DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 163 Xoves, 24 de agosto de 2006 Páx. 13.249

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E TRANSPORTES

ORDE do 14 de agosto de 2006 pola que se resolve o procedemento de revisión de oficio da Orde do 26 de xullo de 2005 de aprobación definitiva da modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento municipal de Arteixo (A Coruña), no ámbito das unidades de execución 5 e 8 e paseo fluvial.

Visto o expediente correspondente á revisión de oficio da Orde do 26 de xullo de 2005, da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, de aprobación definitiva da modificación puntual

das normas subsidiarias de planeamento municipal de Arteixo (A Coruña), no ámbito das unidades de execución 5 e 8 e paseo fluvial, e con base nos seguintes

Antecedentes.

1. As vixentes normas subsidiarias de planeamento municipal de Arteixo foron aprobadas definitivamente pola Comisión Provincial de Urbanismo da Coruña, o 23 de marzo de 1995, ao abeiro da entón vixente Lei 11/1985, de adaptación da do solo a Galicia.

As ditas normas subsidiarias delimitaron, dentro dos terreos clasificados como solo urbano, as unidades de execución nº 5 e nº 8, nas cales resulta de aplicación a ordenanza de solo urbano residencial de edificación entre medianeiras (URME).

A unidade de execución nº 5 ten unha superficie de 10.900 m, para a que se fixa a edificabilidade máxima de 1,2 m/m, resultando unha superficie total edificada de 13.080 m edificables, en edificacións de planta baixa, tres plantas altas e planta baixo cuberta. A superficie de cesión obrigatoria para zona verde é de 800 m.

A unidade de execución nº 8 ten unha superficie de 6.550 m, para a que se fixa unha edificabilidade de 1,2 m/m, resultando unha superficie total edificada de 7.860 m edificables, en edificacións de planta baixa, tres plantas altas e planta baixo cuberta. A superficie de cesión obrigatoria é de 28 m por cada 100 m construídos (2.200,80 m).

Así mesmo, as normas subsidiarias prevén, dentro do sistema xeral de zonas verdes, un parque urbano nas marxes do río cunha superficie de 27.391 m.

2. A Comisión de Goberno de Arteixo, o 4 de setembro de 2001, outorgou licenza urbanística para a construción dun centro parroquial en terreos clasificados como solo urbano e cualificados como espazo libre e zona verde -parque urbano-.

O director xeral de Urbanismo, o 15 de decembro de 2004, require o Concello de Arteixo para que revise a licenza outorgada, considerando que vulnera o uso urbanístico de zona verde e incorre en causa de nulidade de pleno dereito, segundo o disposto no artigo 180.2º da Lei 1/1997, do solo de Galicia, vixente no momento de outorgarse a licenza.

O Concello de Arteixo, o 18 de abril de 2005, suspende cautelarmente os efectos da licenza urbanística e inicia o procedemento de revisión de oficio da dita licenza para a construción do centro parroquial, e dálle conta á consellería.

En relación con estes feitos, o 7 de setembro de 2005, o Ministerio Fiscal presentou denuncia ante o Xulgado da Coruña por un presunto delito contra a ordenación do territorio.

3. O Concello de Arteixo tramitou a modificación das normas subsidiarias de planeamento municipal co obxecto de establecer unha nova ordenación no ámbito das unidades de execución 5 e 8 e no parque fluvial.

A nova ordenación do ámbito implica a alteración das superficies destinadas a zonas verdes e espazos libres públicos, a previsión de novos equipamentos e o mantemento da ordenanza de edificación residencial denominada URME, aplicable no ámbito das unidades de execución 5 e 8, cunha edificabilidade de 1,2 m/m en planta baixa, tres plantas altas e baixo cuberta.

Como consecuencia da modificación resulta que o ámbito da unidade de execución nº 5 ten unha superficie de 12.032,51 m, para a que se mantén a edificabilidade máxima de 1,2 m/m, resultando unha superficie total edificada de 14.439,01 m, en edificacións de planta baixa, tres plantas altas e planta baixo cuberta. A superficie de cesión obri

gatoria para zona verde é de 2.685,76 m e para equipamentos públicos de 1.464 m.

A unidade de execución nº 8 ten unha superficie de 6.404,20 m, para a que se mantén a edificabilidade de 1,2 m/m, resultando unha superficie total edificada de 7.685,04 m, en edificacións de planta baixa, tres plantas altas e planta baixo cuberta. A superficie de zonas verdes é de 1.389,68 m e para equipamentos públicos de 768,50 m.

Así mesmo, dentro do ámbito do parque urbano (pertencente ao sistema xeral de zonas verdes e espazos libres públicos) recualifícase unha superficie de 2.880 m para destinalos a equipamento relixioso de carácter privado, nunha posición central dentro do ámbito e próximo ao río.

Por Orde do 26 de xullo de 2005, do conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, outorgouse a aprobación definitiva á modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento municipal de Arteixo (A Coruña), no ámbito das unidades de execución 5 e 8 e paseo fluvial, publicada no Diario Oficial de Galicia nº 172, do 7 de setembro de 2005.

4. A conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, o 15 de marzo de 2006, inicia o procedemento de revisión de oficio da Orde do 26 de xullo de 2005, de aprobación definitiva da modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento municipal de Arteixo e adopta a medida provisional de suspensión dos efectos da citada orde.

A revisión de oficio foi notificada ao concello e ao promotor da licenza urbanística outorgada para construír un centro parroquial sobre a zona verde, conferíndolles audiencia para que puidesen consultar o expediente e presentar cantas alegacións, documentos e xustificacións consideren convenientes. Así mesmo, foi sometida a información pública mediante anuncio publicado no Diario Oficial de Galicia do 26 de abril de 2006.

Durante o prazo de audiencia e de información pública presentaron escritos de alegacións:

Ramón Caamaño Pacín, en representación da parroquia de Santiago de Arteixo (arcebispado de Santiago de Compostela).

Fernando Álvarez Insua.

Monserrat Gabín Rivero.

Milagros Esmoris Campos.

Julia Mosquera Calvete, en representación da Asociación Sociocultural Mariana de Arteixo.

E o Concello de Arteixo, que presentou escritos de interposición de recurso de reposición (do 9 de maio) e escrito de alegacións (do 16 de maio).

5. A Comisión Superior de Urbanismo de Galicia, na súa xuntanza do 15 de maio de 2006, emitiu informe sobre o asunto, no cal se conclúe o seguinte:

«Dado que a Orde do 26 de xullo de 2005, do conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas

e Vivenda (DOG nº 172, do 7 de setembro), pola que se outorgou a aprobación definitiva á modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento municipal de Arteixo, vulnera o disposto nos artigos 46.2º e 101 e na disposición transitoria primeira, punto 1 g), da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, a Comisión Superior de Urbanismo de Galicia emite informe favorable sobre este expediente de revisión de oficio da Orde do 26-7-2005, de aprobación definitiva da modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento municipal de Arteixo (A Coruña), no ámbito das unidades de execución 5 e 8 e paseo fluvial, por considerar que concorren os requisitos necesarios para que se leve a cabo a declaración de nulidade de pleno dereito da dita orde».

6. Instruído o procedemento, o 31 de maio de 2006 formúlase proposta de resolución en sentido favorable á declaración de nulidade de pleno dereito da Orde do 26 de xullo de 2005.

7. O 2 de xuño de 2006, solicítase o preceptivo ditame do Consello Consultivo de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 102.2º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, suspendéndose o prazo para resolver o procedemento ata a recepción do ditame, con comunicación aos interesados.

8. O 8 de agosto de 2006 ten entrada no rexistro desta consellería o ditame emitido polo Pleno do Consello Consultivo de Galicia, en sesión realizada o 20 de xullo de 2006 (nº 487/06), informando favorablemente, e con carácter vinculante, a proposta de resolución formulada no expediente.

Consideracións xurídico-urbanísticas.

1. A modificación aprobada definitivamente incorre en nulidade de pleno dereito por vulnerar o disposto na Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, modificada pola Lei 15/2004, do 29 de decembro.

A Lei 9/2002, na súa disposición transitoria primeira, punto 1 g), establece que en todo caso as modificacións do planeamento vixente á entrada en vigor desta lei débense axustar ao disposto nela.

No que atinxe aos ámbitos das unidades de execución 5 e 8 delimitadas nas vixentes normas subsidiarias de planeamento municipal, é de aplicación o disposto na Lei 9/2002 para o solo urbano non consolidado e poderá executarse de acordo coa ordenación establecida polo planeamento vixente no prazo de tres anos a partir da entrada en vigor da Lei 9/2002 (disposición transitoria primeira, punto 1 c), de modo que os propietarios poden executar a ordenación urbanística establecida no planeamento aprobado ao abeiro da Lei 11/1985, de adaptación da do solo a Galicia; pero no caso de que se pretenda

alterar a ordenación urbanística -a través da modificación ou da revisión-, a nova ordenación resultante debe axustarse ao disposto na lexislación urbanística vixente.

E así, o artigo 46.2º da Lei 9/2002, establece que no solo urbano non consolidado de uso residencial o planeamento non poderá conter determinacións das cales resulte unha superficie edificable total superior aos límites de sustentabilidade que, para os municipios con poboación superior a 20.000 habitantes e inferior a 50.000, como é o caso de Arteixo, se establece nun metro cadrado edificable por cada metro cadrado de solo. A modificación aprobada definitivamente establece unha nova ordenación do ámbito das unidades de execución 5 e 8, cunha edificabilidade de 1,2 m/m que excede os límites máximos legalmente establecidos.

2. A recualificación de 2.880 m de zona verde pública a equipamento relixioso de carácter privado constitúe unha reserva de dispensación prohibida no artigo 101.2º da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

A modificación aprobada prevé o uso relixioso de carácter privado implantado dentro dun parque público -integrante do sistema xeral de zonas verdes e espazos libres públicos do municipio de Arteixo co propósito de legalizar as obras executadas ao abeiro da licenza outorgada pola Comisión de Goberno municipal o 4 de setembro de 2001 para construción dun centro parroquial, igrexa e casa reitoral que incorreu en causa de nulidade de pleno dereito por infracción da zonificación e uso urbanístico das zonas verdes e espazos libres públicos, dado que autorizaba unha edificación privada en terreos que deben estar afectos ao dominio e uso público, e prevé usos (relixioso, centro parroquial e residencial) prohibidos na ordenanza de aplicación de parques públicos.

Ademais, a modificación aprobada implica unha diminución de 2.880 m de parque urbano integrante do sistema xeral de zonas verdes e espazos libres públicos de Arteixo que non se compensa coa necesaria previsión de maiores superficies de sistemas xerais de zonas verdes. Nin sequera se compensa coas novas reservas de dotacións públicas locais nas unidades de execución 5 e 8, toda vez que, aínda que na unidade de execución 5 se incrementan as zonas verdes de 800 m a 2.685,76 m, supoñendo un incremento de 1.885,76 m, na unidade de execución 8 diminúese de 2.151 m (28 m de cesión por cada 100 m edificables) a 1.389,68 m de cesión para zonas verdes, do que resulta unha diminución de 751 m de zona verde. En conxunto, prodúcese unha diminución de 2.880 m no sistema xeral de zonas verdes ao servizo do conxunto da poboación que non pode quedar compensada co incremento de 1.134,44 m de dotacións locais de zonas verdes ao servizo predominante das unidades de execución 5 e 8.

En definitiva, a modificación aprobada contén unha reserva de dispensación para eludir a aplicación das condicións de uso en terreos pertencentes ao sistema xeral de zonas verdes e espazos libres públicos establecida nas normas subsidiarias de planeamento municipal de Arteixo, diminúe a reserva de solo para sistema xeral de zonas verdes e espazos libres públicos en 2.880 m sen prever a necesaria compensación e legaliza unha licenza urbanística nula de pleno dereito en proceso de revisión, consolidando un uso de carácter privado que ocupa unha posición central dentro do parque urbano, en detrimento do seu destino de parque urbano de dominio e uso público ao servizo do conxunto da poboación do municipio de Arteixo.

3. A Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no seu artigo 62.2º, establece que serán nulas de pleno dereito as disposicións administrativas que vulneren a Constitución, as leis ou outras disposicións administrativas de rango superior.

Así mesmo, no artigo 102.2º da Lei 30/1992, disponse que en calquera momento, as administracións públicas, de oficio e logo do ditame favorable do Consello de Estado ou órgano consultivo equivalente da Comunidade Autónoma, poderán declarar a nulidade das disposicións administrativas nos supostos previstos no artigo 62.2º.

4. No que atinxe ao recurso de reposición interposto polo Concello de Arteixo contra o acto de iniciación do procedemento de revisión de oficio, debe sinalarse que nos litixios entre administracións públicas non cabe interpoñer recurso en vía administrativa (artigo 44.1º da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa) e, ademais, non cabe interpoñer recurso contra o acto de iniciación do procedemento dado que é un acto de mero trámite que nin determina a imposibilidade de continuar o procedemento nin produce indefensión (artigo 107 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común).

Sen prexuízo da inadmisibilidade do recurso, tampouco poden compartirse os argumentos do concello. Aínda que é certo que, de conformidade coa disposición transitoria primeira da Lei 9/2002, os propietarios poderían executar a ordenación urbanística establecida no planeamento vixente no prazo de tres anos a partir da entrada en vigor da dita Lei 9/2002, no caso de que se modifique a ordenación urbanística debe axustarse aos límites de edificabilidade establecidos no artigo 47 da Lei 9/2002, por imperativo da disposición transitoria primeira, punto 1 g), no cal se establece que en todo caso, as modificacións e revisións do planeamento vixente á entrada en vigor desta lei deben axustarse ao disposto nela.

Tampouco pode compartirse o argumento de que a modificación aprobada é unha matización do uso xa previsto anteriormente na ordenanza de parques

públicos, toda vez que nas vixentes normas subsidiarias de planeamento o uso relixioso é un uso específico que non se engloba dentro do uso cultural. Ademais, a modificación aprobada implicou a desafectación dunha superficie de 2.880 m que debían quedar integrados no dominio público -parque urbano-, que se recualificou como equipamento relixioso de titularidade privada, e como consecuencia de todo isto, en detrimento do sistema xeral de zonas verdes e espazos libres públicos do municipio de Arteixo.

5. As alegacións presentadas polo alcalde de Arteixo, non seu escrito do 16 de maio de 2006, non poden prosperar. Alega que a disposición transitoria primeira da Lei 9/2002, establece que os plans de ordenación aprobados definitivamente con anterioridade á entrada en vigor desta lei conservarán a súa vixencia ata a súa revisión ou adaptación, pero non ten en conta que no punto 1 g) da dita disposición transitoria primeira se establece expresamente que «en todo caso, as modificacións e revisión do planeamento vixente á entrada en vigor desta lei deben axustarse ao disposto nela». En definitiva, a lei establece un réxime transitorio que permite manter a ordenación urbanística establecida ao abeiro da lexislación urbanística anterior, pero calquera alteración que se pretenda realizar debe acomodarse ao disposto na nova lei.

En canto á nova ordenación das unidades de execución 5 e 8, alégase que a nova ordenación mellora a establecida nas normas subsidiarias de planeamento e se adapta aos estándares de reserva mínima de solo para dotacións públicas que establece a vixente Lei 9/2002, modificada pola Lei 15/2004. Pero esta alegación é irrelevante toda vez que a revisión de oficio non cuestiona as previsións de novas dotacións públicas, senón a edificabilidade resultante (1,2 m/m) que supera o límite máximo establecido para os municipios con poboación superior a 20.000 habitantes e inferior a 50.000 (1 m/m). O alegante recoñece que se excede o límite legal e incluso que, por este motivo, se denegou a aprobación definitiva dos estudos de detalle das unidades de execución 5 e 8.

Coa revisión de oficio non se cuestiona a necesidade e conveniencia de prever un novo equipamento relixioso, senón a localización concreta elixida que supón a supresión de 2.880 m de parque urbano -que integra o sistema xeral de zonas verdes e espazos libres públicos ao servizo do conxunto da poboación do termo municipal-, que non se compensan coa previsión dunha superficie equivalente de sistemas xerais e, ademais, implica destinar a equipamento de titularidade privada terreos localizados dentro do parque urbano destinados a uso e dominio público, o que constitúe unha evidente e manifesta reserva de dispensación.

6. Os restantes alegantes solicitan que se deixe sen efectos a iniciación do procedemento de revisión de oficio, fundamentando a súa petición, en esencia, na necesidade dun novo templo parroquial para atender as demandas e necesidades da poboación, que

as vixentes normas subsidiarias de planeamento municipal aprobadas en 1995 non estableceron unha localización específica para un novo equipamento relixioso e coa modificación aprobada vénse localizar o equipamento relixioso no paseo fluvial, e que a ordenanza de parques urbanos permitía a construción de edificios culturais con determinadas condicións.

Coa revisión de oficio non se cuestiona a necesidade e conveniencia de buscar unha nova localización para o templo parroquial para atender as lexítimas demandas da poboación; pero a nova localización elixida para un equipamento relixioso de carácter privado non é compatible coa natureza do parque urbano público que integra o sistema xeral de zonas verdes e espazos libres públicos do termo municipal de Arteixo.

7. De conformidade co disposto no artigo 3.1º b) da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, a competencia para a revisión de oficio correspóndelles aos conselleiros respecto dos seus propios actos e dos ditados por órganos deles dependentes, neste caso, a competencia correspóndelle á conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes.

Na súa virtude, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia, e de conformidade co disposto no artigo 102.2º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, na Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, e nas demais disposicións de aplicación,

RESOLVO:

Declarar a nulidade de pleno dereito da Orde do 26 de xullo de 2005, do conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, pola que se outorgou a aprobación definitiva á modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento municipal de Arteixo, por vulnerar o disposto nos artigos 46.2º e 101 e na disposición transitoria primeira, punto 1 g), da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia e o disposto no artigo 62.2º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación ou notificación desta resolución, de conformidade co disposto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de que con carácter previo e potestativo, poidan

presentar recurso de reposición ante a conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, consonte o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 14 de agosto de 2006.

María José Caride Estévez

Conselleira de Política Territorial, Obras

Públicas e Transportes