DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 165 Luns, 28 de agosto de 2006 Páx. 13.341

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

ORDE do 27 de xullo de 2006 pola que se clasifica de interese deportivo a Fundación Ciclismo Galego.

Visto o expediente de clasificación da Fundación Ciclismo Galego, con domicilio en Vigo.

Supostos de feito.

1. Xosé Antón Fernández Rojo, na súa condición de tesoureiro do padroado da fundación, formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Vigo, o día 11 de xullo de 2006, ante o notario José Luis Prieto Fenech, co número de protocolo mil catrocentos setenta e sete, pola entidade mercantil Valery Karpin S.L., representada para este acto por Valeri Karpin; pola Consellería de Cultura e Deportes da Xunta de Galicia, representada para este acto pola conselleira Ánxela Bugallo Rodríguez; pola Caixa de Aforros de Vigo, Ourense e Pontevedra Caixanova, representada por Guillermo Brea Vila; pola entidade mercantil Cardomar S.L., representada por Carlos Luis Domínguez Álvarez, e pola Consellería de Innovación e Industria, representada polo secretario xeral Emilio Nogueira Moure.

3. Segundo consta no artigo 6 dos estatutos, a fundación ten por finalidade a promoción, divulgación e desenvolvemento do deporte do ciclismo en Galicia.

Para o cumprimento deste fin a fundación desenvolverá, na medida das súas posibilidades económicas e de acordo cos programas concretos que en cada caso aprobe o padroado, as seguintes actividades:

a) Creación dun equipo ciclista profesional.

b) Realización de actividades dirixidas á potenciación do ciclismo afeccionado.

c) Organización, colaboración e participación en actividades e/ou eventos deportivos, particularmente os relacionados co ciclismo, que se celebren na Comunidade Autónoma galega.

d) Organización, colaboración e participación en actividades encamiñadas á promoción e a igualdade a través do deporte.

e) Análise, debate e divulgación da práctica deportiva, con especial incidencia no ciclismo, podendo para iso organizar cursos, seminarios, conferencias, congresos, etc., así como elaborar e editar soportes de contidos en formato de papel ou dixital.

f) Tramitación perante as institucións das correspondentes solicitudes de subvencións, axudas, etc., así como a xestión de doazóns, convenios de colaboración, contratos de patrocinio, etc., que acheguen recursos para o cumprimento dos fins fundacionais.

g) Exercicio das actividades económicas precisas para o cumprimento dos seus fins, así como todas aquelas accións subordinadas ou accesorias á actividade principal.

h) Calquera outra actuación que, directa ou indirectamente, contribúa ao cumprimento dos seus fins.

4. O padroado da fundación estará integrado por Valeri Karpin como presidente, en representación da entidade mercantil Valery Karpin, S.L.; Ánxela Bugallo Rodríguez como vicepresidenta, en representación da Consellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia; Carlos Luis Domínguez Álvarez como secretario, en representación da entidade mercantil Cardomar S.L.; Xosé Antón Fernández Rojo como tesoureiro, en representación da Fundación Deporte Galego, e polos seguintes vogais: Santiago Xosé Domínguez Olveira na súa condición de director xeral para o Deporte; Guillermo Brea Vila en representación de Caixa de Aforros de Vigo Ourense e Pontevedra Caixanova, e Xabier-Ignacio Louzao Rodríguez en representación da Consellería de Innovación e Industria.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese deportivo da Fundación Ciclismo Galego dado o seu obxecto e finalidade, polo que, véndose cumpridos os requisitos exixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como de interese deportivo e a súa adscrición á Consellería de Cultura e Deporte.

Fundamentos de dereito.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, corresponde a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 24 de xullo de 2006.

Vista a Constitución española de 1978; o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e a Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar de interese deportivo a Fundación Ciclismo Galego e adscribila á Consellería de Cultura e Deporte, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 27 de xullo de 2006.

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións

Públicas e Xustiza