DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 171 Martes, 05 de setembro de 2006 Páx. 13.619

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN E INDUSTRIA

ORDE do 4 de setembro de 2006 pola que se regula a concesión de axudas para compensar as perdas sufridas en establecementos turísticos causadas pola vaga de incendios que asolaron Galicia durante os días 4 a 14 de agosto do ano en curso.

No Diario Oficial de Galicia nº 165, do 28 de agosto de 2006, publicouse o Decreto 138/2006, do 24 de agosto, de medidas urxentes para a reparación dos danos e perdas causados pola vaga de incendios que asolaron Galicia durante os días 4 a 14 de agosto do ano en curso.

Esta orde ten por obxecto arbitrar medidas urxentes para paliar as repercusións máis inmediatas que sobre a actividade turística da Comunidade Autónoma de Galicia se produciu pola vaga de incendios forestais que asolaron Galicia.

No artigo 9, parágrafo 2º, do devandito decreto disponse a creación de axudas para compensar as perdas sufridas por establecementos turísticos como consecuencia directa dos incendios.

O procedemento de concesión das axudas, en concordancia co disposto no artigo 3.2º do antedito decreto, realizarase en réxime de concesión directa. O devandito procedemento rexerase polo establecido no artigo 78.8º da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobada polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, que establece a posibilidade de aprobar a concesión directa de axudas e subvencións públicas cando se acrediten razóns de interese público, social, económico ou humanitario. As especiais características dos beneficiarios destas axudas que sufriron danos, evidencian a necesidade de apartarse do réxime de concorrencia competitiva recollido na devandita lei, e xustifican que o procedemento a seguir sexa o de concesión directa, sempre que se acredite de forma que faga fe a condición de afectado.

Todo isto debe facerse compatible con actuacións coordinadas entre consellerías e con procedementos que garantan o mellor uso dos recursos, cunha tramitación áxil que facilite a máxima celeridade na resposta.

Con base no anterior e en uso das facultades que teño atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto convocar, polo procedemento de concesión directa, axudas para reparar as perdas económicas provocadas nos establecementos turísticos como consecuencia directa da vaga de incendios acaecidos na Comunidade Autónoma de Galicia entre os días 4 e 14 de agosto de 2006.

Artigo 2º.-Beneficiarios e finalidade das axudas.

Poderán acollerse ás axudas establecidas nesta orde os establecementos turísticos inscritos no REAT (Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas) da Xunta de Galicia que, como consecuencia directa dos incendios, fosen desaloxados ou sufrisen anulacións ou cancelacións de reservas por importe superior ao 40% da súa capacidade.

O período cuberto por esta orde será desde o día 4 ao 14 de agosto de 2006, segundo establece o artigo 1 do Decreto 138/2006, do 24 de agosto.

Artigo 3º.-Crédito destinado ás axudas.

Para a concesión destas axudas destinarase unha contía de trescentos mil euros (300.000 A).

Estas axudas imputaranse ao concepto orzamentario que corresponda e financiaranse con cargo aos orzamentos da Consellería de Innovación e Industria para o ano 2006. Para estes efectos realizaranse, de ser o caso, as modificacións de crédito que sexan necesarias.

A contía que percibirá cada beneficiario será a que corresponda ao importe das tarifas oficialmente comunicadas e seladas pola Administración turística de Galicia que estivesen en vigor en data na que se produciron as cancelacións, anulacións ou reducións dos servizos reservados e que fosen motivadas de forma directa pola vaga de incendios, debendo quedar acreditada suficientemente a dita relación de causalidade.

No caso de que o total das axudas correspondentes ao conxunto de beneficiarios supere a contía establecida, as citadas axudas reduciranse de maneira proporcional, sen prexuízo de que se proceda a unha ampliación de crédito.

Artigo 4º.-Solicitudes, documentación e lugar de presentación.

Para acollerse ás referidas axudas, os afectados deberán presentar unha solicitude, dirixida ao conselleiro de Innovación e Industria, segundo o modelo que se recolle no anexo I desta orde, no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

A solicitude irá acompañada da seguinte documentación, que se achegará por duplicado exemplar, incluíndo orixinal ou copia compulsada e unha copia:

-Solicitude normalizada do anexo I.

-Copia cotexada do DNI ou NIF/CIF do solicitante, cando corresponda.

-Declaración xurada ratificando a veracidade do exposto, segundo o anexo II, acompañada por calquera documento que acredite de forma que faga fe a formalización das reservas e as posteriores cancelacións:

* Documentos bancarios que indiquen ingresos realizados nas contas dos establecementos turísticos polos clientes, ben en concepto de anticipos de reservas ou como pagamentos completos das estancias ou servizos contratados.

* Documentos bancarios que proben as devolucións aos clientes dos anticipos retidos en concepto de confirmación de reservas, no caso de que se teña producido esta circunstancia.

* Documentos de formalización de reservas (fax, correo electrónico, carta postal e outros), nos cales se reflicta a petición dos clientes e a confirmación dos servizos a prestar por parte dos establecementos turísticos, así como as posteriores anulacións ou cancelacións delas ou o acurtamento das estancias.

* Nos casos en que as devanditas reservas se formalizasen a través de centrais de reservas ou axencias de viaxes, copias dos expedientes que consten nas devanditas entidades.

* Nos supostos de reservas directas, vía teléfono ou no propio establecemento, deberanse achegar copias dos libros de reservas onde consten as datas

reservadas e os datos completos dos clientes (incluíndo os seus teléfonos de contacto), e a anotación correspondente da cancelación.

* Poderá achegarse calquera outra documentación que contribúa a probar a veracidade do exposto (facturas telefónicas, e calquera outra documentación que permitar xustificar as perdas e danos sufridos polos establecementos turísticos como consecuencia directa da vaga de incendios).

-Certificación da entidade bancaria que acredite o número de conta do beneficiario para o aboamento da axuda.

-Declaración do conxunto de todas as axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución.

A solicitude e a documentación en duplicado exemplar (orixinal ou copia compulsada e unha copia) presentarase preferentemente no rexistro xeral dos servizos centrais da Consellería de Innovación e Industria, sito no edificio administrativo de San Caetano, s/n, bloque 5, 4º andar, Santiago de Compostela, ou no rexistro da Dirección Xeral de Turismo, sito na praza de Mazarelos, 15, 15703 Santiago de Compostela.

Tamén se poderán presentar nas correspondentes delegacións provinciais desta consellería, ademais de en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

A presentación da solicitude implica a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría da Seguridade Social e a Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia, de conformidade co artigo 43 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

Artigo 5º.-Criterios de avaliación.

Á vista dos expedientes tramitados, a Consellería de Innovación e Industria, a través da Dirección Xeral de Turismo, avaliará as solicitudes así como realizará cantas comprobacións e inspeccións considere oportunas para garantir unha óptima fixación da contía dos danos e a correcta aplicación das axudas, podendo a este respecto solicitar a documentación necesaria para verificar a exactitude da información achegada polos solicitantes ou realizar as comprobacións in situ daqueles.

O valor das axudas concedidas non poderá superar en ningún caso a diferenza entre o valor do dano producido e o importe doutras axudas ou indemnizacións declaradas compatibles ou complementarias que polo mesmo concepto puidesen serlle concedidas por outras administracións ou organismos públicos, nacionais ou internacionais.

Artigo 6º.-Resolución de concesión.

Á vista das solicitudes presentadas, e logo da proposta da Dirección Xeral de Turismo, resolverá o titular da Consellería de Innovación e Industria.

A resolución, de ser o caso, será obxecto de publicidade nos termos establecidos no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45

da Lei 7/2006, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

Contra a resolución do titular da consellería, que pon fin á vía administrativa, poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade co previsto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, ou recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses consonte ao establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 7º.-Duración do procedemento.

O prazo máximo para ditar e notificarlles aos interesados a resolución expresa non será posterior ao 30 de decembro. O vencemento do prazo sen que se notifique a resolución expresa, lexitima o interesado para entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

Artigo 8º.-Deber de colaboración. Reintegro das axudas.

1. Os beneficiarios, ademais das obrigas establecidas no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro de Galicia, quedan sometidos á obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Consellería de Innovación e Industria así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas ou o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control de destino das axudas.

2. O incumprimento ou falsidade nas condicións requiridas para o outorgamento da axuda levará consigo, ademais das sancións que puidesen corresponder, o reintegro da axuda percibida, incrementada co xuro legal correspondente desde o seu aboamento.

3. Toda alteración das condicións que se tiveron en conta para a concesión da axuda poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Disposición adicional

No non previsto nesta orde aplicarase o Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, o Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e demais normativa que resulte de aplicación.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Innovación e Industria para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entra en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de setembro de 2006.

Fernando Xabier Blanco Álvarez

Conselleiro de Innovación e Industria