DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 163 Xoves, 24 de agosto de 2006 Páx. 13.253

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

ORDE do 17 de agosto de 2006 pola que se aproban as bases que rexerán a convocatoria de bolsas para persoal auxiliar de investigación mariña (técnicos especialistas en FP2 e técnicos superiores de ciclos formativos de grao superior) que se encadran no programa de recursos humanos do Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica e se procede á súa convocatoria.

A Lei 12/1993, de fomento da investigación e desenvolvemento tecnolóxico de Galicia, no seu artigo 1º establece como obxectivo xeral o fomento da investigación científica e a innovación tecnolóxica para promover o desenvolvemento económico, social e produtivo de Galicia. Como unha ferramenta encamiñada ao logro deste obxectivo, a dita lei no seu capítulo II, crea o Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico. O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 1 de decembro de 2005, aprobou a prórroga do Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxico (2002-2005) ata que sexa aprobado o novo PGIDIT 2006-2010.

O plan está integrado por programas xerais, sectoriais e horizontais. Dentro dos programas horizontais figura o programa de recursos humanos que ten entre outros obxectivos o de incrementar os recursos humanos dedicados a actividades de I+D+I tanto en número como en especialización nas áreas de maior interese, e dentro dos programas sectoriais o programa de recursos mariños persegue a utilización óptima dos recursos mariños, incluíndo a determinación das bases técnicas da xestión, actuando sobre dúas áreas fundamentais, a pesca e a acuicultura, que exixen unha cada vez máis forte presenza de persoal con altos niveis de formación e experiencia.

Nesta orde procédese a convocatoria de bolsas para técnicos especialistas de FP2 e técnicos superiores de ciclos formativos de grao superior co fin de completar a súa formación como persoal auxiliar de

investigación mariña garantindo a oportunidade de participar en experiencias e programas específicos de investigación e facilitándolles unha preparación práctica cualificada, que é de probada utilidade para a súa inserción posterior na vida empresarial.

Polo que antecede esta consellería:

DISPÓN:

Artigo 1º

Anúnciase a convocatoria de nove (9) bolsas para completar a formación de técnicos especialistas en FP2 e técnicos superiores de ciclos formativos de grao superior como persoal auxiliar de investigación mariña dentro do programa de recursos humanos, e apróbanse e fanse públicas as bases polas que se rexerá a respectiva convocatoria que se inclúe como anexo I desta orde, en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia:

Artigo 2º

Para a concesión destas bolsas, destinarase un total de sesenta e oito mil catrocentos corenta e cinco euros (68.445 A) que se financiarán con cargo á partida orzamentaria 14.04.432A.480.0 dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia dos anos 2006 (17.010 A) e 2007 (51.435 A).

Artigo 3º

De acordo co disposto no artigo 78.3º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, a competencia para a concesión destas axudas é obxeto de delegación por parte da conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos na directora xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro.

Artigo 4º

O prazo máximo para resolver as solicitudes presentadas ao amparo desta convocatoria será de 3 meses contados desde a publicación desta orde no DOG. De non mediar resolución expresa no dito prazo, as solicitudes deberán entenderse desestimadas.

A convocatoria, as súas bases e todos cantos actos administrativos deriven dela, poden ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Contra as resolucións expresas ou presuntas que deriven desta convocatoria, que poñen fin á vía administrativa, poderán os interesados interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da recepción da correspondente notificación no caso de resolución expresa. No caso de que a resolución se entenda

desestimatoria por silencio administrativo, o prazo será de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

De non estimar a presentación deste recurso, poderán os interesados interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da recepción da correspondente notificación, se é a resolución expresa. No caso de que a resolución se entenda desestimada por silencio administrativo, o prazo será de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 5º

Os beneficiarios das axudas concedidas ao abeiro do disposto nesta orde quedan obrigados a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas e Tribunal de Contas, no exercicio da súa función de fiscalización e control. Así mesmo os beneficiarios deberán proceder ao reintegro total ou parcial da subvención ou axuda pública percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a directora xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro para que dite as disposicións necesarias para a aplicación do disposto nesta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia

Santiago de Compostela, 17 de agosto de 2006.

Carmen Gallego Calvar

Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos

ANEXO I

Bases da convocatoria

1. Requisitos dos solicitantes.

Poderán optar a estas bolsas os titulados de formación profesional de 2º grao e técnicos superiores de ciclos formativos de grao superior que cumpran os seguintes requisitos:

a) Ter cursado os seus estudos nalgún dos centros públicos ou privados situado na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Estar en posesión do título de formación profesional de segundo grao, ou de técnico superior dos ciclos formativos de grao superior dalgunha das especialidades que se relacionan na base 4ª.

c) Ter rematados os ditos estudos no ano 2002 ou en data posterior.

d) Non ter desfrutado destas bolsas ou outras similares en anteriores convocatorias, durante un período de máis dun ano.

2. Contía da bolsa.

O importe da bolsa incluirá:

a) Unha asignación mensual bruta de 550 euros.

b) Seguro de asistencia médica e seguro combinado de accidentes que se imputará á mesma aplicación orzamentaria que as bolsas.

3. Duración das bolsas.

3.1. A duración das bolsas é de 12 meses comprendidos entre o 1 outubro de 2006 e o 30 de setembro de 2007.

3.2. As bolsas poderán ser prorrogadas automáticamente por un novo período de 12 meses, logo da presentación polo interesado, antes do 1 de xullo de 2007, da seguinte documentación:

-Plan de traballo que realizará o bolseiro durante o período de prórroga.

-Informe favorable do titor en que se farán constar as razóns xustificativas da prórroga, así como a relación detallada das actividades realizadas polo bolseiro no período de desfrute da bolsa.

-Declaración do solicitante de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas, para o mesmo fin, das administracións públicas competentes.

4. Centro de realización.

-As bolsas realizaranse no Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) que está integrado polo Centro de Investigacións Mariñas de Corón-Vilanova de Arousa e o Centro de Cultivos Mariños de Ribadeo e distribuiranse do seguinte xeito:

Rama/EspecialidadeFamilia/EspecialidadeCentro

Actividades Marítimo-Pesqueiras/Produción AcuícolaCorón: 2 bolsas

Ribadeo: 1 bolsa

Química/Análise e Procesos básicosQuímica/Análise e ControlCorón: 2 bolsas

Ribadeo : 1 bolsa

Sanitaria/Anatomía PatolóxicaSanidade/Anatomía Patolóxica e CitoloxíaCorón: 3 bolsas

5. Presentación de solicitudes.

As solicitudes, no modelo oficial RHU-11 que se publica como anexo II a esta orde están á disposición dos interesados nas dependencias da Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro e na internet nos enderezos http://www.xunta.es/newpesca/noticiaspesca.nsf/ e http://www.dxid.org. As solicitudes presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992.

As solicitudes redactaranse en calquera das linguas oficiais da comunidade autónoma e a elas xuntarase a seguinte documentación:

a) Fotocopia compulsada do documento nacional de identidade.

b) Fotocopia compulsada do título correspondente ou, no seu defecto, xustificación do pagamento dos dereitos de expedición.

c) Fotocopia compulsada de certificación académica en que consten as cualificacións obtidas.

d) Curriculum vitae do solicitante cos documentos acreditativos dos méritos alegados. Non serán computables aqueles méritos alegados que non estean convenientemente xustificados.

e) Declaración xurada do solicitante na que conste non ter sido beneficiario destas bolsas ou doutras similares durante un período superior a un ano, así como declaración de todas as bolsas solicitadas ou concedidas, para o mesmo fin, das administracións públicas competentes.

6. Prazo de presentación de solicitudes:

O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no DOG.

7. Tramitación.

Por parte dos servizos administrativos da Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro comprobarase que todas as solicitudes reúnan os requisitos establecidos nesta orde e exporase, nun prazo de dez días desde o remate do prazo de presentación de solicitudes, a lista de solicitudes admitidas e excluídas, sinalando de ser o caso as causas de exclusión, nos taboleiros da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, e na internet nos enderezos http://www.xunta.es/newpesca/noticiaspesca.nsf/ e http://www.dxid.org. Esta lista estará exposta durante dez días, podendo os interesados, durante ese prazo, formular reclamación para emendar erros e faltas de documentos, ante a Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro, achegando, se é o caso, a documentación necesaria. Transcorrido este prazo sen que se emenden as causas de exclusión, procederase conforme o establecido no artigo 71 da Lei 30/1992.

8. Selección de candidatos.

8.1. Comisión de selección.

A selección de candidatos será efectuada por unha comisión constituída por cinco membros, dos que tres serán designados pola directora xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro (un deles actuará como presidente e outro como secretario) e os outros dous designados polo director xeral de Investigación e Desenvolvemento.

8.2. Criterios xerais de selección.

A selección dos bolseiros farase tendo en conta os seguintes criterios de valoración:

a) Expediente académico máximo 4 puntos.

Valorarase de acordo co seguinte baremo:

Sobresaliente: 4 puntos.

Notable: 3 puntos.

Ben: 2 puntos.

Aprobado: 1 punto.

Suspenso: 0 puntos.

Aplicándose a fórmula nº puntos/nº de asignaturas+nº de convocatorias.

Para efectos de cálculo da nota media non se computarán aquelas materias que consten no expediente académico do alumno como validadas.

b) Curriculum vitae: puntuación máxima 2 puntos.

Valorarase:

b.1. Cursos ou formación máis axeitada para o desenvolvemento da bolsa: ata 1 punto.

b.2. Idiomas: ata 0,25 puntos.

b.3. Coñecementos informáticos: ata 0,25 puntos.

b.4. Varios (mergullo, competencia de mariñeiro, patrón embarcación, carné de conducir...): ata 0,5 puntos.

Só se valorarán aqueles méritos acreditados documentalmente polo solicitante xunto coa súa solicitude.

A puntuación final de cada solicitante obterase da suma de expediente+currículo.

Os solicitantes ordearanse por orde decrecente da puntuación obtida e a bolsa adxudicarase ao candidato que acade maior puntuación.

A comisión elaborará unha lista de suplentes por orde decrecente de puntuación, na cal figurarán os solicitantes que, cumprindo os requisitos, non acadaron puntuación suficiente para ser adxudicatarios da bolsa.

9. Resolución do concurso.

A Comisión de Selección de Investigación elevará a proposta de resolución á directora xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro para que resolva. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia.

10. Dedicación.

O bolseiro deberá dedicarse de maneira plena a cumprir as tarefas que lle sexan encomendadas. O aproveitamento da bolsa será incompatible con calquera clase de traballo remunerado por conta propia ou allea ou co aproveitamento doutra bolsa.

11. Aceptación da bolsa e pagamento.

11.1. A aceptación da bolsa farase mediante documento asinado polo bolseiro, en que se comprometa a cumprir todas as condicións recollidas nestas bases. Así mesmo, presentará declaración xurada na cal conste que non realiza traballo remunerado nin desfruta doutro tipo de bolsa ou axuda.

11.2. As bolsas aboaranse mensualmente, por mensualidades completas ou fracción proporcional ao tempo de desfrute da bolsa, para os casos en que o bolseiro inicie ou remate a súa relación en data non coincidente co mes natural. O pagamento da última mensualidade quedará pendente ata que o bolseiro presente o informe final que resuma a actividade realizada por este durante todo o período de aproveitamento da bolsa, co visto e prace do responsable do bolseiro así como declaración de todas as bolsas solicitadas ou concedidas para o mesmo fin das distintas administracións públicas competente.

12. Obrigas dos bolseiros. Seguimento da axuda.

A concesión e desfrute dunha bolsa non establece relación contractual ou estatutaria co centro ao que quede adscrito o beneficiario, nin implica por parte do organismo receptor ningún compromiso en canto á posterior incorporación do interesado ao cadro de persoal deste, aínda que si a necesaria e natural coordinación co horario, normas e disciplina do centro onde realiza a súa formación.

13. Incidencias.

A Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro resolverá todas as dúbidas e incidencias que se poidan presentar na aplicación desta convocatoria.

No caso de renuncia á bolsa concedida, o bolseiro presentará a correspondente solicitude fundamentada, podéndose cubrir a vacante producida polo período de desfrute restante co candidato suplente correspondente de acordo coa lista de suplentes elaborada pola comisión de selección.

No caso de maternidade poderá concederse, logo da petición, unha interrupción de ata un máximo de 16 semanas.

O bolseiro queda obrigado ao reintegro total ou parcial da axuda concedida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión.