DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 163 Xoves, 24 de agosto de 2006 Páx. 13.258

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

ORDE do 18 de agosto de 2006 pola que se aproban as bases que rexerán a convocatoria de bolsas para formación de persoal especialista en temas de investigación mariña correspondentes ao programa de recursos humanos do Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovacion Tecnolóxica e se procede á súa convocatoria.

A Lei 12/1993, de fomento da investigación e desenvolvemento tecnolóxico de Galicia, no seu artigo 1 establece como obxectivo xeral o fomento da investigación científica e a innovación tecnolóxica para promover o desenvolvemento económico, social e produtivo de Galicia. Como unha ferramenta encamiñada ao logro deste obxetivo, a dita lei no seu capítulo II, crea o Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico. O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 1 de decembro de 2005, aprobou a prórroga do Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica (2002-2005) ata que sexa aprobado o novo PGIDIT 2006-2010.

O plan esta integrado por programas xerais, sectoriais e horizontais. Dentro dos programas horizontais figura o programa de recursos humanos que ten, entre outros obxectivos, o de incrementar os recursos humanos dedicados a actividades de I+D+I, tanto en número como en especialización nas áreas de maior interese e dentro dos programas sectoriais o programa de recursos mariños persigue a utilización óptima dos recursos mariños, incluíndo a determinación das bases técnicas da xestión, actuando sobre dúas áreas fundamentais, a pesca e a acuicultura que exixen unha cada vez máis forte presenza de persoal con altos niveis de formación e experiencia.

Nesta orde procedese á convocatoria de bolsas para realización de teses de doutoramento en temas de investigación mariñas coa finalidade de dar resposta á demanda de formación de investigadores neste campo

Polo que antecede, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º

Convócanse en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva bolsas para a realización de teses de doutoramento en temas de investigación mariña encadradas no programa de recursos humanos e apróbanse e fanse públicas as bases polas que se rexerá a respectiva convocatoria que se inclúe como anexo I desta orde.

Artigo 2º

As bases que rexen a concesión das axudas e todos cantos actos administrativos se deriven da súa aplicación, poderán ser impugnados polos interesados, nos casos e na forma establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 3º

O prazo máximo para resolver as solicitudes presentadas ao amparo desta convocatoria será de 3 meses, contados desde a publicación desta orde no DOG. De non mediar resolución expresa no dito prazo, as solicitudes deberán entenderse desestimadas.

Contra as resolucións expresas ou presuntas que deriven desta convocatoria, que poñen fin á vía administrativa, poderán os interesados interpoñer potestativamente recurso de reposición ante a conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da recepción da correspondente notificación no caso de resolución expresa. No caso de que a resolución se entenda desestimatoria por silencio administrativo, o prazo será de 3 meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

De non estimar a presentación deste recurso, poderán os interesados interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da recepción da correspondente notificación, se é a resolución expresa. No caso de que a resolución se entenda desestimada por silencio administrativo, o prazo será de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 4º

Os beneficiarios das axudas concedidas ao abeiro do disposto nesta orde quedan obrigados a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas e Tribunal de Contas, no exercicio da súa función de fiscalización e control.

Artigo 5º

Os beneficiarios das axudas deberán proceder ao reintegro total ou parcial da subvención ou axuda pública percibida e os xuros de mora percibidos desde o momento do seu pagamento, ata a data que se acorde a procedencia do reintegro nos supostos recollidos no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime orzamentario de Galicia.

Artigo 6º

As resolucións de concesión de axudas ditadas ao abeiro desta orde, poderán modificarse no caso de alteración das condicións que se tiveron en conta para a súa concesión e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións públicas ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 7º

O financiamento destas bolsas farase con cargo á partida orzamentaria 14.04.432A.480.0 dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia dos anos 2006 (11.700 euros ) e 2007 (35.370 euros).

Artigo 8º

De conformidade co disposto no artigo 78.3º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, a competencia para a concesión destas axudas é obxecto de delegación por parte da conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos na directora xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro.

Disposición adicional

O disposto nas bases 2.1, 2.3, 11 e 12 do anexo I desta orde será de aplicación a aqueles bolseiros que, de acordo co disposto na base 3 do anexo I da Orde do 20 de setembro de 2002, da Orde do 28 de maio de 2003 e da Orde do 5 de xaneiro de 2005 polas que se aproban as convocatorias de bolsas para formación de persoal especialista en temas de investigación mariña, solicitaron e obtiveron a prórroga das bolsas que tiveren concedidas.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a directora xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro para que dite as disposicións necesarias para a aplicación do disposto nesta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de agosto de 2006.

Carmen Gallego Calvar

Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos

ANEXO I

Bolsas para a realización de teses de doutoramento

en temas de investigación mariña

O obxecto desta convocatoria de axudas é regular o procedemento para a concesión de tres (3) bolsas destinadas a titulados superiores universitarios que desexen realizar unha tese de doutoramento no tema que se detalla no anexo II desta orde.

1. Requisitos dos solicitantes.

Para optar a unha destas bolsas serán necesarios os seguintes requisitos:

a) Ter nacionalidade española ou ser nacional dun país membro da Unión Europea ou ser estranxeiro residente en España no momento de solicitar a bolsa.

b) Ter aprobadas todas as disciplinas requiridas para a obtención do título de licenciado exixidos para cada tema dos relacionados no anexo II.

c) Non estar incapacitado fisicamente ou padecer enfermidade que poida impedir a realización normal da actividade formativa obxecto das bolsas que se convocan.

d) Non ter sido beneficiario destas bolsas ou outras homologadas a elas en anteriores convocatorias, durante un período dun ano ou superior.

2. Características e dotación das bolsas.

2.1.1. O importe das bolsas incluirá unha asignación mensual de 1.100 brutos, se ben poderá incrementarse, co fin de acadar a homologación con bolsas estatais, no caso de existir crédito adecuado e suficiente e, de conformidade co establecido no Real decreto 63/2006, do 27 de xaneiro, polo que se aproba o Estatuto do persoal investigador en formación, os beneficiarios destas bolsas quedarán asimilados a traballadores por conta allea, para os efectos da súa inclusión no réxime xeral da Seguridade Social. Na dotación da bolsa será deducida a cota da Seguridade Social que o bolseiro esta obrigado a cotizar. De acordo co disposto no artigo 1

da Lei 62/2003, do 30 de decembro, de medidas fiscais, administrativas e de orden social, as bolsas están exentas do imposto sobre a renda das persoas físicas.

O pagamento das bolsas aos beneficiarios realizarase mensualmente e en función do número de días que o bolseiro estea de alta, considerándose en todos os casos meses de 30 días.

A cantidade que se lle aboe aos bolseiros, en ningún caso terá carácter de salario ou retribución senón de axuda económica.

2.1.2. A contía da bolsa poderá ser incrementada, en función das dispoñibilidades orzamentarias, ata un máximo de 1.510 euros, para actividades de formación dentro do programa da bolsa, logo de solicitude do bolseiro e informe favorable da Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro e sempre que o titor considere necesaria a súa asistencia.

2.2. Período de aproveitamento.

2.2.1. A duración destas bolsas será de 12 meses comprendidos entre o 1 de outubro de 2006 e o 30 de setembro de 2007.

2.2.2. Aos adxudicatarios destas bolsas, prorrogaráselles a bolsa automaticamente por un período de 12 meses logo da presentación, antes do 1 de agosto de 2007 da seguinte documentación:

a) Memoria das actividades académicas e investigadoras realizadas durante o período transcorrido no que aproveitou a bolsa e plan de traballo durante a prórroga solicitada. Deberá ir asinada polo bolseiro e co visto e prace do director/es do proxecto de investigación.

b) Informe do titor no que se confirme que as actividades realizadas polo bolseiro durante o período de aproveitamento da bolsa, en relación coa adquisición de contidos e destrezas de investigación, foron axeitadas.

c) Declaración do solicitante de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para o mesmo fin das administracións públicas competentes.

O importe mensual das prórrogas equipárase ao das bolsas de nova adxudicación que se convoquen para o ano correspondente.

2.3. Rematado o período da bolsa seralles de aplicación o disposto no artigo 8 do Real decreto 63/2006. Non obstante, naqueles supostos no que o bolseiro obtivera o DEA con anterioridade á finalización dos dous primeiros anos da bolsa, non accederá á contratación laboral ou fase de contrato ata que complete o período de dous anos da bolsa.

O período que transcorra desde a finalización do período da bolsa ata a formalización do contrato non terá caracter recuperable, para efectos da duración da axuda. Durante este período, o beneficiario non percibira ningunha das dotacións da axuda.

3. Centro de realización.

As bolsas realizaranse no Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) que está integrado polo Centro de Investigacións Mariñas de Corón-Vilanova de Arousa e o Centro de Cultivos Mariños de Ribadeo do xeito que se indica no anexo II.

4. Formalización das solicitudes.

As solicitudes, no modelo oficial RHU-05 que se publica como anexo III a esta orde, están á disposición dos interesados nas dependencias da Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro e en internet nos enderezos http://www.xunta.es/NewPesca/NoticiasPesca.nsf/ e http://www.dxid.org. As solicitudes presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992.

As solicitudes deberán ir, inescusablemente, xunto coa seguinte documentación:

4.1. Fotocopia compulsada do DNI ou documento equivalente no caso de ser estranxeiro.

4.2. Certificación académica na que conste a data en que se remataron os estudos e constancia expresa de que as materias constitúen o programa completo da titulación correspondente, as cualificacións obtidas, as súas datas de obtención, o número exacto de convocatorias investidas en cada materia (orixinal ou fotocopia compulsada). Non serán válidas as certificacións extractadas do expediente académico do solicitante.

No caso de estudos convalidados, deberá presentarse así mesmo certificación académica, de idénticas características, para os estudos de orixe.

Os que acceden ao 2º ciclo dunha licenciatura a través do curso de adaptación correspondente, por estar en posesión dun título de diplomado ou por ter realizado o 1º ciclo dalgunha titulación que permita o acceso, para efectos de determinar a media do expediente académico, deberán xuntar, ademais da certificación correspondente ao curso de adaptación, 4º e 5º, a referente á diplomatura ou aos estudos de 1º ciclo realizados.

A certificación incluirá, se é o caso, a cualificación correspondente á tesiña de licenciatura e indicará expresamente que se obtivo o grao pola modalidade de tesiña e o título desta.

4.3. Curriculum vitae do solicitante cos documentos acreditativos dos méritos alegados.

4.4. Declaración xurada do solicitante na que conste que cumpre o requisito establecido no punto 1º d).

4.5. Declaración do solicitante de todas solicitudes efectuadas ou concedidas para o mesmo fin das distintas administracións públicas competentes.

O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

5. Tramitación.

A instrución do procedemento de concesión destas axudas correspóndelle á Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro.

Por parte dos servizos da Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro comprobarase que todas as solicitudes reúnen os requisitos establecidos nesta orde e exporase, nun prazo de dez días desde o remate do prazo de presentación de solicitudes, a lista de solicitudes admitidas e excluídas, sinalando, se é o caso, as causas de exclusión, nos taboleiros da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, e en internet nos enderezos

http://www.xunta.es/NewPesca/NoticiasPesca.nsf/ e http://www.dxid.org. Esta lista estará exposta durante dez días, podendo os interesados, durante ese prazo, formular reclamación para emendar erros e faltas de documentos, ante a Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro, achegando, se é o caso, a documentación necesaria. Transcorrido este prazo sen que se emenden as causas de exclusión procederase conforme o establecido no artigo 71 da Lei 30/1992.

6. Selección de candidatos.

6.1. Comisión de selección.

A selección de candidatos será efectuada por unha comisión constituída por cinco membros, dos que tres serán designados pola directora xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro (un deles actuará como presidente e outro como secretario) e os outros dous designados polo director xeral de Investigación e Desenvolvemento.

6.2. Criterios de selección.

A selección dos candidatos farase en función dos méritos acreditados nos puntos 4.2º e 4.3º.

6.2.1. Baremo de solicitudes.

a) Expediente académico de 1º e 2º ciclo (media licenciatura): máximo 4 puntos.

As cualificacións de 1º e 2º ciclo (estudos de licenciatura), valoraranse de acordo co seguinte baremo:

Matrícula de honra: 4 puntos.

Sobresaliente: 3 puntos.

Notable: 2 puntos.

Aprobado: 1 punto.

Suspenso/non presentado: 0 puntos.

b) Curriculum vitae: máximo 2 puntos.

Valorarase:

b.1. A proximidade temporal á obtención do título de licenciado (ano 2005: 1 punto, ano 2004: 0,75 puntos, ano 2003: 0,50 puntos, ano 2002: 0,25 puntos...).

b.2. Outras valoracións: máximo 1 punto.

-b.2.1. Cursos ou formación máis interesante desde o punto de vista das áreas das teses: máximo. 0,75 puntos.

-b.2.2. Idiomas: máximo 0,25 puntos.

A puntuación final de cada solicitante obterase da suma de expediente+currículo.

Os solicitantes ordearanse por orde decrecente da puntuación obtida en función do tipo de bolsa e adxudicaranse as bolsas comezando polo candidato de maior puntuación.

A comisión elaborará unha lista de suplentes para cada bolsa, por orde decrecente de puntuación, na que figurarán os solicitantes que cumprindo os requisitos, non acadaron puntuación suficiente para ser adxudicatario desta.

Os solicitantes que figuren na lista de suplentes só poderán acadar bolsa de producirse renuncias de bolseiros antes do 30 de outubro de 2006.

7. Resolución do concurso.

A Comisión de Selección de Investigación elevará a proposta de resolución á Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro para que resolva. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia.

8. Condicións de aproveitamento.

Estas bolsas son incompatibles coa realización dun traballo remunerado ou o aproveitamento doutro tipo de bolsas ou axudas financiadas con fondos públicos ou privados, salvo co aproveitamento daquelas bolsas que se convocan para cubrir algunha das accións formativas que o solicitante vai realizar segundo o seu proxecto (asistencia a reunións, congresos, seminarios e cursos de especialización ou estadías noutros centros para aprender ou intercambiar técnicas de investigación) así como cos contratos derivados do artigo 11.2º da Lei de fomento e coordinación xeral da investigación científica e técnica (Lei 13/1986, do 14 de abril) ou da Lei de fomento de investigación e desenvolvemento tecnolóxico de Galicia (Lei 12/1993, do 6 de agosto).

Durante o período da bolsa, o persoal investigador en formación terá dereito á interrupción temporal desta, unicamente nos supostos de baixa por incapacidade temporal (enfermidade ou accidente) risco durante o embarazo e descanso por maternidade ou paternidade de acordo coa normativa aplicable. Durante todo o tempo de permanencia na dita situación, complementarase a prestación económica da Seguridade Social ata alcanzar o 100% da contía mensual da bolsa. As interrupcións non darán lugar en ningún caso á posibilidade de recuperar o período interrompido.

9. Aceptación da bolsa e pagamento.

9.1. A aceptación da bolsa farase mediante documento asinado polo bolseiro, no que se comprometa a cumprir todas as condicións recollidas nestas bases. Antes de iniciar os pagamentos, os bolseiros deberán presentar unha declaración xurada na que conste que non realiza traballo remunerado nin é beneficiario doutro tipo de bolsa.

9.2. As bolsas aboaranse mensualmente. O pagamento do último mes farase despois de que o bolseiro presente:

-O informe final que resuma a totalidade do traballo realizado co visto e prace do director do traballo realizado incluíndo, se é o caso, copia dos traballos publicados. No informe deberá figurar o visto e prace do director do proxecto.

-Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas para o mesmo fin, tanto as aprobadas ou concedidas, como as pendentes de resolución, das distintas administracións públicas competentes ou de calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

10. Obrigas dos bolseiros. Seguimento da axuda.

Os bolseiros estarán obrigados a cumprir con aproveitamento as distintas etapas do proxecto de investigación, debendo axustarse ás normas propias do departamento ou centro de investigación onde aquel se realice, tanto no relativo ao horario e vacacións como no acceso a prestacións, servizos e representación, e terán as mesmas condicións que o centro lle aplica ao seu persoal de similar categoría.

Antes de finalizar cada semestre do período de aproveitamento da bolsa, deberán remitirlle á Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro un informe do traballo realizado ata o momento.

Os bolseiros deberán asumir as obrigas que lles correspondan por razón da súa inclusión no réxime xeral de Seguridade Social e as restante obrigas establecidas no artigo 6 do Real decreto 63/2006, polo que se aproba o estatuto do persoal investigador en formación.

Os bolseiros deberán por a disposición da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, a través do seu titor, os datos e información científica que puidesen obter no desenvolvemento da súa formación e na elaboración da súa teses de doutoramento.

Así mesmo, deberán por en coñecemento da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, con carácter inmediato, a obtención de calquera resultado susceptible de protección, conforme a normativa de propiedade industrial. Ademais están obrigados a facer constar a súa condición de bolseiro en calquera publicación que sexa consecuencia directa destas.

O incumprimento por parte do bolseiro dalgunha das condicións recollidas nestas bases supoñerá a perda da bolsa concedida e, de ser o caso, o reintegro das cantidades cobradas consonte ao establecido no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia na redacción dada pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e da función pública e actuación administrativa.

11. Dereitos dos bolseiros.

Os bolseiros teñen os seguintes dereitos:

a) Percibir a axuda económica correspondente, na forma prevista no punto 9 destas bases.

b) Obter do CIMA, a colaboración e apoio necesario para o desenvolvemento normal dos seus estudos e proxecto de investigación, de acordo coas dispoñibilidades deste.

c) Cobertura do réxime xeral da Seguridade Social, nos termos establecidos na disposición adicional primeira do Real decreto 63/2006, polo que se aproba o Estatuto do persoal investigador.

d) Os dereitos de propiedade intelectual derivados da súa propia actividade formativa na investigación e de acordo coa súa contribución, conforme o establecido no texto refundido da Lei de propiedade intelectual aprobada polo Real decreto lexislativo 1/1996, do 12 de abril.

ANEXO II

Tema bolsaTitulación exixidaCentro de realización

Identificación de xenes como potenciais indicadores de resistencia á susceptibilidade a enfermidades na ostra plana e xaponesaLdo. biolóxicas ou ldo. C.C. do MarCIMA-Centro de Investigacións Mariñas-Corón (Vilanova de Arousa)

Acumulación e transformación de toxinas de tipo diarreico no mexillónLdo. biolóxicasCIMA-Centro de Investigacións Mariñas-Corón (Vilanova de Arousa)

Cultivo de novas especies de interese comercial de moluscos bivalvosLdo. biolóxicas ou ldo. C.C. do MarCIMA-Centro de Cultivos Mariños-Ribadeo