DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 166 Martes, 29 de agosto de 2006 Páx. 13.378

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN E INDUSTRIA

ORDE do 21 de agosto de 2006 pola que se regula a aplicación na Comunidade Autónoma de Galicia da instrución técnica complementaria MI-IP05, instaladores ou reparadores e empresas instaladoras ou reparadoras de produtos petrolíferos líquidos, aprobada polo Real decreto 365/2005, do 8 de abril.

O Real decreto 365/2005, do 8 de abril, aproba a instrución técnica complementaria (ITC) MI-IP05, instaladores ou reparadores e empresas instaladoras ou reparadoras de produtos petrolíferos líquidos, na que se establecen as características e requisitos que deben reunir as empresas e os profesionais dedicados á execución e reparación de instalacións de produtos petrolíferos líquidos para lograr unha maior calidade que garanta a seguranza das persoas, dos bens e do ambiente, para alcanzar as axeitadas condicións técnicas que aseguren un correcto funcionamento das instalacións mediante unha axeitada cualificación profesional e para evitar o intrusismo que poida producirse na execución dos devanditos traballos.

Actualmente o procedemento para a obtención dos carnés profesionais de instalador de produtos petrolíferos líquidos e para a autorización de empresas instaladoras de produtos petrolíferos líquidos en Galicia, está regulado pola Orde do 21 de novembro de 2001 pola que se regulan os procedementos para a obtención dos carnés profesionais e as autorizacións a empresas dedicadas á montaxe, mantemento e reparación de instalacións de produtos petrolíferos (DOG nº 245, do 20 de decembro).

A entrada en vigor do Real decreto 365/2005 implica a necesidade de derrogar a citada orde e de establecer un novo procedemento para a obtención dos carnés profesionais e das autorizacións de empresa indicados no parágrafo anterior.

Por outro lado, considérase necesario establecer os criterios de validación dos carnés profesionais outorgados ata o momento nesta materia no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia ás modalidades de carnés profesionais establecidas na ITC MI-IP05, en aplicación da disposición transitoria primeira do citado Real decreto 365/2005, do 8 de abril.

Así mesmo, establécese nesta orde a adaptación das autorizacións como empresa instaladora outorgadas ata o momento na Comunidade Autónoma de Galicia ás establecidas na ITC MI-IP05.

Polo exposto, en uso das competencias que esta consellería ten atribuídas en materia de seguranza industrial e en uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

O obxecto desta orde é regular a aplicación na Comunidade Autónoma de Galicia da instrución técnica

complementaria MI-IP05, instaladores ou reparadores e empresas instaladoras ou reparadoras de produtos petrolíferos líquidos, aprobada polo Real decreto 365/2005, do 8 de abril, establecendo os procedementos necesarios para a obtención dos carnés profesionais e das autorizacións de empresa indicados a continuación:

-Instaladores e empresas instaladoras autorizadas de PPL, categoría I.

-Instaladores e empresas instaladoras autorizadas de PPL, categoría II.

-Reparadores e empresas reparadoras autorizadas de PPL, categoría III.

Artigo 2º.-Requisitos para a obtención dos carnés de instalador e reparador autorizado de produtos petrolíferos líquidos (PPL).

De conformidade co establecido no Real decreto 365/2005, do 8 de abril, o carné de instalador ou reparador de produtos petrolíferos líquidos nas súas diferentes categorías poderá obterse nas delegacións provinciais da Consellería de Innovación e Industria, para o que o interesado deberá reunir e xustificar ante este órgano, para cada categoría, os requisitos indicados no punto 4 da instrución técnica complementaria MI-IP05, aprobada polo Real decreto 365/2005, do 8 de abril.

Artigo 3º.-Vixencia dos carnés de instalador e reparador autorizado de produtos petrolíferos líquidos (PPL).

3.1. O carné de instalador ou reparador de produtos petrolíferos líquidos terá validez en todo o territorio nacional por un período de cinco anos, debendo ser solicitada a renovación por igual prazo antes da expiración da súa vixencia. O devandito trámite realizarase ante a delegación provincial da Consellería de Innovación e Industria que o expedise.

3.2. En caso de modificación ou variación substancial do regulamento conforme o cal se expediu o carné, o seu titular deberá solicitar a súa actualización, cumprindo os requisitos que, se é o caso, prevexa a disposición que o modifique.

Artigo 4º.-Requisitos para a autorización como empresa instaladora ou reparadora de produtos petrolíferos líquidos (PPL).

A autorización como empresa instaladora ou reparadora de produtos petrolíferos líquidos nas súas diferentes categorías poderá obterse na delegación provincial da Consellería de Innovación e Industria correspondente ao domicilio social da empresa, mediante a acreditación, para cada categoría, dos requisitos indicados no punto 5 da instrución técnica complementaria MI-IP05, aprobada polo Real decreto 365/2005, do 8 de abril.

Artigo 5º.-Vixencia da autorización como empresa instaladora ou reparadora de produtos petrolíferos líquidos (PPL).

A autorización como empresa instaladora ou reparadora de produtos petrolíferos líquidos terá validez en todo o territorio nacional por un período de cinco

anos, debendo ser solicitada a renovación por igual prazo antes do último trimestre da súa vixencia. O devandito trámite realizarase ante a delegación provincial da Consellería de Innovación e Industria que a expedise.

Artigo 6º.-Empresas instaladoras ou reparadoras de produtos petrolíferos líquidos autorizadas noutra comunidade autónoma.

As empresas instaladoras ou reparadoras de produtos petrolíferos líquidos autorizadas por outra comunidade autónoma que queiran exercer a súa actividade no ámbito territorial de Galicia deberán comunicalo con carácter previo á correspondente delegación provincial da Consellería de Innovación e Industria, achegando copia do certificado de empresa instaladora ou reparadora autorizada en vigor expedido pola comunidade autónoma de orixe.

Disposicións transitorias

Primeira.-Validación de carnés profesionais.

1. Os titulares dos carnés de instalador de produtos petrolíferos líquidos, categoría IP-I e instalador de produtos petrolíferos líquidos, categoría IP-II, validamente emitidos á entrada en vigor desta orde conforme o disposto na Orde do 21 de novembro de 2001 pola que se regulan os procedementos para a obtención dos carnés profesionais e as autorizacións a empresas dedicadas á montaxe, mantemento e reparación de instalacións de produtos petrolíferos (DOG nº 245, do 20 de decembro), poderán solicitar a súa validación, de acordo cos termos e requisitos que se establecen na disposición transitoria primeira do Real decreto 365/2005, polos que se prevén na nova ITC MI-IP05, antes do 27 de xullo de 2007, ante a correspondente delegación provincial da Consellería de Innovación e Industria.

2. Para os efectos do establecido nesta disposición transitoria, establécense as seguintes equivalencias cos carnés regulados na Orde do 21 de novembro de 2001:

-O carné de instalador de produtos petrolíferos líquidos, categoría IP-I, poderá validarse polo de instalador de produtos petrolíferos líquidos, categoría I.

-O carné de instalador de produtos petrolíferos líquidos, categoría IP-II, poderá validarse polo de instalador de produtos petrolíferos líquidos, categoría II.

Segunda.-Validación de autorizacións de empresa.

1. Os titulares das autorizacións de empresa instaladora de produtos petrolíferos líquidos, categoría EP-I e empresa instaladora de produtos petrolíferos líquidos, categoría EP-II, validamente emitidas á entrada en vigor desta orde conforme o disposto na Orde do 21 de novembro de 2001 pola que se regulan os procedementos para a obtención dos carnés profesionais e as autorizacións a empresas dedicadas á montaxe, mantemento e reparación de instalacións de produtos petrolíferos (DOG nº 245, do 20 de decembro), poderán solicitar a súa validación, sempre que a autorización non lles fose retirada por sanción, polas que se prevén na nova ITC MI-IP05, antes do 27 de xullo de 2007, ante a correspondente delegación provincial da Consellería de Innovación e Industria.

2. Para os efectos do establecido nesta disposición transitoria, establécense as seguintes equivalencias coas autorizacións de empresa reguladas na Orde do 21 de novembro de 2001:

-A autorización como empresa instaladora de produtos petrolíferos líquidos, categoría EP-I, poderá validarse pola de empresa instaladora de produtos petrolíferos líquidos, categoría I.

-A autorización como empresa instaladora de produtos petrolíferos líquidos, categoría EP-II, poderá validarse pola de empresa instaladora de produtos petrolíferos líquidos, categoría II.

Terceira.-Empresas instaladoras existentes.

As empresas instaladoras de produtos petrolíferos líquidos autorizadas á entrada en vigor desta orde conforme o disposto na Orde do 21 de novembro de 2001 pola que se regulan os procedementos para a obtención dos carnés profesionais e as autorizacións a empresas dedicadas á montaxe, mantemento e reparación de instalacións de produtos petrolíferos (DOG nº 245, do 20 de decembro), poderán seguir realizando a súa actividade nas mesmas condicións ata a data de caducidade da súa autorización, e en todo caso ata o 27 de xullo de 2007, data a partir da cal deberán cumprir cos requisitos indicados na ITC MI-IP05, así como co disposto nesta orde.

Disposicións derradeiras

Primeira.-En aquilo que non estea regulado nesta disposición haberá que aterse ao disposto no Real decreto 365/2005, do 8 de abril, e na Orde do 27 de decembro de 2000, da Consellería de Industria e Comercio, pola que se establece o procedemento unificado para a obtención de carnés profesionais e exixencias a empresas autorizadas para instalación, mantemento e outras actividades en materia de seguranza industrial (DOG nº 11, do 16 de xaneiro de 2001).

Segunda.-Queda derrogada a Orde do 21 de novembro de 2001 pola que se regulan os procedementos para a obtención dos carnés profesionais e as autorizacións a empresas dedicadas á montaxe, mantemento e reparación de instalacións de produtos petrolíferos (DOG nº 245, do 20 de decembro) e a Orde do 10 de xuño de 2002 que modifica á do 21 de novembro de 2001 pola que se regulan os procedementos para a obtención dos carnés profesionais e as autorizacións a empresas dedicadas á montaxe, mantemento e reparación de instalacións de produtos petrolíferos (DOG nº 122, do 26 de xuño de 2002).

Terceira.-Facúltase o director xeral de Industria, Enerxía e Minas para ditar cantas resolucións sexan precisas para o desenvolvemento desta orde.

Cuarta.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de agosto de 2006.

Fernando Xabier Blanco Álvarez

Conselleiro de Innovación e Industria

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS

E TRANSPORTES