DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 171 Martes, 05 de setembro de 2006 Páx. 13.632

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE VIVENDA E SOLO

ORDE do 4 de setembro de 2006 pola que se convocan as axudas para sufragar os gastos causados pola vaga de incendios que asolaron Galicia durante os días 4 a 14 do mes de agosto do ano en curso en vivendas e enxoval doméstico.

O Decreto 138/2006, do 24 de agosto, de medidas urxentes para a reparación de danos e perdas causados pola vaga de incendios que asolaron Galicia

durante os días 4 a 14 de agosto do ano en curso, regula unha serie de medidas para a reparación dos danos e perdas causados polos incendios forestais durante o citado período.

O artigo 6 do Decreto 138/2006 establece un réxime de axudas por danos causados en vivendas e enxoval doméstico, e o artigo 11 establece que as citadas axudas se financiarán con cargo aos orzamentos das respectivas consellerías afectadas e a disposición derradeira primeira faculta os distintos titulares dos departamentos autonómicos para que, no ámbito das súas competencias, diten as disposicións necesarias para o desenvolvemento do citado decreto.

As axudas reguladas no devandito decreto atéñense ao réxime establecido no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, aínda que acolléndose expresamente ao procedemento de concesión directa, previsto no punto 8 do mesmo artigo, dadas as razóns de interese público, social, económico e humanitario que concorren neste caso.

En consecuencia, por razóns de urxencia, considérase conveniente establecer a convocatoria pública das axudas polos danos causados pola vaga de incendios do 4 ao 14 de agosto.

Así mesmo, tendo en conta a urxencia existente na valoración dos danos e a tramitación das axudas, así como a concorrencia doutros sistemas de cobertura de danos e de axudas que tamén poden amparar o resarcimento das perdas ocasionadas polos incendios nas explotacións agrícolas e gandeiras, cómpre establecer un sistema de xestión centralizado para asegurar unha eficaz e equitativa asignación das axudas aquí reguladas.

A disposición derradeira primeira do Decreto 138/2006, do 24 de agosto, faculta os titulares dos distintos departamentos autonómicos para ditaren, no ámbito das súas competencias, as disposicións necesarias para o seu desenvolvemento.

Xa que logo, de conformidade co artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e no uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto

Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras e a convocatoria dun procedemento de con

cesión directa das axudas establecidas polo Decreto 138/2006, do 24 de agosto, DOG nº 165, do 28 de agosto, destinadas a sufragar a reparación de danos causados en vivendas e enxoval doméstico pola vaga de incendios que asolaron Galicia durante os días 4 a 14 do mes de agosto de 2006.

Artigo 2º.-Persoas beneficiarias.

Poderán solicitar as devanditas axudas as persoas físicas propietarias, usufrutuarias ou arrendatarias das vivendas e enxoval doméstico que sufrisen danos relacionados coa citada vaga de incendios e que, cumprindo os requisitos establecidos nesta convocatoria, sufragasen os gastos necesarios de reparación ou de reposición no caso de que persoa propietaria acredite a perda irrecuperable dalgún ben, de acordo co procedemento regulado nesta orde.

Artigo 3º.-Actuacións subvencionables.

1. Danos causados na vivenda que constitúa a residencia habitual e permanente dos seus moradores: na parte non comprendida nas axudas aprobadas pola Administración do Estado, e polo importe correspondente ata cubrir o 100% do valor de reparación ou reposición do inmoble danado, sen que en ningún caso o importe da dita axuda poida superar o límite do 100% do prezo máximo de venda dunha vivenda de protección autonómica de prezo xeral na mesma localidade.

2. Danos causados no resto das vivendas: a axuda poderá acadar o 40% do valor de reparación ou reposición do inmoble danado, sen que en ningún caso o importe da dita axuda poida superar o 40% do prezo máximo de venda dunha vivenda de protección autonómica de prezo xeral na mesma localidade. As vivendas deberán dedicarse, cando mínimo, a residencia ocasional, quedando excluídas destas axudas as edificacións ruinosas ou que se atopasen en manifesto abandono.

3. Para os efectos destas axudas entenderanse por vivenda as construcións anexas, instalacións complementarias e elementos comúns no caso de comunidades de propietarios.

4. Serán igualmente subvencionables os danos sufridos no enxoval doméstico de primeira necesidade tanto cando non estivesen incluídos nas axudas aprobadas pola Administración do Estado como na parte que non comprendesen estas axudas e ata cubrir o 100% do importe de reparación ou de reposición.

Artigo 4º.-Procedemento de concesión.

1. O procedemento iniciarase mediante solicitude do interesado na cal, ademais de xuntar a docu

mentación que se indica no modelo normalizado, requirirá a inspección dun técnico designado pola Consellería de Vivenda e Solo co fin de que levante acta dos danos e demais circunstancias relevantes dos bens para os cales pretenda a axuda.

A solicitude de axuda implicará a autorización para que a Administración da comunidade autónoma poida solicitar información de carácter tributario ou económico que fose legalmente pertinente, no marco da colaboración que se estableza coa Axencia Estatal da Administración Tributaria ou con outras administracións públicas, para o cumprimento dos fins relacionados directamente coas funcións de recoñecemento, seguimento e control da axuda.

2. Unha vez que o técnico competente faga a citada visita de inspección e desde a data que esta se efectúe, o prazo máximo para resolver o procedemento e notificar a resolución quedará en suspenso ata que o solicitante achegue as facturas acreditativas do aboamento dos importes investidos na reparación ou reposición dos danos sufridos, de conformidade co establecido no artigo 42.5º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

De acordo co establecido no artigo 92.1º da Lei 30/1992, a Administración advertirá o interesado de que, transcorridos tres meses desde que este puidese achegar todas as facturas acreditativas do gasto investido e non o fixese, se producirá a caducidade do expediente.

Xunto coas facturas deberá presentar certificación de titularidade da conta bancaria na cal se ingresarán as axudas que correspondan e unha declaración do conxunto de todas as axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes.

3. Finalizado o prazo de presentación de solicitudes, examinadas estas e en vista da documentación presentada e logo das comprobacións e inspeccións oportunas, o delegado provincial da Consellería de Vivenda e Solo elevará a proposta de resolución de cada expediente á conselleira, quen, en vista delas e tendo en conta o límite orzamentario establecido no artigo 11 desta orde, resolverá o que segundo en dereito proceda.

O prazo máximo para resolver será de tres meses. Transcorrido este prazo sen que se ditase e notificase resolución expresa, os interesados que solicitasen as axudas convocadas por esta orde poderán entender desestimada a súa solicitude.

Contra a resolución da conselleira, que pon fin á vía administrativa, poderanse interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado

a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade co previsto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben poderá ser recorrido directamente ante o xulgado do contencioso-administrativo no prazo de dous meses, consonte o establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 5º.-Pagamento.

Ditada a resolución de concesión tramitarase o correspondente expediente de pagamento e as axudas aos beneficiarios serán aboadas mediante transferencia bancaria.

Artigo 6º.-Compatibilidade.

Esta subvención é compatible con outras formas de axuda que o beneficiario poida obter de calquera Administración, entidade pública ou privada, sen que, en ningún caso, a suma das axudas percibidas poida superar o custo da actuación que se protexe.

Artigo 7º.-Deber de colaboración. Reintegro das axudas.

1. Os beneficiarios, ademais das obrigas establecidas no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, quedan sometidos á obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Consellería de Vivenda e Solo así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas ou o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control de destino das axudas.

2. Toda alteración das condicións que se tiveron en conta para a concesión da axuda e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, sen prexuízo do establecido no artigo 6 desta orde.

3. O incumprimento ou falsidade nas condicións requiridas para o outorgamento da axuda levará consigo, ademais das sancións que pudiesen corresponder, o reintegro da axuda percibida incrementada co xuro legal correspondente desde o seu aboamento.

Artigo 8º.-Rexistro de Axudas e Subvencións.

As axudas que se outorguen integraranse no Rexistro de Axudas e Subvencións.

Artigo 9º.-Prazo de solicitude.

O prazo de presentación de solicitudes iniciarase a partir do día seguinte ao da data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e rematará o día 6 de outubro de 2006.

Artigo 10º.-Solicitudes.

As solicitudes deberán formalizarse mediante instancia dirixida á delegación provincial da Consellería de Vivenda e Solo que corresponda por situación da vivenda, seguindo o modelo que se recolle no anexo a esta orde. Presentaranse nas oficinas da delegación provincial da Consellería de Vivenda e Solo que corresponda por razón da situación da vivenda ou en calquera das formas previstas na Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Estas solicitudes deberán ir xunto coa seguinte documentación:

a) Fotocopia compulsada do DNI ou NIF do/a solicitante.

b) Título que acredite a condición de propietario/a, usufrutuario/a ou arrendatario/a da vivenda.

c) Fotografías que reflictan os danos.

d) Copia da póliza de seguro dos bens afectados ou, de non ter seguro, declaración xurada de que os bens para os cales solicita as axudas non estaban asegurados.

e) Declaración do conxunto de todas as axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes.

Artigo 11º.-Crédito orzamentario e contía.

Poderanse conceder axudas por un importe de 500.000 A con cargo ao crédito que figure consignado para esta finalidade na aplicación 17.02.331A.781.0 do estado de gastos dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

Serán obxecto de denegación as solicitudes presentadas que queden sen cobertura orzamentaria. Non obstante, esta consellería, se así o considerase, poderá ampliar o crédito previsto en vista das solicitudes presentadas.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de setembro de 2006.

Teresa Táboas Veleiro

Conselleira de Vivenda e Solo