DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 165 Luns, 28 de agosto de 2006 Páx. 13.340

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

ORDE do 27 de xullo de 2006 pola que se clasifica como benéfico social a Fundación Las Samaritanas.

Visto o expediente de clasificación da Fundación Las Samaritanas, con domicilio na Guarda.

Supostos de feito.

1. María Amparo Outón Soto en calidade de mandataria da fundación, en escrito de 14 de xullo de 2006 formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Vigo, o día 28 de abril de 2006, perante o notario José Luis Lorenzo Areán co número oitocentos dez do seu protocolo por María del Carmen Colmenero Martos, Ana María Vílchez Colmenero, Ana Marí Rodríguez Eiras, María Isabel Martínez Alonso y Martina Castro Crespo, que interveñen no seu propio nome.

3. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos o obxecto da fundación é acoller e favorecer de forma integral un colectivo da sociedade, como son as mulleres que se encontran nunha situación de desamparo, de exclusión social, dentro dunha visión cristiá da vida e da cultura. Ten como obxectivo social, a creación de estruturas e actividades que faciliten a acollida, a asistencia social, a inclusión social e laboral, a defensa dos dereitos humanos,

a promoción e atención ás mulleres en risco de exclusión por razóns físicas, sociais ou culturais, así como a promoción do voluntariado como acción social.

4. O padroado da fundación estará composto por María del Carmen Colmenero Martos como presidenta, María Isabel Martínez Alonso como vicepresidenta, Ana María Vílchez Colmenero como secretaria e Martina Castro Crespo e Ana María Rodríguez Eiras como vogais.

5. A comisión integrada polos secretarios de todas as consellerías eleva ao conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como benéfico social da Fundación Las Samaritanas, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, véndose cumpridos os requisitos exixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de intese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como benéfico social e a súa adscrición á Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar.

Fundamentos de dereito.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, corresponde a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, quen exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 24 de xullo de 2006.

Vista a Consituitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como benéfico social a Fundación Las Samaritanas adscribíndoa á Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 27 de xullo de 2006.

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia Administracións

Públicas e Xustiza