DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 165 Luns, 28 de agosto de 2006 Páx. 13.339

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

ORDE do 27 de xullo de 2006 pola que se clasifica como de interese docente a Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal (CEER).

Visto o expediente de clasificación da Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal (CEER), con domicilio en Santiago de Compostela.

Supostos de feito.

1. Carlos Feraz Sexto na súa calidade de director da fundación, en escrito de 5 de xullo de 2006 formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Santiago de Compostela o día 30 de xuño de 2004, ante o notario Enrique Roger Amat co número de protocolo dous mil catrocentos cincuenta e tres por Senén Barro Ameneiro en nome e representación da Universidade de Santiago de Compostela, José María Barja Pérez en nome e representación da Universidade da Coruña, Salustiano Mato de la Iglesia en nome e representación da Universidade de Vigo, Xoán Vázquez Mao en repre

sentación, como secretario xeral da Asociación Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular, José Fernando Gomes Mendes en representación da Universidade do Minho, Eduardo Augusto Dos Santos Rosa en representación da Universidade de Tras-Os-Montes e Alto Douro e María Isabel Amorim de Azevedo en representación da Universidade de Porto. Esta escritura foi emendada por outras dúas posteriores de datas 16 de decembro de 2005 e 28 de xuño de 2006, outorgadas ante o mesmo notario e co números de protocolo catro mil trescentos oitenta e cinco e mil cincocentos noventa e nove respectivamente.

3. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos o obxecto da fundación é a procura de sinerxías e complementariedades nos eidos académicos universitarios da Eurorrexión coa finalidade de reforzar as vinculacións entre as universidades de Galicia e o Norte de Portugal cun carácter netamente plural, integrador, dinamizador e innovador no ámbito do estudo, análise e desenvolvemento do cadro eurorrexional.

4. O padroado da fundación estará composto por Rui Fernando Da Silva Río en representación da Asociación Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular, Eduardo García Rodeja en representación da Universidade de Santiago de Compostela, Salustiano Mato de la Iglesia en representación da Universidade de Vigo, Isabel Azevedo en representación da Universidade de Porto, Viriato Capela en representación da Universidade do Minho, Eduardo Rosa en representación da Universidade de Tras-Os-Montes e do Minho e Pilar Uriz en representación da Universidade da Coruña.

5. A comisión integrada polos secretarios de todas as consellerías elévalle ao conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese docente da Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal (CEER), dado o seu obxecto e finalidade, polo que, véndose cumpridos os requisitos exixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como de interese docente e a súa adscrición á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Fundamentos de dereito.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º c) do Decreto 248/92, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do

protectorado das fundacións de interese galego, corresponde a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, quen exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 24 de xullo de 2006.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño e a Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como de interese docente a Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal (CEER) adscribíndoa á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 27 de xullo de 2006.

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia Administracións

Públicas e Xustiza