DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 163 Xoves, 24 de agosto de 2006 Páx. 13.245

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

RESOLUCIÓN do 10 de agosto de 2006, da Secretaría Xeral de Emigración, pola que se establecen e regulan as axudas para a realización de actividades culturais con destino aos lugares en que están radicadas as entidades galegas no exterior.

O Estatuto de autonomía de Galicia no seu título preliminar recoñécelles ás comunidades galegas asentadas fóra de Galicia o dereito a colaborar e compartir a vida social e cultural do pobo galego.

Á Secretaría Xeral de Emigración, órgano dependente da Presidencia da Xunta de Galicia, correspóndenlle, entre outras, as competencias en materia de desenvolvemento da Lei 4/1983, do 15 de xuño, de recoñecemento da galeguidade, as relacións coas comunidades galegas no exterior así como a programación de actividades dirixidas á promoción e difusión da cultura galega e ao recoñecemento da realidade actual de Galicia no exterior.

Por outra banda, a disposición adicional segunda do Decreto 44/2006, do 2 de marzo, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia desconcentra no secretario xeral de Emigración a competencia para a aprobación das bases, a convocatoria e a resolución das axudas e subvencións do seu respectivo ámbito de competencia.

As comunidades galegas espalladas por todos os continentes representan un valor fundamental e un mecanismo irrenunciable a través dos cales Galicia se fai visible nun mundo crecentemente globalizado contribuíndo a unha dobre función: a transcendencia inter

nacional das manifestacións culturais galegas e o fortalecemento das nosas comunidades da diáspora.

A través desta convocatoria, a Secretaría Xeral de Emigración pretende fomentar a realización no exterior de todo tipo de actividades culturais que destaquen polo seu carácter innovador e que potencien a difusión dunha renovada imaxe de Galicia.

En virtude do exposto, e no exercicio das competencias atribuídas pola disposición adicional segunda do Decreto 44/2006, do 2 de marzo, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia e de conformidade co disposto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, o Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime das axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, a Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e a normativa que a desenvolve, logo do informe da Asesoría Xurídica e da Intervención Delegada deste órgano,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta resolución ten por obxecto o financiamento dos custos xerados pola realización de actividades culturais durante o ano 2006 que teñan como destinatarios as entidades galegas no exterior.

Artigo 2º.-Requisitos dos beneficiarios.

Poderá optar a esta convocatoria calquera persoa física ou xurídica con domicilio social en Galicia, dedicada profesionalmente ou cun obxecto social que inclúa a prestación de calquera tipo de servizos culturais representativos dos sinais de identidade de Galicia.

Artigo 3º.-Contía e orzamento.

As axudas destinaranse a cubrir os gastos derivados da realización de actividades culturais programadas e acordadas de xeito conxunto coas entidades galegas no exterior. En concreto serán financiados os gastos de desprazamento ao lugar onde se realice a actuación e o caché dos artistas.

Para a concesión destas axudas resérvase inicialmente un crédito total de 60.000 euros con cargo á aplicación orzamentaria 04.50.213A.226.7.-Actuacións derivadas da Lei de galeguidade, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

Artigo 4º.-Solicitudes e prazo de presentación.

1. As solicitudes presentaranse, segundo o modelo oficial que se publica como anexo a esta resolución, e que se atopa á disposición dos interesados nas dependencias da Secretaría Xeral de Emigración e na súa páxina web www.galiciaaberta.com, xunto coa documentación correspondente, ben no rexistro xeral da Secretaría Xeral de Emigración; ou ben por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e de procedemento administrativo común.

As solicitudes e documentación correspondente remitiranse á Secretaría Xeral de Emigración, rúa Basquiños nº 2, 15704 Santiago de Compostela (A Coruña).

2. O prazo de presentación de solicitudes será de 35 días naturais contados desde o día seguinte ao da data de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

No suposto de que a documentación presentada fose incompleta, a Secretaría Xeral de Emigración requirirá o interesado para que no prazo de 10 días emende a súa solicitude, indicándolle que se non o fixese se terá desistido da súa petición, logo da resolución ditada nos termos previstos no artigo 71 na Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e de procedemento administrativo común.

Artigo 5º.-Documentación.

1. Os solicitantes das axudas deberán achegar necesariamente a seguinte documentación:

a) Solicitude segundo o modelo normalizado (anexo I).

b) Fotocopia do DNI ou CIF do solicitante.

c) Copia compulsada dos estatutos, no caso de que se trate de asociacións ou empresas.

d) Memoria descritiva da actividade cultural que se realizará, detallando o curriculum do artista ou grupo solicitante (traballos editados, número de actuacións, premios recibidos, repercusión nos medios de comunicación).

e) Descrición polo miúdo da actividade cultural (datas de celebración, lugares, etc.) acordada coas entidades galegas no exterior.

f) Orzamento da axuda solicitada.

g) Acreditación escrita do compromiso acadado coa entidade galega no exterior para a realización da actividade cultural proposta, asinada polo seu secretario, co visto e prace do seu presidente.

h)Declaración do conxunto de axudas solicitadas -tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución- para as mesmas accións para as cales se concedeu a subvención, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades ou, de ser o caso, unha declaración de que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións.

2. A presentación da solicitude de concesión desta axuda polo interesado comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deba emitir a Axencia Estatal Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 43 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da comunidade autónoma para 2006.

Artigo 6º.-Órganos competentes.

1. A ordenación e instrución do procedemento corresponderá ao xefe de Servizo de Tramitación de Axudas da Subdirección Xeral de Centros e Comunidades Galegas.

2. O órgano competente para resolver as solicitudes de axudas e subvencións presentadas ao abeiro desta resolución será o secretario xeral de Emigración.

Artigo 7º.-Criterios de valoración.

A Secretaría Xeral de Emigración avaliará as solicitudes presentadas en función dos criterios seguintes:

a) Proxección social e divulgación dos sinais de identidade de Galicia que a actividade cultural poida ter.

b) Traxectoria profesional do solicitante.

c) Emprego do idioma galego, de ser o caso.

d) Actuacións acordadas conxuntamente con dúas ou máis entidades galegas no exterior.

e) Razoabilidade e nivel de autofinanciación do custo da actividade prevista.

Artigo 8º.-Procedemento de concesión da subvención.

1. O procedemento para a tramitación e concesión das axudas que se convocan mediante esta resolución axustarase ao previsto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. As solicitudes someteranse a un réxime de concorrencia competitiva tal como recolle a Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

2. Os expedientes serán avaliados por un órgano colexiado que formulará a correspondente proposta de concesión ao órgano concedente a través do órgano instrutor. O devandito órgano colexiado estará formado polo subdirector xeral de Centros e Comunidades Galegas, e dous funcionarios desta subdirección xeral. O órgano colexiado avaliará as solicitudes segundo os criterios obxectivos nesta resolución.

Artigo 9º.-Resolución.

1. As resolucións serán ditadas polo secretario xeral de Emigración e notificadas aos interesados, debendo ser sempre motivadas. A Secretaría Xeral de Emigración publicará no Diario Oficial de Galicia as subvencións de contía superior a 3.000 euros concedidas a través desta convocatoria, indicando o programa e crédito orzamentario ao cal se imputan, beneficiario, cantidade concedida e finalidade para a que se outorgou a axuda. A Secretaría Xeral de Emigración, en cumprimento dos requisitos de publicidade e transparencia que prevé o artigo 13 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na administración pública galega, publicará na súa páxina web oficial www.galiciaaberta.com as concesións das devanditas subvencións, dentro dos cinco días seguintes ao da súa notificación, indicando a relación de beneficiarios, o importe das axudas concedidas e a identificación da normativa reguladora.

2. O prazo máximo para resolver será de tres meses, que comezarán a contar desde a data de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que se ditasen as resolucións expresas, poderán entenderse desestimadas as solicitudes, de acordo co establecido nos artigos 1 e 2 da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa, e contra elas cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da recepción da correspondente notificación, no caso de resolucións expresas, ou no prazo de 3 meses contados a partir do día seguinte

a aquel en que se entenda producido o acto presunto, no caso de resolucións desestimadas por silencio administrativo, de acordo co disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Así mesmo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da recepción da correspondente notificación, no caso de resolucións expresas, ou no prazo de 6 meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto, no caso de resolucións desestimadas por silencio administrativo, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 10º.-Xustificación e pagamento.

1. A acción subvencionada deberá ser executada durante o ano 2006.

2. Previamente ao pagamento do importe da subvención concedida, os beneficiarios de axudas deberán remitirlle á Secretaría Xeral de Emigración, antes do remate do exercicio orzamentario, a seguinte documentación xustificativa:

a) Informe detallado en que conste a descrición das actividades realizadas que foron financiadas coa subvención e o seu custo, co desagregamento de cada un dos gastos realizados.

b) Factura ou facturas acreditativas dos gastos subvencionables e demais documentos de valor probatorio equivalente con validez no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa. Estas facturas deberán presentarse ben en documento orixinal ou ben en fotocopia debidamente cotexada.

A acreditación dos gastos tamén poderá efectuarse mediante facturas electrónicas, sempre que cumpran os requisitos exixidos para a súa aceptación no ámbito tributario.

c) Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas -tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución- para as mesmas accións para as cales se concedeu a subvención, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

d) Acreditación de estar ao día das obrigas tributarias coa Comunidade Autónoma, co Estado e coa Seguridade Social.

Malia o anterior, para acadar a maior operatividade deste tipo de axudas poderán acordarse pagamentos parciais ou efectuar anticipos dos importes concedidos ata a contía máxima permitida de acordo co establecido no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o disposto nos artigos 78 e 79 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, suxeitos aos requisitos que na citada normativa se establecen. O resto do importe librarase no momento de completar a xustificación por parte dos beneficiarios do cumprimento da finalidade para a que se concedeu a axuda e demais condicións exixidas nesta resolución.

Artigo 11º.-Obrigas dos beneficiarios.

Con carácter xeral, os beneficiarios das axudas e subvencións convocadas por esta resolución quedan obrigados a:

-Someterse aos requisitos legais e regulamentarios que recolla a normativa xeral de aplicación ás axudas e subvencións da Xunta de Galicia, en concreto, as recollidas no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, así como ás actuacións de comprobación que respecto da xestión de fondos pode efectuar o departamento concedente, ás de control financeiro que realice a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e aos procedementos fiscalizadores do Consello de Contas e do Tribunal de Contas.

-Se, por calquera motivo, a actuación programada non se puidese realizar, deberáselle comunicar á Secretaría Xeral de Emigración, que poderá dispoñer do citado crédito para subvencionar proxectos inicialmente non atendidos ou aumentar a axuda doutros subvencionados parcialmente.

-Será obrigatoria a difusión do financiamento por parte da Secretaría Xeral de Emigración das actividades culturais subvencionadas mediante as axudas recollidas nesta resolución nos actos, documentación e publicacións que se realicen, por calquera medio, con motivo da actuación subvencionada.

Artigo 12º.-Modificación da resolución de concesión e reintegro.

Os beneficiarios das axudas quedan obrigados a comunicarlle á Secretaría Xeral de Emigración, no momento en que se produza, calquera alteración dos requisitos exixidos na convocatoria ou de circunstancias sobrevidas que impidan ou dificulten a execución das accións subvencionadas, podendo a Secretaría Xeral adoptar a resolución de modificación da concesión ou de reintegro que corresponda.

Procederá o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora, nos casos e nos termos previstos no artigo 78 da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e no Decreto 287/2000.

Disposicións adicionais

Primeira.-A Subdirección Xeral de Centros e Comunidades Galegas poderá solicitar dos peticionarios as aclaracións, comprobacións ou documentación complementaria, orixinal ou copia compulsada, que se considere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento das condicións exixidas para a concesión das bolsas previstas nesta resolución.

Disposicións derradeiras

Primeira.-O secretario xeral de Emigración ditará as resolucións necesarias para o cumprimento desta convocatoria.

Segunda.-Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de agosto de 2006.

Manuel Luis Rodríguez González

Secretario xeral de Emigración

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS

E TRANSPORTES