DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 163 Xoves, 24 de agosto de 2006 Páx. 13.263

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE TRABALLO

ORDE do 11 de agosto de 2006 pola que se establecen as bases reguladoras do programa de subvencións ás unidades de apoio á actividade profesional no marco dos servizos de axustamento persoal e social dos centros especiais de emprego, e se procede á súa convocatoria para o ano 2006.

No título VII da Lei 13/1982, do 7 de abril, de integración social dos minusválidos, establécese como finalidade primordial da política de emprego para os traballadores e traballadoras con discapacidade, a súa integración no sistema ordinario de traballo ou, no seu defecto, a súa incorporación ao sistema produtivo mediante fórmulas especiais de traballo protexido, como son os centros especiais de emprego.

De acordo co número 1 do artigo 42 da Lei 13/1982, os centros especiais de emprego son aqueles cuxo obxectivo principal é realizar un traballo produtivo, participando regularmente nas operacións do mercado e tendo como finalidade asegurar un emprego remunerado e a prestación de servizos de axuste persoal e social que requiran os seus traballadores con discapacidade; á vez que é un medio de integración do maior número de traballadores con discapacidade ao réxime de traballo normal.

Segundo o previsto no número 2 do artigo 42 da Lei 13/1982, entenderase por servizos de axuste persoal e social os de rehabilitación, terapéuticos, de integración social, cultural e deportivos que procuren ao traballador con discapacidade do centro especial de emprego unha maior rehabilitación persoal e unha mellor adaptación da súa relación social.

Coa finalidade de mellorar o funcionamento dos servizos de axuste persoal e social dos centros especiais de emprego, apróbase o Real decreto 469/2006, do 21 de abril, polo que se regulan as unidades de apoio á actividade profesional no marco dos servizos de axuste persoal e social dos centros especiais de emprego.

Esta norma apróbase co obxectivo de proseguir no esforzo solidario en pro da plena integración das persoas con discapacidade, apóiase o papel dos servizos de axuste persoal e social nos centros especiais de emprego, contribuíndo a financiar custos laborais e da Seguridade Social dos traballadores que os compoñen, os cales deberán realizar un traballo de intervención e orientación para facer fronte e superar as dificultades que aparecen no proceso de incorporación e permanencia nun posto de traballo das persoas afectadas polas discapacidades máis severas.

O Real decreto 469/2006 regula os contidos esenciais do programa, como son a definición do concepto das unidades de apoio á actividade profesional, as funcións que deben desenvolver e a súa composición, os destinatarios finais do programa e o tipo e contía

das subvencións, e posibilita ás comunidades autónomas, nos seus respectivos ámbitos de xestión, o seu desenvolvemento posterior mediante a regulación dos aspectos procedimentais e da adecuación ás súas peculiaridades organizativas.

Mediante o Decreto 289/1997, do 9 de outubro, esta comunidade autónoma asumiu as funcións e servizos transferidos pola administración do Estado relativos á xestión realizada polo Instituto Nacional de Emprego (Inem) no ámbito do traballo, o emprego e a formación. Segundo o disposto no Decreto 536/2005, do 6 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo, correspóndelle a esta o exercicio das anteriores competencias e funcións, entre outras materias, no relativo ás políticas activas de emprego.

Consonte o anterior, correspóndelle a esta consellería a regulación específica, a convocatoria, a xestión e o control das subvencións ás unidades de apoio á actividade profesional no marco dos servizos de axuste persoal e social dos centros especiais de emprego, segundo a disposición adicional terceira do Real decreto 469/2006, do 21 de abril, polo que se regulan as unidades de apoio á actividade profesional no marco dos servizo de axuste persoal e social dos centros especiais de emprego.

O acceso ao emprego é un elemento decisivo para a integración das persoas con discapacidade na economía e na sociedade nun sentido amplo. A Consellería de Traballo, en concordancia co desenvolvemento doutras medidas no ámbito social e, na execución das políticas activas de emprego, establece accións específicas para a inserción deste colectivo, que teñen por obxecto a mellora da súa empregabilidade e, coordinadamente, o establecemento de medidas para a súa inserción normalizada no mercado de traballo. Estas medidas, que teñen por obxecto establecer incentivos para a creación de emprego das persoas con discapacidade, están agrupadas no marco normativo constituído pola orde da Consellería de Traballo do 17 de marzo de 2006, pola que se establecen as bases reguladoras dos programas para a promoción da integración laboral das persoas con discapacidade (DOG nº 64, do 31 de marzo).

Mediante o programa regulado nesta orde mellórase o programa de integración laboral das persoas con discapacidade nos centros especiais de emprego, nos que os servizos de axuste persoal e social poden resultar un instrumento moi útil, sobre todo se orientan as súas funcións, sen descoidar os aspectos culturais, físicos ou de rehabilitación, cara a un axuste laboral que permita facer fronte e superar as barreiras, obstáculos ou dificultades que os traballadores con discapacidade teñen no proceso de incorporación plena a un posto de traballo, así como na permanencia e progresión neste, e en particular, para aqueles traballadores con especiais dificultades para o acceso ao mercado ordinario de traballo.

As bases reguladoras e a convocatoria destes programas axústanse ao disposto no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, na súa redacción dada pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo, na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, e, no que resulte de aplicación a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Por todo o exposto, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, e no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Capítulo I

Finalidade, ámbito e principios de xestión

Artigo 1º.-Finalidade.

1. Coa finalidade de promover a integración laboral das persoas con discapacidade severa na Comunidade Autónoma de Galicia, esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2006 do programa de subvencións ás unidades de apoio á actividade profesional, no marco dos servizos de axuste persoal e social dos centros especiais de emprego, previstos no artigo 42 da Lei 13/1982, do 7 de abril, de integración social dos minusválidos, como instrumentos de modernización dos ditos servizos de axuste.

2. A xestión destes programas realizarase de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento cos obxectivos fixados.

c) Eficiencia na asignación dos recursos públicos.

Artigo 2º.-Normativa aplicable.

As solicitudes, tramitación e concesión destas subvencións axustaranse ao disposto no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, no Real decreto 469/2006, do 21 de abril, polo que se regulan as unidades de apoio á actividade profesional no marco dos servizos de axuste persoal e social dos centros especiais de emprego, e nesta orde.

Artigo 3º.-Concepto de unidade de apoio á actividade profesional.

Enténdese por unidades de apoio á actividade profesional os equipos multiprofesionais enmarcados dentro dos servizos de axuste persoal e social dos centros especiais de emprego, que mediante o desenvolvemento das funcións e cometidos previstos no

artigo 4º desta orde, permiten axudar a superar as barreiras, obstáculos ou dificultades que os traballadores con discapacidade dos ditos centros teñen no proceso de incorporación a un posto de traballo, así como a permanencia e progresión neste.

Artigo 4º.-Funcións das unidades de apoio á actividade profesional.

O persoal integrado nas unidades de apoio á actividade profesional definidas no artigo anterior desenvolverá as seguintes funcións:

a) Detectar e determinar, logo de valoración de capacidades da persoa e análise do posto de traballo, as necesidades de apoio para que o traballador con discapacidade poda desenvolver a súa actividade profesional.

b) Establecer as relacións precisas co contorno familiar e social dos traballadores con discapacidade, para que este sexa un instrumento de apoio e estímulo ao traballador na incorporación a un posto de traballo e á estabilidade neste.

c) Desenvolver cantos programas de formación sexan necesarios para a adaptación do traballador ao posto de traballo así como ás novas tecnoloxías e procesos produtivos.

d) Establecer apoios individualizados para cada traballador e posto de traballo.

e) Favorecer e potenciar a autonomía e independencia dos traballadores con discapacidade, principalmente, no seu posto de traballo.

f) Favorecer a integración de novos traballadores ao centro especial de emprego mediante o establecemento dos apoios adecuados para tal fin.

g) Asistir ao traballador do centro especial de emprego no proceso de incorporación a enclaves laborais e ao mercado ordinario de traballo.

h) Detectar e intervir nos posibles procesos de deterioración evolutiva dos traballadores con discapacidade co fin de evitar e atenuar os seus efectos.

Artigo 5º.-Destinatarios finais.

1. Os destinatarios finais deste programa serán os traballadores con discapacidade dos centros especiais de emprego que se encontren nalgún dos supostos que se describen a continuación:

a) Persoas con parálise cerebral, persoas con enfermidade mental ou persoas con discapacidade intelectual, cun grao de minusvalía recoñecido igual ou superior ao 33%.

b) Persoas con discapacidade física ou sensorial cun grao de minusvalía recoñecido igual ou superior ao 65%.

2. As unidades de apoio á actividade profesional poderán prestar servizo tamén aos traballadores con discapacidade do centro especial de emprego non incluídos no punto anterior, sempre e cando a dedicación a estes traballadores non menoscabe a atención dos incluídos no punto anterior.

Capítulo II

Subvencións ás unidades de apoio á actividade profesional

Artigo 6º.-Beneficiarios das subvencións.

Poderán ser beneficiarios das subvencións que se regulan nesta orde os centros especiais de emprego que cumpran cos seguintes requisitos:

a) Figurar inscritos como tales no rexistro administrativo de centros especiais de emprego de Galicia, de acordo co disposto no Decreto 200/2005, do 7 de xullo, polo que se regula a autorización administrativa e a inscrición no rexistro administrativo de centros especiais de emprego de Galicia, e a súa organización e funcionamento.

b) Que formen parte do seu cadro de persoal traballadores co tipo de discapacidade e grao de minusvalidez establecido no punto 1 do artigo 5º desta orde.

c) Cumprir cos requisitos que se establecen no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Artigo 7º.-Subvencións e contía destas.

1. As subvencións establecidas nesta orde destinaranse a financiar os custos salariais e da Seguridade Social derivados da contratación indefinida dos traballadores das unidades de apoio á actividade profesional nos centros especiais de emprego, para o desenvolvemento das funcións descritas para estas no artigo 4º.

2. A contía das ditas subvencións establécese en 1.200 euros anuais por cada traballador co tipo de discapacidade e grao de minusvalía indicados no punto 1 do artigo 5º contratados por tempo indefinido ou mediante contrato temporal de duración igual ou superior a seis meses.

A subvención de 1.200 euros reducirase proporcionalmente en función da duración dos contratos dos traballadores con discapacidade aos que se refire o punto anterior así como en función da duración da xornada no suposto de que o contrato sexa a tempo parcial.

3. Estas subvencións concederanse por períodos anuais, logo de solicitude por parte do centro especial de emprego, e terase en conta para o cálculo da contía destas o número de traballadores con discapacidade indicados no punto 1 do artigo 5º e a composición da unidade de apoio á actividade profesional acreditados no momento da presentación da solicitude.

4. O importe das subvencións en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, concedidos por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere os custos de salarios e Seguridade Social a que se refire o punto 1 deste artigo.

Artigo 8º.-Composición das unidades de apoio á actividade profesional.

1. Os centros especiais de emprego que accedan a estas subvencións, deberán dispoñer de unidades de apoio á actividade profesional cuxa composición se establecerá de acordo cos módulos que se indican a continuación:

a) Ata 15 traballadores con discapacidade dos indicados no punto 1 do artigo 5º, 1 técnico de grao medio ou superior, ou con coñecementos e/ou experiencia equiparables, polo menos ao 20% da súa xornada e 1 encargado de apoio á produción a tempo completo, ou os que correspondan proporcionalmente se a contratación se realiza a tempo parcial.

b) De 16 a 30 traballadores, 1 técnico de grao medio ou superior, ou con coñecementos e/ou experiencia equiparables, polo menos ao 80% da súa xornada, e 2 encargados de apoio á produción a tempo completo, ou os que correspondan proporcionalmente se a contratación se realiza a tempo parcial.

c) De 31 a 45 traballadores, 2 técnicos de grao medio ou superior, ou con coñecementos e/ou experiencia equiparables, un dos técnicos a tempo completo e o outro polo menos ao 50% da súa xornada, e 3 encargados de apoio á produción a tempo completo, ou os que correspondan proporcionalmente se a contratación se realiza a tempo parcial.

d) De 46 a 60 traballadores, 2 técnicos de grao medio ou superior, ou con coñecementos e/ou experiencia equiparables, a tempo completo e 4 encargados de apoio á produción a tempo completo, ou os que correspondan proporcionalmente se a contratación se realiza a tempo parcial.

e) De 61 a 75 traballadores, 3 técnicos de grao medio ou superior, ou con coñecementos e/ou experiencia equiparables, dous técnicos a tempo completo e o outro polo menos ao 50% da súa xornada, e 5 encargados de apoio á produción a tempo completo, ou os que correspondan proporcionalmente se a contratación se realiza a tempo parcial.

f) Para máis de 75 traballadores, establecerase o cadro de persoal da unidade de apoio á actividade profesional proporcionalmente, segundo os criterios anteriormente expresados.

2. Cando o número de traballadores co tipo de discapacidade e grao de minusvalidez establecido no punto 1 do artigo 5º ao que se dirixe o servizo non se corresponda cos topes de cada módulo, o tempo de dedicación do persoal das unidades de apoio á actividade profesional será proporcional ao número dos ditos traballadores con discapacidade.

3. Cando por causas xustificadas se produzan vacantes do persoal que integra estas unidades, deberán ser cubertas co fin de manter a proporcionalidade establecida anteriormente.

Capítulo III

Normas comúns: competencia e procedemento

Artigo 9º.-Competencia.

A competencia para coñecer e resolver as solicitudes de subvencións previstas nesta orde, por delegación do conselleiro de Traballo, corresponderalle ao director xeral de Promoción do Emprego.

Artigo 10º.-Solicitudes e prazo.

1. As solicitudes de subvencións dirixiranse ao órgano competente para resolver, e presentaranse no rexistro da dirección xeral de Promoción do Emprego da Consellería de Traballo, ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. A presentación da solicitude de subvención polo interesado comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 43º da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006 (DOG nº 250, do 30 de decembro).

3. Mediante a presentación da solicitude de subvención o interesado presta expresamente o seu consentimento á Consellería de Traballo para incluír e facer públicos os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, nos rexistros públicos de axudas, subvencións e convenios e de sancións administrativas, regulados no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006 (DOG nº 153, do 9 de agosto). Os dereitos de acceso, rectificación, consulta, cancelación e oposición de datos de carácter persoal exerceranse ante o rexistro público da Consellería de Economía e Facenda, edificio administrativo de San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, de conformidade coas prescricións da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

4. As solicitudes e os anexos deste programa están dispoñibles na páxina web da Consellería de Traballo: www.xunta.es/emprego

5. O prazo para a presentación das solicitudes de subvencións do programa regulado nesta orde finalizará o 30 de setembro de 2006.

Artigo 11º.-Solicitudes e documentación.

As solicitudes deberán presentarse nos modelos normalizados que figuran como anexos numéricos a esta orde e deberán ir acompañadas, do orixinal

ou copia compulsada, da documentación que se relaciona:

a) Se a persoa solicitante é persoa física, DNI e acreditación do NIF, e se é persoa xurídica, DNI e poder suficiente da persoa representante para actuar en nome da entidade e CIF da empresa.

b) Certificación da inscrición do centro especial de emprego.

c) Memoria que recolla a titularidade do centro, enderezos dos centros de traballo, actividades, cumprimento ou non dos seus obxectivos económicos e de axuste persoal e social, e as causas que as motivaron.

d) Certificación da relación nominal dos traballadores e traballadoras do cadro de persoal do centro especial de emprego, con indicación daqueles traballadores con discapacidade polos cales se solicita a subvención, a relación dos/as traballadores/as de axuste persoal e social que teña o centro e daqueles traballadores/as non discapacitados, con indicación dos que realizan servizos e/ou ocupan postos que pola súa especificidade non pode realizalos o persoal con discapacidade (segundo o modelo do anexo III).

e) Documentación acreditativa do cadro de persoal de traballadores con discapacidade do centro especial de emprego: contrato de traballo e certificación de minusvalidez.

f) Memoria descritiva das funcións que se van desenvolver pola unidade de apoio á actividade profesional, segundo as recollidas no artigo 4º desta orde.

g) Documentación relativa á unidade de apoio á actividade profesional: certificación da relación nominal dos traballadores que a compoñen, segundo o modelo anexo IV, e contratos de traballo e curriculum vitae suficientemente acreditado.

h) Orzamento de gastos relativos aos custos salariais e de Seguridade Social dos traballadores indefinidos das unidades de apoio á actividade profesional polos que se solicita a subvención, referido ao período subvencionable, xunto con copia das nóminas, e documento de transferencia bancaria que xustifique o pagamento destas, correspondentes ás mensualidades xa aboadas á data da solicitude.

i) Fotocopia compulsada dos documentos TC-1 e TC-2, correspondentes aos meses polos que se solicita a subvención xa ingresados, conforme as normas da Seguridade Social, na data da solicitude.

j) Declaración comprensiva do conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas, para o mesmo proxecto ou actividade, das administracións públicas competentes ou outros entes públicos, ou, de ser o caso, unha declaración de que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións (segundo o modelo do anexo V).

k) Ficha de solicitude de transferencia bancaria e certificación da entidade financeira acreditativa de que o solicitante é titular da conta (segundo o modelo do anexo VI).

Artigo 12º.-Instrución e tramitación.

Se a solicitude non estivese debidamente cuberta ou non se achegase a documentación exixida, as unidades administrativas encargadas da tramitación do expediente, de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común requirirán ao interesado para que, nun prazo de 10 días, emende a falta ou presente os documentos preceptivos coa advertencia de que, se así non o fixese, se considerará por desistido da súa petición, logo de resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da antedita lei.

Artigo 13º.-Resolución e recursos.

1. Logo da fiscalización pola respectiva intervención da proposta emitida polo correspondente servizo, as resolucións serán ditadas polo órgano competente, por delegación do conselleiro de Traballo, e deberán serlles notificadas aos interesados. As resolucións, concesorias ou denegatorias, deberán ser sempre motivadas.

2. O prazo para resolver e notificar a resolución será de tres meses que se computarán desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o dito prazo sen que se ditase resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude de acordo co establecido no artigo 1 e no artigo 2 da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa, e contra elas cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa, e poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición, no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 14º.-Pagamento e xustificación.

1. De non achegarse con anterioridade, o pagamento das axudas quedará condicionado á presentación do orixinal ou copia compulsada, no prazo, nos termos e na forma que se estableza na resolución de concesión, da documentación que se exixa de forma expresa nela, entre a cal deberá figurar a relacionada nos puntos seguintes:

a) Documentación xustificativa para acreditar o cumprimento da actividade para a que se concedeu a subvención.

b) Declaración complementaria do establecido no artigo 11º, letra j) desta orde, do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos, ou, de ser o caso, que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións (segundo modelo anexo V).

2. Non poderá realizarse en ningún caso o pagamento da subvención en tanto o beneficiario non figure ao día do cumprimento das súas obrigas tributarias -estatais e autonómicas-e da Seguridade Social, sexa debedor en virtude de resolución declarativa da procedencia de reintegro ou teña algunha débeda pendente, por calquera concepto, coa administración da comunidade autónoma.

Capítulo IV

Obrigas e seguimento

Artigo 15º.-Obrigas dos beneficiarios.

Son obrigas dos beneficiarios das subvencións:

a) Estar ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión e realizar a proposta de pagamento da subvención.

b) Realizar a actividade que fundamente a concesión da subvención.

c) Comunicar ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polos beneficiarios e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza, e en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

d) Manter os postos de traballo obxecto da subvención polo período subvencionable. Cando se produzan vacantes do persoal que integra as unidades de apoio á actividade profesional, deberán ser cubertas co fin de manter a proporcionalidade establecida no artigo 8º desta orde. A cobertura do novo posto terá que realizarse no prazo de quince días seguintes ao da baixa, feito que deberá ser comunicado pola entidade beneficiaria á Dirección Xeral de Promoción do Emprego da Consellería de Traballo, dentro dos quince días seguintes á substitución.

e) Manter, en cómputo de media do período subvencionable, no seu cadro de persoal o número de persoas con discapacidade, en función dos que se concedeu a subvención, segundo o establecido no artigo 7º.2 desta orde. No suposto de diminución deste número de traballadores con discapacidade, ou da duración dos contratos ou da súa xornada de traballo, procederá o reintegro parcial da subvención concedida.

f) Co fin de garantir o cumprimento das obrigas de mantemento do emprego e de xustificación das actividades desenvolvidas, o centro especial de emprego beneficiario deberá presentar no prazo dos dous meses seguintes á finalización do período subvencionable a seguinte documentación, en orixinal ou fotocopia compulsada:

-Memoria xustificativa do cumprimento dos obxectivos previstos pola unidade de apoio á actividade profesional no desenvolvemento das súas funcións.

-Documentación relativa ás contratacións dos traballadores que integren a unidade de apoio: copia das nóminas, e documento de transferencia bancaria que xustifique o pagamento destas, correspondentes ás mensualidades do período subvencionable.

-Documentación acreditativa do cadro de persoal de traballadores con discapacidade do centro especial de emprego: declaración da media de persoal con discapacidade no período subvencionable e, para o caso de novas contratacións de traballadores con discapacidade incluídos no punto 1 do artigo 5º, contratos de traballos e certificacións de minusvalidez.

-Fotocopia compulsada dos documentos TC-1 e TC-2, correspondentes aos meses polos que se concedeu a subvención.

g) Adoptar as medidas axeitadas de difusión para dar publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas pola Consellería de Traballo.

h) O sometemento ás actuacións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Traballo, ás de control financeiro que correspondan, se fose o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de Contas, ou a outros órganos da administración do Estado ou da Unión Europea e achegar canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

i) Aqueloutras obrigas establecidas no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, conforme a redacción dada pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo.

Artigo 16º.-Modificación da resolución de concesión.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das subvencións, así como a obtención concorrente de subvencións e axudas outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión e, eventualmente, á súa revogación.

Artigo 17º.-Revogación e reintegro.

Procederá a revogación das subvencións e axudas, así como o reintegro total ou parcial das cantidades

percibidas e a exixencia do xuro de demora, nos casos e nos termos previstos no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

A obriga de reintegro establecida no parágrafo anterior enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

Artigo 18º.-Seguimento e control.

A Dirección Xeral de Promoción do Emprego poderán comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados. Para estes efectos os beneficiarios deberán cumprir as obrigas de comprobación que se establezan nesta orde e na resolución de concesión.

Aos centros especiais de emprego que perciban as subvencións reguladas nesta orde seralles de aplicación, para os efectos de seguimento e control, o disposto no artigo 13 do Real decreto 2273/1985, do 4 de decembro, polo que se aproba o regulamento dos centros especiais de emprego.

Disposicións adicionais

Primeira.-Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da administración do Estado ou da comunidade autónoma, a Consellería de Traballo levará a cabo funcións de control, así como de avaliación e seguimento do programa regulado nesta orde, tanto no seu aspecto cualitativo como cuantitativo.

Para realizar as ditas funcións poderanse utilizar cantos medios estean a disposición da Consellería de Traballo para comprobar o cumprimento dos requisitos exixidos nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación.

Segunda.-A Consellería de Traballo poderá requirir en todo momento a documentación orixinal que se considere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento das condicións exixidas nesta orde, agás aquela que, de acordo co artigo 35 f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, xa se atope en poder da administración actuante.

Terceira.-Apróbase a delegación de atribucións do conselleiro de Traballo no director xeral de Promoción do Emprego, para resolver a concesión ou denegación das subvencións previstas nesta orde, para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, así como para resolver os procedementos de reintegro das subvencións indebidamente percibidas polos seus beneficiarios, respecto das resolucións concesorias, das que traen causas, ditadas por delegación do conselleiro.

Cuarta.-A comprobación da condición de persoas con discapacidade realizaraa directamente o órgano xestor das axudas, agás que fose recoñecida por outra Administración, distinta da propia da Comunidade Autónoma de Galicia.

Non obstante, de acordo co disposto no artigo 1.2º da Lei 51/2003, do 2 de decembro, de igualdade de oportunidades, non discriminación e accesibilidade universal das persoas con discapacidade, no suposto de pensionistas da Seguridade Social por incapacidade permanente total, absoluta ou grande invalidez acreditarase mediante certificación do Instituto Nacional da Seguridade Social da condición de pensionista na data da incorporación. No suposto de pensionistas de clases pasivas mediante certificación da condición de pensionista por xubilación ou de retiro por incapacidade permanente para o servizo ou inutilidade por clases pasivas do Ministerio de Economía e Facenda ou do órgano de procedencia do/a funcionario/a na data de incorporación. Nestes supostos a acreditación de tipos de discapacidade e de graos específicos de minusvalidez superiores ao 33 por cento realizarase mediante certificado ou resolución expedida polo Imserso ou órgano da comunidade autónoma competente.

Quinta.-A concesión das subvencións previstas nesta orde estará suxeita á existencia de crédito orzamentario.

O pagamento das subvencións reguladas nesta orde financiaranse con cargo aos créditos da aplicación orzamentaria que, mediante disposición complementaria, se determinen anualmente, logo da aprobación dos orzamentos xerais da comunidade autónoma para o exercicio correspondente.

Sexta.-En virtude do anterior, no exercicio económico 2006, as subvencións reguladas nesta orde, entre outras, financiaranse con cargo ás aplicacións orzamentarias 16.02.241A.470.1 código de proxecto 2003 00 451, cun crédito de 6.250.000 euros; 16.02.241A.470.2, código proxecto 2002 14 439, cun crédito de 4.142.692 euros; 16.02.241A.480, cun crédito de 1.200.000 euros. Estas contías están recollidas na Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, e constitúen o importe global das aplicacións para o financiamento desta orde; da orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas de incentivos á contratación por conta allea como medida para favorecer a inserción das mozas e mozos menores de 30 anos, cofinanciados polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2006; da orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa para a promoción do emprego autónomo, cofinanciado polo Fondo Social

Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2006; da orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de fomento do emprego en cooperativas e sociedades laborais e se procede á súa convocatoria para o ano 2006; da orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas para a promoción da inte

gración laboral das persoas con discapacidade cofinanciados polo Fondo Social Europeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2006; da orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas para o fomento do emprego de colectivos con especiais dificultades de inserción no mercado de traballo e incrementar a estabilidade no emprego, cofinanciados polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2006; da orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos á contratación por conta allea de persoas desempregadas pertencentes a colectivos en risco de exclusión social, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2006; da orde pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca para o ano 2006 os incentivos á contratación dirixidos a favorecer a conciliación da vida laboral e familiar; da orde pola que se regulan os acordos sobre a taxa sectorial de estabilidade e se establecen as bases

reguladoras do programa de incentivos a plans empresariais de estabilidade laboral, cofinanciado polo Fondo Social Europeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2006, e das demais ordes que establezan as bases reguladoras e a convocatoria dos programas de promoción do emprego, incentivos á contratación por conta allea e actuacións de apoio a persoas emprendedoras, autoemprego e economía social, incluídas nos programas orzamentarios 241A e 241B.

Estes créditos poderán ser modificados como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento de emprego, coas limitacións que estableza a conferencia sectorial de asuntos laborais ou as disposicións aplicables ás axudas cofinanciadas polo Fondo Social Europeo.

Disposición transitoria única

As subvencións establecidas nesta orde poderanse aplicar ás contratacións efectuadas polos centros especiais de emprego tanto antes como despois da data de entrada en vigor deste, sempre que o persoal contratado desenvolva as funcións relacionadas no artigo 4º desta norma e se cumpran os restantes requisitos establecidos nesta, e procederá o aboamento da subvención en proporción ao tempo de desenvolvemento das funcións da unidade de apoio á actividade profesional desde o 23 de abril de 2006.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facultase o director xeral de Promoción do Emprego para que dite, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de agosto de 2006.

Ricardo Jacinto Varela Sánchez

Conselleiro de Traballo

CENTRO INFORMÁTICO PARA A XESTIÓN TRIBUTARIA,

ECONÓMICO-FINANCEIRA

E CONTABLE