DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 167 Mércores, 30 de agosto de 2006 Páx. 13.433

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

RESOLUCIÓN do 21 de agosto de 2006, da Secretaría Xeral de Relacións Exteriores, pola que se aproban as bases reguladoras para a convocatoria de oito bolsas de formación de expertos/as en cooperación internacional para o desenvolvemento.

A política de cooperación ao desenvolvemento está experimentando na nosa comunidade autónoma un importante crecemento, que concorre xunto coas executadas polo Reino de España, a Unión Europea, e os organismos internacionais, singularmente os programas das Nacións Unidas, tanto no relativo a medios e instrumentos financeiros como á extensión xeográfica que abarca, sendo necesaria a formación de recursos humanos para o desenvolvemento das accións neste eido, especialmente tras a aprobación e publicación da Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento, pola que a Comunidade Autónoma de Galicia asume a responsabilidade de cooperar con outros países para propiciar o seu desenvolvemento integral.

Así mesmo, o I Plan Director 2006-2009 da Cooperación Galega, aprobado polo Parlamento de Galicia o 24 de abril de 2006, subliña a necesidade de formar persoal especializado que contribúa ao fortalecemento do sistema galego de cooperación, establecendo o compromiso de aumentar as bolsas de cooperación internacional en países en vías de desenvolvemento.

Así, coa aprobación das bases reguladoras para a convocatoria de bolsas preténdese apoiar a formación de expertos/as en cooperación internacional, coa finalidade de complementar a formación académica dos titulados/as universitarios con estadías na Dirección Xeral de Cooperación Exterior e nos proxectos que, co apoio da Xunta de Galicia, se executen nos países prioritarios da cooperación galega e/ou nas oficinas técnicas de cooperación dependentes da Axencia Española de Cooperación Internacional, de acordo co previsto no convenio subscrito entre esta Axencia e a Xunta de Galicia.

Na súa virtude, conforme a competencia atribuída pola disposición adicional segunda do Decreto 44/2006, do 6 de marzo, da estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, e para a debida aplicación dos créditos para o fin para o que foron orzamentados,

RESOLVO:

Artigo único

1. Aprobar as bases reguladoras para a convocatoria de bolsas destinadas á formación de expertos/as en cooperación internacional para o desenvolvemento que se inclúe no anexo a esta resolución.

2. Convocar a concesión de oito bolsas de acordo coas bases reguladoras que figuran no anexo a esta

resolución, pola contía global de 150.268 euros con cargo ás aplicacións orzamentarias 04.41.213B.480.0 (no importe de 8.800 euros para o exercicio 2006 e de 17.600 para o exercicio 2007) e 04.41.213B.490.1 (no importe de 47.541 euros para o exercicio 2006, e de 76.327 para o exercicio 2007).

Disposicións derradeiras

Primeira.-A todo o non previsto nesta resolución, aplicarase o disposto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Segunda.-Estas bases, a convocatoria e cantos actos administrativos se deriven delas poderán impugnarse na forma e nos prazos establecidos na Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Terceira.-Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de agoto de 2006.

Santiago Gómez-Reino Lecoq

Secretario xeral de Relacións Exteriores

ANEXO I

Bases reguladoras para a convocatoria de bolsas destinadas á formación de expertos/as en cooperación internacional para o desenvolvemento

Primeira.-Obxecto.

Estas bases teñen por obxecto regular a convocatoria de oito bolsas para a formación de expertos/as en cooperación internacional para o desenvolvemento na Dirección Xeral de Cooperación Exterior e nos proxectos que se executen nos países prioritarios da cooperación galega ou nas Oficinas Técnicas de Cooperación da Axencia Española de Cooperación Internacional.

Segunda.-Requisitos dos solicitantes.

Os solicitantes deben reunir os seguintes requisitos:

a) Posuír a nacionalidade española ou ser nacional dun estado membro da Unión Europea.

b) Ser natural de Galicia ou ter veciñanza administrativa en Galicia ou ter a condición de residente ausente.

c) Non superar a idade de 30 anos na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes.

d) Estar en posesión de título universitario de grado medio ou superior.

e) Non ter transcorrido máis de catro anos desde a data de finalización dos estudos superiores.

f) Non ser ou ter sido beneficiario dunha bolsa de formación no eido da cooperación internacional para o desenvolvemento da Xunta de Galicia.

g) Non manter relación laboral vixente co organismo que promove a bolsa nin coas entidades colaboradoras.

h) Durante o período de disfrute da bolsa, non colaborar con ningún axente da cooperación dos establecidos no artigo 23 da Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento.

Terceira.-Solicitude, documentación e prazo de presentación.

1. Os interesados/as deberán cubrir a solicitude que figura no anexo I dirixida ao secretario xeral de Relacións Exteriores e presentada por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Xunto coa solicitude presentaranse, ademais, os seguintes documentos:

a) Certificación académica completa ou fotocopia compulsada dela, que inclúa as calificacións obtidas, xunto co título ou depósito do título.

b) Certificado de inscrición no padrón de habitantes do municipio da súa residencia ou na oficina consular, no suposto de residentes ausentes.

c) Fotocopia cotexada do documento nacional de identidade do solicitante, por ambas caras e do libro de familia.

d) Certificado médico que acredite non padecer enfermidade nin estar afectado por limitacións físicas ou psíquicas que sexan incompatibles co desempeño das funcións do posto de traballo.

e) Currículo, xunto coa documentación cotexada acreditativa dos méritos e experiencia alegada, co obxecto da súa avaliación.

f) Memoria explicativa do coñecemento das accións internacionais de cooperación para o desenvolvemento.

g) Declaración do conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas para as actividades obxecto desta resolución das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

h) Certificación de vida laboral emitida pola Tesouraría da Seguridade Social.

i) Documento acreditativo do coñecemento de galego con especificación do grao.

j) No caso de alegar o coñecemento de idiomas estranxeiros, será necesario acreditalo mediante títulos ou diplomas expedidos por escolas ou centros públicos oficiais, españois ou estranxeiros.

k) Dúas fotografías tamaño carné co seu nome e apelidos ao dorso.

2. O prazo para a presentación da solicitude e a documentación sinalada no parágrafo anterior será dun mes a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia.

No caso de que a solicitude non estivese debidamente cuberta ou que a documentación presentada contivese erros ou fose incompleta, requirirase ao solicitante para que, no prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos necesarios con indi

cación de que, se así non o fixese, se considerará desistido da súa petición procedendo ao arquivo do seu expediente na forma e termos indicados no artigo 71 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Cuarta.-Duración das bolsas, contía, plan formativo e obrigas dos bolseiros/as.

1. O inicio do período de disfrute das bolsas prevese a partir do primeiro de setembro de 2006, logo de aceptación por parte do solicitante que resulte seleccionado. A duración de cada bolsa será de doce meses.

2. A dotación total de cada unha das catro bolsas que se van desenvolver no terreo durante doce meses é de 18.000 euros. A dotación total de cada unha das catro bolsas para os bolseiros destinados seis meses na Dirección Xeral de Cooperación Exterior (en diante, dirección xeral) e seis meses no terreo é de 15.600 euros.

Con anterioridade a desprazarse ao terreo, isto é, ao país onde se executa o proxecto ou onde a Axencia Española de Cooperación Internacional (en diante, AECI) posúe unha Oficina Técnica de Cooperación (en diante, OTC) designada pola dirección xeral, e para facilitar aos bolseiros/as o aboamento dos gastos de viaxe, seguros e primeiro establecemento, liquidarase unha contía de 1.803,50 euros xunto con 1.500 euros, co fin de que dispoña de fondos tanto para os gastos en España previos á viaxe (billete, seguro e visita á AECI en Madrid, de ser o caso) como para os que se xeren durante o primeiro mes de estadía no país de destino.

3. A aceptación da bolsa xera a obriga do bolseiro/a de subscribir un seguro de asistencia sanitaria, de accidentes e de repatriación en caso de accidente ou enfermidade, que terá cobertura internacional e vixencia polo período de duración da bolsa, ou ben acreditar por calquera medio admitido en dereito dispor da dita cobertura.

4. Unha vez incorporado/a no seu destino, o bolseiro/a acordará, segundo corresponda, xunto co titular do servizo de formación e coordinación institucional da dirección xeral, o responsable do proxecto de que se trate ou o coordinador xeral da OTC, o seu plan formativo. O dito plan formativo incluirá cando menos, unha primeira parte na que o bolseiro/a se formará na estrutura, extratexias e programación da institución/organización de que se trate. A segunda parte do plan formativo permitirá ao bolseiro/a formarse na práctica das fases do ciclo dos proxecto de cooperación para o desenvolvemento (identificación, formulación, seguimento e avaliación final).

Para a adxudicación dos destinos, a dirección xeral e a AECI, de ser o caso, terá en conta o coñecemento por parte dos bolseiros/as seleccionados dos idiomas dos países nos que o español non sexa o idioma predominante.

Igualmente, de ser o caso, antes da súa incorporación ás OTC, os bolseiros/as seleccionados desprazaránse á AECI en Madrid, durante un período a establecer pola dirección xeral e, en todo caso non superior a tres días, co fin de coñecer a estrutura do dito orga

nismo, as súas estratexias e programas, así como aos responsables dos países onde van realizar a súa estadía de formación.

Neste suposto os bolseiros con destino na Dirección Xeral de Cooperación Exterior percibirán en concepto de axuda diaria a contía fixa de 120 euros, para satisfacer os gastos inherentes á realización do desprazamento.

5. O bolseiro/a tamén se obriga pola aceptación a:

-Non desempeñar ningún traballo remunerado durante o período de vixencia da bolsa.

-Manter un comportamento que en ningún caso implique un prexuízo para os intereses da Xunta de Galicia nin para a imaxe exterior de Galicia e España.

-Mencionar a súa condición de bolseiro nas teses de doutoramento ou nos traballos de investigación en que participe.

-Levar a cabo o plan de formación acordado xunto coa dirección xeral e do coordinador xeral da OTC/responsable do proxecto de que se trate e cumprir coas normas de funcionamento e actividade que sexan determinadas.

-Desprazarse cando así o acorde coa dirección xeral e o responsable do proxecto/coordinador xeral da OTC.

-Utilizar os medios dispoñibles no lugar onde se estea a desenvolver o proxecto para a realización das actividades formativas.

Quinta.-Procedemento de adxudicación das bolsas e baremo.

1. Para a adxudicación das bolsas constituirase unha comisión de avaliación, que adaptará o seu funcionamento ao previsto nesta convocatoria e, supletoriamente, aos regulamentos contidos no capítulo II, título II, artigos 22 e seguintes da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

A comisión compoñerase polos seguintes membros:

Presidente: a directora xeral de Cooperación Exterior.

Secretario: un xefe de servizo da dirección xeral.

* Vogais:

-Dous técnicos en cooperación para o desenvolvemento da dirección xeral.

-Un experto designado polo presidente da comisión avaliadora.

-Un representante designado pola AECI.

Os membros da comisión non cobrarán indemnización por asistencia.

2. A comisión examinará as solicitudes presentadas, valorando os méritos acreditados conforme o seguinte baremo:

A) Formación (de 0 a 6 puntos).

-Por formación específica (máster, curso de posgrao ou curso de especialización) en materia de cooperación internacional para o desenvolvemento: 0,40 puntos por cada 100 horas lectivas, ata un máximo 2 puntos.

-Por cursos de galego: 0,50 puntos en grao de iniciación e 1 punto en grao de perfeccionamento.

-Por coñecemento de idiomas estranxeiros: 0,50 puntos por cada un, ata un máximo de 1, 50 puntos.

-Por cada curso de formación relacionado coa cooperación e acción exterior, de máis de 40 horas: 0,20 puntos ata un máximo de 1 punto.

-Por cursos relacionados coa informática e/ou internet, de máis de 20 horas: 0,10 puntos por cada un ata un máximo de 0,50 puntos.

B) Experiencia (ata 4 puntos).

-Experiencia en tarefas de voluntariado social debidamente acreditada: 0,5 puntos por cada tres meses e ata un máximo de 1,5 puntos.

-Experiencia acreditada en cooperación ao desenvolvemento: 0,5 puntos por cada 3 meses ata un máximo de 2,5 puntos.

3. Entrevista persoal.

A comisión de selección poderá realizar aos aspirantes que conseguiran na avaliación da formación e da experiencia unha puntuación mínima de 4 puntos, unha entrevista na que se valorarán as aptitudes e actitudes persoais dos aspirantes para a realización das funcións que se van desempeñar, o coñecemento dos temas de cooperación, así como a facilidade de expresión oral. A entrevista será valorada de 0 a 5 puntos.

A comisión poderá estar asesorada polo persoal técnico ou profesional que considere necesario e que poderá asistir ás sesións con voz pero sen voto.

4. A comisión proporá unha listaxe de adxudicatarios/as entre os solicitantes que acaden unha maior puntuación, facéndoa pública mediante a inserción no taboleiro de anuncios da dirección xeral. Incluirase unha listaxe de reserva, integrada polos solicitantes valorados cun mínimo de 4 puntos na fase de entrevista segundo orde de puntuación consecutiva, que se terán en conta para os supostos de renuncias ou baixas dos adxudicatarios/as.

A elección dos destinos efectuarase consonte á prelación resultante da listaxe de adxudicatarios e da listaxe de reserva, no seu caso.

5. A comisión elevará a súa proposta ao secretario xeral de Relacións Exteriores, que resolverá de acordo co establecido na disposición adicional segunda do Decreto 44/2006, do 6 de marzo, da estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da presidencia da Xunta de Galicia, logo da súa fiscalización, sobre a concesión das bolsas.

6. O prazo máximo para resolver será de tres meses. De non se ditar resolución no indicado prazo, as solicitudes entenderanse desestimadas.

7. No suposto de que, unha vez adxudicadas as bolsas, os beneficiarios/as non declarasen a súa aceptación ou renunciasen unha vez aceptada, a bolsa poderá ser adxudicada ao seguinte aspirante con maior puntuación procedéndose, do mesmo xeito, no caso de inaceptación ou renuncias sucesivas.

8. De non presentarse solicitudes, ou de non acadar as rexistradas a puntuación mínima exixida na fase de avaliación da formación e da experiencia, a convocatoria será declarada deserta mediante resolución da Secretaría Xeral de Relacións Exteriores que se publicará no Diario Oficial de Galicia.

Sexta.-Publicidade, aceptación, renuncia e reintegro.

1. A resolución de concesión das bolsas será publicada no Diario Oficial de Galicia, sen prexuízo das notificacións individuais feitas aos beneficiarios destas.

2. Unha vez recibidas as notificacións de concesión das bolsas polos beneficiarios/as, no prazo máximo de cinco días naturais, estes deberán comunicar á dirección xeral a súa aceptación ou renuncia. No caso de aceptación, achegarase con ela certificación bancaria da conta onde deberá ser aboada a bolsa e acreditación de dispoñer da cobertura asistencial exixida na base cuarta, parágrafo tres. Transcorridos os sinalados cinco días, se os beneficiarios/as non se declarasen en ningún sentido, entenderase que renuncian á bolsa, procedéndose a adxudicala ao seguinte solicitante que figure por orde de puntuación na listaxe de reserva confeccionada inicialmente.

Seguirase este mesmo procedemento cando durante o tempo de vixencia da bolsa se producise algunha vacante por calquera circunstancia, incluída a renuncia.

3. A renuncia durante a vixencia da bolsa dará lugar ao reintegro das cantidades percibidas, logo de instrución do correspondente procedemento de reintegro, excepto nos supostos de enfermidade, de accidente ou derivados do cumprimento de obrigas legais.

Sétima.-Natureza xurídica da relación.

A aceptación da bolsa non xera ningún tipo de vínculo laboral, administrativo nin de calquera outra natureza contractual ou legal entre a Administración autonómica ou a Administración xeral do Estado e o beneficiario/a, nin supoñerá a súa alta en réxime ningún da Seguridade Social. Os dereitos e as obrigas cínguense en exclusiva aos estipulados nesta bases reguladoras.

Oitava.-Aboamento das bolsas.

O aboamento das bolsas distribuirase en doce pagamentos. Cada un deses pagos realizarase despois da correspondente certificación da dirección xeral do bo aproveitamento das prácticas, emitida polo responsable do proxecto de que se trate/coordinador xeral da OTC.

Novena.-Causas de extinción e revogación da bolsa.

1. A condición de bolseiro/a extínguese por:

-Expiración do período de duración da bolsa.

-Renuncia.

-Enfermidade ou accidente que o incapacite para o desenvolvemento das prácticas.

2. Darán lugar á revogación da bolsa, sen prexuízo das causas xerais establecidas na normativa de axudas públicas, logo de instrución de procedemento contraditorio:

-O incumprimento por parte do bolseiro/a das obrigas relacionadas na base cuarta, contraídas coa aceptación da bolsa.

-A ausencia inxustificada.

-Obtención da bolsa sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión ou destinala para finalidades distintas para a que foi concedida.

3. A revogación da bolsa obrigará o beneficiario/a ao reintegro das cantidades percibidas incluídos os xuros de demora, logo de instrución do procedemento de reintegro previsto na normativa de aplicación.

Décima.-Información aos órganos fiscalizadores.

Os beneficiarios/as estarán obrigados/as a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Xunta de Galicia, o Tribunal de Contas español e o Consello de Contas de Galicia no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.

Undécima.-Modificación das condicións.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da bolsa poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Duodécima.-Recursos.

As resolucións expresas ou presuntas recaídas en aplicación do disposto nestas bases reguladoras agotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer os seguintes recursos:

a) Potestativamente, recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou a resolución, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da correspondente notificación, ou de tres meses, contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo os casos, de conformidade co establecido nos artigos 107, 116 e 117 da Lei 30/1992, segundo a redacción dada pola Lei 4/1999.

b) Directamente, recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional competente desa orde, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da correspondente notificación, ou no prazo de seis meses, contados a partir do día seguinte a aquel no que se producira o acto presunto.

Décimo terceira.-Memoria final.

No prazo dun mes desde que finalice o período de formación, os bolseiros/as presentarán á dirección xeral unha memoria resumo das actividades realizadas no seu destino así como certificación do responsable do proxecto de que se trate/coordinador xeral da OTC, que será avaliada pola dirección xeral, expedíndose, de ser estas avaliadas positivamente, diploma acreditativo do bo aproveitamento do período formativo, con indicación da súa duración.