DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 171 Martes, 05 de setembro de 2006 Páx. 13.608

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

ORDE do 4 de setembro de 2006 pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca a concesión de axudas e subvencións por danos persoais, en desenvolvemento do Decreto 138/2006, do 24 de agosto, de medidas urxentes para a reparación de danos e perdas causados pola vaga de incendios que asolaron Galicia durante os días 4 a 14 de agosto do ano en curso.

O Decreto 138/2006, do 24 de agosto, de medidas urxentes para a reparación de danos e perdas causados pola vaga de incendios que asolaron Galicia durante os días 4 a 14 de agosto do ano en curso, regula unha serie de medidas para a reparación dos danos e perdas causados polos incendios forestais durante o citado período.

Segundo o disposto na citada norma, serán obxecto de axuda os danos persoais causados por falecemento, incapacidade absoluta permanente e por lesións que motivasen a hospitalización da persoa ferida (artigo 5).

As axudas reguladas no devandito decreto atéñense ao réxime establecido no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, aínda que, acolléndose expresamente ao procedemento de concesión directa, previsto no punto 8 do mesmo artigo, dadas as razóns de interese público, social, económico e humanitario que concorren neste caso.

En consecuencia, por razóns de urxencia, considérase conveniente establecer a convocatoria pública das axudas polos danos persoais causados pola vaga de incendios do 4 ao 14 de agosto.

Así mesmo, tendo en conta a urxencia existente na valoración dos danos e a tramitación das axudas, así como a concorrencia doutros sistemas de cobertura de danos e de axudas que tamén poden amparar o resarcimento das perdas ocasionadas polos incendios nas explotacións agrícolas e gandeiras, cómpre establecer un sistema de xestión centralizado para asegurar unha eficaz e equitativa asignación das axudas aquí reguladas.

A disposición derradeira primeira do Decreto 138/2006, do 24 de agosto, faculta os titulares dos distintos departamentos autonómicos para ditaren, no ámbito das súas competencias, as disposicións necesarias para o seu desenvolvemento.

Xa que logo, de conformidade co artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario

de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e no uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e natureza.

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras e a convocatoria dun procedemento de concesión das axudas establecidas polo Decreto 138/2006, do 24 de agosto, en relación cos danos persoais causados polos incendios forestais acontecidos entre o 4 e o 14 de agosto do ano en curso no ámbito territorial de Galicia que se relacionan de seguido:

a) Falecemento.

b) Incapacidade absoluta permanente.

c) Lesións que causasen a hospitalización da persoa ferida.

2. As axudas concederanse en réxime de concesión directa e serán financiadas con cargo aos orzamentos da Consellería de Economía e Facenda.

3. A concesión destas axudas terá carácter subsidiario respecto de calquera outro sistema de cobertura de danos, público ou privado, nacional ou internacional, do que poidan ser beneficiarios os afectados.

4. Non obstante, cando os mencionados sistemas non cubran a totalidade dos danos producidos, as axudas previstas nesta orde concederanse con carácter complementario e serán compatibles en concorrencia con outras subvencións, indemnizacións, axudas, ingresos ou recursos, procedentes de sistemas públicos ou privados, nacionais ou internacionais, ata o límite do valor do dano producido.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

1. Serán beneficiarias directas destas axudas as persoas afectadas pola incapacidade absoluta permanente ou lesións que causasen a hospitalización.

2. Serán beneficiarios destas axudas a título de vítimas indirectas, no caso de morte e con referencia sempre á data desta, as persoas que reúnan as condicións que se indican a continuación:

a) O cónxuxe do falecido, se non estivese separado legalmente, ou a persoa que viñese convivindo co falecido de forma permanente, con análoga relación de afectividade á de cónxuxe, durante, polo menos, os dous anos anteriores ao momento do falecemento, salvo que tivesen descendencia; neste caso bastará a mera convivencia.

b) Os fillos menores de idade dos falecidos ou das outras persoas a que se refire o parágrafo anterior.

c) Os fillos maiores de idade se sufrisen un prexuízo económico-patrimonial relevante, debidamente acreditado, en relación coa súa situación económica anterior ao falecemento.

d) En defecto das persoas mencionadas anteriormente, serán beneficiarios os pais da persoa falecida.

e) En defecto das persoas mencionadas nos parágrafos a, b, c e d serán beneficiarios os irmáns da persoa falecida, se acreditan dependencia económica daquela.

3. De concorrer varios beneficiarios a título de vítimas indirectas, a distribución da cantidade a que ascenda a axuda efectuarase da seguinte forma:

A cantidade dividirase en dúas metades. Corresponderá unha ao cónxuxe ou á persoa que viñese convivindo co falecido nos termos do parágrafo a) do punto anterior. Corresponderá a outra metade aos fillos mencionados nos parágrafos b e c do punto anterior, e distribuirase entre todos eles por partes iguais.

De resultaren beneficiarios os pais do falecido, a cantidade a que ascende a axuda repartirase entre elles por partes iguais.

De resultaren beneficiarios os irmáns do falecido, a cantidade a que ascende a axuda repartiráse entre eles por partes iguais.

Artigo 3º.-Solicitudes.

1. As solicitudes de axuda presentaranse mediante instancia segundo o modelo anexo, debidamente cuberta e asinada polo beneficiario, dirixidas ao conselleiro de Economía e Facenda. Presentaranse no rexistro xeral desta consellería nos servizos centrais, ou do modo previsto no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

2. A presentación da solicitude comporta o compromiso de facilitar a documentación complementaria que se poida requirir, así como de permitir as comprobacións e inspeccións que para o efecto esta administración considere oportunas. Así mesmo, supón a autorización ao órgano xestor da axuda, de solicitar as certificacións nos termos do artigo 43 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da comunidade autónoma para 2006; e igualmente para que inclúa e faga públicas, nos corres

pondentes rexistros, as axudas e subvencións recibidas e as sancións impostas.

3. A solicitude ira acompañada da seguinte documentación:

a) Copia do NIF ou CIF do solicitante.

b) Certificado da entidade bancaria acreditativo de que a conta citada na solicitude para a domiciliación dos pagamentos lle corresponde ao solicitante.

c) Declaración sobre calquera outra subvención ou axuda procedente de entidades públicas para os mesmos fins para os cales se solicita a axuda ao abeiro desta orde.

d) Memoria relativa aos danos persoais causados.

e) Xustificación adecuada dos danos persoais e a súa relación de causalidade co incendio, parentesco, gastos e calesquera outros datos de feito invocados.

Artigo 4º.-Prazo de presentación.

As solicitudes de axuda presentaranse no prazo dun mes, contado a partir da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 5º.-Tramitación e instrución.

1. As unidades administrativas receptoras remitirán as solicitudes á Secretaría Xeral e do Patrimonio para a súa tramitación e instrución do procedemento de concesión das axudas, sendo de aplicación para o seu desenvolvemento o establecido na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Se a solicitude non reúne os requisitos sinalados nos puntos anteriores, requirirase o interesado na forma establecida no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, para que nun prazo de dez días emende a falta ou xunte os documentos preceptivos, coa indicación de que, se así non o fixese, considerarase que desistiu da súa petición, logo de resolución dictada para o efecto.

3. Os servizos técnicos da Consellería de Economía e Facenda realizarán as inspeccións e emitirán os informes necesarios para completar o expediente administrativo.

Artigo 6º.-Determinación da axuda.

1. As axudas concederanse de acordo cos seguintes criterios:

a) 18.000 euros para os casos de falecemento e incapacidade permanente absoluta.

b) Para os casos de lesións que causasen hospitalización, incluiranse en todo caso os gastos de asistencia médica e hospitalización, así como outros danos persoais que se acrediten e estean comprendidos entre 60 e 103 euros por día de hospitalización, sen que en ningún caso poidan superarse as contías que resultan de aplicar o sistema para a valoración dos danos e perdas causados ás persoas en accidentes de circulación, recollido no texto refundido da Lei sobre responsabilidade civil e seguro na circulación de vehículos a motor, aprobado polo Real decreto lexislativo 8/2004, do 29 de outubro.

2. Os servizos técnicos da consellería avaliarán as danos persoais por lesións obxecto de axuda e emitirán un informe coa valoración dos danos indemnizables.

Artigo 7º.-Resolución.

1. A resolución das axudas competeralle ao conselleiro de Economía e Facenda e notificaráselles aos interesados no prazo de dez días a partir da data en que se ditase a resolución.

2. O prazo para resolver e notificar as subvencións rematará o día 30 de decembro de 2006.

3. Se transcorrese o citado prazo máximo sen recaer resolución expresa por parte do órgano competente, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

Artigo 8º.-Control.

1. A Consellería de Economía e Facenda poderá realizar os controis administrativos que considere oportunos co fin de comprobar a veracidade dos datos consignados na documentación presentada, así como o cumprimento dos requisitos para a percepción da axuda. O beneficiario estará obrigado a colaborar nos citados controis, proporcionando os datos requiridos.

2. O beneficiario ten a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida polo órgano xestor, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas e o Tribunal de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

Artigo 9º.-Financiamento.

1. As axudas económicas reguladas nesta orde faranse efectivas con cargo á aplicación 23.01.531A.480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

2. En todo caso, a concesión das axudas estará sometida á condición de existencia de crédito axeitado e suficiente no momento da resolución. En todo caso este crédito pode ser ampliable.

Artigo 10º.-Réxime de recursos.

1. A convocatoria desta axuda, as súas bases e todos cantos actos administrativos deriven dela poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

2. As resolucións expresas ou presuntas ditadas en aplicación desta orde esgotan a vía administrativa; e contra elas poderase interpor potestativamente recurso de reposición ante o conselleiro do Economía e Facenda, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, se é expresa, ou de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo os casos; ou ben poderá ser impugnada directamente ante o órgano xurisdicional contencioso-administrativo nos prazos legalmente establecidos.

Artigo 11º.-Réxime de reintegros, infraccións, sancións e responsabilidades.

O réxime de reintegros, infraccións, sancións e responsabilidades aplicables será o regulado no artigo 78 e 79 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Disposición adicional

Primeira.-Nos aspectos non regulados nesta orde haberá que aterse ao disposto no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia (Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro) e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia e a Lei 38/2003, xeral de subvencións.

Segunda.-De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería de Economía e Facenda publicará na súa páxina web oficial as concesións das axudas reguladas nesta orde, polo que a presentación da solicitude leva implícita autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

Disposición derradeira

Primeira.-Facúltase a Secretaría Xeral e do Patrimonio para adoptar os actos e medidas necesarios para a aplicación desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de setembro de 2006.

José Ramón Fernández Antonio

Conselleiro de Economía e Facenda

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS

E TRANSPORTES