DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 164 Venres, 25 de agosto de 2006 Páx. 13.307

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E TRANSPORTES

ORDE do 6 de xullo de 2006 pola que se aproba definitivamente a modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Castro Caldelas (modificación da normativa para prever o uso de velorios).

O Concello de Castro Caldelas remitiu o expediente de referencia solicitando a súa aprobación definitiva de conformidade co previsto no artigo 85.5º da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

I. Antecedentes.

1. O Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) do Concello de Castro Caldelas foi aprobado definitivamente o 19-5-1999.

2. De conformidade co disposto no artigo 85.1º da Lei 9/2002, emitiuse informe previo á aprobación inicial o 23-11-2005.

3. O Pleno do concello, na súa sesión do 28-1-2006, aprobou inicialmente a modificación, que posteriormente foi sometida a información pública por medio de anuncios que se publicaron no DOG nº 27, do 8 de febreiro de 2006 e La Voz de Galicia e Faro de Ourense coa mesma data.

4. Consta no expediente remitido un informe da Consellería de Medio Ambiente (Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible) de 1-3-2006.

5. A modificación foi aprobada provisionalmente polo Pleno do concello do 1-4-2006.

6. A documentación achegada polo concello está integrada por tres exemplares do proxecto de modificación, elaborado polos arquitectos Daniel Rodrí

guez Fernández e José Martínez Rodríguez, o 26 de setembro de 2006, nos cales consta a dilixencia de aprobación provisional, e unha copia auténtica do expediente administrativo municipal.

II. Consideración e fundamentación.

II.1. A modificación ten por obxecto introducir o uso de velorio entre os que recolle o punto 7 (servizos públicos) da normativa, así como permitir o devandito uso de servizos públicos no núcleo de Castro Caldelas.

De acordo co informe-proposta da Dirección Xeral de Urbanismo de 5-7-2006, de conformidade co expresado na sentenza do Xulgado Provincial do Contencioso-Administrativo de Ourense no procedemento ordinario número 384/2000, a actividade de velorio non é compatible co uso residencial. Como consecuencia, o citado uso de velorio pode ser admisible nas zonas de uso residencial, pero coa condición de que non se produza en edificacións de uso residencial.

II.2. De conformidade cos artigos 89 e 93.4º da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, e co artigo 1 do Decreto 519/2005, do 6 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva das modificacións do planeamento xeral correspóndelle á conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes.

III. Resolución.

Visto canto antecede,

RESOLVO:

Primeiro.-De acordo co punto 5.a) do artigo 85 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, aprobar definitivamente a modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Castro Caldelas (Ourense) (modificación da normativa para prever o uso de velorios), coa indicación expresa de que o devandito uso se deberá desenvolver en edificacións de uso exclusivo.

Segundo.-Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Terceiro.-De conformidade co disposto polo artigo 92 da Lei 9/2002, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas da modificación aprobada definitivamente.

Cuarta.-Notifíqueselle esta orde ao concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de xullo de 2006.

María José Caride Estévez

Conselleira de Política Territorial,

Obras Públicas e Transportes