DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 164 Venres, 25 de agosto de 2006 Páx. 13.301

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

VICEPRESIDENCIA DA IGUALDADE E DO BENESTAR

ORDE do 18 de agosto de 2006 pola que se modifica a do 8 de marzo de 2006, pola que se regulan as bases polas que se rexerá a concesión de subvencións destinadas á prestación de servizos sociais polas corporacións locais e se procede á súa convocatoria.

A Orde do 8 de marzo de 2006 pola que se regulan as bases polas que se rexerá a concesión de subvencións destinadas á prestación de servizos sociais polas corporacións locais e se procede á súa convocatoria (DOG nº 52, do 15 de marzo), establece, no seu artigo 6, un importe total dispoñible para o exercicio 2006 de 17.987.375,47 A, destinado ao financiamento das subvencións que, ao abeiro dela, poderán ser concedidas aos seus solicitantes «sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia de modificacións orzamentarias». De conformidade co disposto neste precepto xa foi incrementado o importe destinado a financiar estas subvencións pola contía adicional de 2.293.447,36 A, a través da correspondente orde de modificación do 12 de xuño de 2006 (DOG nº 120, do 23 de xuño).

Na actualidade, debido á existencia de novas dispoñibilidades orzamentarias adicionais, provenientes dos fondos cofinanciados pola Administración xeral do Estado para a atención a persoas con dependencia, que poden ser utilizadas para os mesmos fins, cómpre ampliar o importe dos créditos correspondentes ao exercicio 2006 destinados ao financiamento das subvencións que poderán ser concedidas ao abeiro da referida Orde do 8 de marzo de 2006 na contía adicional de 15.172.144,40 A, coa finalidade de facer chegar estas subvencións ao maior número de beneficiarios posible e en contía suficiente para garantir unha axeitada prestación dos servizos sociais por parte das corporacións locais para que poidan atender as persoas con dependencia.

Por todo o exposto, e no uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo único.

Primeiro.-Amplíase o importe total correspondente ao exercicio 2006 destinado ao financiamento das subvencións que se van conceder ao abeiro da Orde do 8 de marzo de 2006 pola que se regulan as bases polas que se rexerá a concesión de subvencións destinadas á prestación de servizos sociais polas corporacións locais e se procede á súa convocatoria, nas seguintes contías e aplicacións orzamentarias:

05.31.212D.460.0 por importe de 8.858.665,00 A.

05.31.212D.760.0 por importe de 6.313.479,40 A.

Segundo.-Esta modificación non afecta o prazo establecido na referida orde para a presentación de solicitudes.

Disposición derradeira

Única.-Esta disposición entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación.

Santiago de Compostela, 18 de agosto de 2006.

Anxo Manuel Quintana González

Vicepresidente da Igualdade e do Benestar

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS

E XUSTIZA