DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 171 Martes, 05 de setembro de 2006 Páx. 13.612

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E TRANSPORTES

ORDE do 4 de setembro de 2006 pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca a concesión de subvencións aos concellos para o financiamento da reparación dos danos producidos na rede de estradas e os seus elementos funcionais e auxiliares, causados polos incendios forestais que asolaron Galicia durante os días 4 a 14 de agosto do ano en curso.

O Decreto 138/2006, do 24 de agosto, de medidas urxentes para a reparación de danos e perdas causados pola vaga de incendios que asolaron Galicia durante os días 4 a 14 de agosto do ano en curso, regula unha serie de medidas para a reparación dos danos e perdas causados polos incendios forestais durante o citado período.

O artigo 10 do citado Decreto 138/2006, establece un réxime de axudas para paliar os danos en infraestruturas en que incorresen as entidades locais como consecuencia directa dos traballos de extinción dos incendios forestais, o artigo 11 establece que as citadas axudas financiaranse con cargo aos orzamentos das respectivas consellerías afectadas e a disposición derradeira primeira faculta os distintos titulares dos departamentos autonómicos para que, no ámbito das súas competencias, diten as disposicións necesarias para o desenvolvemento do citado decreto.

As axudas reguladas no devandito decreto atéñense ao réxime establecido no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, ben que acolléndose expresamente ao procedemento de concesión directa, previsto no punto 8 do mesmo artigo, dadas as razóns de interese público, social, económico e humanitario que concorren neste caso.

En consecuencia, por razóns de urxencia, estímase conveniente establecer a convocatoria pública das axudas polos danos causados pola vaga de incendios do 4 ao 14 de agosto.

Así mesmo, tendo en conta a urxencia existente na valoración dos danos e a tramitación das axudas, así como a concorrencia doutros sistemas de cobertura de danos e de axudas que tamén poden amparar o resarcimento das perdas ocasionadas polos incendios nas explotacións agrícolas e gandeiras, cómpre

establecer un sistema de xestión centralizado para asegurar unha eficaz e equitativa asignación das axudas aquí reguladas.

A disposición derradeira primeira do Decreto 138/2006, do 24 de agosto, faculta os titulares dos distintos departamentos autonómicos para ditaren, no ámbito das súas competencias, as disposicións necesarias para o seu desenvolvemento.

Xa que logo, de conformidade co artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e no uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e destinatarios.

1. Constitúe o obxecto desta orde establecer as bases reguladoras para a concesión de axudas aos concellos de Galicia que o soliciten, para o financiamento da reparación dos danos causados na rede de estradas e os seus elementos funcionais e auxiliares de titularidade pública do seu ámbito territorial, causados polos incendios forestais que asolaron Galicia entre os días 4 e 14 de agosto do ano en curso, así como da adopción por aqueles doutras medidas de carácter preventivo, de urxente necesidade.

2. As axudas establecidas nesta orde terán carácter complementario daquelas que, coa mesma finalidade, convoque a Administración xeral do Estado.

Artigo 2º.-Actuacións subvencionables.

Poderán ser obxecto destas axudas o financiamento das actuacións que vaian realizar os concellos para paliar os danos antes citados que teñan por finalidade:

a) A reparación e/ou reposición da sinalización, tanto horizontal como vertical, da rede de estradas.

b) A reparación e/ou reposición de carteis informativos de titularidade pública.

c) A reparación e/ou reposición de barreiras-biondas e do balizamento.

d) A limpeza de obras de drenaxe lonxitudinal e transversal.

e) A roza, corta e eliminación do cepos nas marxes queimadas das vías nas zonas de dominio público.

f) A reparación de firmes en zonas localizadas como consecuencia da caída de árbores.

g) A reparación e/ou reposición de marquesiñas como elementos auxiliares do transporte colectivo.

h) A reparación daqueloutros danos que, a xuízo do órgano concedente, producisen unha deterioración da rede viaria que poidan afectar ao seu correcto funcionamento ou á seguridade viaria.

Artigo 3º.-Financiamento.

As axudas outorgadas conforme o disposto nesta orde serán financiadas con cargo á aplicación orzamentaria 08.03.413B.761.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006 e cun importe de 2.100.000 euros e limitarase ás dispoñibilidades orzamentarias. A citada contía poderase incrementar en función das solicitudes presentadas e de acordo coa dispoñibilidade de crédito.

As subvencións obxecto desta orde decláranse compatibles, de ser o caso, con outras achegas, axudas ou subvencións que o concello beneficiario destine á execución das actuacións que se describen no artigo anterior. Non obstante, a suma total de todas elas non poderá superar o 100% do orzamento total que require a actuación. Neste caso, a axuda concedida ao abeiro desta orde reducirase ata acadar o cumprimento da condición establecida anteriormente.

Artigo 4º.-Prazo de presentación de solicitudes e documentación.

Os concellos interesados deberán presentar, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación deste orde, no rexistro da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, ou mediante calquera das formas previstas no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, unha solicitude de acordo co modelo que figura como anexo desta orde, acompañada da seguinte documentación:

a) Memoria sucinta na que se identifiquen os danos ocasionados en relación coas actuacións subvencionables mencionadas no artigo 2.

b) Memoria xustificativa da necesidade de reparación ou reposición das instalacións ou elementos para os que se solicita a subvención.

c) Informe suscrito por técnico competente no que se recolla a localización das actuacións que hai que realizar e unha relación valorada delas.

d) Declaración do conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas, para os mesmos conceptos, ante as administracións públicas ou outros entes públicos ou privados

Artigo 5º.-Procedemento e resolución.

1. A competencia para a resolución dos procedementos de concesión correspóndelle á conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes.

Delégase no director xeral de Obras Públicas o exercicio das competencias de aprobación do gasto e demais actuacións para o desenvolvemento das axudas desta orde. O órgano instrutor das axudas será a Dirección Xeral de Obras Públicas.

2. Examinadas as solicitudes polo órgano instrutor, instarase do concello solicitante a emenda ou complemento destas nos termos da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, elevando proposta de declaralo por desistido no caso de non se ter emendado ou achegado o solicitado.

O órgano instrutor poderá solicitar cantos informes técnicos considere convenientes para os seus fins.

Revisados os expedientes e completados, se é o caso, o órgano instrutor elevará proposta de resolución á conselleira, que ditará resolución definitiva.

3. O prazo máximo para resolver as solicitudes e notificar a dita resolución ao abeiro desta orde será de tres meses, que se computarán a partir do día seguinte ao de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que se dite e notifique resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas pretensións por silencio administrativo, consonte o previsto no artigo 44.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 6º.-Xustificación e pagamento.

Unha vez notificada a resolución, os interesados que resulten beneficiarios das subvencións concedidas disporán dun prazo de tres meses para proceder á realización das actuacións obxecto de axuda e presentar ante a Administración, ademais de certificación do acordo do órgano municipal competente polo que se acepte a subvención nos termos e prescricións desta orde e da resolución de concesión, a xustificación correspondente, que consistirá en

certificación municipal acreditativa da súa realización e dos seus custos; e dun plano de localización das actuacións realizadas.

No caso de omisión da antedita xustificación no prazo sinalado anteriormente, entenderase que o beneficiario renuncia á axuda concedida, e procederase de conformidade co establecido no artigo 42.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Procederase ao pagamento das subvencións, tras a comprobación de que a documentación antedita se axusta ao contido desta orde, mediante transferencia bancaria ao concello beneficiario.

Artigo 7º.-Condicionantes.

1. Os beneficiarios das subvencións non poderán alterar de ningún xeito a finalidade delas, para o cal a Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes poderá realizar as inspeccións e comprobacións que considere necesarias co fin de asegurar o cumprimento das normas e requisitos fundamento da concesión.

2. Os solicitantes e beneficiarios das subvencións deberán permitir que o órgano concedente realice as comprobacións e inspeccións que considere oportunas co fin de comprobar a veracidade dos datos e da documentación presentada, así como o lóxico seguimento e control das axudas concedidas; tamén facilitarán toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas de Galicia, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control das axudas.

3. O incumprimento de calquera obriga mencionada nesta orde poderá ser causa determinante da revogación da subvención, así como do reintegro, se é o caso, das subvencións percibidas e dos xuros de demora correspondentes, todo isto de acordo e nos termos previstos polo artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia; de xeito concreto, terase en consideración o previsto no punto 9 do referido artigo.

Artigo 8º.-Réxime xurídico e de recursos.

1. A convocatoria desta axuda, as súas bases e todos cantos actos administrativos se deriven dela poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecida na Lei 30/1992, do 26 de

novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. As resolucións expresas ou desestimacións presuntas recaídas en aplicación desta orde esgotan a vía administrativa e contra elas poderá interporse potestativamente recurso de reposición ante o órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación se é expresa, ou de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo os casos, consonte o disposto no artigo 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común; ou ben poderá ser impugnada directamente ante a orde xurisdicional contencioso-administrativa, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses de ser resolución expresa ou no de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, de acordo co previsto polos artigos 10, 14 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da

xurisdición contencioso-administrativa.

3. Igualmente, os beneficiarios das subvencións reguladas por esta orde quedan suxeitos ao réxime de infraccións e sancións previsto no artigo 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e ao previsto polo Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición adicional

Pola natureza das actuacións previstas nesta orde, e de acordo co previsto no artigo 41 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da comunidade autónoma para 2006, os concellos quedan exentos de presentar os xustificantes do cumprimento das obrigas a que se refire o artigo 78.4º c) e 78.8º último parágrafo do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Santiago de Compostela, 4 de setembro de 2006.

María José Caride Estévez

Conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes