DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 171 Martes, 05 de setembro de 2006 Páx. 13.622

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 4 de setembro de 2006 pola que se ditan disposicións para o desenvolvemento no eido agrario do Decreto 138/2006, do 24 de agosto, de medidas urxentes para a reparación de danos e perdas causados pola vaga de incendios que asolaron Galicia durante os días 4 a 14 de agosto do ano en curso.

O Decreto 138/2006, do 24 de agosto, de medidas urxentes para a reparación de danos e perdas causados pola vaga de incendios que asolaron Galicia durante os días 4 a 14 de agosto do ano en curso,

regula unha serie de medidas para a reparación dos danos e perdas causados polos incendios forestais durante o citado período.

Segundo o disposto na citada norma, serán obxecto de axuda a reparación de danos causados en infraestruturas e equipamentos privados de carácter forestal (artigo 7), os danos causados en explotacións agrícolas e gandeiras (artigo 8), a morte de gando que estivese incluído no Rexistro de Explotacións Gandeiras (artigo 11.a) e a restauración dos terreos queimados dedicados a pasto e cultivos forraxeiros de explotacións gandeiras (artigo 11.b).

As axudas reguladas no devandito decreto réxense polo réxime establecido no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, aínda que acolléndose expresamente ao procedemento de concesión directa, previsto no punto 8 do mesmo artigo, dadas as razóns de interese público, social, económico e humanitario que concorren neste caso.

En consecuencia, por razóns de urxencia, estímase conveniente establecer a convocatoria pública das axudas polos danos causados pola vaga de incendios do 4 ao 14 de agosto.

Así mesmo, tendo en conta a urxencia existente na valoración dos danos e a tramitación das axudas, así como a concorrencia doutros sistemas de cobertura de danos e de axudas que tamén poden amparar o resarcimento das perdas ocasionadas polos incendios nas explotacións agrícolas e gandeiras, cómpre establecer un sistema de xestión centralizado para asegurar unha eficaz e equitativa asignación das axudas aquí reguladas.

A disposición derradeira primeira do Decreto 138/2006, do 24 de agosto, faculta os titulares dos distintos departamentos autonómicos para ditaren, no ámbito das súas competencias, as disposicións necesarias para o seu desenvolvemento.

Xa que logo, de conformidade co artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e no uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

1. Esta orde ten por obxecto desenvolver o réxime de axudas establecidas no Decreto 138/2006, do 24 de agosto, no ámbito das competencias da Consellería do Medio Rural e que esta conceda con cargo aos seus orzamentos.

2. Serán obxecto de axuda a reparación dos danos causados polos incendios forestais acontecidos entre o 4 e o 14 de agosto do ano en curso no ámbito territorial de Galicia que se relacionan a seguir:

a) A reparación dos danos causados polos incendios nas infraestruturas de titularidade privada situadas en terreos forestais descritas no artigo 7.1º do Decreto 138/2006, do 24 de agosto: camiños forestais, captacións de auga, cerramentos e bebedoiros.

b) A reparación dos danos causados na maquinaria e equipamento agrícola ou forestal ocasionados en tarefas de colaboración nos labores de extinción de

incendios forestais na medida en que non fosen cubertas pola Administración xeral do Estado.

c) A reparación dos danos causados polos incendios forestais nas explotacións agrícolas e gandeiras que non fosen cubertas polas medidas que poida adoptar a Administración xeral do Estado ou por calquera fórmula de aseguramento, público ou privado.

d) A reparación da morte de gando que estivese incluído no Rexistro de Explotacións Gandeiras.

e) A restauración dos terreos queimados dedicados a pasto e cultivos forraxeiros de explotacións gandeiras.

3. As axudas concederanse en réxime de concesión directa e serán financiadas con cargo aos orzamentos da Consellería do Medio Rural.

4. A natureza destas axudas terá carácter subsidiario respecto de calquera outro sistema de cobertura de danos, público e privado, estatal ou internacional, e complementario do que poidan ser beneficiarios os afectados e cando os citados sistemas non cubran a totalidade dos danos serán compatibles en concorrencia con outras subvencións, indemnizacións, axudas, ingresos e recursos, procedentes de sistemas públicos ou privados, nacionais ou internacionais, ata o límite do dano producido.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Serán beneficiarios das axudas previstas nesta orde:

a) Os titulares das explotacións agrícolas e gandeiras que sufrisen os danos obxecto de axuda, na medida en que non fosen totalmente cubertas por calquera outro sistema de cobertura de danos público ou privado.

b) Os propietarios, arrendatarios ou usufrutuarios das infraestruturas, equipamentos ou instalacións e demais supostos do artigo 2.1º afectados polos incendios forestais.

c) Os titulares de explotacións gandeiras e as comunidades de montes veciñais en man común que tivesen aproveitamento gandeiro das súas terras, no caso de que a superficie dedicada a pasteiro ou a cultivo forraxeiro fose afectada directamente por un incendio forestal.

Artigo 3º.-Solicitudes.

1. As solicitudes de axuda presentaranse mediante instancia segundo o modelo anexo, debidamente cuberta e asinada polo beneficiario, dirixidas ao conselleiro do Medio Rural. Presentaranse preferentemente no rexistro xeral desta consellería nos servizos centrais, ou do modo previsto no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

2. A presentación da solicitude comporta o compromiso de facilitar a documentación complementaria que se poida requirir, así como de permitir as comprobacións e inspeccións que para o efecto esta Administración considere oportunas. Así mesmo, leva consigo a autorización ao órgano xestor da axuda, de solicitar as certificacións nos termos do artigo 43 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 2006.

3. A solicitude irá acompañada da seguinte documentación:

a) Copia do NIF ou CIF do solicitante.

b) Certificado da entidade bancaria acreditativo de que a conta citada na solicitude para a domiciliación dos pagamentos corresponde ao solicitante.

c) No caso de persoas xurídicas copia compulsada do documento de constitución da sociedade e dos estatutos e certificado expedido polo órgano xestor da sociedade no que conste o acordo de solicitar a axuda e a identidade da persoa autorizada para solicitala e tratándose de montes veciñais en man común certificado de estaren inscitos no Rexistro de Montes Veciñais en Man Común.

d) Declaración sobre calquera outra subvención ou axuda procedente de entidades públicas para os mesmos fins para os que se solicita a axuda ao abeiro desta orde.

e) Memoria sobre os danos causados na explotación, infraestrutura, equipamento ou instalación afectados, incluíndo unha relación valorada destes, a xustificación da titularidade, propiedade ou dereito de uso dos citados bens e a acreditación por medio de calquera medio probatorio documental ou gráfico dos danos sufridos obxecto de axuda. No caso de gando morto, achegarase a referencia do Código de Explotación Agraria e a identificación do animal.

Artigo 4º.-Prazo de presentación.

As solicitudes de axuda presentaranse no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 5º.-Tramitación.

1. As unidades administrativas receptoras remitirán as solicitudes aos servizos técnicos agrarios das delegacións provinciais da Consellería do Medio Rural, co fin de comprobar se a solicitude ou documentación presentada reúne os requisitos exixidos nesta orde.

2. Se a solicitude non reúne os requisitos sinalados nos puntos anteriores, requirirase o interesado na forma establecida no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, para que nun prazo de dez días emende a falta ou xunte os documentos preceptivos, coa indicación de que, se así non o fixese, considerarase que desistiu da súa petición, logo de resolución ditada para o efecto.

3. Os servizos técnicos da Consellería do Medio Rural realizarán inspeccións sobre o terreo emitindo os informes necesarios para completar o expediente administrativo.

Artigo 6º.-Determinación da axuda.

1. As axudas concederanse de acordo cos seguintes criterios:

a) No caso de producións agrícolas indemnizaranse as perdas rexistradas na explotación, na produción esperada para a campaña.

b) No caso de cultivos leñosos terase en conta ademais unha compensación equivalente ao valor de reposición das plantacións afectadas.

c) No caso de infraestruturas, bens, equipamentos e maquinaria, concederase unha axuda polo custo efectivo da restauración.

d) No caso de recuperación de terreos queimados a axuda será quivalente ao custo dos traballos de rexeneración inmediata da cuberta vexetal.

e) No caso de gando indemnizaranse consonte o baremo establecido nos anexos do Real decreto 1328/2000, do 7 de xullo.

2. Os servizos técnicos da consellería avaliarán as perdas obxecto de axuda e emitirán un informe coa valoración dos danos indemnizables.

Artigo 7º.-Instrución.

A Dirección Xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria será a competente para a tramitación e instrución do procedemento de concesión das axudas, sendo de aplicación para o seu desenvolvemento o establecido na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 8º.-Resolución.

1. A resolución das axudas competeralle ao conselleiro do Medio Rural, e notificaráselles aos interesados no prazo de dez días a partir da data na que se ditase a resolución e publicarase nos termos previstos no artigo 78 da do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

2. O prazo para resolver e notificar as subvencións será de 3 meses contados desde o día seguinte da entrada das solicitude no rexistro do órgano competente.

3. Se transcorrese o citado prazo máximo sen recaer resolución expresa por parte do órgano competente, os interesados poderán entender desestimadas as súa solicitudes.

Artigo 9º.-Xustificación e pagamento das subvencións.

1. O pagamento total das axudas xustificarase por medio de xustificación dos gastos pola reposición

dos bens afectados ou, se é o caso, o custo da rexeneración das superficies queimadas. No caso de gando morto, o pagamento farase efectivo unha vez comprobado o asentamento deste no Rexistro de Explotacións Gandeiras a favor do solicitante da axuda.

2. A Administración poderá solicitar a documentación adicional de carácter complementario que se considere necesaria para a xustificación das subvencións concedidas ao abeiro desta orde.

3. A documentación xustificativa do gasto presentarase preferentemente perante as distintas direccións xerais competentes da Consellería do Medio Rural, no edificio administrativo de San Caetano en Santiago de Compostela.

Artigo 10º.-Control.

1. A Consellería do Medio Rural poderá realizar os controis administrativos e inspeccións que considere oportunos co fin de comprobar a veracidade dos datos consignados na documentación presentada, así como o cumprimento dos requisitos para a percepción da axuda. O beneficiario estará obrigado a colaborar na citada inspección, proporcionando os datos requiridos e facilitando, se é o caso, o acceso á explotación.

2. O beneficiario ten a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida polo órgano xestor, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas e o Tribunal de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

Artigo 11º.-Importe máximo das subvencións.

O importe máximo das axudas reguladas nesta orde non poderá en ningún caso ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, supere o custo dos danos e perdas causados aos beneficiarios polos incendios forestais acontecidos entre o 4 e o 14 de agosto.

Artigo 12º.-Financiamento.

1. As axudas económicas reguladas nesta orde faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 11.03.614A.774.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006 e polo importe de 1.538.500 A.

A dita cantidade poderá ser incrementada con fondos adicionais procedentes desta ou outras administracións.

2. En todo caso, a concesión das axudas estarán sometidas á condición de existencia de crédito axeitado e dabondo no momento da resolución.

Artigo 13º.-Réxime de recursos.

1. A convocatoria desta axuda, as súas bases e todos cantos actos administrativos deriven dela, poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións

públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

2. As resolucións expresas ou presuntas ditadas en aplicación desta orde esgotan a vía administrativa en contra elas poderase interpor potestativamente recurso de reposición ante o conselleiro do Medio Rural, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, se é expresa, ou de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto, segundo os casos; ou ben poderá ser impugnada directamente ante o órgano xurisdicional contencioso administrativo no prazo de dous meses.

Artigo 14º.-Réxime de reintegros infraccións, sancións e responsabilidades.

O réxime de reintegros, infraccións, sancións e responsabilidades aplicables será o regulado no artigo 78 e 79 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Disposicións adicionais

Primeira.-Nos aspectos non regulados nesta orde, terá que aterse ao disposto no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia (Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro) e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia e a Lei 38/2003, xeral de subvencións.

Segunda.-De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácicas na Administración pública galega, a Consellería do Medio Rural publicará na súa páxina web oficial as concesións das axudas reguladas nesta orde, polo que a presentación da solicitude leva implícita autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

Terceira.-A resolución de concesión das axudas reguladas nesta orde quedará condicionada á decisión positiva da Comisión Europea sobre compatibilidade destas co mercado común, de acordo co establecido no artigo 88.3º do Tratado Constitutivo da Comunidade Europea.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria para ditar as disposicións necesarias para a aplicación e desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de setembro de 2006.

Alfredo Suárez Canal

Conselleiro do Medio Rural