DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 171 Martes, 05 de setembro de 2006 Páx. 13.605

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

ORDE do 4 de setembro de 2006 pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca a concesión de axudas e subvencións destinadas a sufragar os gastos extraordinarios nos que incorresen as entidades locais como consecuencia directa dos traballos de extinción causados pola vaga de incendios que asolaron Galicia durante os días 4 a 14 de agosto do ano en curso.

O Decreto 138/2006, do 24 de agosto, de medidas urxentes para a reparación de danos e perdas causados pola vaga de incendios que asolaron Galicia durante os días 4 a 14 de agosto do ano en curso, regula unha serie de medidas para a reparación dos danos e perdas causados polos incendios forestais durante o citado período.

O artigo 10 do citado Decreto 138/2006 establece un réxime de axudas polos gastos extraordinarios nos que incorresen as entidades locais como consecuencia directa dos traballos de extinción dos incendios forestais, o artigo 11 establece que as citadas axudas financiaranse con cargo aos orzamentos das respectivas consellerías afectadas e a disposición derradeira primeira faculta os distintos titulares dos departamentos autonómicos para que, no ámbito das súas competencias, diten as disposicións necesarias para o desenvolvemento do citado decreto.

As axudas reguladas no devandito decreto atéñense ao réxime establecido no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, ben que acolléndose expresamente ao procedemento de concesión directa, previsto no punto 8 do mesmo artigo, dadas as razóns de interese público, social, económico e humanitario que concorren neste caso.

En consecuencia, por razóns de urxencia, estímase conveniente establecer a convocatoria pública das axudas polos danos causados pola vaga de incendios do 4 ao 14 de agosto.

Así mesmo, tendo en conta a urxencia existente na valoración dos danos e a tramitación das axudas, así como a concorrencia doutros sistemas de cobertura de danos e de axudas que tamén poden amparar o resarcimento das perdas ocasionadas polos incendios nas explotacións agrícolas e gandeiras, cómpre establecer un sistema de xestión centralizado para asegurar unha eficaz e equitativa asignación das axudas aquí reguladas.

A disposición derradeira primeira do Decreto 138/2006, do 24 de agosto, faculta os titulares dos distintos departamentos autonómicos para ditaren, no ámbito das súas competencias, as disposicións necesarias para o seu desenvolvemento.

Xa que logo, de conformidade co artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e no uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e natureza.

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras e a convocatoria dun procedemento de concesión directa das axudas establecidas polo Decreto 138/2006, do 24 de agosto, DOG nº 165, do 28 de agosto, destinadas a sufragar os gastos extraordinarios nos que incorresen as entidades locais como consecuencia directa dos traballos de extinción causados pola vaga de incendios que asolaron Galicia durante os días 4 a 14 do mes de agosto de 2006.

2. A concesión destas axudas terá carácter subsidiario respecto de calquera outro sistema de cobertura de danos, público ou privado, nacional ou internacional, do que poidan ser beneficiarios os afectados.

3. Non obstante, cando os mencionados sistemas non cubran a totalidade dos danos producidos, as axudas previstas neste decreto concederanse con carácter complementario e serán compatibles en concorrencia con outras subvencións, indemnizacións, axudas, ingresos ou recursos, procedentes de sistemas públicos ou privados, nacionais ou internacionais, ata o límite do valor do dano producido.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderán solicitar as devanditas axudas as entidades locais que acrediten a realización de gastos extraordinarios como consecuencia directa dos traballos de extinción de acordo co procedemento regulado nesta orde.

Artigo 3º.-Actuacións subvencionables.

1. Gastos extraordinarios derivados de actuacións inaprazables na situación de emerxencia, levados a cabo no mesmo momento de se producir esta ou nos inmediatamente posteriores á finalización dos feitos causantes, sempre que o seu obxecto sexa o funcionamento dos servizos públicos esenciais e imprescindibles para garantir a vida e seguridade das persoas, levadas a cabo con medios materiais propios da entidade local, tales como vehículos, maquinaria ou ferramentas e ata o importe do 100% do gasto de reparación ou reposición do ben danado.

2. Gastos extraordinarios derivados de actuacións inaprazables na situación de emerxencia, levados a cabo no mesmo momento de se producir esta ou nos inmediatamente posteriores á finalización dos feitos causantes, sempre que o seu obxecto sexa o funcionamento dos servizos públicos esenciais e imprescindibles para garantir a vida e seguridade das persoas, levadas a cabo con medios humanos propios da entidade local e ata o importe do 100 % do gasto.

Artigo 4º.-Solicitudes, prazos e documentación.

1. As solicitudes, segundo modelo que figura como anexo I desta orde, poderán presentarse nas oficinas da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza así como nos demais lugares e formas previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e no Decreto 200/2003, do 20 de marzo.

2. O prazo de presentación de solicitudes será desde o día seguinte á data de publicación desta orde ata o 6 de outubro do ano 2006, incluída esta data no cómputo do prazo.

3. Coa solicitude xuntarase a seguinte documentación:

-Documento acreditativo do CIF da entidade local solicitante.

-Certificado da entidade bancaria acreditativo de que a conta citada na solicitude corresponde ao solicitante e memoria xustificativa da relación de causalidade entre os incedios e os danos ou gastos.

-Certificación do secretario da entidade local solicitante dos danos sufridos nos medios materiais da entidade e do seu custo, ou do custo dos medios persoais.

-Facturas das reparacións realizadas, factura dos bens adquiridos ou dos gastos realizados ou, no caso de non terse realizado aínda os gastos, documento ou orzamento xustificativo do importe previsto dos gastos, ou documentos equivalentes, que acrediten a xeración do gasto extraordinario correspondente.

4. Se a solicitude non reúne os requisitos sinalados nos puntos anteriores, requirirase a entidade solicitante na forma establecida na Lei 30/1992, do 26 de novembro, para que no prazo de dez días emende a falla ou xunte os documentos preceptivos, coa indicación de que se así non o fixese, considerarase que desistiu da súa petición, despois de ditada resolución para o efecto.

Artigo 5º.-Tramitación e resolución.

1. Trala realización dos actos de instrución que sexan necesarios para a determinación, coñecemento e aprobación dos datos en virtude dos cales deba pronunciarse a resolución, a competencia para resolver os procedementos de concesión correspóndelle ao conselleiro de Presidencia, Administración Pública e Xustiza. Delégase no director xeral de Protección Civil o exercicio das competencias de aprobación do gasto e demais actuacións para o desenvolvemento das axudas desta orde.

Contra a resolución que dite o conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado a partir do día seguinte á súa notificación, de conformidade co previsto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben poderá ser recorrida directamente ante a Sala do Contencioso-Adminis

trativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, conforme o establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

A resolución notificarase na forma prevista no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. O prazo máximo para resolver será o día 31 de decembro de 2006. Transcorrido este prazo sen que se ditase e notificase resolución expresa, os interesados que solicitasen as subvencións convocadas por esta orde poderán entender desestimada a súa solicitude, podéndose interpoñer recurso potestativo de reposición dentro dos 3 meses seguintes desde os efectos do silencio ou acudir directamente á vía xurisdicional contencioso-administrativa.

Artigo 6.º-Xustificación e pagamento.

Con carácter previo ao pagamento, o beneficiario deberá remitir a certificación do órgano que teña atribuídas as facultades de control do cumprimento da finalidade para a que lle foi concedida e da aplicación dos fondos destinados para tal efecto.

Ditada a resolución de concesión tramitarase o correspondente expediente de pagamento e as axudas aos beneficiarios serán aboadas mediante transferencia bancaria.

Poderán efectuarse pagamentos parciais e anticipos de pagamentos nos termos previstos na legislación orzamentaria e das subvencións.

Artigo 7º.-Deber de colaboración. Reintegro das axudas.

1.-Os beneficiarios, ademais das obrigas establecidas no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, quedan sometidos á obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola consellería así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ou o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control de destino das axudas.

2.-Toda alteración das condicións que se tiveron en conta para a concesión da axuda e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, sen prexuízo do establecido no artigo 1.2º desta orde.

3.-O incumprimento ou falsidade nas condicións requiridas para o outorgamento da axuda levará consigo, ademais das sancións que puidesen corresponder, ou reintegro da axuda percibida incrementada co xuro legal correspondente desde ou seu aboamento.

Artigo 8º.-Rexistro de axudas e subvencións.

As axudas que se outorguen integraranse, na forma que se estableza regulamentariamente, no Rexistro de Axudas e Subvencións, que será de acceso público.

Artigo 9º.-Crédito orzamentario e contía.

Poderanse conceder axudas por un importe de 2.400.000 A con cargo ao crédito que figure consignado para esta finalidade nas aplicacións 06.07.231A.760.0 (1.440.000 A) e 06.07.231A.460.0 (960.000 A) do estado de gastos dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

Serán obxecto de denegación as solicitudes presentadas que queden sen cobertura orzamentaria. Non obstante, esta consellería, se así o coidase,

poderá ampliar o crédito previsto á vista das solicitudes presentadas.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor ao día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de setembro de 2006.

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza