DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 171 Martes, 05 de setembro de 2006 Páx. 13.616

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN E INDUSTRIA

ORDE do 4 de setembro de 2006 pola que se regula a concesión de axudas para compensar os danos sufridos en establecementos mercantís e industriais causados pola vaga de incendios que asolaron Galicia durante os días 4 a 14 de agosto do ano en curso.

No Diario Oficial de Galicia nº 165, do 28 de agosto de 2006, publicouse o Decreto 138/2006, do 24 de agosto, de medidas urxentes de axuda para a reparación de danos e perdas causados pola vaga de incendios que asolaron Galicia durante os días 4 a 14 de agosto do ano en curso.

No artigo 9, parágrafo 1, do devandito decreto establécese que serán obxecto de axuda os danos provocados nos establecementos mercantís ou industriais como consecuencia directa dos incendios. Dada a previsión de reparar os danos provocados nos establecementos mercantís e industriais, cómpre proceder a fixar a contía e o procedemento de concesión das axudas, o que, en concordancia co disposto no artigo 3.2º do antedito decreto, se realizará en réxime de concesión directa por mor do interese público, social, económico e humanitario derivado das excepcionais circunstancias que concorren.

O procedemento que se articula nesta orde vén dar unha resposta inmediata á situación xerada pola vaga de incendios, establecendo medidas urxentes para paliar as repercusións máis inmediatas producidas nos establecementos mercantís e industrias da Comunidade Autónoma de Galicia; en definitiva, trátase de atender as necesidades dos colectivos afectados para contribuír, de xeito decidido e con todas as garantías procedementais, a rexenerar e a reactivar a economía das zonas asoladas polo lume.

Con base no anterior e en uso das facultades que teño atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto convocar, polo procedemento de concesión directa, axudas para reparar os danos provocados nos establecementos mercantís ou industriais como consecuencia directa dos incendios acaecidos entre os días 4 e 14 de agosto de 2006.

Artigo 2º.-Beneficiarios e finalidade da axuda.

Poderán ser beneficiarios destas axudas os titulares de establecementos mercantís ou industriais en que se producisen danos polos lumes acaecidos na Comunidade Autónoma de Galicia entre os días 4 e 14 de agosto de 2006, debendo quedar acreditada a dita relación de causalidade.

Para estes efectos consideraranse os danos causados nas instalacións, maquinaria, mobiliario, mercadorías e demais útiles sempre e cando estean afectos á actividade mercantil ou industrial dos establecementos mercantís ou industriais.

Artigo 3º.-Crédito destinado ás axudas.

Para a concesión destas axudas destinarase unha contía dun millón de euros (1.000.000 A).

Estas axudas imputaranse ao concepto orzamentario que corresponda e financiarase con cargo aos orzamentos da Consellería de Innovación e Industria para o ano 2006. Para estes efectos realizaranse, de ser o caso, as modificacións de crédito que sexan necesarias.

No caso de que o total das axudas correspondentes ao conxunto de beneficiarios supere a contía establecida, as ditas axudas reduciranse de maneira proporcional sen prexuízo de que se produza unha ampliación do crédito.

Artigo 4º.-Solicitudes, documentación e lugar de presentación.

As solicitudes presentaranse segundo o modelo que figura como anexo a esta orde , no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Os solicitantes deberán presentar, incluíndo orixinal ou copia compulsada a seguinte documentación:

* DNI do solicitante titular do establecemento.

* CIF ou NIF.

* Escrituras de constitución, estatutos e modificación no caso de persoas xurídicas.

* Proxecto básico desenvolvido polo técnico correspondente que incluirá unha descrición e valoración dos danos e reparacións que se realizarán.

* Libros de contas.

* Libro de inventario.

* Póliza de aseguramento e declaración xurada de que os bens para os cales solicita as axudas non están cubertos polo seguro correspondente.

* Declaración do conxunto de todas as axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución.

* Documentos gráficos en calquera soporte que dean fe do dano.

* Certificación bancaria para o aboamento da axuda.

* Calquera outra documentación que contribúa a probar a contía dos danos.

A solicitude e a documentación (orixinal ou copia compulsada) dirixirase ao conselleiro de Innovación e Industria e presentarase preferentemente no rexistro xeral dos servizos centrais da Consellería de Innovación e Industria, sito no edificio administrativo San Caetano, s/n, bloque 5, 4ª andar, Santiago de Compostela ou nos demais lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

A presentación da solicitude implica a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría da Seguridade Social e a Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia de conformidade co artigo 43 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comu

nidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

Artigo 5º.-Contía.

A Consellería de Innovación e Industria subvencionará o custo de reparación ou reposición dos danos ocasionados nas instalacións, maquinaria, mobiliario, mercadorías e demais útiles afectos á actividade mercantil ou industrial en función das dispoñibilidades orzamentarias e do número de solicitudes e sen prexuízo de que se proceda a unha ampliación do crédito.

A Consellería de Innovación e Industria levará a cabo as actuacións de comprobación que considere necesarias para garantir unha óptima fixación da contía dos danos e a correcta aplicación das axudas, podendo a este respecto solicitar a achega da documentación necesaria para verificar a veracidade da información dos solicitantes.

O valor das axudas concedidas non poderá superar en ningún caso a diferenza entre o valor do dano producido e o importe doutras axudas ou indemnizacións declaradas compatibles ou complementarias que polo mesmo concepto puidesen concederlle outras administracións, organismos públicos, nacionais ou internacionais ou que puidesen corresponderlle en virtude da existencia de pólizas de aseguramento.

Artigo 6º.-Resolución de concesión.

En vista das solicitudes presentadas e logo da proposta da Dirección Xeral de Promoción Industrial e Sociedade da Información resolverá o titular da Consellería de Innovación e Industria.

Contra a resolución do conselleiro, que pon fin á vía administrativa, poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade co previsto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, ou recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses consonte o establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

A resolución, de ser o caso, será obxecto de publicidade no termos establecidos no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

A resolución de concesión publicarase no Diario Oficial de Galicia, conforme o establecido no artigo 78.8º Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 7º.-Pagamento.

A axuda poderá ser librada anticipadamente polo importe máximo do 50% da contía que se estableza na resolución tras a valoración das distintas solicitudes presentadas.

Artigo 8º.-Xustificación.

O perceptor da axuda queda obrigado a investir a axuda na reparación ou reposición dos danos segundo o proxecto básico presentado, de xeito que se manteña a situación existente antes do comezo dos lumes. Para tal efecto achegará a seguinte documentación:

Facturas, facturas pro forma ou orzamentos conformados.

Calquera outro documento que xustifique o emprego da axuda na reparación ou reposición dos danos.

A Consellería de Innovación e Industria reserva para si a facultade de comprobación, in situ, cando finalicen os traballos para verificar a súa conformidade co proxecto.

Artigo 9º.-Duración do procedemento.

O prazo máximo para ditar e notificarlles aos interesados a resolución expresa non será posterior ao 30 de decembro. O vencemento do prazo sen que se notifique a resolución expresa lexitima o interesado para entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

Artigo 10º.-Deber de colaboración. Reintegro das axudas.

1. Os beneficiarios, ademais das obrigas establecidas no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, quedan sometidos á obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Consellería de Innovación e Industria así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas ou o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

2. O incumprimento ou a falsidade nas condicións requiridas para o outorgamento da axuda levará consigo, ademais das sancións que puidesen corresponder, o reintegro da axuda percibida incrementada co xuro legal correspondente desde o seu aboamento.

3. Toda alteración das condicións que se tiveron en conta para a concesión da axuda poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Disposición adicional

No non previsto neste orde aplicarase o Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, o Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e demais normativa que resulte de aplicación.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Innovación e Industria para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entra en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de setembro de 2006.

Fernando Xabier Blanco Álvarez

Conselleiro de Innovación e Industria