DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 164 Venres, 25 de agosto de 2006 Páx. 13.301

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

ORDE do 31 de xullo de 2006 pola que se regula o réxime de axudas ás corporacións locais para a adquisición de vehículos contra incendios e salvamento en concellos de menos de 20.000 habitantes.

O Decreto 578/2005, do 29 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, atribúe a esta consellería, entre outras competencias, as de planificación e coordinación dos plans e programas dos servizos contra incendios e salvamento locais, a través da Dirección Xeral de Protección Civil.

Na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2006, con cargo á aplicación orzamentaria 06.07.231A.760.3, existe partida orzamentaria para as axudas que se establecen nesta orde.

Na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións -os seus preceptos declarados básicos pola disposición derradeira primeira-, no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, establécense os requisitos xerais das subvencións e axudas concedidas pola Administración autonómica, normativa á que, en consecuencia, se adaptará esta orde, tendo en conta en todo caso os principios de publicidade, obxectividade e concorrencia. Ao tratarse dunha orde con aplicación de fondos da Comunidade Europea (Feder), estará suxeita a toda a regulamentación comunitaria aplicable ao obxecto desta.

Na súa virtude, no uso das facultades que teño atribuídas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

1. O obxecto desta orde é establecer as bases que rexerán para a concesión de axudas ás corporacións locais galegas para a adquisición de vehículos contra incendios e salvamento, con destino a concellos de menos de 20.000 habitantes.

A contía do crédito destinado a esta actuación ascende a seis millóns de euros (6.000.000 A), de axuda con cargo á medida 5.3 de Feder, do Programa Operativo Integrado para Galicia 2000/2006. O crédito destinado a esta convocatoria recóllese na aplicación: 06.07.231A.760.3, dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para 2006.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderán acollerse ás axudas as corporacións locais de menos de 20.000 habitantes, que no día da publicación desta orde cumpran cos seguintes requisitos:

Que a infraestrutura de comunicacións, urbana ou interurbana, así coma outras características especiais do concello, dificulten ou impidan a atención dos servizos contra incendios existentes na actualidade conforme os usos comunmente establecidos para iso.

Non ter recibido outras axudas das administracións públicas, dos seus organismos públicos ou das demais entidades do sector público para a dotación de vehículos contra incendios para fins similares ou estean inoperativos aqueles de que dispoñan.

Artigo 3º.-Destino das axudas.

As axudas destinaranse á adquisición de vehículos especialmente deseñados para intervención en vías dentro das poboacións e interurbanas de difícil maniobrabilidade ou accesos co límite de axuda ata cincuenta mil euros por vehículo.

Tamén, por razón das especiais características do concello, poderán destinarse axudas para a adquisición de vehículos contra incendios e salvamento, de primeira intervención ou bombas urbanas lixeiras co límite de axuda ata noventa mil euros por vehículo.

Cada concello só poderá optar á axuda correspondente para a adquisición dun vehículo dunha das dúas modalidades aludidas.

No anexo II recóllense as características técnicas mínimas que cumprirán os vehículos.

Artigo 4º.-Solicitudes.

1. Os beneficiarios que se indican no artigo 2º que queiran acollerse a esta orde deberán presentar a solicitude de axuda, segundo o modelo que se indica no anexo I, no rexistro das delegacións provinciais correspondentes da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza directamente, ou ben en calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

A solicitude pódena realizar conxuntamente dous o máis concellos que cumpran o establecido no artigo 2º, logo de acordo de agrupación adoptado polo órgano competente de cada entidade local, indicando que se aproba a agrupación coa finalidade de participar no procedemento obxecto desta orde. Neste acordo nomearase un representante do concello que actuará no seu nome. Os concellos agrupados deben, así mesmo, nomear un representante único da agrupación con poderes suficientes para levar a cabo a tramitación administrativa da axuda, e para cumprir coas obrigas que, como beneficiario, corresponden á agrupación.

Cando se trate de agrupacións de concellos, debe procederse nos termos establecidos no artigo 11.3º da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, facendo constar expresamente este extremo, tanto na solicitude como na resolución de concesión, constarán así mesmo os compromisos que asume cada un deles, que terán igualmente a condición de beneficiarios.

2. A solicitude deberá dirixirse á delegada provincial da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e presentarase no prazo de trinta días hábiles contados a partir da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, á que se lle xuntará, necesariamente, a seguinte documentación:

Declaración de todas as solicitudes efectuadas ou xa concedidas, para servizos locais contra incendios, ante as administracións públicas competentes, os seus organismos autónomos ou outros entes do sector público.

Certificación de acordo do Pleno do concello que recolla os seguintes puntos:

Compromiso de realizar a adquisición dos vehículos, achegando o concello o 25% do seu custo.

Compromiso de dispoñer de persoal permanente para o uso do vehículo, caso de ser necesaria a súa intervención.

Asunción dos custos de mantemento, seguros e inspeccións técnicas durante o período de vida útil do vehículo.

Compromiso de contraer antes do 1 de decembro de 2006 a obriga orzamentaria do gasto total necesario para a adquisición do vehículo. No suposto de que os concellos non poidan cumprir este prazo, solicitarán, antes do 1-12-2006, unha ampliación, xustificando as causas do incumprimento, e a Dirección Xeral de Protección Civil resolverá a concesión da prórroga. En todo caso os concellos beneficiarios deberán xustificar a adquisición dos vehículos non máis tarde do 1 de decembro de 2007.

No caso de realizar a petición conxunta con outro ou outros concellos, a certificación do Pleno aprobatorio de tal acordo e condicións deste.

Memoria indicando:

Os principais riscos de incendios existentes no concello ou que requiran actuacións de salvamento.

A existencia de plans municipais de protección civil (plans de emerxencia municipal e plans de actuación municipal e plans especiais ou específicos do concello), ou, no seu defecto, o compromiso de iniciar a elaboración dos ditos plans antes do 31 de decembro de 2006.

A dotación actual de medios contra incendios urbanos existentes no concello e o persoal dedicado á xestión de emerxencias neste, indicando a natureza do seu vínculo xurídico co concello, a súa dispoñibilidade temporal e a súa formación.

3. Se as solicitudes non reúnen os requisitos aos que se refiren os parágrafos anteriores, as delegacións provinciais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza requirirán aos peticionarios para que, no prazo de dez días naturais, emenden a falta ou acompañen os documentos preceptivos. Transcorrido o antedito prazo sen que se produza a emenda, as peticións arquivaranse, de acordo co establecido na Lei 30/1992,

do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 5º.-Instrución.

1. Unha vez recibida a documentación nas delegacións provinciais, será remitida polas delegadas provinciais respectivas á Dirección Xeral de Protección Civil, acompañada dun informe administrativo sobre o cumprimento dos requisitos sinalados nos artigos 2º e 4º.

2. Comisión de avaliación.

Constituirase unha comisión de avaliación, que estará presidida polo director xeral de Protección Civil, que poderá delegar no subdirector xeral de Atención ás Emerxencias e Calidade da Protección Civil, e formada polas catro delegadas provinciais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, actuando como secretario un funcionario da dita Dirección Xeral que non terá dereito a voto. Formará parte desta, con voz pero sen voto, o subdirector xeral de Avaliación e Planificación da Prevención de Riscos.

3. A referida comisión fará unha proposta de resolución, tendo en conta os criterios sinalados no artigo seguinte, que lle será elevada posteriormente ao conselleiro de Presidencia, Administracións Publicas e Xustiza.

Artigo 6º.-Criterios de avaliación.

A concesión da axuda realizarase en réxime de concorrencia competitiva. A determinación da contía da axuda e elaboración da proposta de resolución realizarase consonte os seguintes criterios de valoración:

Menor número de vehículos contra incendios dos que dispoña o concello por número de habitantes (ata 30 puntos).

Riscos obxectivos existentes no territorio do concello, que podan ser mitigados ou reducidos cos vehículos obxecto da solicitude (ata 30 puntos).

Grao de colaboración dos servizos municipais cos servizos de atención ás emerxencias do sistema galego de Protección Civil, en particular co Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia (ata 25 puntos).

Existencia de plans municipais de protección civil ou compromiso da súa elaboración (ata 15 puntos).

Artigo 7º.-Resolución.

1. A resolución será adoptada polo conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, á vista da proposta de resolución formulada pola comisión de avaliación.

2. A resolución das solicitudes das axudas notificaráselles a todos os peticionarios na forma prevista no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

No caso de que, transcorridos seis meses, contados desde a publicación desta orde, non se ditase e notificase resolución expresa, as solicitudes entenderanse desestimadas por silencio administrativo.

3. Contra a resolución do conselleiro poderá interporse ante o mesmo recurso potestativo de reposición, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte á notificación daquela ou desde o que se produza o acto presunto.

Poderá interporse directamente recurso contencioso -administrativo perante a sala do contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución ou desde o día no que se produza o acto presunto. Non obstante, se se interpón o recurso de reposición, terá que esperarse a que se resolva expresamente ou se produza a súa desestimación.

Artigo 8º.-Publicación.

As resolucións de concesións seranlles notificadas a cada unha das corporacións locais, a través das delegacións provinciais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e ademais publicarase no Diario Oficial de Galicia un extracto das resolucións de concesión, de acordo co establecido no artigo 11 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 9º.-Obrigas dos beneficiarios.

1. Recibida polos beneficiarios a notificación da concesión de axudas, deberán:

Comunicarlles por escrito ás delegacións provinciais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a súa aceptación ou renuncia no prazo de 10 días naturais; de non facelo así, entenderase que renuncia á axuda.

Xustificar o inicio do expediente administrativo de concurso público para a adquisición dos vehículos, cos correspondentes documentos contables no prazo de 30 días naturais desde a notificación da concesión.

Facilitar a información que lle sexa requirida por esta consellería, pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, a Dirección Xeral de Planificación Económica e Fondos Comunitarios, o Consello de Contas e o Tribunal de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control, a Comisión Europea e o Tribunal de Contas Europeo.

2. De non recibirse a documentación indicada no punto anterior letra a) e b) dentro dos prazos indicados, procederase o arquivo dos expedientes.

3. Tan pronto se asine polo concello o contrato de adquisición do vehículo e o seu equipamento co fabricante ou o seu subministrador, notificaráselle á delegación provincial correspondente, xuntando unha copia do dito contrato.

4. Dado que os fondos achegados proveñen do programa de fondos Feder 2000-2006, o concello quedará obrigado a cumprir cos requisitos de publicidade establecidos no Regulamento (C) nº 1159/2000 da Comunidade Europea, debendo rotularse o vehículo debidamente. Así mesmo tamén deben adoptarse medidas para garantir a compatibilidade coas políticas comunitarias en materia ambiental, de contratación pública, igualdade de oportunidades e as regras de competencia.

5. Igualmente rotularase o vehículo co anagrama do Centro de Atención de Emerxencias 112-Galicia.

Artigo 10º.-Informe de conformidade e pagamento da subvención.

1. Para poder proceder ao pagamento da subvención o concello debe remitirlle á delegación provincial correspondente, non máis tarde do 1-12-2006, unha decla

ración actualizada das axudas solicitadas e concedidas para o mesmo fin, segundo o artigo 15.4º do Decreto 287/2000, acta de recepción do subministro aprobada por acordo da Comisión de goberno ou órgano competente da corporación local e certificación do órgano que teña atribuídas as facultades de control do cumprimento da finalidade para a que foi concedida a subvención e da aplicación dos fondos destinados para tal efecto.

No caso de que os concellos non poidan remitir a documentación requirida no parágrafo anterior antes do 1-12-2006 terán que solicitarlle necesariamente a súa prórroga á Dirección Xeral de Protección Civil, que, unha vez consideradas as circunstancias, resolverá. En todo caso os concellos remitirán toda a documentación xustificativa da adquisición dos vehículos non máis tarde do 1-12-2007.

No caso de que o pagamento real fose inferior á transferencia da Xunta de Galicia (axuda comunitaria do Feder), máis o 25% da cofinanciación achegada polo concello, diminuirase a axuda proporcionalmente.

2. O Servizo de Protección Civil da provincia correspondente, comprobará in situ que se realizou á subministración subvencionada, ademais examinará a documentación requirida aos solicitantes para comprobar que cumpre co indicado nesta orde, e emitirá un informe de conformidade no que acredite que a documentación está toda en regra e que o beneficiario final realizou o investimento. Este informe seralle remitido, xunto con toda a documentación, á Dirección Xeral de Protección

Civil, que procederá a propoñer o pagamento da subvención acordada.

Artigo 11º.-Modificación da resolución.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión e, en todo caso, a obtención concorrente de axudas e subvencións outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 12º.-Reintegro das axudas.

No caso de incumprimento da obriga de xustificación, de destinar a axuda a unha finalidade distinta para a que foi concedida, ou se o concello non reúne os requisitos exixidos nesta orde así como en calquera dos supostos establecidos no artigo 37 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e demais normativa aplicable, procederá o reintegro a esta comunidade autónoma das axudas percibidas e dos xuros xerados.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Protección Civil para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 31 de xullo de 2006.

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións

Públicas e Xustiza

ANEXO II

Características técnicas mínimas dos vehículos especialmente deseñados para intervencións en vías de poboación ou interurbanas de difícil acceso

*Vehículo.

Chasis:

Vehículo 2 eixes tracción total 4x4.

Distancia entre eixes mínima 2.960 mm.

Lonxitude total inferior a 5,50 m.

Masa máxima autorizada mínima 2.800 Kg.

Capacidade de carga admisible mínima 1.050 kg.

Lonxitude interior de caixa mínima 1.500 mm.

Largura interior de caixa mínima 1.470 mm.

Motor:

Diésel con turbo compresor.

Potencia superior a 95 CV.

Cambios:

Cinco marcha adiante e marcha atrás.

Redutora.

Rodas:

Simples en eixe dianteiro e traseiro, roda de reposto, todas iguais e cubertas mixtas (asfalto-terra).

Dirección:

Asistida.

Freos:

Dianteiros de disco ventilados.

Traseiros de disco ou de tambores.

Cabinas:

Cabina dobre, 4 portas con capacidade para cinco persoas.

-Exterior.

Parabrisas laminado e colorido.

Faros alóxenos e lavafaros.

Luces antinéboa dianteiras e traseiras.

Barra antiempotramento traseiro.

-Interior.

Asentos dianteiros reclinables co axuste lonxitudinal e repousacabezas.

Cinturas de seguridade.

No asento traseiro acoplaranse 3 equipos autónomos de respiración.

Mando de accionamento, sistemas óptico-acústico.

Cabrestante:

Será eléctrico cunha potencia de tracción, polo menos de 2,7 tm. Irá situado na parte dianteira do vehículo.

Carrozado contra incendios:

Estrutura portante:

Sobre caixa de vehículo forrada en chapa de aluminio estriado antideslizante.

Cuberto con capota de aluminio liso e estriado sobre un bastidor de perfís de aluminio.

Cerre de compartimentos por tres persianas de aluminio estancas, unha por cada lateral e outra na parte posterior do vehículo, onde está situada a bomba e o panel de control.

Iluminación no interior dos compartimentos.

Soporte para materiais no interior e sobre a capota para a situación de mangueiras e escaleiras extensibles.

Depósito de auga:

Capacidade mínima de 400 litros.

Construído en material resistente e anticorrosivo.

Dotado interiormente de anteparos rompeondas para evitar os movementos de auga.

Provisto dunha toma de 45 mm para encher. Con racor Barcelona, válvulas de esfera e tapón con cadea.

Equipo de alta presión:

Irá sobre bastidores de tubo de aceiro.

Propulsado por motor de gasolina mínimo de 13 Kw.

Batería de arranque de 12 V mínimo de 40 A/h.

Bomba de pistóns:

Presión de traballo mínimo 170 bares.

Protección por sobre quentamento e barómetro.

Carrete de presión acorde coa bomba de 50 m.

Iluminación e sinalización:

Sobre a cabina montarase unha ponte carenada de cor ámbar cunha potencia non inferior a 70 W.

Así mesmo, disporá de dous faros estroboscópicos encaixados na parte dianteira da cabina e nas partes traseira e lateral do carrozado.

Ademais de todo o exixido pola normativa legal, o vehículo disporá dun faro orientable móbil dianteiro con enchufe blindado en cabina.

Equipos de comunicación:

Cada vehículo virá equipado cun terminal de comunicacións móbiles da Rede trunking da Xunta de Galicia, con GPS incorporado para o envío automático de datos pola Rede Trunking a unha base remota, con conectores e interfaces necesarios para a súa conexión ao transceptor.

Pintado e rotulación do vehículo:

Cores segundo norma UNE 23900.

Ademais das rotulacións convencionais levará os logotipos oficiais da Xunta de Galicia (Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza) e o teléfono do 112 e dos fondos Feder.

Os concellos complementarán en cada caso as prescricións técnicas aplicables no seu ámbito no proceso de contratación.

Características técnicas mínimas dos vehículos contra incendios e salvamento en núcleos de poboación. Vehículo urbano lixeiro (BUL)

Autobastidor.

Será de tipo tracción 4x2.

Motor.

Será de inxección directa de 4 tempos cunha potencia non inferior a 125 CV.

Adaptado á nova normativa europea.

O sistema de refrixeración permitirá o seu funcionamento en situación estacionaria coa bomba hidráulica funcionando en condicións nominais de presión e caudal a unha temperatura ambiente inferior a 40º.

Suspensión.

Con amortecedores telescópicos e eixe reforzado na parte dianteira, por béstas en eixe traseiro.

Dirección.

Será servo asistida hidraulicamente, con posibilidade de accionamento manual en caso de fallo da servo-asistencia.

Freos.

Serán de tipo pneumático, con dobre circuíto, estando provisto o posterior con regulación en función de carga. Disporá de freos de disco nas catro rodas.

Os freos de estacionamento e emerxencia actuarán por resorte e serán capaces de inmobilizar o vehículo nunha rampla do 40%.

Disporá de ABS.

Equipo eléctrico.

A tensión de servizo será de 24 V c.c. Contará con dúas baterías de 12 V e capacidade mínima de 115 Ah.

Todos os circuítos se protexerán con fusibles calibrados doadamente accesible agrupados nunha caixa. Disporá dun enchufe estanco asimétrico para carga de baterías situado nun lugar de doado acceso. Así mesmo, disporá de cortacorrentes de caravilla.

Cabina.

Terá capacidade mínima para 3 persoas.

O acceso realizarase a través de portas abisagradas provistas de cristais de seguridade descendentes manualmente. Todos os vidros serán de seguridade e o parabrisas laminado.

O asento do condutor será regulable en altura e con suspensión hidráulica ou pneumática.

Nos respaldos dos asentos dos acompañantes irán soportados dous equipos de respiración autónoma.

Ganchos remolque dianteiro e traseiro.

Cabrestante, cunha potencia mínima de 4 tm, situado na parte dianteira.

Cisterna de auga.

Con capacidade mínima de 700 litros, construirase en material que, tendo a resistencia adecuada, non sexan atacables pola auga, aínda que sexa do mar.

No seu interior irá con tabicación interior para evitar o efecto vaivén, conforme a norma UNE 23900.

Dispositivo de seguridade contra sobrepresións.

Bomba.

Será centrífuga tipo motobomba, portátil ou non pero independente do motor no seu funcionamento.

As características serán:

Caudal nominal de 800 litros/minutos a 8 bares de presión.

Cebado automático.

Controis: manómetro, contahoras acelerador.

Mangueira de 50 metros adecuada á presión.

Equipo de alta presión independente:

Irá sobre bastidores de tubo de aceiro.

Propulsado por motor de gasolina mínimo de 13 Kw.

Batería de arranque de 12 V mínimo de 40 A/h.

Bomba de pistóns.

Presión de traballo mínimo 170 bares.

Protección por sobre quentamento e barómetro.

Carrete de presión acorde coa bomba de 50 m.

Armarios.

Irá equipado, cando menos, con dous cofres en cada costado para albergar o material de dotación e un traseiro para as bombas.

Todos eles se iluminarán convenientemente con plafóns de arranque automático.

Estará dotado de estribos laterais que faciliten o acceso á parte superior dos cofres.

Iluminación e sinalización.

Sobre a cabina montarase unha ponte carenada de cor ámbar cunha potencia non inferior a 70 W.

Así mesmo, disporá de dous faros estroboscópicos encaixados na parte dianteira da cabina e nas partes traseira e lateral do carrozado.

Ademais de todo o exixido pola normativa legal, o vehículo disporá dun faro orientable móbil dianteiro con enchufe blindado en cabina.

Equipos de comunicación:

Cada vehículo virá equipado cun terminal de comunicacións móbiles da Rede trunking da Xunta de Galicia, con GPS incorporado para o envío automático de datos pola Rede Trunking a unha base remota, con conectores e interfaces necesarios para a súa conexión ao transceptor.

Pintado e rotulación do vehículo:

Cores segundo norma UNE 23900.

Ademais das rotulacións convencionais levará os logotipos oficiais da Xunta de Galicia (Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza), dos Fondos Feder e o teléfono do 112.

Os concellos complementarán en cada caso as prescricións técnicas aplicables no seu ámbito no proceso de contratación.

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS

E TRANSPORTES