DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 165 Luns, 28 de agosto de 2006 Páx. 13.337

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 138/2006, do 24 de agosto, de medidas urxentes de axuda para a reparación de danos e perdas causados pola vaga de incendios que asolaron Galicia durante os días 4 a 14 de agosto do ano en curso.

Durante os días 4 a 14 do mes de agosto de 2006, unha vaga de incendios forestais ameazou os recursos forestais de Galicia, afectando de xeito significativo o desenvolvemento da actividade humana en amplas zonas do país.

Asistimos a unha nova tipoloxía de incendios forestais que tivo especial incidencia non só nos terreos forestais senón de xeito moito máis intenso que noutras ocasións en zonas contiguas a núcleos rurais, vilas e cidades densamente poboadas, afectando fundamentalmente ao territorio das provincias de Pontevedra e A Coruña.

Os incendios forestais ocasionaron danos, fundamentalmente sobre masas forestais e explotacións agrícolas, gandeiras, mercantís, industriais e turísticas, e riscos para a vida das persoas, que obrigaron á evacuación dalgunhas poboacións. Ata o de agora, a actuación da Xunta de Galicia concentrouse na articulación dunha serie de medidas preventivas e de protección e auxilio das persoas e bens directamente ameazados polos incendios forestais. Alén diso, é obriga dos poderes públicos articular un sistema de axudas que palíen os danos causados polos incendios, que atendan as situacións de necesidade en que se puidesen atopar os colectivos directamente afectados, e mesmo contribúan a restaurar os valores naturais e a reactivar a actividade económica das zonas afectadas.

O artigo 78.8º da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobada por Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, establece a posibilidade de aprobar a concesión directa de axudas e subvencións públicas de acreditárense razóns de interese público, social, económico ou humanitario. As especiais características dos beneficiarios destas axudas, que sufriron danos nos seus bens e mesmo a perda de familiares, evidencian a necesidade de apartase do réxime de concorrencia competitiva recollido na devandita lei, e xustifican que o procedemento a seguir sexa o de concesión directa, sempre que se acredite de forma que faga fe a condición de afectado.

Así mesmo, as situacións persoais dos potenciais beneficiarios destas axudas aconsellan que os procedementos reguladores se inspiren nos principios de flexibilidade, equidade e proporcionalidade, aínda que garantindo, tanto formal como materialmente,

a correcta utilización dos fondos públicos dedicados a esta finalidade.

O obxectivo desta norma é determinar o marco común das axudas que sexan outorgadas pola Comunidade Autónoma galega para reparar os danos e perdas dos incendios que asolaron Galicia durante os días 4 a 14 do mes de agosto de 2006, axudas que serán complementarias e compatibles coas mediadas que a Administración xeral do Estado adopte no futuro co fin de asegurar un maior grao de protección fronte aos incendios e ás súas consecuencias.

Na súa virtude, por proposta dos conselleiros e conselleiras de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Economía e Facenda, Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, Innovación e Industria, Medio Rural, Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, e Vivenda e Solo, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e catro de agosto de dous mil seis,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

1. As axudas establecidas no presente decreto aplicaranse á reparación dos danos e perdas causados polos incendios forestais acaecidos entre os días 4 e 14 de agosto de 2006, ambos incluídos, no territorio da Comunidade Autónoma galega, nos termos que se conteñen no presente decreto e polas contías que nel e nas disposicións que o desenvolvan se establezan.

Artigo 2º.-Natureza das axudas.

1. A concesión destas axudas terá carácter subsidiario respecto de calquera outro sistema de cobertura de danos, público ou privado, nacional ou internacional, do que poidan ser beneficiarios os afectados.

2. Non obstante, cando os mencionados sistemas non cubran a totalidade dos danos producidos, as axudas previstas neste decreto concederanse con carácter complementario e serán compatibles en concorrencia con outras subvencións, indemnizacións, axudas, ingresos ou recursos, procedentes de sistemas públicos ou privados, nacionais ou internacionais, ata o límite do valor do dano producido.

Artigo 3º.-Réxime xurídico.

1. O procedemento de concesión rexerase polo establecido no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobada por Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia e polo establecido na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, nos seus preceptos básicos.

2. As axudas poderán outorgarse en réxime de concesión directa por mor do interese público, social, económico e humanitario derivado das excepcionais circunstancias que concorren neste caso.

Artigo 4º.-Réxime de contratación.

1. Para os efectos previstos no artigo 72 do texto refundido da Lei de contratos das administracións públicas, aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2000, do 16 de xuño, terán a consideración de obras, servizos, adquisicións ou subministracións de emerxencia os de reparación ou mantemento do servizo de infraestruturas ou equipamentos, así como as obras de reposición de bens prexudicados polos incendios, calquera que sexa a súa contía.

2. Para estes mesmos efectos inclúense entre as infraestruturas, en todo caso, as hidráulicas, as de transportes e as estradas.

3. Declararase urxente a ocupación dos bens afectados polas expropiacións derivadas da realización das obras a que se refire este artigo, para os efectos establecidos no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954.

Artigo 5º.-Axudas por danos persoais.

As axudas por danos persoais concederanse por falecemento, por incapacidade absoluta permanente e por lesións que causasen a hospitalización da persoa ferida cando o feito causante teña a súa orixe nos acontecementos obxecto de regulación neste decreto.

O importe desta axuda será para o caso de falecemento e incapacidade permanente absoluta de 18.000 A, e de entre 60 e 103 A por día de hospitalización, sen que en ningún caso poidan superarse as contías que resultan de aplicar o sistema para a valoración dos danos e perdas causados ás persoas en accidentes de circulación, recollido no texto refundido da Lei sobre responsabilidade civil e seguro na circulación de vehículos a motor, aprobado polo Real decreto lexislativo 8/2004, do 29 de outubro.

Artigo 6º.-Axudas por danos causados en vivendas e enxoval doméstico.

1. Serán obxecto de axuda os danos causados na vivenda que constitúa a residencia permanente e habitual dos seus moradores, na parte non comprendida nas axudas que puidese aprobar a Administración do Estado e polo importe correspondente ata cubrir o 100% do valor do inmoble danado, sen que en ningún caso o importe da dita axuda poida superar o límite do 100% do prezo de venda dunha vivenda de promoción autonómica na mesma localidade.

2. Serán obxecto de axuda os danos causados no resto das vivendas, sen que en ningún caso o importe da dita axuda poida superar o 40% do prezo de venda dunha vivenda de protección autonómica na mesma localidade. Quedan excluídas destas axudas as edificacións ruinosas e as que se atopen en manifesto abandono.

3. Para os efectos deste artigo entenderase por vivenda as construcións anexas e instalacións complementarias.

4. Serán igualmente obxecto de axudas os danos sufridos en enxoval doméstico de primeira necesidade, cando non estivesen incluídos nas axudas que para o mesmo efecto puidese aprobar a Administración do Estado.

5. Os beneficiarios destas axudas serán os propietarios, usufrutuarios ou arrendatarios dos bens referidos.

Artigo 7º.-Axudas para reposición de infraestruturas e equipamentos privados danados.

1. Serán obxecto de axuda a reparación dos danos causados polos incendios nas seguintes infraestruturas de titularidade privada situadas en terreos forestais:

a) Camiños forestais.

b) Captacións de auga.

c) Cerramentos.

d) Bebedoiros.

2. Así mesmo, serán obxecto de axuda a reparación dos danos causados na maquinaria e equipamento agrícola ou forestal ocasionados en tarefas de colaboración nos labores de extinción de incendios forestais, na medida en que non fosen cubertas pola Administración xeral do Estado.

Artigo 8º.-Axudas por danos nas explotacións agrícolas e gandeiras.

Serán obxecto de axudas os danos causados polos incendios forestais nas explotacións agrícolas e gandeiras que non fosen cubertas polas medidas que poida adoptar a Administración xeral do Estado ou por calquera fórmula de aseguramento, público ou privado.

Artigo 9º.-Axudas para compensar os danos e as perdas sufridas en establecementos mercantís, industriais e turísticos.

1. Serán obxecto de axuda os danos provocados nos establecementos mercantís ou industriais como consecuencia directa dos incendios.

2. Serán obxecto de axuda as perdas sufridas por establecementos turísticos que fosen desaloxados ou que, como consecuencia directa dos incendios, sufrisen anulación ou cancelación de reservas por importe superior ao 40% da súa capacidade no período abranguido polo artigo 1º deste decreto.

Artigo 10º.-Axudas ás entidades locais.

Serán obxecto de axudas os danos provocados en infraestruturas locais, non previstos nas axudas que para o efecto puidese aprobar a Administración xeral do Estado, así como os gastos extraordinarios en que incorresen como consecuencia directa dos traballos de extinción dos incendios forestais.

Artigo 11º.-Outras liñas de axudas.

Serán igualmente obxecto de axudas:

a) A morte de gando que estivese incluído no Rexistro de Explotacións Gandeiras.

b) A restauración dos terreos queimados dedicados a pasto e cultivos forraxeiros de explotacións gandeiras.

c) A recuperación dos terreos e hábitats cinexéticos nas zonas afectadas.

Artigo 12º.-Financiamento.

As axudas públicas reguladas neste decreto financiaranse con cargo aos orzamentos das respectivas consellerías afectadas. Para estes efectos realizaranse, de ser caso, as modificacións de crédito que sexan necesarias.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltanse os distintos titulares dos departamentos autonómicos para que, no ámbito das súas competencias, diten as disposicións necesarias para o desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e catro de agosto de dous mil seis.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza