceder ao procesamento automatizado do considerable número de datos que deben remitirse, así como ao seu tratamento homoxéneo, consolidación e análise aconsellan a súa remisión por medios informáticos, cos formatos e especificacións normalizados.

Doutra banda, a creación dos rexistros interesa a unha pluralidade de órganos da Administración autonómica, centrais e territoriais, e dos organismos e entidades dela dependentes, con moi distinta organización, medios informáticos e volume de datos que deben comunicar, o que fai necesario implementar mecanismos alternativos de remisión de datos.

Por conseguinte, facilítase unha aplicación, que exixe a conexión ao sistema de información contable XUMCO no modulo rexistro público de subvencións, e permite a remisión e cobertura en liña dos datos correspondentes.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Articulo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación.

Esta orde ten por obxecto establecer, ao abeiro da disposición derradeira primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, o sistema, formato e especificacións dos medios informáticos que van ser empregados polos órganos xestores de axudas, subvencións e convenios así como polos competentes para a imposición de sancións, para a comunicación dos datos indicados no artigo 4 do citado decreto.

Artigo 2º.-Formato e especificacións das comunicacións.

Un. Os datos que deben comunicarse son os establecidos no artigo 4 do Decreto 132/2006, do 27

de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios, e de sancións, da Xunta de Galicia e que figuran no anexo desta orde.

Dous. A Consellería de Economía e Facenda posibilitará a través do sistema de información contable Xumco, no módulo rexistro público de subvencións, a remisión e cobertura en liña dos datos correspondentes polos órganos e entidades obrigadas e autorizadas, operen contablemente ou non a través do citado sistema. Esta comunicación poderá realizarse mediante a cobertura en liña dos datos, pola obtención dos mesmos da contabilidade ou mediante arquivo de datos xerado co formato e especificacións establecidas no anexo desta orde.

Artigo 3º.-Prazos de comunicación da información.

Os datos necesarios comunicaranse tan pronto como sexan coñecidos, en calquera momento anterior ou posterior á contabilización dos documentos contables que correspondan, a excepción dos datos relativos as concesións de axudas e subvencións, que se introducirán despois da contabilización do documento contable que conteña a fase de compromiso.

En todo caso a información relativa a cada trimestre natural deberá subministrarse antes dos trinta días seguintes á finalización deste.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de setembro de 2006.

José Ramón Fernández Antonio

Conselleiro de Economía e Facenda

ANEXO

1. Descrición xeral das modalidades de gravación da información:

a) Gravación mediante as pantallas do módulo Rexistro de Subvencións do sistema de información contable Xumco2 logo de autentificación de cada usuario no cliente CIXTEC ao que se accede a través da intranet.

b) Carga de datos cos ficheiros que se describen a continuación mediante unha pantalla do módulo Rexistro de Subvencións do sistema de información contable Xumco2 (en adiante Xumco2) logo da autentificación de cada usuario no cliente CIXTEC ao que se accede a través da intranet. Os ficheiros se subirán ao servidor de aplicacions mediante o cliente Cixtec.

2. Requisitos técnicos dos ficheiros de carga de datos do rexistro público de axudas, subvencións, convenios e de sancións:

Os ficheiros terán formato «txt» sen ningún tipo de compresión.

O código interno do ficheiro será ASCII de 8 bits por carácter.

Os rexistros terán lonxitude fixa de 800 caracteres seguidos de retorno de carro e salto de liña. Para os campos definidos de lonxitude indeterminada, se se precisa un salto de liña dentro do campo, poderá indicarse mediante a seguinte secuencia: ^p (en hexadecimal: 5E 70).

O nome do ficheiro sempre será:

«DATOS REXISTRO.txt».

Os campos numéricos (Tipo = N na descrición dos rexistros) irán sen signo, sen separadores de

miles ou de decimais, sen empaquetar, axustados á dereita e con ceros á esquerda ata completar a Lonxitude do campo. Cando se trate dunha data, o formato será AAAAMMDD onde AAAA corresponde a catro posicións numéricas do ano, MM corresponde a dúas posicións numéricas de mes e DD corresponde a dúas posicións numéricas do día.

Os campos alfanuméricos (Tipo = A na descrición dos rexistros) irán aliñados á esquerda e con caracteres espazo á dereita ata completar a lonxitude do campo.

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS

E TRANSPORTES