DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 162 Mércores, 23 de agosto de 2006 Páx. 13.216

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE E DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE

DECRETO 137/2006, do 27 de xullo, polo que se modifica o Decreto 74/2006, do 30 de marzo, polo que se regula o Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible.

A Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, de protección ambiental de Galicia creou, no seu artigo 28, o Consello Galego de Medio Ambiente, como órgano consultivo da Administración ambiental. Con posterioridade, o Consello de la Xunta de Galicia aprobou o Decreto 155/1995, do 3 de xuño, no que se regulou o dito órgano, modificándose en ulteriores decretos para a súa adaptación ás variacións da estrutura administrativa da Xunta de Galicia. A última modificación é a establecida no Decreto 74/2006, do 30 de marzo, polo que se regula o Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, onde o define como o órgano colexiado de participación, consulta e asesoramento da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible en relación cos plans, proxectos e actuacións que teñan incidencia sobre a sustentabilidade, tendo entre os seus fins o de servir de foro de debate para os efectos de dar cumprimento ao principio de participación pública, establecendo unha vía de cooperación dos

estamentos interesados da sociedade galega.

As súas características especiais fan necesaria unha adecuada representación neste consello dos diferentes sectores implicados no eido ambiental, o que obriga a modificar o vixente decreto regulador do Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, para os efectos de darlle entrada a un representante do sector pesqueiro, considerado como un sector de especial importancia económica, social e ambiental na nosa terra.

Na súa virtude e no uso das atribucións concedidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, e demais normativa concordante e por proposta do conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible despois da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do vinte e sete de xullo de dous mil seis,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modifícase o artigo 3º do Decreto 74/2006, do 30 de marzo, polo que se regula o Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, que queda redactado do seguinte xeito:

«Artigo 3º.-Composición.

O Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible estará integrado polos seguintes órganos:

1º Presidente. Será presidente do consello o conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sos

tible, que ademais da presidencia do pleno do consello exercerá as seguintes funcións:

a) Exercer a representación do Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible.

b) Realizar a convocatoria das sesións ordinarias e extraordinarias fixando os asuntos que comporán a orde do día.

c) Presidir as sesións e moderar os debates que se produzan no desenvolvemento delas, velando polo cumprimento das funcións que lle competen ao órgano. Para os efectos da adopción de acordos, o voto do presidente ou de quen legalmente o substitúa será cualificado e dirimente para o suposto de empate.

d) Exercer cantas outras funcións sexan inherentes á súa condición de presidente do órgano.

2º Vicepresidente. Será vicepresidente do consello o director xeral de Desenvolvemento Sostible, que desempeñará as funcións atribuídas ao presidente nos casos de ausencia, enfermidade ou outro motivo lexítimo.

3º Secretario. Será secretario o subdirector xeral de Fomento do Desenvolvemento Sostible, que actuará con voz e sen voto. Son funcións do secretario:

a) Executar a convocatoria das sesións por orde do seu presidente, así como proceder á citación dos membros do plenario.

b) Recibir calquera comunicación ou notificación dos membros do Pleno das cales deba ter coñecemento.

c) Redactar e autorizar as actas das sesións.

d) Expedir certificacións das consultas, informes ou acordos aprobados.

e) Aqueloutras funcións que sexan inherentes á súa condición de secretario.

4º Vogais. Nomearanse trinta e oito vogais en representación tanto da Administración autonómica como da sociedade civil.

4.1º Trece en representación da Administración autonómica repartidos do seguinte modo:

a) En representación do aspecto ambiental:

-O secretario xeral da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible.

-O director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

-O director xeral de Conservación da Natureza.

-O director xeral de Augas de Galicia.

b) En representación do aspecto económico:

-Un representante da Consellería de Economía e Facenda, con categoría de secretario xeral ou director xeral.

-Un representante da Consellería de Innovación e Industria, con categoría de secretario xeral ou director xeral.

-Un representante da Consellería do Medio Rural, con categoría de secretario xeral ou director xeral.

-Un representante da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, con categoría de secretario xeral ou director xeral.

-Un representante da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transporte, con categoría de secretario xeral ou director xeral.

c) En representación do aspecto social:

-Un representante da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, con categoría de secretario xeral ou director xeral.

-Un representante da Consellería de Traballo, con categoría de secretario xeral ou director xeral.

-Un representante da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, con categoría de secretario xeral ou director xeral.

-Un representante da Secretaría Xeral de Relacións Exteriores, con categoría de secretario xeral ou director xeral.

4.2º Vinte e cinco en representación da sociedade civil repartidos do seguinte xeito:

-Tres representantes dos sindicatos máis representativos de Galicia.

-Tres representantes da Confederación de Empresarios de Galicia.

-Catro representantes de organizacións de carácter ambiental.

-Catro representantes de organizacións de carácter social: Consello da Xuventude, Sociedade Galega de Educación Ambiental, Confederación Galega de Veciños, Consello Galego de Consumidores e Usuarios.

-Tres representantes das universidades de Galicia, un por cada unha delas.

-Catro representantes da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).

-Tres representantes das organizacións profesionais agrarias máis representativas de Galicia.

-Un representante da Federación Galega de Confrarías de Pescadores».

Santiago de Compostela, vinte e sete de xullo de dous mil seis.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Manuel Vázquez Fernández

Conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento

Sostible

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS

E XUSTIZA