DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 171 Martes, 05 de setembro de 2006 Páx. 13.627

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE E DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE

ORDE do 4 de setembro de 2006 pola que se establecen axudas para a reparación de danos e perdas nos terreos cinexeticamente ordenados-tecores de Galicia ocasionados polos incendios forestais acaecidos durante os días 4 a 14 de agosto do ano en curso.

O Decreto 138/2006, do 24 de agosto, de medidas urxentes para a reparación de danos e perdas causados pola vaga de incendios que asolaron Galicia durante os días 4 a 14 de agosto do ano en curso, regula unha serie de medidas para a reparación dos danos e perdas causados polos incendios forestais durante o citado período.

O artigo 11 do citado Decreto 138/2006, establece unha liña de axudas para a recuperación dos terreos e hábitats cinexéticos nas zonas afectadas, previndo o artigo 12 que as citadas axudas se financiarán con cargo aos orzamentos das respectivas consellerías afectadas, e a disposición derradeira primeira faculta os distintos titulares dos departamentos autonómicos para que, no ámbito das súas competencias, diten as disposicións necesarias para o desenvolvemento do citado decreto.

As axudas reguladas no devandito decreto atéñense ao réxime establecido no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, ben que acolléndose expresamente ao procedemento de concesión directa, previsto no punto 8 do mesmo artigo, dadas as razóns de interese público, social, económico e humanitario que concorren neste caso.

En consecuencia, por razóns de urxencia, cóidase conveniente establecer a convocatoria pública das axudas polos danos causados pola vaga de incendios do 4 ao 14 de agosto.

A disposición derradeira primeira do Decreto 138/2006, do 24 de agosto, faculta os titulares dos distintos departamentos autonómicos para ditaren, no ámbito das súas competencias, as disposicións necesarias para o seu desenvolvemento.

Xa que logo, de conformidade co artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e no uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto das axudas.

1. Esta orde ten por obxecto o establecemento dun réxime de axudas aplicable aos terreos cinexéticos para a reparación de danos e perdas ocasionados neles polos incendios forestais acaecidos entre os días 4 e 14 de agosto de 2006, no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, tal e como sinala o artigo 1 do Decreto 138/2006, do 24 de agosto, de medidas urxentes de axuda para a recuperación de danos e perdas causados pola vaga de incendios forestais que asolaron Galicia durante os días 4 e 14 de agosto de 2006.

2. Estas axudas tramitaranse en réxime de concesión directa, en función do interese social latente derivado das excepcionais circunstancias que concorren neste caso tal e como prevén os artigos 28 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e 3.2º do Decreto 138/2006, do 24 de agosto, e en réxime de publicidade, obxectividade, transparencia, igualdade e non-discriminación así como o de eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados nesta orde e de eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos, con sometemento ao previsto nos artigos 78 e 79 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, modificado pola Lei 7/2002, do 27 de decembro, de medidas fiscais e de réxime administrativo e o previsto no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, modificado pola Lei 14/2004, do 29 de decembro.

Artigo 2º.-Actuacións subvencionables.

1. Son obxecto das axudas reguladas por esta orde as actuacións nos terreos cinexeticamente ordenados coa finalidade da recuperación dos hábitats cinexéticos e a protección do solo nas zonas afectadas.

2. Estas actuacións consistirán na sementeira de cereais, nos terreos cinexeticamente ordenados afectados polo vaga de incendios forestais referida,

actuación que realizará a Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible nos termos que se refiren con posterioridade e logo da sinatura dun convenio de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible e o Tecor beneficiario correspondente, tal e como se recolle no anexo II. Para tal efecto, as actuacións de sementeira poderanse estender ata o 10% da superficie queimada.

O custo subvencionable será dun máximo de 600 euros por hectárea.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

1. Poderán acollerse a estas axudas os titulares de tecores galegos, de carácter societario.

2. Non poderán obter a condición de beneficiarios das axudas previstas nesta orde as persoas ou entidades nas que se produza algunha das circunstancias previstas no artigo 13.2º da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Artigo 4º.-Solicitudes e documentación.

1. Os interesados presentarán as súas solicitudes de axuda conforme o modelo do anexo I.

2. Xunto coa solicitude presentarase a seguinte documentación:

-Fotocopia do CIF/NIF dos solicitantes da subvención.

-Acordo do órgano competente da sociedade polo que se aproban as accións solicitadas e os compromisos correspondentes, e no que deberá figurar, así mesmo, a persoa designada como representante daquela para os efectos da solicitude. Xuntarase o DNI da persoa designada.

-Plano 1:25.000 con indicación exacta da ubicación das zonas do tecor afectadas polo incendio, que deberán estar correctamente sinalizadas sobre o terreo.

Artigo 5º.-Prazo de presentación de solicitudes.

1. As solicitudes de axuda irán dirixidas ao conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, e presentaranse, debidamente asinadas por duplicado, nas delegacións provinciais, directamente ou ben na forma prevista no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

2. A presentación da solicitude de concesión de axuda polo interesado, segundo o artigo 43 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Conse

llería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia, segundo o requirido nas correspondentes bases reguladoras.

Artigo 6º.-Órganos de xestión e resolución.

1. A avaliación da documentación presentada xunto coa solicitude realizarana os servizos provinciais de Conservación da Natureza.

Se a solicitude de axuda non reúne algún dos requisitos exixidos nesta orde, o servizo provincial requirirá o solicitante para que, no prazo de dez días contados a partir do día seguinte ao da recepción do requirimento, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, indicándolle que se non o fixese, poderase considerar que desistiu da súa petición e arquivala sen máis trámites, de acordo co disposto no artigo 71.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Os servizos provinciais de Conservación da Natureza remitirán os expedientes á Dirección Xeral de Conservación da Natureza, no prazo máximo de 20 días naturais, contados a partir da data límite de presentación das solicitudes.

3. Os expedientes serán valorados pola Dirección Xeral de Conservación da Natureza.

4. Esta dirección xeral elevará as súas propostas de resolución ao conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, a quen lle corresponderá ditar a resolución do procedemento.

5. A proposta de resolución fará mención aos solicitantes para os cales se propón a concesión da subvención. As solicitudes para as cales se propoña a súa denegación relacionaranse con indicación da súa causa, segundo o disposto no artigo 9.5º do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 7º.-Prazo de resolución.

1. O prazo máximo no que se debe notificar a resolución será de 3 meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

2. O vencemento do prazo máximo indicado sen que se ditase e notificase a resolución posibilitará que os interesados poidan entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo, sen prexuízo da obriga de resolver expresamente, conforme o disposto nos artigos 42 e 44 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999.

3. Na resolución que se dite especificaranse a superficie na que se concretará a actuación obxecto da axuda e a obriga da sinatura dun convenio de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible e o tecor beneficiario, que se axustará ás cláusulas recollidas no anexo II.

Artigo 8º.-Crédito.

As axudas previstas nesta orde concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 15.02.342.A.780.1 do exercicio orzamentario 2006, dotada cun crédito inicial dun millón cincocentos mil euros (1.500.000 A).

Artigo 9º.-Compatibilidade.

As axudas previstas nesta orde serán compatibles con outras subvencións de calquera outra Administración pública para as mesmas finalidades, sempre e cando a suma das subvencións concedidas non supere o importe total dos gastos.

Artigo 10º.-Obriga de facilitar información.

Ademais da documentación complementaria que, durante a tramitación do procedemento, lles poidan exixir os órganos correspondentes da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, os beneficiarios das axudas previstas nesta orde teñen a obriga de facilitar toda a información que lles requira a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas públicas, así como a que lles requira calquera órgano comunitario de inspección ou control.

Artigo 11º.-Recursos.

A resolución do conselleiro porá fin á vía administrativa e contra ela poderase interpor recurso potestativo de reposición ante este, no prazo dun mes, que comezará a contar a partir do día seguinte ao da recepción da notificación da resolución, ou no de tres meses desde que se entenda desestimada por silencio administrativo; ou ben impugnala directamente ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses se a resolución fose expresa, ou seis meses desde que se entenda desestimada por silencio administrativo, de acordo co disposto nos artigos 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999 e o artigo 46 da Lei 26/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso -administrativa.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facultase o director xeral de Conservación da Natureza para ditar todas as resolucións necesarias para o desenvolvemento e aplicación do disposto nesta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia

Santiago de Compostela, 4 de setembro de 2006.

Manuel Vázquez Fernández

Conselleiro de Medio Ambiente

e Desenvolvemento Sostible

ANEXO II

Convenio de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible e a... titular do terreo cinexético ordenado (Tecor)...

En Santiago de Compostela, ... de... de 2006.

Reunidos

Dunha banda, Manuel Vázquez Fernández, conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, que actúa en nome e representación da Xunta de Galicia por mor do disposto no artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro.

Doutra banda, ..., con DNI..., e con domicilio para efectos de notificación en..., como presidente/a de... titular do Tecor...

Actúan ambos coa representación que legalmente teñen conferida e

Expoñen:

O artigo 27.15º do Estatuto de autonomía de Galicia atribúelle a esta comunidade autónoma a competencia exclusiva en materia de caza, e no mesmo artigo no punto 30 a competencia exclusiva para ditar normas adicionais de protección do medio ambiente. Con base nestas competencias, promulgáronse as leis 4/1997, do 25 de xuño, de caza de Galicia, e 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, que teñen como obxecto a regulación da conservación, o fomento e o ordenado aproveitamento da riqueza cinexética e o establecemento de normas encamiñadas á protección, conservación, restauración e mellora dos recursos naturais e á adecuada xestión dos espazos naturais e da flora e fauna silvestres.

De conformidade co disposto no Decreto 1/2006, do 12 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, compételle a esta consellería o desenvolvemento e a aplicación das leis 4/1997, do 25 de xuño, de caza, e do seu regulamento, así como da 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza.

A vaga de lumes que afectou Galicia neste verán ocasionou a perda de hábitats cinexéticos en áreas importantes co conseguinte prexuízo para as poboacións cinexéticas e con grave risco de desaparición da capa de solo.

Por todo o anterior, a Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible en cumprimento do Decreto 138/2006, do 24 de agosto, de medidas urxentes de axudas para a reparación dos danos e perdas causados pola vaga de incendios que asolaron Galicia durante os días 4 a 14 de agosto do ano en curso, aprobou a Orde do 4 de setembro de 2006 pola que se establece unha liña de axudas

os tecores afectados co fin de levar adiante actuacións de recuperación dos hábitats afectados mediante sementeira de cereais.

O Tecor... foi afectado nunha superficie aproximada de ...ha nos incendios do 4 ao 14 de agosto e tenta recuperar parte dos terreos afectados, polo que solicitou acollerse ás axudas establecidas no orde citada, presentando a súa solicitude con data...

Cláusulas:

Primeira.-Obxecto do convenio.

O obxecto deste convenio é acordar a colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible (no sucesivo, consellería) e a Asociación... titular do Tecor... co obxecto de poñer en marcha as medidas previstas na orde da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible do 4 de setembro de 2006 de recuperación dos hábitats afectados pola vaga de incendios do mes de agosto do ano en curso.

Segunda.-Natureza do convenio.

Este convenio ten natureza administrativa e as cuestións que se susciten pola interpretación ou aplicación do mesmo, no caso de non resolución no seo da comisión de seguimento, serán de coñecemento da orde xurisdicional contencioso-administrativo.

Este convenio non implica renuncia as competencias que lle corresponden á Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible da Xunta de Galicia, nin asunción doutras novas.

Terceira.-Obriga das partes.

3.1. Obrigas da consellería.

A Consellería comprométese a:

-Realizar (achegar) un investimento, con cargo á partida orzamentaria 15.02.342.A.780.1 dos orzamentos xerais para o 2006 de ...euros (A) nos terreos afectados pola vaga de incendios pertencentes ao Tecor... en forma de sementeira de cereal nunha superficie de ...ha.

-Asesorar á asociación naqueles aspectos técnicos do presente convenio que o requiran.

3.2. Obrigas da Asociación... titular do Tecor...

A asociación... comprométese a:

-Poñer a disposición da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible os terreos onde terá lugar a sementeira do cereal, ben mediante acordos asinados polo titulares dos terreos no caso de ser particulares ou ben en forma de acordos das asembleas xerais, no caso de tratarse de montes veciñais en man común, en tanto dure a actuación recollida neste convenio.

-Formular as propostas que coiden que poden mellorar os resultados das medidas postas en marcha pola consellería para recuperar os hábitats afectados.

Cuarta.-Comisión de seguimento do convenio.

Para velar pola execución deste convenio crearase unha comisión de seguimento composta por un representante da Asociación..., nomeado polo órgano facultado para o efecto, polo subdirector xeral de Recursos Cinexéticos e Piscícolas e por un funcionario que fará as funcións de secretario desta comisión. Esta comisión reunirase cantas veces sexa necesario para conseguir que o convenio acade os seus resultados.

Quinta.-Causas de resolución.

Serán motivos de rescisión deste convenio o incumprimento dalgunha das obrigas establecidas neste convenio, mediante denuncia da parte afectada, oída a comisión a que se refire a cláusula cuarta.

Sexta.-Interpretación do convenio.

Con independencia da Comisión de Seguimento, a Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible será a encargada, a través da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, de interpretar e resolver sobre o non disposto, ou sobre calquera problema que xurda por incumprimento deste convenio, incluíndo a súa denuncia ou rescisión.

Sétima.-Vixencia do convenio.

Este convenio estará vixente ata o 15 de decembro de 2006.

E en proba de conformidade, as partes asinan este convenio por triplicado, na data e lugar anteriormente indicados.

Manuel Vázquez Fernández, conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible.

O/A presidente/a da Asociación... titular do Tecor...